O Concello de Nigrán ven de adxudicar os 8 quioscos de praia do municipio por un importe total de 160.480 € con prezos de licitación que oscilaron desde os 34.125 € de Praia América (cifra récord) aos 7.120 € do posto de churros de Lourido. A maioría deles comenzarán a funcionar desde esta mesma fin de semana e, como máximo, ata o 30 de setembro. Os prezos mínimos de licitación mantivéronse iguais que no ano 2021, obtendo o Concello unha mellora nas ofertas de 48.955 € en total (6.532 € máis que no 2022). En total, o Concello disporá coma nos anos anteriores de 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 2 en Praia América) e 1 de venda de churros en Praia América.
“Temos que ter en conta que estes quioscos son un servizo de praia máis que dá traballo a diferentes familias de Nigrán que tradicionalmente poxan por eles ano a ano e, ao mesmo tempo, ofrecen un servizo que os cidadáns agradecen e que dan un ambiente especial á tempada estival”, indica o alcalde, Juan González.
Aínda que o quiosco coa oferta económica máis alta recibida foi o de Praia América con 34.125 € e un prezo mínimo estipulado polo Concello en 24.000 €, a diferenza máis grande prodúxose co posto de Panxón, onde se mellorou en 11.585 € a cifra de saída de 19.000 €. Sen embargo, proporcionalmente, a contía máis alta foi a da Madorra, xa que practicamente quintuplicou a oferta mínima de 2.500 € adxudicándose finalmente en 12.150 €.
As actividades ecoturísticas ‘Vive o Rio Minho’ van rematar esta fin de semana cun éxito absoluto de participación, xa que se cubriron todas as prazas ofertadas para cada fin de semana dende finais do mes de abril sempre en apenas minutos. En total 400 persoas gozaron de andainas e camiñadas, raftin, kaiak, visitas culturais e a adegas realizadas para dar a coñecer o territorio transfronteirizo miñoto como destino turístico de natureza. As visitas a A Guarda e Oia e a Caminha, cun traxecto en barco ata o Forte da Ínsua, centran as propostas deste sábado e domingo.
Este sábado 3 de xuño a visita será a A Guarda e Oia: farase a ruta das cetáreas o do camiño de Santiago pola Costa, visitarase o Museo do Mar, unha adega da zona con degustación, o mosteiro de Santa María de Oia cunha ruta de sendeirismo que rematará nos petróglifos da Pedreira, para despois cear ao solpor na zona e realizar unha actividade observación astronómica. A xornada comezará ás 10 da mañá e rematará ás 24 horas.
Finalmente, a última xornada será en Caminha este domingo 4 de xuño, onde se fará unha visita guiada á vila, unha ruta de sendeirismo circular (6 quilómetros) na contorna da praia de Moledo, para rematar cunha visita ao Forte da Ínsua xusto na desembocadura do Miño, ata onde se chegará en barca.
Ata o de agora as actividades de ecoturismo que se celebraron consistiron nunha ‘andaina popular’ cun percorrido de 15 quilómetros dende São Sebastião, (Vila Nova de Cerveira ata Goián, (Tomiño), cruzando o Río Miño por un das súas pontes internacionais; unha ruta de sendeirismo pola chamada Senda dos Pescadores, para facer despois o treito inverso en caiac polo río; unha visita guiada á vila de Melgaço e o Solar do Alvarinho en Portugal para despois visitar o Museo Arabo do viño e a lamprea en Arbo, con rafting pola tarde; e unha visita a Monçao e Salvaterra. Farase unha ruta pola zona de Longos Vales, visitarase Salvaterra e o Museo da ciencia do viño cunha degustación.
A intención da programación é, atraer visitantes ao territorio do río Miño para amosarlles todos os seus atractivos e riqueza paisaxística, natural, cultural e gastronómica dentro dun destino situado estratexicamente e compartido por dous países. Haberá actividades en Vila Nova de Cerveira, Tomiño, O Rosal, Melgaço, Salvaterra, Arbo, Monçao, A Guarda, Oia e Caminha. Búscase realizar un aproveitamento do potencial turístico da zona de maneira sustentable e racional para así garantir a calidade da oferta como un destino tranquilo e sen aglomeracións de maneira sostida no tempo.
O programa ‘Vive o Rio Minho’ realízase dentro do proxecto homónimo, cofinanciado con fondos FEDER a través do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’, tal como xa se fixera na súa anterior edición en 2020, cando a pesares de estar en plena pandemia, fora un éxito de participación esgotando as prazas dispoñibles en apenas minutos.
O CEIP Mestre Martínez Alonso recibiu o mércores 31 de maio ao CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña, dentro do Programa de Innovación educativa da Xunta de Galicia, Observa_Acción.
Ambos os centros pertencen a un grupo de 36 colexios, institutos e escolas de réxime especial seleccionados de entre os participantes de toda a comunidade galega, para a segunda fase do proxecto que pretende fomentar o desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais.
Durante esta xornada de observación interprofesional, a concelleira de educación, Julia Loureiro e a traballadora municipal da concellería de Educación, Kely Monzón, visitaron o colexio para recibir ás persoas representantes do CPI Santa Lucía, intercambiando opinións sobre o programa e outros eventos de actualidade como a reestruturación pedagóxica de espazos educativos, entre outros. Tamén estiveron representantes dos Centros de Formación e Recursos de Vigo e de Pontevedra, aos cales son adscritos os participantes.
Nesta fase do programa, Observa_Acción: “Acolle”, o centro educativo morañés foi o escollido pola Xunta para establecer relacións co Mestre Martínez, creando lazos de cooperación e colaboración para recoñecer boas prácticas docentes entre ambos.
Nunha próxima data, representantes do Castro-Mos, viaxarán a Moraña para unha nova sesión de intercambio de observacións e reflexións conxuntas no Santa Lucía. Nestas sesións créanse accións formativas baseadas na observación e a análise conxunta da realidade docente e discente. Segundo establece a Xunta: “o intercambio permite experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa nos centros, á vez que se facilita aos docentes a posibilidade de observar de forma directa metodoloxías nos procesos de ensino-aprendizaxe, maneiras de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que desenvolven outros centros”. Nas seguintes fases do programa, prevese que os centros participantes que superen esta segunda, intercambien este tipo de prácticas con centros doutras comunidades autonómicas e mesmo outros países europeos. As representantes de ambos os centros educativos han manifestado o carácter pedagóxico e de crecemento persoal que lles ofrece o programa Observa_Acción e xa planean accións conxuntas que acrecenten o camiño iniciado no intercambio de boas prácticas.
Un camiño de Moraña a Mos, de Mos a Moraña, que ofrece pasos de cooperación e mellora para as comunidades educativas de ambos os concellos.
O relatorio “A muralla dos castros. Modelos, reconstruccións e interpretacións” porá o peche ao ciclo de bareferencias 2023 que tivo a divulgación do patrimonio como eixo central. A charla correrá a cargo de Luis López González, arqueólogo responsable da recente reconstrucción na porta da muralla do castro de Santa Trega. Doutor en arqueoloxía pola Universidade Complutense de Madrid , Luis F. López é un dos maiores expertos en arquitectura castrexa, tendo excavado en castros tan senlleiros como San Cibrán de Las, Elviña, Castromaior, Cervantes. Así mesmo, no castro de Santa Trega fora o responsable da restauración no sector de Mergelina.
No relatorio do venres, Luis F. López falara dos sistemas constructivos empregados nas murallas dos castros, prestando atención aos accesos como os lugares máis detacados dos castros, onde por tanto se realiza unha maior inversión constructiva, entendendo o funcionamento do acceso ao Castro de Santa Trega dentro dos modelos defensivos do mundo castrexo.
A última barfererencia 2023 terá lugar no restaurante Casa de la Abuela o venres 2 de xuño ás 20:30 horas.
O Concello de Baiona, a través da Concellería de Deportes, abre o prazo de inscrición aos seus 20 campus deportivos de verán.
Dende a Concellería ofrecéselle a veciñanza a oportunidade de gozar dun verán de diversión, depoprte e educación a través de 20 campus deportivos nos que se inclúen novas disciplinas tales como o tenis de mesa, rugby, deportes urbanos e futbol americano. Entre as novidades deste ano, tamén figura unha nova forma de incrición para a veciñanza: a incrición online a través da páxina campusdebaiona.es.
Coa chegada das vacacións de verán ábrese un mundo de posiblidades para os mozos. No Concello de Baiona, a formación é unha prioridade, por iso ofrecémelles a oportunidade de gozar dun verán de diversión, deporte e educación a través de 20 campus deportivos.
Caixabank segue apostando polo deporte municipal en Baiona aportando o pago das inscricións aos participantes con dificultades económicas, tras un informe previo dos Servizos Sociais do Concello de Baiona.
Lugar: Instalacións deportivas do Concello de Baiona
Xullo: Tenis, Rugby, Loita olímpica, Deportes Náuticos 1, Tenis de mesa, Danza, Fútbol sala, Deportes urbanos, Fútbol, Volei Praia
O alumnado do CEIP Antonio Blanco coñecerá a riqueza natural do seu Concello da man man do guía de montaña Julio Eiroa. Esta iniciativa, financiada polo Concello de Covelo, enmárcase dentro do proxecto RíosAldeasMontañas do Concello de Covelo e vén a reforzar os esforzos realizados nestes últimos anos para dar a coñecer a riqueza medioambiental e histórica do concello facendo que mensualmente participen non só ducias de visitantes, tamén veciños.
