O Concello de Nigrán outorgou a licencia para construír unha residencia de maiores en Porto do Molle con capacidade para 90 usuarios a cargo da firma compostelana ‘Argenta Capital S.L.U.’ Esta ubicarase na futura zona de servizos e ocio recreativo do parque empresarial, entre a rúa do Xial e Barreira, nunha parcela de 4.229 m². O orzamento total deste proxecto ascende a case 3 millóns de euros, correspondéndose 1.467.125 € a esta construción cuxa edificabilidade total ascende a 2.486 m² distribuídos en tres plantas (sótano, baixa e primeira) e 3.400 ao terreo.
“É a mellor nova para Nigrán porque gañaremos dentro do noso municipio prazas asistenciais, algunhas delas concertadas, e ao mesmo tempo xerará emprego”, subliña o alcalde, Juan González, en referencia a escasez de oferta pública en toda a comunidade e á previsión de xerar mínimo 30 postos de traballo directos. “Para min é especialmente importante que as persoas maiores de Nigrán non se teñan que desvincular da súa contorna trasladándose a residencias incluso de fora da provincia como está a acontecer, isto tamén forma parte do Nigrán para todos que estamos a construír”, sinala.
Polo que respecta á distribución, consta de soto, pranta baixa e primeiro andar cunha altura total de 6,2 metros. Na pranta baixa ubicarase a área de dirección-administración, que inclúe unha zona de recepción e outra de despacho de recepción, e tamén se proxectan 15 dormitorios dobres, salas de convivencia, comedor, zona de rehabilitación, aseos, enfermería, cocina, almacén… Nesta pranta haberá porche e acceso lateral ao xardín. Xa no primeiro andar situaranse outras 30 habitacións dobres, comedor, aseos e despacho. Todos os dormitorios da futura residencia miden 17,5 metros cadrados e os seus correspondentes baños 5,05. Finalmente, no soto ubícase a lavandaría, mortuorio, vestiarios de persoal e zonas de almacén.
‘Cohousing’
Paralelamente, a cooperativa Ancoradoiro está a tramitar a licencia para construír vivendas colaborativas para maiores en Porto do Molle, o que se coñece como ‘co-housing’ e que xurde entre os propios usuarios interesados coma unha alternativa ás residencias para a terceira idade convencionais. Plantexan un investimento de 6 millóns para construír 40 unidades habitacionais para 80 persoas e servizos comús, entre os que están os coidados da saúde coma enfermaría ou xeriatría, así como actividades formativas e outras que favorezan a calidade de vida das personas nun hábitat de respeto e convivencia cooperativo.