O Concello de Ponteareas vén de rematar as obras de drenaxe transversal na estrada municipal situada en Ponte Xil, na parroquia de Guillade. Esta zona presentaba importantes deficiencias debido aos danos causados polas intensas choivas caídas nos últimos anos, agravados tras as inundacións do pasado inverno. O Concello comezou as obras hai un mes tras obter a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e executou coa maior celeridade os traballos necesarios para solucionar os problemas de drenaxe insuficiente no afluente do Uma ocasionados pola rotura das tubaxes de formigón.
A concelleira de Vías e Obras en funcións, Chus Garrote, explicou que estes traballos de reparación supuxeron un investimento de máis de 60.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra. “O obxectivo era mellorar a infraestrutura actual e restablecer o uso da estrada municipal, incrementando a seguridade viaria do camiño e mellorando a calidade do servizo e a comodidade das persoas residentes na zona”, salientou Garrote.
Para levar a cabo as reparacións precisas, a empresa concesionaria viuse na obriga de demoler o tramo afectado, o que requeríu un desvío provisional do leito do río, aumentando de forma considerábel a complexidade das obras. Os traballos supuxeron a construción dun novo pontón substituíndo as tubaxes existentes e renovando todo o tramo afectado do camiño.