Este venres o alumnado visitará o Suído para coñecer a riqueza dos nacentes dos ríos, os ecosistemas das turbeiras e os humedais co obxectivo de entender a importancia da conservación da auga para as parroquias. A excursión complétase coa visita á gandaría Sestelo na parroquia de Godóns e coñecer así as distintas posibilidades que ofrece o rural.
O Concello de Covelo realizou ao longo deste curso distintas actividades en colaboración co centro educativo local como a impartida por cibervoluntarios onte martes sobre navegación segura na rede e tecnoadiccións. Outra das actividades realizada en colaboración co Concello e coa Deputación de Pontevedra foi a de diversidade afectivo sexual da man da asociación Nós Mesmas, as de animación no entroido ou as distintas saídas ofrecidas para todos os ciclos dentro do programa RíosAldeasMontañas.
RíosAldeasMontañas
RíosAldeasMontañas é un conxunto de actividades destinadas ao alumnado dos ciclos de primaria do C.E.I.P Antonio Blanco Rodríguez de Covelo. Un deseño previsto a varios anos consecutivos de excursións interpretativas de educación ambiental e patrimonio.
O proxecto iniciado neste curso, rematará no 2028 cando o alumnado que este ano está en 1º de primaria chegue a 6º. Así, durante o curso escolar realizarase unha saída por ciclo. 1º e 2º Primaria sairán xuntos, 3º e 4º polo seu lado e 5º e 6º de primaria tamén. Un neno ou nena que neste ano curse 1º de primaria terá a oportunidade de realizar 6 excursións de diferente temática*.
O nome do proxecto recolle os conceptos que unifican esta formación. O alumnado de 1º e 2º de primaria participaron en actividades no ecosistema fluvial do fondo dos vales que percorre Covelo. Os alumnos de 3º e 4 de primaria participaron en actividades ligadas á vida na aldea e parroquias e os alumnos de 5º e 6º de primaria visitarán as serras e montañas do concello de Covelo.
Esta fin de semana regresan os Roteiros Literarios organizados pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para dar a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores galegos, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas que se ambientan en diversos espazos da súa xeografía. Deste xeito, o primeiro dos percorridos celebrarase o sábado 3 de xuño en Vigo, guiado pola xornalista María Xosé Porteiro, e ao día seguinte tomará o relevo a escritora Anna R. Figueiredo que conducirá a ruta “Aconteceu en Moaña”. En ambos casos, os itinerarios comezarán ás 11.30 horas e as prazas están esgotadas.
No primeiro caso, a ruta que guiará María Xosé Porteiro percorrerá o antigo concello de Lavadores e a súa capital O Calvario, para dar a coñecer as orixes da actual parroquia, anexionada á cidade en 1949. A autora contará a historia de Nélida, que foi vivir alí a finais dos 60 cando de pequena emigrou coa súa familia do rural lugués na procura das oportunidades que Vigo ofrecía daquela. Trátase, polo tanto, dun subcontexto xeográfico e sociolóxico con vida propia, tanto na novela como na realidade, que permitirá coñecer ás persoas participantes a historia desta contorna da cidade.
Ao día seguinte, 4 de xuño, a escritora Anna R. Figueiredo guiará o percorrido desde o Centro Sociocultural Daniel Castelao (Auditorio Celso Parada), facendo distintas paradas pola vila do Morrazo para revisar grandes obras que aconteceron, acontecen e acontecerán en Moaña, mar de ficcións. A autora reivindicará no roteiro a persoa lectora como protagonista da ficción narrativa e o dereito da literatura a converter o concreto no universal á vez que tamén experimenta o universal no concreto.
Os percorridos continuarán a vindeira semana co Roteiro Literario Vilagarcián, que guiará o autor e pintor Xurxo Alonso o domingo 11, no que as persoas participantes visitarán espazos como o Colexio León XIII, a Imprenta Celta, a botica do escritor Lisardo Barreiro e o Instituto laboral. Posteriormente, o domingo día 18 o programa chegará a Pontevedra da man do escritor Adolfo Caamaño que guiará a ruta O espazo urbano pontevedrés como materia literaria, cunha ruta que se desenvolverá por espazos emblemáticos do barrio do Burgo, a cidade medieval e do ensanche contemporáneo. E o programa finalizará o domingo 25 de xuño cun Roteiro histórico-literario por Lalínguiado polo investigador Xoán Carlos García Porral. O punto de encontro será a igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba e visitaranse a Igrexa, as estatuas de Ramón María Aller Ulloa e de Joaquín Loriga, o Museo Municipal Aller Ulloa e o Castro Tecnolóxico.
Na liña de traballo de mellora dos servizos municipais o concello da Guarda viña procurando financiamento para a instalación dun aseo público no porto da Guarda coas mesmas características co instalado na alameda no ano 2021.
Trátase dun aseo adaptado para persoas con mobilidade reducida cun sistema de limpeza automatizado despois de cada uso e con apertura de portas programable. Que no caso da alameda fora financiado co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Neste caso, o financiamento para a nova dotación, vai con cargo a unha subvención en concorrencia non competitiva a concellos para embelecemento do litoral galego no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con cargo aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados por Turismo de Galicia.
A contía da subvención ascende a 45.000 € e representa o 90% do investimento que está cifrado en 50.000 €.
A instalación do aseo está previsto facela no límite do xardín a carón da casa do Mar e preto do Auditorio de San Benito. Este servizo, ao igual que o da alameda, foi priorizado polo equipo de goberno en vista da importante demanda veciñal e da mellora que representa dos espazos e servizos públicos da localidade.
Ponteareas prepárase para celebrar o seu Corpus por todo o alto. A uns días de que arranque unha nova edición da festa grande da vila, o Concello aprobou este martes en pleno por unanimidade a concesión das Medallas de Prata do Corpus Christi 2023 ás e aos alfombristas propostos polas entidades de cada tramo.
A alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, quixo dar os parabéns a todas as persoas galardoadas por recibir “un recoñecemento que reflicte un sentir común e o esforzo de todas e todos os alfombristas, que coa súa unión e o seu traballo colectivo conseguen que a maior obra de arte efémera engalane as rúas da nosa vila cada ano, facéndonos desfrutar das sensacións, da ledicia e do recendo dunha festa única”.
Pola súa banda, o concelleiro de Eventos en funcións, Miguel Bouzó, agradeceu ás persoas premiadas “o seu esforzo, o seu traballo e a súa entrega, que fan posíbel que ano a ano a festa do Corpus Christi sexa o noso sinal de identidade e un referente que nos coloca en todo o mundo”.
Este ano, as 18 persoas galardoadas coa medalla de prata do Corpus Christi de Ponteareas a proposta de cada tramo alfombrado son:
Pedro González Sacramento polo tramo da Orotava.
María del Carmen Groba Varela polo tramo de Praza Bugallal.
Inés Sertaje Carballido pola alfombra da rúa Oriente.
Susana Rodríguez Porto pola Praza Maior (1º tramo).
Roberto Mera Covas pola Praza Maior.
Margarita Táboas Abril por Ferreiros (1º tramo).
Mónica Martínez da Cruz pola alfombra da ANPA Pena do Equilibrio.
Ana María Barros Carrera polo tramo Ferreiros-San Roque.
Marta Amil Lago por Fonte do Baratillo.
Fernando Centenera Martínez polo tramo de Fernández Vega.
Pilar Domínguez Fornos por Cantón de Boavista.
Sara Nieto Pereira polo tramo da Castiñeira.
Rosa Álvarez Sousa pola Asociación de Veciños A Pena do Equilibrio.
José Carlos Pérez Bautista polo tramo de Santa Bárbara de Prado.
María del Carmen Pérez Martínez polo tramo das Monxas Reveriano Soutullo.
Laureano Covelo González pola alfombra de Reveriano Soutullo.
Alvarina Álvarez Boente pola rúa Constitución.
María Ángeles Fernández Lago polo tramo do Arco da Vella.
O Rosal volve ser esta fin de semana epicentro do ciclismo. Este sábado 3 de xuño celébrase o XVII Trofeo Montes do Rosal, unha proba organizada polo Club Ciclista O Rosal e que conta coa colaboración do Concello, da Comunidadade de Montes Santa Mariña do Rosal, da Federación de Ciclismo Galego, da Fundación Deporte Galego e da Deputación de Pontevedra, así como doutras entidades e empresas.
Deste xeito, o sábado daranse cita 283 deportistas de entre 3 e 18 anos, entre eles e elas 29 ciclistas rosaleiros e rosaleiras e 79 portugueses que se achegarán ao Rosal para desfrutar “dunha proba que enche o noso municipio de deporte, con novas e novos ciclistas rosaleiros e rosaleiras pero tamén doutros recunchos de Galicia e cunha canteira que vén pisando con forza”, salienta a alcaldesa en funcións, Ánxela Fernández Callís.
A proba sairá ás 16.00 horas da Praza do Calvario e congregará a participante de varios clubs de ciclismo galegos que competirán nas categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, cadetes e junior, tanto en categoría masculina como feminina.
Dende o Concello quérese agradecer ao Club Ciclista O Rosal o inestimable labor para seguir organizando no municipio probas e campionatos que atraen a moito público afeccionado ao ciclismo, así como a inestimable colaboración da veciñanza na celebración desta e doutras probas deportivas que se celebran no municipio.
A quinta edición do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño premiou en setembro de 2022 a José Luis Baños de Cos, coa súa obra “Lume”. O xurado do certame organizado polo IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia en colaboración co Concello do Porriño, decidiu por unanimidade outorgarlle o premio ao ser unha obra moi acaída pola temática e pola lingüaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.
Hoxe xoves, o centro cultural municipal acollerá o acto de presentación do libro a partir das 19 h. Acompañando ao autor estarán o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a secretaria do xurado do premio, Raquel Castro, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.
Lume, unha invitación a preguntarnos de onde procede a violencia
Publicado na colección Costa Oeste da editorial, Lume conta a historia de Roi, un rapaz de dezaseis anos, cunha vida igual á doutros rapaces da súa idade. Un rapaz que toma unha serie de decisións que o levarán a cometer un horrible crime.
A verdadeira protagonista de Lume é a violencia, cada vez máis presente na nosa sociedade, con múltiples formas e, en moitos casos, agochada tralo anonimato da masa grupal. Contada de xeito non lineal, ademais de Roi, tamén teñen cabida as voces dos seus achegados, que amosan os feitos e as súas consecuencias desde diversos puntos de vista.
José Luis Baños de Cos
Licenciado en Antropoloxía Social, Baños de Cos cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra O faiado, da compañía Ó Cubo Teatro, A espera, de Titereficcións, e de Suit(e) up, de Fanfarra Teatro. Como dramaturgo, nos últimos anos obtivo varios premios teatrais, entre os que destacan o Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle (2018) con O círculo, o Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019) con Asfixia, o Premio Roberto Vidal Bolaño (2020) con A cámara escura, o Premio de Textos Teatrais dirixidos a Público Infantil da Escola Navarra de Teatro (2021), con O neno que se agochaba dentro dunha caixa de galletas, o Premio teatral Varela Buxán (2021) con Segunda morte, e o Premio Barriga Verde para textos de monicreques, na modalidade de adultos (2022) con Nas nubes.
A Concellería de Deportes do Concello de Baiona organiza o vindeiro sábado, 10 de xuño, o XV Torneo Solidario de Tenis Escolar “ONG Axuda ao mundo necesitado”, que se disputará nas instalacións do pavillón municipal e no pavillón escolar do CPI Cova Terreña. O torneo ten o obxectivo de reforzar o programa deportivo escolar e a propia escola deportiva municipal de tenis. Poderá participar nenos e nenas repartidos nas categorias Peques, Pre-Benjamín, Benjamín, Alevín e Infantil.
O torneo, ademais de buscar o propósito lúdico e deportivo, tamén ten unha connotación social un ano máis, xa que todos e todas as participantes farán entrega de alimentos non perecedoiros para ser entregados á ONG local “Axuda ao Mundo Necesitado”.
A competición desenvolverase desde as 9:00 da mañá, horario previsto para confirmar participantes, entrega de dorsais, e ubicación de zonas de xogo, ata as 14:00 horas, momento no que se realizarán a entrega de trofesoa, agasallos a todas as persoas participantes e sorteo de material deportivo.
Para o desenvolvemento do torneo habilitaranse cinco zonas, unha por categoría, contando con dúas pistas de tenis e catro de mini tenis para o seu desenvolvemento.
Todas aquelas persoas interesadas en participar na actividade deberán entregar ou boletín oficial de incrición non Pavillón Municipal de Deportes de Baiona ou chamar ao teléfono 986 35 65 68 para formular a mesma. Do mesmo xeito, tamén pode facerse vía email a través de [email protected].
As prazas son limitadas por rigorosa orde de inscrición. O boletín oficial de inscrición está dispoñible na páxina web do Concello de Baiona: https://www.baiona.gal/cultura/area-deportes/
O Concello da Guarda vén de recibir, da Xunta de Galicia, a resolución positiva da subvención de máis de 71.000 euros que se solicitou nunha convocatoria de axudas dirixidas a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.
A través desta intervención repoñeranse todas aquelas árbores que se atopan danadas no acceso ao Castelo de Santa Cruz e realizarase unha actuación na principal zona axardinada creando un pequeno bosque de plantas aromáticas e un “hotel para insectos”, unha iniciativa que favorece a biodiversidade, e pode servir como ferramenta pedagóxica para os centros educativos e outros colectivos interesados no coidado do medio ambiente.
Volven os Coidados Porta a Porta ao Concello de Covelo. Na área para autocaravanas instalarase o autobús sanitario que atenderá os días 4, 5 e 6 de xuño en horario de 09:00 a 20:00 horas.
O prazo para solicitar citas ábrese o día 2 de xuño e as persoas interesadas en recibir coidado de audioloxía, podoloxía e memoria deberán chamar a un destes números de teléfono, 622.748.283 /623 546 992 ou contactar por correo electrónico en [email protected].
O xoves, 8 de xuño, haberá unha visita guiada ao Arquivo Municipal de Tui, con motivo do Día Internacional dos Arquivos.
O Día Internacional dos Arquivos celébrase o 9 de xuño, data na que se conmemora a creación en 1948, auspiciada pola UNESCO, do Consello Internacional de Arquivos, unha organización internacional non gubernamental destinada a promover a xestión e uso eficientes dos documentos de arquivo, así como a preservación do patrimonio arquivístico da humanidade.
Este ano a Semana Internacional dos Arquivos 2023, #IAW2023, ten lugar entre o luns 5 e o venres 9 de xuño co tema da construción dunha comunidade global de #ArchivosUnidos (#ArchivesUnited).
O Arquivo Municipal de Tui súmase a esta celebración cunha visita guiada ás súas instalacións o xoves, 8 de xuño, ás 12 h, achegando á cidadanía o labor que se realiza dende este órgano da administración localm e dando a coñecer os fondos documentais que conserva. As persoas que desexen particpiar na visita deben inscribirse no correo [email protected].
No último ano o Arquivo Municipal de Tui ten continuado co seu labor de integración dos fondos documentais dos diversos servizos municipais, ao tempo que da resposta, nun prazo cada vez mais reducido, ás máis de cincocentas consultas producidas tanto dende a propia Administración Municipal como por cidadáns que reclaman o acceso á documentación. Nos últimos meses conta cun bolseiro financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Calquera cidadán pode solicitar a documentación que precisa, presentado en liña a solicitude, a través da sede electrónica ( https://concellotui.sedelectronica.gal/dossier.1) ou no apartado do arquivo na web municipal (https://tui.gal/gl/servizos/arquivo-municipal).
O Arquivo Municipal de Tui recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.550 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 37.500 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.
O Concello de Nigrán ofrece este domingo 4 de xuño, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal, o espectáculo musical de ‘Glosalenta’, un proxecto artístico froito do dúo composto pola salmantina Julia Alonso García-Arévalo (viola de gamba) e o performer lisboeta Hugo Milhanas. A entrada é de balde ata completarse o aforo.
Formado no ano 2019, ‘Glosalenta’ é un proxecto artístico multidisciplinar que combina sonoridades e repertorios de música antiga con rexistros performativos contemporáneos como o spoken word ou a radiofonía, investigando formas de diálogo entre o discurso musical, o literario e a proxección escénica. Realizou espectáculos no ámbito do Festival Internacional das Artes de Castela e León (Salamanca, 2019) e no Camões – Centro Cultural Portugués en Vigo (2020).
Hugo Milhanas Machado (Lisboa, 1984) é escritor, performer e músico experimental, doctor en Filoloxía Moderna.
Julia García-Arévalo Alonso (Salamanca, 1985). Violagambista e cantante, doctora en Filoloxía Hispánica.
O nadador do Club Natación Mos, Juan Ferrón, vén de ser convocado pola FEDEC para participar no Campionato do Mundo, que terá lugar do 28 de xullo ao 8 de agosto, en Manchester.
Juan representará a Selección Absoluta de España nas probas de 100 Bolboreta, 100 e 400 Libre. Será o segundo Campionato do Mundo para o nadador do clube mosense que continúa acumulando experiencia a nivel internacional de cara a obter o billete olímpico para París 2024.
Ponteareas conta dende esta mesma semana cun novo aparcadoiro disuasorio na rúa das Mimosas, un espazo de preto de 2.000 metros cadrados con 61 novas prazas co que o Concello amplía a rede de estacionamentos disuasorios gratuítos na vila.
A través dun convenio dunha cesión privada, con este novo aparcadoiro situado na contorna da Avenida de Castelao, unha zona moi comercial e con numerosos negocios do sector da hostalaría, o Concello “dá resposta á petición veciñal de dispoñer de máis prazas de estacionamento para realizar compras, acceder á zona peonil e mesmo dar apoio á zona escolar próxima”, como salienta a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández.
Trátase da primeira fase de posta en marcha dun novo aparcadoiro na rúa das Mimosas e da estratexia seguida dende o Concello para ampliar a oferta de estacionamento disuasorio gratuíto no centro urbano “que axuden a deixar o coche, fomentando a comodidade de veciñanza e visitantes e favorecendo a mobilidade a pé con percorridos que en moi poucos minutos nos permiten chegar a calquera punto do núcleo de Ponteareas”.
O Padroado Municipal de Santa Trega ofrece unha temporada máis as visitas guiadas ao Castro Santa Trega para que os visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte.
Durante o verán de 2022 foron case 3.000, as persoas que realizaron a visita guiada e as que trasladaron que o xacemento arqueolóxico entendese mellor grazas as explicacións do guía. Trala boa acollida da oferta de visitas guiadas do ano pasado, vanse repetir comezando xa no mes de xuño e rematando no mes de setembro.
