18.4 C
Pontevedra
Martes, 26 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaArrancan de novo os Roteiros Literarios

    Arrancan de novo os Roteiros Literarios

    Esta fin de semana regresan os Roteiros Literarios organizados pola Deputación e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para dar a coñecer as cidades e vilas da provincia da man de autoras e autores galegos, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas que se ambientan en diversos espazos da súa xeografía. Deste xeito, o primeiro dos percorridos celebrarase o sábado 3 de xuño en Vigo, guiado pola xornalista María Xosé Porteiro, e ao día seguinte tomará o relevo a escritora Anna R. Figueiredo que conducirá a ruta “Aconteceu en Moaña”. En ambos casos, os itinerarios comezarán ás 11.30 horas e as prazas están esgotadas.

    No primeiro caso, a ruta que guiará María Xosé Porteiro percorrerá o antigo concello de Lavadores e a súa capital O Calvario, para dar a coñecer as orixes da actual parroquia, anexionada á cidade en 1949. A autora contará a historia de Nélida, que foi vivir alí a finais dos 60 cando de pequena emigrou coa súa familia do rural lugués na procura das oportunidades que Vigo ofrecía daquela. Trátase, polo tanto, dun subcontexto xeográfico e sociolóxico con vida propia, tanto na novela como na realidade, que permitirá coñecer ás persoas participantes a historia desta contorna da cidade.

    Ao día seguinte, 4 de xuño, a escritora Anna R. Figueiredo guiará o percorrido desde o Centro Sociocultural Daniel Castelao (Auditorio Celso Parada), facendo distintas paradas pola vila do Morrazo para revisar grandes obras que aconteceron, acontecen e acontecerán en Moaña, mar de ficcións. A autora reivindicará no roteiro a persoa lectora como protagonista da ficción narrativa e o dereito da literatura a converter o concreto no universal á vez que tamén experimenta o universal no concreto.

    Os percorridos continuarán a vindeira semana co Roteiro Literario Vilagarcián, que guiará o autor e pintor Xurxo Alonso o domingo 11, no que as persoas participantes visitarán espazos como o Colexio León XIII, a Imprenta Celta, a botica do escritor Lisardo Barreiro e o Instituto laboral. Posteriormente, o domingo día 18 o programa chegará a Pontevedra da man do escritor Adolfo Caamaño que guiará a ruta O espazo urbano pontevedrés como materia literaria, cunha ruta que se desenvolverá por espazos emblemáticos do barrio do Burgo, a cidade medieval e do ensanche contemporáneo. E o programa finalizará o domingo 25 de xuño cun Roteiro histórico-literario por Lalín guiado polo investigador Xoán Carlos García Porral. O punto de encontro será a igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba e visitaranse a  Igrexa, as estatuas de Ramón María Aller Ulloa e de Joaquín Loriga, o Museo Municipal Aller Ulloa e o Castro Tecnolóxico.

    COLABORACIÓNS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.

    Fabio Rivas, «A pintura debida»

    Ás veces atopamos sorpresas inesperadas que nos fan sorrir e confiar na saúde da nosa literatura.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    89 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS