14.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas converterá as naves de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural emblemático...

    Ponteareas converterá as naves de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural emblemático e innovador

    O Concello abriu o proceso de licitación para a redacción do proxecto básico e de execución da rehabilitación deste espazo

    No marco do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, o Concello transformará as naves de Aceros del Tea nun equipamento sociocultural e de lecer que “marcará un antes e un despois na historia de Ponteareas”, segundo a alcaldesa Cristina Fernández.

    As instalacións industriais, situadas no corazón do centro urbano e coñecidas como Granitos de Galicia e Aceros del Tea, conforman unha amplísima zona que, grazas ao novo PXOM, experimentarán “unha profunda transformación nos vindeiros anos, coherente co novo urbanismo sustentábel e racional” que impulsa o goberno local do BNG-PSOE. Grazas ao Plan Xeral, parte desas instalacións industriais pasan a ser de titularidade municipal. Ademais do actual aparcadoiro, o Concello disporá das instalacións de Aceros, consistentes nunha torre de oficinas e unha nave cunha superficie duns 1.500 m2, xunto cunha gran balsa de decantación situada entre as naves e a Estación de Autobuses.

    O pasado ano o Concello redactou un anteproxecto no que se definiron as grandes liñas de intervención sobre as instalacións para convertelas nun equipamento emblemático, contemporáneo e innovador, recuperando o edificio, respectando a súa imaxe exterior industrial e aproveitando o seu interior “para transformalo nun espazo excepcional da vila de Ponteareas”, salienta a rexedora.

    Os ámbitos de actuación previstos son catro. Por unha banda crearase unha extensa praza diáfana e cuberta baixo as tres naves destinada a todo tipo de eventos sociais e artísticos, concertos, feiras ou festivais e que, en ausencia de programación, funcionará coma unha praza pública cuberta. En segundo lugar, a balsa de decantación situada entre as naves e a Estación de Autobuses converterase nun teatro ao aire libre con bancadas. Por outra banda, unha das naves e a torre das antigas oficinas acollerán espazos pechados, illados termicamente e insonorizados destinados a aulas, obradoiros, conferencias ou clases maxistrais. Por último, a intervención tamén abordará o espazo exterior na Avenida de Galicia e a rúa Carballos, xerando novas zonas peonís, axardinadas e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións e facilitarán o acceso das persoas.

    O obxectivo do goberno local é converter este espazo nun lugar de referencia para Ponteareas e a zona sur de Galicia tanto pola orixinal e moderna intervención arquitectónica sobre o edificio, coma polos usos que albergará e que, grazas a súa versatilidade, acollerá dende eventos artísticos con grande aforo até espazos para a actividade musical ou locais para a organización de conferencias, clases maxistrais e obradoiros de diferentes disciplinas artísticas como a música, o teatro, a danza ou o cinema. A segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, destaca que “esta transformación permitirá converter un espazo industrial que quedou engulido polo centro urbano nunha zona de dinamización e lecer para goce de toda a veciñanza”.

    Partindo do anteproxecto, o Concello dá agora un novo paso coa licitación da redacción do proxecto básico e de execución así como da dirección de obra, por importe de 51.500 euros cofinanciados por fondos FEDER a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’. As empresas e as e os profesionais interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 6 de maio ás 14.00 horas. O obxectivo do goberno do BNG-PSOE é licitar as obras unha vez se reciba o proxecto.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.