Os meses de xuño e setembro adoitan ser datas preferentes para visitas guiadas concertadas para grupos e escolares polo que as visitas guiadas regulares nestes meses serán as fins de semana con dous horarios (12:00 e 17:00 h).
Para os meses de maior afluencia, xullo e agosto, amplíase a oferta con visitas de martes a domingo e 4 quendas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00 h). Deste xeito, os visitantes interesados terán a oportunidade de coñecela cultura castrexa e a paisaxe.
Este ano as visitas guiadas volven a estar centradas no Castro de Santa Trega, nas áreas escavadas dende o norte ao sur, pero sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao MASAT, Museo Arqueolóxico de Santa Trega.
Para ofrecer unha visión máis ampla da zona escavada vaise realizar un percorrido completo dende porta norte recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos ata a zona de Mergelina, na ladeira ao río Miño.
A novidade desta tempada é que non é preciso facer reserva previa para asistir as visitas. Tan só hai que estar a hora no punto de encontro. Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico no tel. 690.01.70.38 (tamén WhapsApp) ou un mail a [email protected]. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.
A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.
Tras as xestións realizadas polo equipo de goberno de Carlos Gómez Prado, a Deputación de Pontevedra, sacou ha licitación as obras de reparación da pasarela de madeira situada na EP2201_BAIONA – BAHIÑA – AS FONTES, a estrada de subida á parroquia de Baíña próxima á urbanización “Almirante Fontán”, un total de 104 metros de lonxitude, que discorre de xeito íntegro polo Concello de Baiona, onde é necesario realizar a reparación da pasarela peatonal existente mediante a desmontaxe e sustitución das vigas de madeira existente, desmontaxe e sustitución da tarima de madeira e reparación da estrutura metálica.
Desde o Concello de Baiona vén insistindo no mal estado da infraestrutura que transcorre na estrada provincial para que o ente leve a cabo os traballos oportunes. Tras as constantes comunicacións e solicitudes, a Deputación Provincial de Pontevedra levará a cabo as obras de renovación.
En concreto, as obras de mellora consisten na reparación dos elementos danados da estrutura de madeira laminada portante da pasarela, e no reforzo dos seus pontones, achegando novo material nos puntos onde é necesario:
Substitución de vigas de madeira (durmintes) compostos por madeira maciza de pino norte con tratamento autoclave certificado para clase de uso IV según CTE, de escuadría similar á existente e protección da humidade mediante verteaugas de aluminio superior.
Desmontaxe e reposición da superficie de tarima de madeira de pino, mediante a instalación de novas tarimas de madeira de pino norte de sección 145×45 cm, con tratamento en autoclave mediante método Bethell para clase de uso IV según CTE y UNE-EN 335, con tornillería de aceiro inoxidable AISI-304 e tratamento antideslizante clase III certificado por laboratorio independente. Incluida a parte proporcional de medios auxiliares, de elevación, tornillería e aporte de pequeno material.
Reparación dos elementos metálicos existentes da estrutura metálica mediante a decapaxe, capa de protección para exposición tipo C5-M (Ambiente mariño) e repintado con pintura adecuada para ambiente mariño, así como o galvanizado en frio das soldaduras.
O centro cultural acolleu onte a proxección dos traballos de “A Vida nun Click” , a actividade interxeracional que levou a cabo o alumnado do IES Pino Manso e as persoas usuarias da Unidade Asistencial de Día de Afaga no Porriño.
O obxectivo desta actividade era escoitar as historias de vida dos maiores e recollelas nun soporte dixital de imaxe, texto e audio. En resumo, crear uns documentos de vida e axudar a que maiores e mozos se coñezan e valoren.
Despois de dous meses e cinco encontros nos que se apostou por conectar a curiosidade do alumnado coa xenerosidade e experiencia dos maiores, onte proxectáronse os vídeos.
Samu traballou con Dorinda, Paula con Lidia, Nash con Fita, Eloy con Carmen, Raúl con Mari Paz, Nabor con Rosa, Iago con María, Nerea e Sara con Fina, Iker con Naty, Isma con Manolo, Yoel con Pepe, Raúl con Cholo e Bryan con Esperanza. Onte disfrutaron xuntos do traballo.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor esta iniciativa “xa que traballando da man, implicando a todas as xeracións, será como consigamos avanzar e concienciar sobre esta enfermidade”. Lorenzo destacou que “moitas veces é complicado explicar aos mozos e mozas o que lle está a acontecer ao seu avó ou avoa, incluso aos maiores nos costa entendelo, e non se me ocorre mellor maneira de explicalo que que sexan eles mesmos quen o faga, os que conten o que sinten e o que lles está a pasar. Ademais, gardamos as súas historias. Nin o tempo poderá borrar xa estas lembranzas e por iso o valor deste traballo é incalculable”.
A Escola do Rock de Paredes de Coura, integrada por 40 mozos e mozas de 13 a 30 anos e coñecida polo seu enfoque na música de bandas lendarias, ofrecerá un espectáculo de balde dunha hora de duración e apto para toda a familia no que participantes no Música Nova achegarán ao público todo o aprendido e traballado nas últimas semanas.
O proxecto Música Nova, un dos dous gañadores da última edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, busca unir á mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño a través dun amplo programa de actividades relacionadas coa música, como obradoiros de capacitación, miniconcertos na rúa, ensaios de diferentes estilos musicais ou a oportunidade de coñecer e interactuar con músicos profesionais de Galicia e Portugal. O obxectivo é fomentar a participación da rapazada en actividades musicais conxuntas, promovendo o intercambio cultural e xeracional.
A culminación deste programa será un concerto no SkatePark de Goián o vindeiro sábado 10 de xuño, no que participarán os mozos e mozas que integran o Música Nova, un proxecto iniciado o pasado mes de abril dentro das iniciativas de consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciadas ao 75% pola 6ª Convocatoria do programa INTERREG VA ESPAÑA PORTUGAL (POCTEP) a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
O Concello de Covelo convida a participar na súa Mostra de Produtos que, cada primeiro sábado de mes, reúne a ducias de produtores e artesás comarcais na Praza Mestre Cerviño.
De 10 a 14 horas poderase mercar nos postos de cosmética natural, cestaría, decoración, horta eco, panadería, prantas, queixaría, tambores chamánicos, tatoos de henna, téxtil, xoiería, xoguetes de madeira ou roupa de segunda man, entre outros.
Ás 11:30 horas o restaurante El Juliana cociñará dúas receitas en directo para que aprendamos da man da profesionais e posteriormente degustaranse as saborosas propostas.
Ás 11:45 os máis pequenos participarán no obradoiro de manualidade para aprender a facer flores de cartolina e pintar tarros de cristal.
Ás 12:30 horas chega á Praza Mestre Cerviño a música en directo para amenizar a sesión vermú co grupo LeFostié.
Como de costume, as persoas asistentes gozarán da boa gastronomía da hostalaría local e do posto de polbo.
O Museo de Pontevedra pon en marcha este xoves as visitas guiadas ás ruínas de San Domingos. Desde o 1 de xuño ata o 15 de outubro, terán lugar todos os xoves ás 12:00 horas, a cargo do equipo de Educación do Museo. Trátase dun percorrido de 30 minutos de duración no que se explica a historia e o valor patrimonial do edificio, así como das pezas do Museo alí expostas. É de balde e non é necesaria a inscrición previa.
Este ano, as ruínas de San Domingos abriron as súas portas ao público o 1 de abril e permanecerán abertas ata o 31 de outubro. O horario de apertura é de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h. Os domingos e festivos abren só de mañá e os luns permanecen pechadas.
En 2022, un total de 111.662 persoas visitaron as ruínas de San Domingos, o que supón unha media de 13.958 visitantes por cada un dos meses que o edificio permaneceu aberto. Foi o ano cun maior número de visitantes desde o 2011. Desde que as ruínas abriron esta tempada, o 1 de abril, ata o 28 de maio, visitárono , en abril e no que vai de maio, visitárono 19.123 persoas, o que supón 5.840 persoas máis que o ano pasado no mesmo período, o que supón un incremento do 44 %.
As ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade de Pontevedra e un dos sete edificios que forman o Museo de Pontevedra, tras a incorporación do convento de Santa Clara. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.
Visitas á exposición ‘Carmen Domínguez. Cor, sempre cor’
Por outra banda, a semana próxima comezan as visitas guiadas á exposición ‘Carmen Domínguez. Cor, sempre cor’. As visitas desenvolveranse os xoves do 8 ao 29 de xuño ás 18:00 horas. Teñen o formato de “claves da exposición”: o equipo de Educación do Museo ofrece ás persoas visitantes unha serie de claves para introducir ás persoas visitantes a figura de Carmen Domínguez e as ideas principais da súa obra exposta no Museo. Esta mostra pódese visitar ata o 3 de xullo.
O festival Vive Nigrán, a través da súa iniciativa ‘Vive sostible’ convoca unha xornada de recollida de residuos en Praia América, coa colaboración do Concello de Nigrán, o vindeiro domingo 4 de xuño.
A xornada de recollida arrincará ás 11:30 horas e todas as persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse enviando un correo electrónico a [email protected] . O prazo para as inscricións está aberto e finalizará o vindeiro venres 2 de xuño ás 14:00 horas. O punto de encontro para os participantes será a escultura de BALMI (cedida por Vive Nigrán), xunto ao recinto do festival (Monte Lourido).
A sétima edición do festival Vive Nigrán continuará impulsando accións vinculadas coa sustentabilidade e a protección da contorna dentro da súa iniciativa ‘Vive sostible’. Desde o seu inicio, a organización de Vive Nigrán, tivo presente a necesidade de actuar con respecto ante a riqueza ambiental da contorna na que se desenvolve o festival. Medidas como proporcionar vasos biodegradables, a instalación dun xerador fotovoltaico, garantir a seguridade na zona dunar e actividades para os máis pequenos con talleres de reciclaxe así o testemuñan en anos anteriores.
Seguindo os obxectivos incluídos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, Concello e organización quixeron incrementar o seu compromiso programando actividades que poidan servir para concienciar á sociedade, por unha banda sobre a necesidade de reciclar, a importancia da conservación do mar e as súas especies e por outra banda para converter as nosas praias en espazos libres de plásticos. O festival sumouse ao Pacto Cultura Sustentable para reforzar o seu compromiso por ofrecer un evento máis respectuoso co medio ambiente.
O festival Vive Nigrán celebrará a súa sétima edición os días 30 de xuño e 1 de xullo, cos Inimigos, Ojete Calor, Nada Surf, Morgan, Javiera Mena, Samantha Hudson, The Rapants ou Morreo no cartel. Fiel ao seu espírito, Vive Nigrán situarase de novo a escasos metros de Praia América, un escenario incomparable a pé de praia no campo de fútbol de Monte Lourido.
O festival conta co apoio do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, a través da súa marca ‘Rías Baixas Fest’ e da Xunta de Galicia, a través de ‘FEST Galicia’, e en 2023 volve ter unha vez máis o apoio de Vibra Mahou e Gadis.
O Concello de Salvaterra, dentro da campaña autonómica “Quere o teu mercado” organiza unha actividade de cociña no mercado municipal para os máis cativos.
O sábado 3 de xuño, de 11:00 a 12:30 horas, os nenos poderán cociñar no mercado. A actividade está dirixida para idades de entre 5 e 14 anos onde os participantes mercarán e farán unha receita na praza de abastos.
Desde o Concello anímase a todos os nenos da vila a participar nesta actividade, subvencionada pola Xunta de Galicia dentro da campaña “Quere ao teu mercado”, co propósito de que os más cativos e os veciños coñezan a profesionalidade e bo facer dos praceiros, e saiban mercar produtos frescos e da zona.
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición está aberto ara o venres 2 de xuño ás 14:00 horas, mandando unha mensaxe electrónica a [email protected] indicando nome, apelido e idade.
Hoxe, 31 de maio, é o Día Mundial Sen Tabaco, promulgado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1987, co obxectivo de informar e concienciar sobre os efectos nocivos e letais do consumo de tabaco e da exposición pasiva ao fume desta substancia.
Por este motivo o Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui, está levando a cabo uns obradoiros dirixidos ao alumnado de 6 de Primaria nos CEIP’s de Guillarei, no Nª 2 e no Colexio Maristas Santa María.
Nestes obradoiros o alumnado recibe información sobre os efectos nocivos do tabaco, e elaboran unhas cartas dirixidas a persoas fumadoras, animándoas a deixar o tabaco, ou agradecendo o esforzo a aquelas que foron quen de deixar este hábito. Unha selección destas cartas serán publicadas na revista “Aprende a escoitalos” que edita este servizo.
O alumnado recibe tamén nestes obradoiro un material complementario da Asociación Española contra o Cancro, no que se incide no consumo de Cigarrillos electrónicos. Os novos dispositivos para fumar, son unha moda perigosa entre os máis novos, o consumo de cigarros electrónicos entre os estudantes de 14 a 18 anos sitúase no 22,8 %. O seu uso pode ser a porta de entrada ao consumo de nicotina. Ademais, mais do 77 % dos estudantes que fumaron tabaco recoñecen ter vapeado.
O Concello de Ponteareas vén de rematar as obras de drenaxe transversal na estrada municipal situada en Ponte Xil, na parroquia de Guillade. Esta zona presentaba importantes deficiencias debido aos danos causados polas intensas choivas caídas nos últimos anos, agravados tras as inundacións do pasado inverno. O Concello comezou as obras hai un mes tras obter a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e executou coa maior celeridade os traballos necesarios para solucionar os problemas de drenaxe insuficiente no afluente do Uma ocasionados pola rotura das tubaxes de formigón.
A concelleira de Vías e Obras en funcións, Chus Garrote, explicou que estes traballos de reparación supuxeron un investimento de máis de 60.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. “O obxectivo era mellorar a infraestrutura actual e restablecer o uso da estrada municipal, incrementando a seguridade viaria do camiño e mellorando a calidade do servizo e a comodidade das persoas residentes na zona”, salientou Garrote.
Para levar a cabo as reparacións precisas, a empresa concesionaria viuse na obriga de demoler o tramo afectado, o que requeríu un desvío provisional do leito do río, aumentando de forma considerábel a complexidade das obras. Os traballos supuxeron a construción dun novo pontón substituíndo as tubaxes existentes e renovando todo o tramo afectado do camiño.
A comunidade de montes de Santa María de Oia, a través do seu proxecto da Casa Forestal, vén de poñer en marcha un ciclo de actividades sobre os curros, co obxectivo de contribuír a divulgar esta tradición tan arraigada na Serra da Groba. Dentro desta programación ofreceranse visitas guiadas os días 3 e 10 de xuño.
O ciclo arrancou o pasado sábado 13 de maio cunha visita á Casa Forestal e un percorrido guiado polo curro da Valga e os seus arredores. Agora a actividade continuará nas xornadas previas á celebración das rapas de Torroña (que terá lugar o domingo 4 de xuño) e Mougás (o domingo 11 de xuño).
O sábado 3 de xuño (véspera do curro de Torroña) celebrarase unha visita guiada á exposición temporal “Arredor do curro” que acolle actualmente a Casa Forestal. A continuación sairase en paseo guiado ata o propio curro de Torroña, pasando por A Portela e Xiguente. A actividade comezará ás 18.30 horas e ten como obxectivo divulgar e poñer en valor os valores patrimoniais do curro e dos diferentes espazos por onde pasa a ruta (patrimonio arqueolóxico, etnográfico, lendas, etc).
O sábado 10 de xuño (día previo á celebración do curro de Mougás) farase unha actividade semellante ás anteriores. Neste caso, a visita a exposición da Casa Forestal desenvolverase ás 17.00 horas e, posteriormente, ás 18.30 horas farase un paseo guiado polas inmediacións do curro de Mougás baixo a temática “cabalos, curros e historia local”.
Para participar nas actividades, de balde pero con prazas limitadas, cómpre inscribirse previamente no número de teléfono 677.78.32.96.
A Casa Forestal de Oia, edificio de gran valor histórico e patrimonial por tratarse da primeira construída en Galicia, vén de ser rehabilitada pola comunidade de montes de Santa María de Oia co obxectivo de poñer en marcha un centro de interpretación da Serra da Groba. Despois do acto inaugural celebrado o pasado 13 de maio, arranca a súa programación cun ciclo dedicado aos curros.
A Deputación organiza este sábado, 3 de xuño, unha das 30 actividades que a institución ten previsto realizar este ano no Castelo de Soutomaior: ‘O bosque segundo a estación’, un obradoiro e roteiro familiar para coñecer as súas cores, formas, texturas e as especies que habitan nel, así como as propiedades e os beneficios que teñen as árbores e demais especies vexetais desta contorna natural.
A actividade forma parte do programa ‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’, comeza ás 16:30 horas e as entradas xa están dispoñibles na plataforma de venda en liña do sitio web do Castelo, a un prezo único de 8 € (que inclúen a entrada ao Castelo, valorada en 5 €). A actividade conta cun total de 30 prazas.
‘Mouras e Meigas no Castelo de Soutomaior’ trátase dunha programación de actividades que abrangue visitas teatralizadas, obradoiros, contacontos e roteiros para familias con nenas e nenos baseadas nas lendas, os oficios tradicionais e as tradicións da provincia de Pontevedra. As familias pódense achegar á mitoloxía popular da provincia, xogos tradicionais, oficios artesanais, seres mitolóxicos ou tradicións coma os maios, as herbas de San Xoán, a vendima ou o Samaín. Ofértanse en total 360 prazas.
O Centro de Día de Tomiño abre as súas portas á veciñanza. Os vindeiros xoves 1 e venres 2 de xuño, o centro acolle un amplo programa de actividades abertas a toda a comunidade coas que queren animar a tomiñeses a coñecer aos seus usuarios e o traballo que realiza o seu equipo de profesionais.
A apertura destas dúas xornadas de portas abertas será o xoves 1 ás 10.30 horas cunha interesante charla informativa sobre ciberseguridade impartida por persoal da Garda Civil. Xa pola tarde, a actividade continuará cunha divertida sesión de bingo que se celebrará coa colaboración de rapaces do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, Voces Novas. Tras o xogo chegará o momento de saborear os pinchos degustación elaborados polas persoas usuarias do centro.
O venres 2 a festa continuará co acto de actualización da árbore das pegadas ás 10.30 horas para seguir con ‘Móvete con nós’, unha actividade dirixida polo persoal de MeUFIT Tomiño coa que desfrutar do deporte. A xornada rematará co I Concurso de Empanadas CD Tomiño, realizado polos establecementos hostaleiros da contorna e amenizado polo grupo Airiños de San Miguel. Será ás 16.00 horas e será o público visitante o que exerza de xurado para escoller a mellor empanada.
