Martes, 22 Xullo de 2025

Fernández-Tapias supervisa as obras de ampliación do IES Salvaterra de Miño que contan cun investimento de 587.000 euros

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, cifrou hoxe en máis de 3,1 millóns de euros as obras en execución en un total de nove centros de ensino público da área territorial de Vigo. A representante autonómica fixo estas declaracións coincidindo cunha visita ás obras de ampliación do IES Salvaterra do Miño, xunto á alcaldesa Marta Valcárcel, e acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, e parte do equipo directivo docente deste centro.

Respecto á intervención neste IES que, segundo detallou Fernández-Tapias permitirá ao alumnado do ciclo formativo de madeira, moble e cortiza realizar as clases prácticas nas instalacións do propio centro, consiste na reforma dun espazo residual baixo a pista do ximnasio para convertelo en aula-taller. Unha actuación coa que, dixo, cúmprese co novo programa de necesidades, habilitando 240 metros cadrados para esta ensinanza que ata o de agora impartíase nunha nave alugada no polígono industrial.

A distribución completarase con outras actuacións como o acceso deste taller á zona de vestiarios, a través dunha escaleira que salve a cota existente, e un vestíbulo previo de separación que permitirá a comunicación co exterior.

Asemade, o proxecto contempla no exterior melloras de mobilidade con dos ramplas que permiten a creación de itinerarios accesibles. A primeira delas unirá o nivel de acceso ao centro coas pistas e vestiarios do ximnasio. A segunda proxéctase para resolver o acceso ao taller e se completa con outra destinada a vehículos para facilitar a carga e descarga destinada a nova aula.

Esta última rampla, tal e como explicaron os técnicos durante a visita, obriga a unha nova delimitación da pista deportiva que se atopa entre ambas ramplas aproveitando parte da existente e completando a pavimentación da zona reformada.

Xa por último, se levantará e reporá tamén o pavimento nas zonas empedradas para drenar e compactar o terreo.

CEIP Infante Felipe

Tras a visita ao IES Salvaterra, a delegada xunto á alcaldesa e o xefe territorial desprazáronse ao CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón onde puideron comprobar o remate da construción do novo patio cuberto exterior ao que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou preto de 43.700 euros.

Xunta e Concello de Mondariz-Balneario colaborarán na recuperación da Fonte de Troncoso

A Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz Balneario colaborarán na recuperación e rehabilitación da Fonte de Troncoso, un ben catalogado e protexido que conta con importantes problemas de conservación. Así o anunciaron hoxe nunha visita o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde da localidade, José Antonio Lorenzo, á que tamén acudiu a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Mª Luisa Piñeiro.

O conxunto, proxectado polo arquitecto galego Antonio Palacios a comezos do século XX, acaba de ser cedido ao Concello de Mondariz-Balneario por decisión xudicial e presenta un estado moi deteriorado, o que fai preciso intervir sobre ela. Cómpre salientar que a Plataforma SOS Fonte de Troncoso levaba tempo pedindo a súa recuperación. Sen ese traballo, a Fonte de Troncoso sería hoxe un ben esquecido e chamado a desaparecer.

Agora, ambas institucións colaborarán xuntas para recuperar este conxunto e poñer en valor o legado de Antonio Palacios, o arquitecto do Porriño que conta con numerosas obras tanto en Galicia, como no resto de España.

Durante a súa visita, o titular de Cultura da Xunta subliñou o valor patrimonial da Fonte de Troncoso e asegurou que apostar pola súa recuperación “supoñe tamén poñer en valor o legado do arquitecto Antonio Palacios, un dos grandes nomes da arquitectura que superou as fronteiras do seu Porriño natal e de Galicia cara a capital de España, onde deixou unha profunda e recoñecida pegada creativa”.

Reforzo dun 19 % en patrimonio nos orzamentos de 2021

Esta actuación enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa conservación, restauración e rehabilitación do patrimonio cultural galego. No caso da provincia de Pontevedra, o Goberno autonómico ten en marcha preto de 15 actuacións entre as que se inclúen as obras de na igrexa de Santa María a Maior de Pontevedra, a restauración do Mosteiro de Santa María de Oia, a actuación en Santo Estevo de Negros (Redondela) ou na Catedral de Tui, entre outras.

Este compromiso reflíctese tamén nos orzamentos do vindeiro ano, onde a partida para actuacións de conservación e restauración do Goberno autonómico se incrementa nun 19%.

Ponteareas sitúase no nivel básico de restricións e Redondela baixa ao nivel medio alto

O comité clínico da Consellería de Sanidade que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de hoxe pola tarde, suavizar as medidas restritivas nos concellos de Lugo, Ponteareas e Rodeiro, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade. Igualmente, o comité acordou que Redondela pase ao nivel medio alto, deixando polo tanto o nivel máximo no que estaba ata o de agora. Xunto con Redondela, pasan a este nivel medio-alto Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal.

