23.5 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeLouriñaMosO CPI Santa Lucía de Moraña visita Mos

    O CPI Santa Lucía de Moraña visita Mos

    O CEIP Mestre Martínez Alonso recibiu o mércores 31 de maio ao CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña, dentro do Programa de Innovación educativa da Xunta de Galicia, Observa_Acción.

    Ambos os centros pertencen a un grupo de 36 colexios, institutos e escolas de réxime especial seleccionados de entre os participantes de toda a comunidade galega, para a segunda fase do proxecto que pretende fomentar o desenvolvemento competencial desde a observación e o intercambio entre iguais.

    Durante esta xornada de observación interprofesional, a concelleira de educación, Julia Loureiro e a traballadora municipal da concellería de Educación, Kely Monzón, visitaron o colexio para recibir ás persoas representantes do CPI Santa Lucía, intercambiando opinións sobre o programa e outros eventos de actualidade como a reestruturación pedagóxica de espazos educativos, entre outros. Tamén estiveron representantes dos Centros de Formación e Recursos de Vigo e de Pontevedra, aos cales son adscritos os participantes.

    Nesta fase do programa, Observa_Acción: “Acolle”, o centro educativo morañés foi o escollido pola Xunta para establecer relacións co Mestre Martínez, creando lazos de cooperación e colaboración para recoñecer boas prácticas docentes entre ambos.

    Nunha próxima data, representantes do Castro-Mos, viaxarán a Moraña para unha nova sesión de intercambio de observacións e reflexións conxuntas no Santa Lucía. Nestas sesións créanse accións formativas baseadas na observación e a análise conxunta da realidade docente e discente. Segundo establece a Xunta: “o intercambio permite experimentar novas vías de formación do profesorado e favorecer a innovación educativa nos centros, á vez que se facilita aos docentes a posibilidade de observar de forma directa metodoloxías nos procesos de ensino-aprendizaxe, maneiras de relación e comunicación ou vías de xestión dos recursos propios e alleos que desenvolven outros centros”. Nas seguintes fases do programa, prevese que os centros participantes que superen esta segunda, intercambien este tipo de prácticas con centros doutras comunidades autonómicas e mesmo outros países europeos. As representantes de ambos os centros educativos han manifestado o carácter pedagóxico e de crecemento persoal que lles ofrece o programa Observa_Acción e xa planean accións conxuntas que acrecenten o camiño iniciado no intercambio de boas prácticas.

    Un camiño de Moraña a Mos, de Mos a Moraña, que ofrece pasos de cooperación e mellora para as comunidades educativas de ambos os concellos.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.