Dende o Concello de Tomiño agradécese a colaboración de todas as asociacións, entidades e grupos que achegan o seu gran de area para que a veciñanza coñeza o Centro de Día dun xeito ameno e divertido e convida a todos os tomiñeses e tomiñesas a participar nas xornadas de portas abertas.
A Unidade Móbil de coidados sociosanitarios estará instalada na Avenida Arquitecto Jesús Valverde (entrada do parador de Baiona) hoxe e mañá para prestar de forma gratuíta os servizos en horario de atención de 09.00 ás 20.00 horas.
Desde a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Baiona anímase á poboación maior de 55 anos do municipio para participar neste programa, destinado especialmente a efectuar revisións e valoracións auditivas, atención podológica para prevención e tratamento das principais patoloxías e realización de probas de valoración cognitiva para a prevención de doenzas como o Alzhéimer ou demencias neurodegenerativas.
Para esta visita en Baiona da Unidade Móbil de coidados sociosanitarios, é preciso pedir cita previa chamando ao número de teléfono 622 748 283 ou no 623 546 992 ou ben contactar a través do enderezo de correo electrónico [email protected].
O Concello de Nigrán outorgou a licencia para construír unha residencia de maiores en Porto do Molle con capacidade para 90 usuarios a cargo da firma compostelana ‘Argenta Capital S.L.U.’ Esta ubicarase na futura zona de servizos e ocio recreativo do parque empresarial, entre a rúa do Xial e Barreira, nunha parcela de 4.229 m². O orzamento total deste proxecto ascende a case 3 millóns de euros, correspondéndose 1.467.125 € a esta construción cuxa edificabilidade total ascende a 2.486 m² distribuídos en tres plantas (sótano, baixa e primeira) e 3.400 ao terreo.
“É a mellor nova para Nigrán porque gañaremos dentro do noso municipio prazas asistenciais, algunhas delas concertadas, e ao mesmo tempo xerará emprego”, subliña o alcalde, Juan González, en referencia a escasez de oferta pública en toda a comunidade e á previsión de xerar mínimo 30 postos de traballo directos. “Para min é especialmente importante que as persoas maiores de Nigrán non se teñan que desvincular da súa contorna trasladándose a residencias incluso de fora da provincia como está a acontecer, isto tamén forma parte do Nigrán para todos que estamos a construír”, sinala.
Polo que respecta á distribución, consta de soto, pranta baixa e primeiro andar cunha altura total de 6,2 metros. Na pranta baixa ubicarase a área de dirección-administración, que inclúe unha zona de recepción e outra de despacho de recepción, e tamén se proxectan 15 dormitorios dobres, salas de convivencia, comedor, zona de rehabilitación, aseos, enfermería, cocina, almacén… Nesta pranta haberá porche e acceso lateral ao xardín. Xa no primeiro andar situaranse outras 30 habitacións dobres, comedor, aseos e despacho. Todos os dormitorios da futura residencia miden 17,5 metros cadrados e os seus correspondentes baños 5,05. Finalmente, no soto ubícase a lavandaría, mortuorio, vestiarios de persoal e zonas de almacén.
‘Cohousing’
Paralelamente, a cooperativa Ancoradoiro está a tramitar a licencia para construír vivendas colaborativas para maiores en Porto do Molle, o que se coñece como ‘co-housing’ e que xurde entre os propios usuarios interesados coma unha alternativa ás residencias para a terceira idade convencionais. Plantexan un investimento de 6 millóns para construír 40 unidades habitacionais para 80 persoas e servizos comús, entre os que están os coidados da saúde coma enfermaría ou xeriatría, así como actividades formativas e outras que favorezan a calidade de vida das personas nun hábitat de respeto e convivencia cooperativo.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, comezou a mañá de hoxe visitando as obras do novo Aldi de Mos, onde puido comprobar o avance das mesmas, xa que está prevista a apertura de portas da superficie comercial antes de que finalice o presente ano.
A construción da nova nave na zona comercial de As Angustias (Sanguiñeda) por parte de ALDI Supermercados S.L. continúa a potenciar o crecemento desta zona que leva experimentado unha gran expansión desde o ano 2012, xa que desde entón lévanse asentado en Sanguiñeda 2 grandes supermercados (Gadis e Mercadona. ALDI será o 3º), unha gran superficie dedicada á decoración e o bricolaxe, Leroy Merlin, e un restaurante dunha cadea internacional de comida rápida, Burger King. Creando centos de empregos que continuarán a ampliarse agora coa nova apertura de ALDI, que xerará sobre 20 novos postos de traballo, e que implicará tamén a implantación de 3 novos operadores comerciais a maiores (2 de venda comercial e 1 de restauración autoservizo de comida rápida).
A sociedade ALDI Supermercados S.L., está a levar a cabo estas obras necesarias para a construción de nave comercial, destinada á venda de produtos de alimentación, así como tres locais na planta inferior, dúas delas dedicadas tamén á venda comercial e a terceira destinada á restauración de autoservizo.
A edificación divídese en dúas plantas diferenciadas mediante plataforma. Na cota superior atópanse as instalacións destinadas á distribución comercial da propia marca e aparcamento, accedendo desde Rúas das Angustias (antiga N-120). Á planta inferior accédese mediante rampla desde esta mesma rúa ou mediante rampla que comunica ambas as plataformas. Esta superficie repártese nunha edificación para distribución de comida rápida de autoservizo na zona oeste do solar e en aparcamento, dous locais para operadores alleos á promotora e carrís de circulación na zona este de o solar, baixo plataforma.
O obxecto do proxecto, redactado pola enxeñería Soltec Ingenieros, ten como actividade principal a venda polo miúdo de produtos de alimentación e de limpeza do fogar. Como actividade secundaria inclúese o aparcamento de vehículos para os clientes. A empresa instalarase nun solar situado en Rúa das Angustias, antiga N-120. O proxecto inclúe as instalacións da súa nave comercial, con todos os anexos correspondentes necesarios para a súa actividade.
O grupo municipal de voluntariado de limpeza da natureza do Rosal prepárase para unha nova saída coa que fomentar a concienciación e a participación activa da veciñanza no coidado da contorna e na conservación dos espazos naturais.
A actividade desenvolverase o vindeiro domingo 4 de xuño a partir das 10.00 horas. Nesta ocasión o grupo desprazarase ata Fornelos para a limpeza da Ponte da Parraporrosa e na Ponte da Pedra. As persoas participantes irán recollendo o diferente lixo que se vaia atopando na contorna, polo que se recomenda ás e aos participantes que leven luvas, aínda que a organización levará bolsas e tamén luvas por se alguén as precisa.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse ata o 31 de maio chamando ao Concello ao teléfono 986 625 000 ou enviando un correo electrónico a [email protected] especificando nome, apelidos e DNI tanto da persoa participante como daquelas inscritas baixo a súa responsabilidade.
O aeroporto de Peinador conta cunha alfombra de flores para despedir ou recibir a todas e todos os pasaxeiros. A Asociación de Alfombristas confeccionou esta fin de semana no hall do aeroporto vigués unha alfombra floral para continuar coa promoción da festa do Corpus Christi 2023.
Trátase dunha fermosa peza de arte efémera chea de cor que poderán contemplar todas as persoas que cheguen ou saian nun voo desde Vigo e que lles permitirá contemplar unha pequena mostra do que son as alfombras florais e de todo o que significan para Ponteareas.
Coa celebración da festa do Corpus ás portas, a Asociación de Alfombristas de Ponteareas continúan o seu labor para levar esta Festa de Interese Turístico Internacional máis alá da vila. Como salientan as propias e propios alfombristas, “queremos que o público que aínda non coñeza Ponteareas e o Corpus descubra todo o que podemos ofrecer en Ponteareas. E animamos a todo o mundo a compartir con nós a nosa festa grande os días 10 e 11 de xuño”.
Esta obra de arte efémera completa coa promoción do documental ‘As mans do Corpus’, unha peza audiovisual que pon en valor o traballo colectivo, o esforzo e a singularidade das alfombras de Ponteareas e da súa festa grande. O documental foi gravado durante a celebración do pasado ano 2022 para recoller todos os momentos da festa, así como os preparativos previos, menos coñecidos para turistas e visitantes. As persoas interesadas poden ver o documental na web de turismo de Ponteareas.
O Concello de Nigrán ofrece este verán a posibilidade de “modelar” in-situ a cultura ancestral mexicana de mans dos seus principais mestres oleiros e das artes plásticas tradicionais. Isto será posible grazas ao ‘IV Encontro Internacional’ que a Escola Municipal de Cerámica de Nigrán impulsa do 17 ao 22 de xullo no CEE de Panxón. O prazo de matrícula xa está aberto para calquera persoa interesada a través da web https://culturamilenariamexico.wordpress.com/ Anteriormente, e nos seus casi 40 anos de vida (é unha das escolas máis antigas de Galicia) estes encontros adicáronse a Xapón, India e os países periféricos de España.
Deste xeito, xaguares xigantes de barro, bruñidos cerámicos impresionantes, ou métodos de coccións a ceo aberto serán os protagonistas dos obradoiros de barro; a estes se lle sumarán outros dous de artes plásticas propias de México como son os xoguetes tradicionais ou os alebrijes de papel. Son en total 4 obradoiros nos que hai que inscribirse previamente e que impartirá cadanseu mestre mexican invitado para a ocasión.
“Temos unha xoia a nivel peninsular, tanto pola súa antigüidade como polas experiencias que ofrece. Esta será unha oportunidade única para compartir coñecementos e para difundir internacionalmente a nosa escola, da que todos debemos estar moi orgullosos”, considera o alcalde, Juan González.