Doutra banda, pasan ao nivel máximo de restricións os concellos de Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia e Lousame. Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Cualedro forman un perímetro conxunto. O mesmo que fan Noia e Lousame.

Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de concellos con vixilancia especial a Val do Dubra, Vedra, Padrón e Rois.

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de mañá martes e entrarán en vigor ás 00:00 horas do mércores.

Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.

Mañá martes a Consellería de Sanidade informará da actualización de medidas do fin de ano para Galicia.

Comeza o obradoiro de emprego ‘Coidar de nós III’ que formará a vinte persoas desempregadas de Ponteareas e As Neves

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de activar a nova quenda de obradoiros duais de emprego na provincia de Pontevedra, que contará con ata 14 destas actividades, coa posta en marcha da iniciativa laboral Coidar de Nós III, que formará a vinte desempregados dos concellos de Ponteareas e As Neves grazas a un investimento de 346.946 €.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, asistiu esta mañá ao seu acto de inauguración, celebrado no Centro de Desenvolvemento Local de Lomba do Cruceiro, e destacou a “forte aposta do Goberno galego pola formación, a inserción e o traballo” en ambos municipios, que veñen de clausurar este mesmo mes a segunda edición deste obradoiro, e nas bisbarras do Condado e A Paradanta.

Nesta zona desenvolveranse tres obradoiros duais, xa que ao compartido por Ponteareas e As Neves uniranse Coidando entre Todos/as para os concellos de Mondariz e Covelo, cuxa inauguración está prevista para este mércores, e Salvaterra Emprega. En total, serán tres iniciativas laborais cun investimento de 1,04 millóns de euros que formarán e mellorarán a empregabilidade de sesenta participantes.

A representante autonómica, que estivo acompañada no acto de apertura pola alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández, e polo rexedor das Neves, Xosé Rodríguez, animou aos participantes a “aproveitar esta oportunidade e desenvolver un bo labor de aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021”.

O obradoiro de emprego Coidar de Nós III manterá o mesmo esquema que a súa edición precedente cos módulos -con dez participantes cada un- de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e Institucións e Repoboación Forestal e Tratamento Silvícola, que terán nove meses de duración e complementaranse con ensinanzas en materias como prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras. Ademais, os alumnos-traballadores disporán da posibilidade, ao seu remate, de optar a contratos de prácticas por espazo de tres meses en empresas da zona para completar a súa formación e facer unha toma de contacto no mercado laboral en torno aos seus oficios.

En total, a Consellería de Emprego e Igualdade concedeu un total de 22 obradoiros duais de emprego no período 2020-2021 para a provincia de Pontevedra, dos que oito son para mozos e mozas e están orientados exclusivamente a desempregados de ata 30 anos de idade, cun investimento global próximo aos 7,5 millóns de euros.

Un ouro, unha prata e tres bronces para os deportistas do Badminton Tui no TTR Sub13-Sub17-V Torneo de Nadal Deputación de Pontevedra

As instalacións do IES San Paio acolleron esta semana o TTR SUB13 Sub17 – V Torneo de Nadal Deputación de Pontevedra, organizado polo Badminton Tui, e no que participaron clubs de toda Galicia e tamén de Asturias.

A competición dividiuse en dúas xornadas. O sábado competían as e os deportistas da categoría Sub13 mentres que o domingo o facían os da categoría Sub17

[su_image_carousel source=”media: 27815,27814,27812″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Badminton Tui pechou a competición cun ouro de Lía.Salvado e Roque Fernández en Dobres Mixtos Sub13; unha prata de Bruno Fernández y Miguel González en Dobres Masculinos Sub17; e tres bronces, os de Lía Salvado en Individual Feminino Sub13; Sonia Navas e Andrea Pérez en Dobres Feminino Sub17 e Jessica Santos e Daniela Sanz en Dobres Feminino Sub17

Este torneo pecha o que o Badminton Tui cualifica de “estraño 2020” e a minitempada de setembro-decembro. A partir do mes de xaneiro, comezarase co novo sistema de tempadas xaneiro-decembro.

Reparacións e mantemento en edificios municipais de Arbo

0

Á vista do expediente que se tramitou ante a Vicepresidencia, Administración Públicas e Xustiza, ao abeiro da Orde de 12 de decembro de 2019 o  Concello de Arbo, acaba de recibir unha achega para  a actuación “Reparación e mantemento en Museo Arabo e Centro Multiusos”,  cun orzamento total de 39.999,05 € (IVE do 21% incluído).

Con dita actuación solicionou problemas nos edificios municipais Centro Multiusos e o Museo Arabo,  o Museo Arabo, preténdese e emendaronse  os distintos problemas existentes centrados fundamentalmente na cuberta da edificación, ocos de fachada e soportais laterais, así como os problemas causados pola entrada de auga nas distintas dependencia, mentres que no Auditorio emendaranse os distintos problemas existentes, ademais de mellorar as instalacións de vídeo, electricidade e iluminación.

As obras serán realizadas por unha empresa construtora de Arbo o igual que as ultimas contratadas por esta admnistración.

O Concello de Arbo traballa na adxudicación destas obras as empresas locais para reactiva a economía local, tal é como esta reflexado do Plan de reactivación do Eixo Social, Sectores Turísticos, Comercio Local e Tecido Empresarial de Arbo fronte aos efectos derivados da Covid-19, seguindo priorizando as empresas locais da construcción para as obras municipais.

O Concello de Arbo, seguira realizando obras e priorizando as compras e os servizos a empresa local, según a demanda dos veciños e veciñas de Arbo para mellorar a vida dos arbenses- informa o rexedor Horacio Gil

A construción ten un efecto na economía local, pola creación de emprego e o fomento de actividade noutros aledaños, e esta dentro do Plan de reactivación do Eixo Social, Sectores Turísticos, Comercio Local e Tecido Empresarial de Arbo fronte aos efectos derivados da COVID-19 redactado por este goberno e coordinado polas empresas interesadas neste sector, a contratación de empresas locais de Arbo, informa o alcalde. O Concello dende a chegada deste goberno sempre priorizou as compras e a contratación na empresa local, co obxetivo de impulsar todos os sectores da construción, servizos, turísticos… que son as principais fontes de emprego en Arbo- remata o rexedor

Nos vindeiros días, o Concello de Arbo,  reabrira as visitas ao Museo Arabo, para seguir promocionando os viños, a Lamprea e todos os recursos naturais que este municipio ofrece aos visitantes.

As visitas ao Museo serán realizadas con cita previa e seguindo as recomendacións sanitarias e con todas as medidas hixiénico sanitarias obrigatorias para a apertura destes edificios.

O Concello de Nigrán solicita a Portos de Galicia queu repare con urxencia a iluminación do porto pesqueiro de Panxón

0

O Concello de Nigrán pedíu a pasada semana oficialmente á Xunta, a través do alcalde, que repare con urxencia a iluminación do porto pesqueiro de Panxón ou permita actuar ao consistorio, xa que os mariñeiros e demais usuarios levan unha semana traballando totalmente a escuras co perigo que iso conleva.

“Desafortunadamente, o Concello non ten autorización para intervir no porto pesqueiro porque é un espazo competencia de Portos da Xunta de Galicia, polo que xa me dirixín persoalmente a súa presidenta Susana Lenguas para transmitir a urxencia da súa reparación”, sinala Juan González, quen agarda que a petición sexa tratada coa máxima dilixencia.

Asínase a acta de replanteo da obra de rehabilitación do antigo edificio do Concello de Salvaterra como nova biblioteca

A pasada semana asinábase  dentro do antigo edificio do Concello de Salvaterra de Miño, por parte da Xunta de Galicia e os técnicos, a acta de replanteo da obra de rehabilitación para a creación da nova Biblioteca Pública, que comezará en breve.

Esta obra executarase a través do “Plan Hurbe” 2019-2020  da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e o Concello de Salvaterra de Miño que fará a súa aportación a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, cun prazo de execución de 9 meses.

As obras principais serán o acondicionamento do espazo interior da antiga edificación do Concello, dotando ao edificio de todas as esixencias coa demolición e creación de novas escaleiras, a instalación dun ascensor, substitución do forxado da primeira planta e do pavimento,  dos revestimentos actuais, tabiquería divisoria  e do falso teito que permitirá crear un espazo dinámico e adaptado as necesidades actuais da poboación do municipio.

A  biblioteca pretende dar resposta á nova demanda, creando unha zona específica para os máis cativos na primeira planta que permitirá adaptar as actividades que se realizan dun xeito máis dinámico e interactivo cos nenos e nenas a través de obradoiros e outras actividades.  Nesa mesma planta irá ubicada a zona de consulta tanto de libros como de informática.  O segundo andar estará reservado a zona de estudo e contará cunha sala independente que permita preparar presentacións e traballos en grupo.

A Xunta publica no DOG o decreto de expropiacións para reforzar a seguridade viaria na estrada PO-403 en Ponteareas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes da estrada PO-403 ao seu paso polo concello de Ponteareas.

O orzamento destinado polo Goberno galego a este proxecto rolda os 650.000 euros, nos que se inclúen os preto de 61.000 euros para o pagamento das expropiacións dos 24 predios necesarios para executar esta actuación.  No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/m6rhq.

Esta intervención enmárcase na estratexia do Goberno galego para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica. Os traballos comprenden un tramo de 1,6 quilómetros de lonxitude, desde o punto quilométrico 8+600, despois do enlace coa autovía das Rías Baixas, a A-52, e o final da travesía de Angoares, no punto quilométrico 10+200.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá á convocatoria do levantamento de actas previas e á licitación das obras no primeiro trimestre de 2021. Os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses.

As intervencións proxectadas polo departamento de Infraestrutura da Xunta teñen como principais obxectivos a mellora e reordenación das interseccións con maior accidentalidade, mediante a execución de cuñas de desaceleración ou aceleración, que faciliten os movementos de saída e incorporación á estrada autonómica para evitar a probabilidade de alcance e incrementar a visibilidade.

Nas obras prevese, tamén, a creación de puntos específicos para realizar os xiros á esquerda e cambios de sentido con suficiente visibilidade, o que permitirá ademais reordenar outras interseccións próximas, limitando xiros que non se realizan actualmente nas condicións desexables de visibilidade.

Con esta intervención tamén se mellorará a seguridade nos pasos de peóns, establecendo medidas que garantan a súa visibilidade, mediante a restrición do aparcadoiro nas súas aproximacións ou a ampliación da beirarrúas no paso de peóns.

Principais actuacións

Máis en concreto, as principais actuacións proxectadas inclúen a mellora da intersección actual no punto quilométrico 8+860, coa creación dunha semiglorieta para un cambio de sentido, e a execución dunha glorieta no punto 9+380 para calmar o tráfico e reordenar as saídas próximas.

A actuación incorpora, ademais, as achegas presentadas ao proxecto inicial e inclúe a ampliación das beirarrúas, desde o punto quilométrico 9+210 ata a nova glorieta no punto 9+380, para completar un itinerario peonil continuo polas dúas marxes da estrada no treito obxecto da actuación. Esta intervención tamén atende á solicitude para mellorar a seguridade peonil coa protección do paso de peóns no punto quilométrico 9+160.

A intervención completarase coa actuación na intersección da PO-403, no punto quilométrico 9+920, mellorando a súa visibilidade coa execución de cuñas de cambio de velocidade e dun carril central.

Nigrán aproba o proxecto para crear o seu primeiro parque forestal ‘Río Matos-Táboas’ tras recibir o último informe sectorial

0

O goberno de Nigrán aprobou o proxecto para crear o primeiro parque forestal da comarca, situado na zona do Río Matos – Táboas (no monte comunal das parroquias de Camos e Chandebrito) despois de 20 meses de espera polo informe sectorial favorable da Axencia Galega de Infraestruturas. A redacción do proxecto foi financiada ao 100% pola Deputación de Pontevedra e contempla un investimento por parte do consistorio de 404.189 € dos que o organismo provincial concedeu tamén unha subvención de 42.670 € para a primeira fase de execución (valorada en 200.153 €).

“Contabamos desde o ano pasado con todos os informes sectoriais favorables, Augas, Seguridade Aeronáutica, Patrimonio… e non foi ata o 22 de outubro que, tras insistir desde o Concello, a AXI nos informou 20 meses despois  favorablemente ao estar os terreos afectados pola autoestrada AG-57. Agora ao fin temos o expediente listo para licitar no que será o posiblemente o máis ambicioso proxecto medioambiental da comarca”, explica o alcalde, Juan González.

Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubicarase en 42 hectáreas de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e cedidas ao Concello por un prazo de 5 anos. O obxectivo do Concello de Nigrán e das dúas Comunidades de Montes é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados.

“Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, queremos por en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, o parque servirá de protección aos núcleos de poboación máis próximos”, resume o rexedor.

De cara a ter finalizado o parque en dous anos, o Concello de Nigrán plantexa a realización e financiación do mesmo en dúas fases, adicando o primeiro ano fundamentalmente á erradicación completa das especies invasoras (constituída fundamentalmente por eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións e, unha segunda fase á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos…

O grave incendio de 2017 asolou todo este espazo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións realizadas de coníferas e frondosas. Actualmente está cortada practicamente toda a madeira que se queimou e o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que grazas á pronta intervención humana se recupere o bosque autóctono galego  propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a manter un microclima húmido coa restauración da cuberta arbórea.

O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento; acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo); medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…)

Os traballos para recuperar a fraga arrancarán coa eliminación das especies invasoras, corta das árbores queimadas, roza manual da matogueira, tratamentos silvícolas nas frondosas existentes e replantación das mesmas. Na parte central do parque, en 6,5 ha, contémplase un arboreto representativo dos bosques galegos con carballos, cerquiños, acivros, castiñeiros, loureiros e sobreiras. Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos productivos estarán tamén presentes para eliminar a producción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de producción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobles.

A Xunta remata os traballos de sinalización de rutas ciclistas protexidas en máis de 600 km de estradas autonómicas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar os traballos de sinalización de rutas ciclistas protexidas en máis de 600 quilómetros de estradas autonómicas de Galicia.

Esta intervención, que se enmarca no Plan de Seguridade Viaria da Xunta, contou cun investimento superior aos 180.000 euros.

En total, actuouse en 10 percorridos das estradas autonómicas das catro provincias, coa instalación de máis de 300 sinais e paneis para que os condutores estean alerta da presenza dos ciclistas.

Na provincia da Coruña, instaláronse sinais en rutas ao seu paso por concellos como Santiago, Ames, Brión, Noia, Porto do Son, Ribeira, Padrón, Arzúa, Oleiros, Betanzos ou Abegondo, entre outros.

En Lugo, sinalizáronse rutas nos municipios de Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Vilalba ou Xermade.

En Ourense, as actuacións acometéronse en vías autonómicas nos concellos de Ribadavia, Maceda, Castrelo de Miño, Toén, Barbadás, Ourense, Leiro, Cenlle ou O Carballiño.

Na provincia de Pontevedra, os sinais colocáronse en estradas de concellos como Poio, Sanxenxo, O Grove, O Porriño, Vigo, Baiona, Oia, O Rosal ou Tui.

Máis seguridade

O obxectivo destas intervencións é incrementar a seguridade nas rutas habituais dos ciclistas deportivos, colectivo que precisa de características diferenciais no uso das estradas.

Os ciclistas deportivos circulan a unha velocidade moito maior, polo que teñen que desprazarse pola calzada, preferentemente pola beiravía.

Estas circunstancias do colectivo provocan situacións de maior vulnerabilidade nos seus desprazamentos, polo que a Xunta reforza a súa protección coa realización de actuacións como estas de sinalización e alerta aos condutores.

No seguinte mapa amósanse as zonas onde se colocou a sinalización das rutas ciclistas protexidas:

A mocidade tomiñesa organiza un Nadal solidario

0

Nun Nadal atípico e complicado como o que nos tocou vivir este ano, o colectivo Voces Novas, Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, estivo traballando arreo ultimamente en varias iniciativas para conmemorar estas festas, onde tiveron claro que o importante era non deixar a ninguén atrás.

Durante as últimas semanas organizaron nos distintos centros escolares a redación e o envío de postais ás persoas maiores do Concello que viven soas ou en residencias de anciáns —As postais dirixidas aos usuarios das residencias foron entregadas polos propios nenos e nenas—, para que se sintan arroupados nestas datas tan sinaladas e saiban que a mocidade tomiñesa non se esquece deles.

Desde o colectivo tamén se encargaron de crear multitude de adornos natalicios que engalanaron a Praza do Seixo e o Mercado de Tomiño, onde participou tamén o alumnado de todos os centros de ensino do municipio. Desde a Concellería de Mocidade e Participación Infantil queren agradecer enormemente aos centros a súa implicación e esforzo nesta iniciativa. Na creación da decoración tamén participou o alumnado do programa EncáixaT, organizado polo Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF), que se encargou de facer unhas tabliñas de madeira con felicitacións natalicias para decorar os centros de ensino e a Praza do Seixo.

A mocidade de Voces Novas tamén instalou no Mercado Municipal unha árbore dos desexos, no que as persoas poden pendurar nas súas pólas os seus desexos para o vindeiro ano. Entre as peticións máis destacadas, aos clásicos como saúde ou traballo este ano sumouse tamén o desexo de que a pandemia non demore en acabar, para poder volver a abrazar aos seres queridos. A árbore tamén está pensada para ser un punto de intercambio de ilusións e sorpresas. As persoas poden deixar ao seu pé unha cousa que xa non queiran e que pensen que lle pode gustar a alguén e coller no seu lugar algo que deixase outra persoa.

Outra das iniciativas do grupo que se levará a cabo este Nadal é a realización dun “autocine” o vindeiro 2 de xaneiro ás 20:00 horas, na rúa Daniel Calzado, onde se proxectará o filme “Solo en Casa”. A intención é poder desfrutar do cinema natalicio en compañía creando un espazo de seguridade para todos e todas.

A Deputación inicia hoxe o reparto de outras 54.000 máscaras nos concellos da provincia e acada a cifra total de 266.500 dende o comezo da pandemia

Os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia recibirán desde este luns un total de 54.000 novas máscaras cirúrxicas nun operativo coordinado pola Deputación de Pontevedra no marco do acordo de colaboración institucional coa Subdelegación do Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para facer chegar o material de protección aos colectivos máis vulnerables. As máscaras repártense con criterios obxectivos en función da poboación, como se vén facendo dende o comezo da pandemia.

Con esta son xa catro as reparticións de máscaras efectuadas pola Deputación, totalizando un total de 266.500 unidades. En concreto, a institución provincial achegou unha primeira remesa de 57.000 máscaras en maio, unha segunda de 97.500 en setembro e unha terceira de 58.000 en novembro gracias a este plan de cooperación institucional.

A Deputación enviou unha nova carta aos alcaldes e alcaldesas da provincia para informarlles da chegada deste novo envío destacando que o material está destinado “aos colectivos máis vulnerables do voso territorio”, xunto a operarios de limpeza e residuos sólidos, traballadores/as sociais e policías locais. Ademais explica os criterios de reparto, que consisten en asignar 500 unidades aos concellos de menos de 3.000 habitantes, 800 aos que teñen ata 5.000 habitantes, 1.100 aos que contan con ata 10.000 habitantes, 1.550 aos de menos de 15.000 habitantes e, finalmente, 1.650 unidades aos concellos de ata 20.000 habitantes. As caixas, co material correspondente a cada concello, xa están preparadas e listas para o transporte que se fará, directamente, ata as casas do concello ou lugares que indique a persoa responsable de recibilas.

