A comunidade de montes de Santa María de Oia, a través do seu proxecto da Casa Forestal, vén de poñer en marcha un ciclo de actividades sobre os curros, co obxectivo de contribuír a divulgar esta tradición tan arraigada na Serra da Groba. Dentro desta programación ofreceranse visitas guiadas os días 3 e 10 de xuño.
O ciclo arrancou o pasado sábado 13 de maio cunha visita á Casa Forestal e un percorrido guiado polo curro da Valga e os seus arredores. Agora a actividade continuará nas xornadas previas á celebración das rapas de Torroña (que terá lugar o domingo 4 de xuño) e Mougás (o domingo 11 de xuño).
O sábado 3 de xuño (véspera do curro de Torroña) celebrarase unha visita guiada á exposición temporal “Arredor do curro” que acolle actualmente a Casa Forestal. A continuación sairase en paseo guiado ata o propio curro de Torroña, pasando por A Portela e Xiguente. A actividade comezará ás 18.30 horas e ten como obxectivo divulgar e poñer en valor os valores patrimoniais do curro e dos diferentes espazos por onde pasa a ruta (patrimonio arqueolóxico, etnográfico, lendas, etc).
O sábado 10 de xuño (día previo á celebración do curro de Mougás) farase unha actividade semellante ás anteriores. Neste caso, a visita a exposición da Casa Forestal desenvolverase ás 17.00 horas e, posteriormente, ás 18.30 horas farase un paseo guiado polas inmediacións do curro de Mougás baixo a temática “cabalos, curros e historia local”.
Para participar nas actividades, de balde pero con prazas limitadas, cómpre inscribirse previamente no número de teléfono 677.78.32.96.
A Casa Forestal de Oia, edificio de gran valor histórico e patrimonial por tratarse da primeira construída en Galicia, vén de ser rehabilitada pola comunidade de montes de Santa María de Oia co obxectivo de poñer en marcha un centro de interpretación da Serra da Groba. Despois do acto inaugural celebrado o pasado 13 de maio, arranca a súa programación cun ciclo dedicado aos curros.