“México mantén practicamente intacta unha cultura milenaria de gran riqueza que nos achega ao máis ancestral e primario do mundo da cerámica, por iso consideramos moi enriquecedor traer aos mellores mestres deste país, que nos amosarán aspectos tan descoñecidos aquí como as coccións prehispánicas, sumando, coma sempre, obradoiros de artes plásticas orixinais deste país, como o de álebrijes’ ou de xoguetes ”, explica Emilia Guimeráns, directora da Escola Municipal de Cerámica de Nigrán e quen contactou cos catro artistas invitados a través da Escuela Nacional de Cerámica de Guadalajara (México).
Neste encontro colabora tamén o Instituto de Estudos Miñoranos, os deseñadores ‘Liquen y Pelucas´ e Susana Rodríguez.
Obradoiros
Juana Gómez, Amatenango: “A arxila como expresión escultórica para os mayas”
Pobo de orixe maya dos Altos de Chiapas, Amatenango del Valle é coñecido como a capital chiapaneca da olería debido a que máis da metade da súa poboación dedícase a esta actividade reservada ás mulleres quen van aprendendo a traballar o barro desde os 10 anos. Juana Gómez, recoñecida pola calidade das súas esculturas e do seu trazo pictórico, ensinará técnicas propias de Amatenango (coccións prehispánicas, procesos decorativos…) desenvolvendo o obradoiro sobre a iconografía do xaguar, animal sagrado na súa cultura.
Tomás Esparza, Jalisco: El trazo Ancestral
Profundizarase no mestizo e o prehispánico, onde o trazo ancestral fúndese co imaxinario persoal, tendo o bruñido como ingrediente esencial.
Alejandro Camacho, Ciudad de México: Alebrijes zoomorfismo fantástico
Obradoiro de cartonería tradicional. A realización destes inusuais seres, forma parte da identidade colectiva mexicana desde 1936. Descubriranse os segredos da fabricación destas delirantes criaturas.
Miriam Salgado, Xochimilco: El juguete del pasado al presente
Obradoiro de xoguetería. Partindo de materiais como madeiras, teas, cartón ou obxectos reciclados. ‘La Lula juguetes’, impartirá o taller dirixido a crianzas a partir de 8 anos e adultos, onde mostrará como estes obxectos e materiais cobran vida dentro dun mundo de imaxinación e fantasía.
Fin de semana perfecta en Cesantes. Tras dúas intensas xornadas de regata, o TMKiteClub puxo o punto e final este domingo ao Campionato Galego de Kitesurf, proba que organizou o club redondelán coa colaboración do Concello de Redondela e por delegación da Real Federación Galega de Vela. En total, seis probas completadas que deron como vencedores a Xusto Fernández nas divisións Foil e Surf, Antonio Fernández “Patxi” en Twintip Masculino e María de Carmen Nieto en Twintip Feminino.
Volveu cumprir Cesantes cos máis de 30 riders rexistrados. Aínda que o parte apuntaba a que o paso da DANA podería complicar as cousas tanto o sábado como o domingo, finalmente o vento térmico característico da enseada de San Simón acudiu puntual á súa cita, permitindo que o Comité de Regatas completase tres probas por día para cada unha das categorías con ventos que foron desde os 12 ata os 18 nós de intensidade.
Na clase Foil, Xusto Fernández do club Windsurf Galicia non tivo rival e volveu adxudicarse o título de Campión Galego con pleno de vitorias na súa marcadora. Por detrás, a segunda posición foi para Mario Martínez do TMKiteClub e terceiro foi Andrés Douglas do club Windsurf Galicia.
Pola súa banda, na clase Surf repetiu Xusto Fernández no máis alto do podio, seguido nesta ocasión de Francisco Costas do TMKiteClub e de Roberto González do Papaventos Kite Club, segundo e terceiro respectivamente.
Na división masculina de Twintip, con cinco vitorias de seis posibles o rider local Antonio Fernández “Patxi” coroouse como o novo Campión Galego da clase. Por detrás, seguiulle no segundo caixón o defensor do título da pasada edición, o baionés Iván Carballo do TMKiteClub, e terceiro foi Horacio Pequeno, tamén representando ao club redondelano.
A clase Twintip Feminino foi, sen dúbida, a máis disputada cun intenso man a man entre María López Muiña e María del Carmen Nieto -ambas do TMKiteClub-, que se resolveu finalmente a favor de Nieto converténdose na nova en Campioa Galega da clase por diante de López Muiña. A benjamina da frota, Beira Vázquez, pechou o podio no terceiro caixón.
Unha vez finalizada a segunda xornada, a entrega de trofeos puxo o broche final a unha fin de semana de dez en augas da ría de Vigo. O acto contou coa asistencia do presidente do club organizador, Tato González, e do presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, que foi o encargado de entregar os galardóns aos campións autonómicos da clase.
A próxima gran cita será o esperado KiteFest Cesantes, que este ano celebra a súa sexta edición entre os días 7 e 9 do próximo mes de xullo.
A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas da provincia, oferta nesta próxima semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático e presencial. As actividades centraranse en ciberseguridade, na fabricación dixital e na análise web.
Hoxe, luns 29, tivo lugar ás 10 horas un obradoiro con Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D con máis de 4 anos de experiencia formando na materia. Encargouse de impartir o obradoiro “Ciberseguridade, ramsonware y suplantación de identidade”. O obxectivo é dar a coñecer que é un ramsonware, en que consiste a suplantación de identidade e que é o que poden facer as persoas para protexerse.
O martes 30 ás 11 horas dará comezo o taller de “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape IV – PartStudio IV” con sesións online teóricas e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. En canto á teoría, o obradoiro afondará en debuxo 3D con Onshape (16 h), impresoras 3D de filamento (8 h), impresoras 3D de resina (4 h) e escáner 3D (2 h). Estas sesións completaranse con 20h prácticas no Fab Lab no manexo das dúas impresoras 3D e do escáner 3D. Tamén se encargará da formación Manuel Freire.
O mércores 31 ás 12 horas será a quenda dos “Primeros pasos con Google Analytics 4”, centrado no manexo deste programa de análise web. No obradoiro as persoas participantes aprenderán a comprender esta nova versión da ferramenta para poder configurala e tamén comprender ás e aos visitantes da web, coa finalidade de axudar na toma de decisións do negocio. Vai impartir esta acción formativa Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de marketing e dirección comercial e Enxeñeira Técnica en Informática de Xestión, con máis de 8 anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.
O xoves 1 de xuño iníciase o obradoiro de “Fabricación dixital. Laminador Cura II”. A formación teórica en liña incluirá debuxo 3D con Onshape (16 h), manexo de impresoras 3D de filamento (8 h), impresoras 3D de resina (4 h) e escáner 3D (2 h). A parte práctica é presencial e consta de 20 horas no Fab Lab co manexo de impresoras 3D filamento (8 h), impresoras 3D resina (8 h) e escaneo 3D (4 h). Este obradoiro correrá tamén a cargo de Manuel Freire.
Se hai algún xeito de definir a xornada electoral de o domingo é de claro cambio de tendencia que leva, polo tanto, ao obrigado cambio de cor en moitos dos concellos. Nalgúns casos ‘era visto’ que dirían as xentes desta terra; noutros nin era previsible nin esperado e aínda así aconteceu. Caen maiorías absolutas que parecían firmes e asentadas e aparecen novas maiorías onde menos se espera e que, dalgún xeito, amosan o cansazo da cidadanía ante determinados xeitos de gobernar. Así, mentres PP recupera moito terreo perdido nas pasadas eleccións e BNG mantén o pulso, o PSOE influído pola tendencia á baixa que sofre a nivel estatal, perde alcaldías e parece obrigado a facer un fondo exercicio de autocrítica.
Con todo, o que se entresaca dos resultados de onte é que as veciñas e veciños que entre elección e elección permanecen calados –pensan algúns, erradamente, que aletargados– toman nota, apuntan para que non se lle esqueza nada e, chegado o momento utilizan a súa arma, o voto, para poñer e quitar razóns.
Chegarán agora as valoracións das e dos candidatos –nas que curiosamente ninguén parece perder– e tamén un tempo no as noticias sobre reunións para acadar pactos que a uns lles permitan chegar ás alcaldías e a outros non perder o sillón, serán as que copen as portadas dos xornais. A cidadanía dixo o que tiña que decir. Agora é a quenda de que a autodenominada ‘clase política’ saiba entender a mensaxe.
OCONDADO
O Condado foi nestes últimos anos un dos referentes da política municipal do BNG –gobernando en Ponteareas, As Neves e Mondariz– é un dos grandes prexudicados trala chamada as urnas de onte. No caso de Ponteareas, o PP recupera espazo –non tanto como cabería esperarse do desembarco de Nava Castro– mentres que o BNG paga tanto o desgaste de catro anos de Goberno nos que Ponteareas sufriu unha transformación radical, coma a continua campaña de acoso é derribo ao que foi sometido por parte dos sectores máis retrógados e reaccionarios para os que non poder chegar en coche ata o centro mesmo do casco urbano supuña, ao parecer, un ataque contra a propia identidade de Ponteareas.
Mentres o PSdeG-PSOE, mantén a súa tendencia a baixa a pesar de contar, como cabeza de lista, con un home curtido en mil batallas políticas como Delfín Domínguez Cerdeira.