O envío forma parte do “paquete” de 17 millóns de máscaras cirúrxicas que o Goberno de España pon este mes de decembro a disposición das Entidades Locais, no marco do acordo coa FEMP, así como coas ONG e entidades sociais que loitan en primeira fila contra a pandemia. Sumadas ás xa entregadas no que vai de ano, supoñen xa un total de 55,5 millóns de máscaras repartidas polo Goberno de España, das que as entidades locais españolas (concellos, deputacións, cabildos e consells insulares) recibiron 33,4 millóns, mentres que as ONG acadaron outros 22,1 millóns de unidades.

CEIP Plurilíngüe de Tui e CEEspecial de Panxón, entre os oito centros galardoados polo seu traballo a prol da diversidade e inclusión educativa

A Xunta de Galicia acaba de recoñecer o traballo de oito centros educativos galegos co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2020, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Este galardón ten como obxectivo impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas de inclusión que se realizan nos centros docentes así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos.

Na categoría A, destinada a educación infantil e educación primaria, o primeiro premio é para o CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui (Tui), o segundo para o CEIP Valle Inclán (Vigo) e o terceiro para o CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela). O Centro de Educación Especial (CEE) de Panxón (Nigrán) obtén o accésit.

No caso da categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial; o IES Xograr Afonso Gómez (Sarria) recibe o 1º premio, o IES Valadares (Vigo) o 2º e o CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela) o 3º. O accésit é para o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña).

Os centros galardoados co primeiro premio recibirán 5.000 €, os que obtiveron o segundo 2.500 € e os do terceiro1.000 €, mentres que os do accésit recibirán 500 €. Ademais, os centros premiados co primeiro premio obteñen o distintivo de Centro Educativo Inclusivo.

A comisión de selección valorou as boas prácticas realizadas a través da memoria presentada xunto coa solicitude de participación, tendo en conta aspectos como a calidade das accións, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, a repercusión no proceso de ensino-aprendizaxe, a avaliación das accións, ou a súa repercusión a nivel de centro. Nun momento como o actual, de excepcionalidade motivado polo estado de pandemia, préstase tamén especial atención ao fomento da cultura inclusiva durante a suspensión da actividade lectiva presencial e a realización da actividade educativa a distancia.

As iniciativas premiadas poderán ser difundidas pola Consellería como boas prácticas de inclusión educativa, co fin de promover unha escola que compense as desigualdades, na que se axusten as intervencións educativas e o currículo á diversidade do alumnado e, en definitiva, unha educación que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornos e culturas inclusivas.

‘Fame de experiencias’ pecha o seu paso polo circuíto de festivais internacionais de vídeo turístico da CIFTT con 12 premios e votos dende 41 países

O destino Pontevedra Provincia deu en 2020 un gran paso adiante na súa proxección internacional tralo exitoso percorrido de ‘Fame de Experiencias’ polos festivais que compoñen o circuíto do Committee of Tourism Film Festivals (CIFFT), a cita máis prestixiosa do mundo na industria do marketing de vídeos de viaxes. A propia participación neste circuíto ten un efecto multiplicador na difusión do destino ao chegar ao público internacional que é, precisamente, un dos grandes retos que se marcou a Deputación de Pontevedra no Plan Estratéxico de Turismo.

O vídeo da Deputación que rende homenaxe ás produtoras e produtores da provincia, producido por Esmerarte Industrias Creativas, recibiu premios en 11 festivais da rede, unha traxectoria que coroou co título de Mellor Película de Produto Turístico do Mundo no World’s Best Film Award da CIFFT. A este impresionante palmarés súmase un décimo terceiro galardón internacional ao lograr a distinción como Mellor Película de Promoción de Produto Turístico Español no FITUR Travel Film 2020, neste caso alleo ao circuíto da CIFFT. Ademais ‘Fame de Experiencias’ obtivo votos desde 41 países na votación popular que convoca a CIFFT para entregar o People’s Choice Award, no que é o público o que elixe as cintas gañadoras. ‘Hunger for Experiences’ acadou as 28.000 visualizacións na rede social Vimeo, desde a que podía visualizarse para votar.

O Grand Prix da CIFFT constitúe un importante apoio para potenciar a marca dos destinos turísticos que presentan os seus traballos á rede de festivais. O seu impacto alcanza a 250 millóns de persoas de 166 países e os contidos que xera nas webs superan as 325.000 páxinas vistas. Nesta Rede, “Fame de Experiencias” resultou premiado no Tour Film Fest de Bulgaria, Tourfilm RIGA de Letonia, New York TV&Film Festival (EE UU), Das Goldene Stadttor de Berlín (Alemaña), US international Film & Video Festival de Los Ángeles (EE UU); Silafest en Serbia; Terres Travel Festival de Tortosa (España), Turizm Filmleri Festival de Cappadocia (Turquía); International Tourism Film Festival de Viseu (Portugal), Amorgos Tourism Film Festival (Grecia) e Zagreb Tour Film Festival (Croacia).

