22.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeVal MiñorGondomarA Deputación e Igualarte levan a Gondomar, Redondela e Salceda un espectáculo...

    A Deputación e Igualarte levan a Gondomar, Redondela e Salceda un espectáculo de danza e teatro

    A Deputación de Pontevedra e a Fundación Igualarte, que desde o ano 2002 traballa para que as persoas con diversidade funcional poidan expresarse de maneira artística, levarán o espectáculo de danza e teatro “HabitarMe” neste mes de xuño a cinco concellos da provincia. A peza estará interpretada polas persoas da entidade que integran Al Lío, a compañía teatral ao abeiro da fundación, e a xira desenvolverase do 10 ao 25 de xuño polos concellos de Bueu, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar e Redondela.

    Al Lío é unha compañía de teatro, danza e expresión corporal que cuestiona a relación entre o corpo e a mente a través de historias da vida cotiá dende unha perspectiva feminista. Neste proxecto as súas integrantes interpretan “HabitarMe”, unha peza de danza-teatro que trata sobre mulleres diversas, ben habitadas, que fan, que cuestionan, que están incómodas, que optan por moverse da seguridade do preestablecido porque descobren que hai outras formas que as definen. A obra fala da dialéctica do non parar, non pensar, non sentir e de súpeto un crack, unha pausa, un alento máis longo do habitual, onde nacen as ganas. Dirixida por María Romano, a peza será interpretada por Helena Cuber, Eva García, Vanesa Lea e Carmen Gómez.

    “HabitarMe”, con entrada libre ata completar o aforo, arrancará o sábado 10 de xuño no Centro Social do Mar de Bueu, onde o espectáculo comezará ás 21.30 horas. Ao día seguinte, o domingo 11, chegará a Cambados coa función no Auditorio Municipal ás 20.00 horas. Posteriormente, o espectáculo desenvolverase o domingo 18 no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas, ás 20.00 horas e o sábado 24 no Auditorio Luis Tobío de Gondomar, tamén ás 20.00 horas. O ciclo pecharase en Redondela o domingo 25, coa función no Auditorio Multiusos da Xunqueira ás 19.00 horas.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.