As Neves e Mondariz, os outros dous referentes nacionalista na comarca experimentaron situacións similares. Nas Neves o PP gaña dous concelleiros mentres que o BNG perde un, unha situación que non sería crítica para o goberno de coalición BNG-PSOE –que quedarían a expensas do concelleiro dos independentes de AENE– senon fora polo descalabro dos socialistas que perdían dous concelleiros, quedándose cun único representante e deixando aos populares cunha maioría absoluta que facía que non gozaban.
En Mondariz, como dicía a mini serie da TVG ‘era visto’. Os independentes de Alternativa por Mondariz de Xoan Carlos Montes Bugarín volvían a ser a lista máis votada. Tamén o foron no 2019 e nunha situación rocambolesca, tan estraña como ridícula –proba evidente que a realidade supera sempre con moito a ficción– os votos do PP dábanlle á alcaldía ao BNG. Queda agora no aire a incógnita de saber se os populares de Mondariz volverán a facer exercicios de funambulismo político ou, simplemente, escoitarán á voz dos veciños que por segunda vez consecutiva elixen a Xoan Carlos Montes ‘Calis’ como candidato máis votado.
Queda, finalmente, Mondariz Balneario. Ay! ese Mondariz Balneario no que unha persoa que teña 40 años non haberá coñecido máis alcalde que José Antonio Lorenzo. ‘Corenta anos son máis que suficientes’ deberon pensar os votantes así que, papeleta en ristre, quitáronlle dous concelleiros ao PP –deixándoo o 2– e decidiron engadirlle eses guarismos aos 3 representantes dun BNG que, por primeira vez na historia do municipio, gobernarán e non só gobernarán senón que o farán con maioría absoluta. Como en política nada pasa por casualidade, esa maioría é froito do traballo da candidatura encabezada por César Gil que será o novo rexedor local. É, para o BNG, unha luz entre a tormenta desatada no Condado.
A PARADANTA
No que á comarca da Paradanta atinxe, poucos cambios. Ningún de feito aínda que é un ‘ningún’ con matices.
Fronte a Arbo, Crecente e Covelo, feudos indiscutibles do PP con maiorías absolutas que no caso de Arbo increméntase –de 6 a 8 concelleiros–, en Crecente baixa –de 8 a 7– e en Covelo se mantén sen cambios, A Cañiza tínguese de vermello para darlle a maioría absoluta ao PSdeG-PSOE de Luis Piña que, ata o momento, gobernaba co apoio de Ciudadanos.
Referéndase deste xeito o labor realizado polo rexedor socialista para poñer A Cañiza no mapa e traballar para convertelo nun espazo de turismo natural de referencia en Pontevedra. Ao mesmo tempo e, co seu voto, a cidadanía expresaba o apoio a un Goberno bombardeado de todos os xeitos posibles por un PP local que xamais soubo acatar o veredito das urnas.
LOURIÑA
A Louriña volve a ser popular… no sentido máis político do termo. Nidia Arévalo en Mos, que dende a súa chegada á alcaldía a través dunha moción de censura de dubidosa moralidade que vulneraba o pacto antitransfuguismo que tiñan asinado PP e PSOE en Madrid, encadenou marioría absoluta tras maoiría absoluta, segue sen perder forza e reafirma esa maioría gañando un concelleiro pasando de 9 a 10. Mentres, o crecemento do BNG que pasa de 1 a 3 representantes, deixa en evidencia a caída dos socialistas que perden un escano e reducen a 4 a súa presenza.
No Porriño dánse, posiblemente, un dos datos máis espectaculares desta xornada electoral. O PP de Alejandro Lorenzo, chegado á alcaldía a través dunha moción de censura –máis que xustificada dito sexa de paso–, duplica a súa representación –de 8 a 16 escanos– facendo desaparecer do mapa político ás formacións independentes, quitándolle dous concelleiros ao PSOE –que pasa de 4 a 2 escanos– e só o BNG, que incrementa en 1 a súa presenza –de 2 a 3– mantén o pulso.
En Salceda de Caselas a alcaldía estará a expensas dos pactos que poidan acadarse entre as forzas progresistas logo de que, unha vez máis, o PP de Santiago Rodríguez Davila sexa a lista máis votada e, unha vez máis, poida quedarse sen gobernar.
Movemento Salceda, pola súa banda, non acusa o desgaste da súa labor de Goberno e Loli Castiñeira mantén os catro concelleiros cos que xa contaba mentres que o PSOE de Verónica Tourón perde un concelleiro, unha perda achacable máis á tendencia xeral á baixa do Partido Socialista nestas eleccións, que a súa labor de Goberno. O BNG que levaba anos desaparecido da corporación salcedense, irrumpe con un escano e, co seu voto, será o que decida o destino da alcaldía.
BAIXO MIÑO
Poucos cambios no Baixo Miño pero, certo é, significativos. Tui, é o concello onde acuñouse a expresión ‘atomización do voto‘ dado que foi quen de ter, en determinados momentos da súa historia, sete partidos diferentes nunha corporación de 17 concelleiros que daban lugar a gobernos de coalición cunha amalgama de personalismos que facían difícil, senón imposible, a xestión do Concello. Pese a que as pasadas eleccións eran seis os partidos con representación municipal, os oito concelleiros do PSOE –quedaban literalmente a un voto da maioría absoluta– deu catro anos de estabilidade no Goberno polo que a baixada de 2 concelleiros fai pensar que responde a esta tendencia xeral do partido socialista que a propia labor de goberno en si.
Pola súa banda o PP, totalmente renovado, recupera un importantísimo espazo duplicando a súa presenca o mesmo que o BNG mentres que os independentes de C21 manteñen o seu escano. Mal terían que ir as negociacións para que a cidade fronteiriza non teña, no vindeiro mandato, un goberno de coalición PSOE-BNG.
Tomiño e O Rosal nestes últimos catro anos feudos e referentes do nacionalismo no Baixo Miño, seguen cun BNG forte aínda que cunha lixeira tendencia a Baixa que en Tomiño case fai perigar a maioría absoluta de Sandra González –que baixa de 11 a 9 escanos– mentres que o PP incrementa a súa represencación –de 4 a 6– e o PSdeG-PSOE mantén os seus dous escanos.
Anxela Fernández Callís, no Rosal, perde a maoría absoluta que lle arrebatara ao PP nas pasadas eleccións –baixa de 7 a 6–, escano que gaña o PP para igualar ao BNG que deberá contar có unico concelleiro do PSOE para manter o Goberno.
A Guarda é cuestión aparte. O PSOE, que ata agora gobernaba da man de Antonio Lomba –máis preocupado en gobernar con honradez, sensatez e conseguir cousas para o seu concello e a súa veciñanza que de vender os logros acadados–, sofre unha importante perda de apoios e cae de 5 a 3 representantes, os mesmos que gaña o PP para situarse nos 8 concelleiros. Os pactos dependerán da vontade que nacionalista e socialistas teñan para chegar a acordos –non acabaron precisamente amigos durante os meses en que gobernaron xuntos neste mandato– e, aínda así, dependerán do voto do concelleiro independente de ESCO que se converte en árbitro da contenda.
VAL MIÑOR
Baiona é outro dos concellos que, logo da xornada electoral de onte, sofre un cambio radical. Certo é que dito cambio non é tanto debido á discreta baixa do PSOE do alcalde Carlos Gomez, como a debacle das demáis forzas con representación no Concello. Gaña o PP de Jesús Vázquez Almuíña non só da perda dun dos 6 concelleiros socialistas, senón que tamén apropiase dos 2 escanos de NB, o único que tiña Ciudadanos e 1 que perde o BNG pasando os populares de 6 a 11 concelleiros e dispoñendo dunha holgada maioría absoluta.
Nigrán que tiña unha ampla maioría, a mira reducida en dous –baixando de 13 a 11– escanos que se distribúen a partes iguais PP –que pasa de 4 a 5– e o BNG que entra novamente na corporación cun único representante.
Gondomar, onde Paco Ferreira gobernaba comodamente apoiado nunha maioría absoluta de 9 concelleiros, un dos concelleiros mentres que os Populares incrementan a súa representación –de 4 a 6– e Manifesto Miñor e BNG manteñen os seus mesmos datos das anteriores eleccións. A gobernabilidade do Concello queda agora en mans dunhas negociacións que se prevén complexas dadas as diferencias, tanto persoais coma políticas, que manteñen o socialista Paco Ferreira e o cabeza de lista de Manifesto Miñor, Antonio Araújo.
REDONDELA
En Redondela a volta de Javier Bas, o exalcalde que asegurou abandonar a política para logo aparecer de deputado no Congreso e agora voltar de candidato –sen renunciar aínda ao seu escano en Madrid– non foi, nin de lonxe, o revulsivo que o PP esperaba para a vila do choco.
O PSOE de Digna Rivas mantén os seus 7 escanos e aguanta deste xeito un mandato no que tivo que soportar o continuo bloqueo por parte da Xunta, de todos os proxectos importantes para o municipio co “silencio cómplice do PP local” como en máis dunha ocasión asegurou a rexedora local. Pese a todo, a suba do BNG de Xoán Carlos González –de 2 a 3 concelleiros– e a baixada de AER, que se queda cun único representante, deixa aberta agora a porta á pregunta do millón: que AER será o que resulte destas eleccións? o que mantivo durante 8 anos aos dous gobernos de Javier Bas ou o que, no pasado mandato, cogobernou con bo criterio e mellor facer buscando un goberno de progreso? Esa e a gran incógnita.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.