Oscar do turismo

O título de Mellor Película do Mundo nos World’s Best Tourism Film Awards, os chamados Premios Oscar do Turismo, entregados este ano nunha gala celebrada desde Viena, supuxo a guinda para o percorrido internacional do vídeo da Deputación. Con este recoñecemento a provincia de Pontevedra converteuse na única do estado en obter un primeiro premio neste prestixioso evento.

Homenaxe as produtoras e produtores con grandes chefs

A película da Deputación foi o eixo central da campaña do destino turístico Pontevedra Provincia en 2019. Fame de Experiencias é unha emotiva homenaxe a todas as produtoras e produtores da provincia, que co seu esforzo diario coidan e subministran unha materia prima de excelencia que está na base da recoñecida gastronomía da provincia a nivel internacional.

O chef Pepe Solla (unha Estrela Michelín) e Amaranta Rodríguez, xefa de sala e unha das propietarias de Culler de Pau (restaurante con dúas Estrelas Michelín), poñen rostro e voz ao fío condutor á cinta, na que tamén participan outros grandes chefs con estrela como Xavi Olleros (Culler de Pau), Yayo Daporta (do restaurante que leva o seu nome), Rafa Centeno e Inés Abril (ambos de Maruja Limón). Os 3’57” da cinta mostran de preto o traballo das persoas dos sectores que cada día extraen os mellores produtos do mar e a terra na provincia.

O Concello de Arbo reparte alimentos entre as familias máis necesitadas do municipio

0

O Concello de Arbo, dada a precaria situación que viven moitas familias do municipio derivada da crise sanitaria da Covid-19, realizaou a pasada semana unha entrega de alimentos extraordinaria co motivo do Nadal. Esta iniciativa, que beneficiará a máis de 60 familias, comezou a semana pasada e articulouse desde os Servizos Sociais Básicos do Concello.

Como administración máis próxima á cidadanía, “é a que en primeira instancia debe atender aos seus habitantes, posibilitando a mellora das súas condicións de vida”, asegura o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

Alimentos non perecedoiros, produtos de limpeza e hixiene e produtos de primeira necesidade foron repartidos con cargo a fodos propios dende o Concello, dende que comezou o estado de alarma provocado polo Covid-19, e neste Nadal foron repartidos de maneira extraordinaria.

A Xunta realizou na mañá de onte un simulacro de vacinación da COVID nunha residencia da área sanitaria de Santiago

A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia realizou onte pola mañá, nunha residencia sociosanitaria da área de Santiago, un simulacro da vacinación fronte á covid. O simulacro empezou coa recepción das vacinas no almacén e, despois, na residencia sociosanitaria. Comprobouse, tamén, o funcionamento do dispositivo do rexistro do control da temperatura de cada dose.

O simulacro consistiu, así mesmo, no proceso de preparación das doses para administrar e o comezo da vacinación dos residentes, unha persoa cada cinco minutos na sala de vacinación.

Vacinación hoxe domingo

Doutra banda, a Xunta de Galicia iniciou hoxe domingo, a campaña de vacinación da Covid-19, nunha residencia sociosanitaria da área de Santiago de Compostela.

Trala confirmación ás autoridades sanitarias galegas, por parte do Ministerio de Sanidade, do envío inicial de 500 doses, a Xunta vese obrigada a variar o plan inicial previsto, no que se contemplaba a vacinación simultánea en residencias das sete áreas sanitarias da comunidade.

A segunda entrega de doses para Galicia chegará o luns, cunha cantidade aproximada de 18.000 novas doses. Con todo, estas doses non poderán empregarse até a xornada do martes, debido aos prazos que precisa a vacina para desconxelarse, e así poder subministrala.

Galicia baixa ata os 5.609 os casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.609, deles 873 son da área da Coruña, 374 da de Lugo, 540 da de Ourense, 896 da de Pontevedra, 1.226 da área de Vigo, 1.352 da de Santiago, e 348 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 58 están en UCI, 278 en unidades de hospitalización e 5.273 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 54.402 persoas curadas, rexistrándose 1.369 falecementos. O número de PCR realizadas é de 1.091.724.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Nenos e nenas de Redondela xa poden gozar dun parque infantil da Xunqueira totalmente remodelado

0

O parque infantil da Xunqueira, en Redondela, volve a estar plenamente operativo e a disposición dos seus pequenos e pequenas usuarias, logo de ser obxecto de labores de recuperación e rehabilitación de todos os elementos que o compoñen.

Así, os dous columpios dobres, os dous balancíns dobres e os tres simples, o xogo múltiple grande e o xogo múltiple de castelo e os tobogáns, foron reparados dende o seu aspecto máis visible, como poden os pintados, emplastecidos ou redebuxado dos motivos, ata aqueles que, non sendo tan visibles teñen unha especial importancia para a integridade do elemento e, polo tanto, para a súa seguridade –reposicións de parafusos, substitución de elementos estruturais danados ou taboleiros en mal estado, entre outros–.

A maiores das reparacións realizadas, recolocáronse todos os elementos redistribuíndo os espazos e, para a seguridade dos nenos e nenas, colocouse céspede artificial de 30 mm sobre o firme existente.

“Non se trataba de facer ‘un lavado de cara’, senón un traballo de recuperación e rehabilitación serio e a fondo. Non se pode esquecer que estamos a falar da seguridade dos nosos pequenos e pequenas”, afirma Alberto Álvarez, concelleiro de Parques e Xardíns.

Ponteareas incorporarase en 2021 á rede de cidades transfronteirizas do Eixo Atlántico

O Pleno da Corporación Municipal debaterá este martes a iniciativa do goberno local para aprobar a adhesión de Ponteareas á rede de cidades do Eixo Atlántico, entidade que promove a cooperación entre Galicia e o norte de Portugal. Unha vez aprobada a adhesión, Ponteareas sumarase oficialmente ao Eixo Atlántico unha vez a súa asemblea dea o visto bo.

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular naceu en 1992 coma asociación transfronteiriza de municipios que configuran o sistema urbano da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Forman parte do Eixo Atlántico preto de 40 concellos galegos e portugueses que representan unha poboación de case 7 millóns de habitantes. Entre os seus obxectivos atópanse a promoción do desenvolvemento e da cohesión económica, social e cultural das cidades que conforman a asociación. As atividades do Eixo Atlántico agrúpanse en catro grandes grupos temáticos: turismo, cultura e educación, deporte e sustentabilidade.

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, sinalou que “participar no Eixo Atlántico é o natural para un Concello coma Ponteareas, con moitísimos vínculos históricos, culturais e económicos co norte de Portugal. Queremos fortalecer o noso papel como unha das principais vilas do sur de Galicia e moi próximas a Portugal e aproveitar a nosa posición estratéxica para reforzar os lazos e as relacións económicas, sociais e culturais co país irmán”.

Represas engadíu que a adhesión se producirá nun intre crucial, pois o Eixo Atlántico definíu un plan estratéxico para a recuperación fronte á pandemia. As súas liñas de actuación van dirixidas á revitalización económica, a transición dixital, a transión verde, a cohesión social e a cultura. “Coa nosa presenza no Eixo Atlántico, Ponteareas poderá participar activamente no deseño de novas políticas e nas propostas que dende a asociación se trasladarán ao Goberno do Estado para definir o destino dos fondos de reconstrución da Unión Europea”, salientou Represas.

O alcalde engadíu que a integración no Eixo Atlántico “será un estímulo para o goberno local á hora de enfocar as súas políticas, especialmente as de desenvolvemento e promoción económica, dende a perspectiva da cooperación transfronteiriza, traballando conxuntamente con cidades de ambos os dous lados do Miño”.

Galicia rexistra un total de 5.716 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.716, deles 901 son da área da Coruña, 381 da de Lugo, 558 da de Ourense, 907 da de Pontevedra, 1.232 da área de Vigo, 1.355 da de Santiago, e 382 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 273 en unidades de hospitalización e 5.388 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 54.065 persoas curadas, rexistrándose 1.363 falecementos. O número de PCR realizadas é de 1.088.871.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

O Goberno ponteareán aclara que os datos de recadación aportados polo PP “son falsos”

O Goberno Local de Ponteareas, a través do seu concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, deu a coñecer os datos oficiais de recadación de sancións durante o ano 2020, desmentindo de plano os datos feitos públicos recentemente polo Partido Popular.

Os populares aseguraron nunha nota pública que o Concello de Ponteareas recadara “preto de 400.000 euros por sancións”, engadindo que “nos últimos meses recadouse máis de 215.000 euros en sancións a negocios de hostelaría”. Por último cifraban en 150.000 euros a recadación por sancións de tráfico.

Segundo os datos oficiais do servizo de recadación de sancións do Concello de Ponteareas no ano 2020 recadáronse por sancións alleas ás infraccións de tráfico 3.361,04 euros. Nelas inclúense ademais das multas relativas a negocios de hostalaría tamén outras como venda ambulante, limpeza viaria, venda de alcohol a menores ou tenza de animais perigosos. “Afirmar publicamente que o Concello recadou nos últimos meses máis de 215.000 euros por sancións á hostalaría cando a recadación allea ás multas de tráfico ascende a 3.361 euros é dunha gravidade extrema”, advirte Roberto Mera quen esixe aos populares “unha rectificación inmediata e pública por difundir información falsa”. Ademais, Mera esixe ao PP que aclare “en que fonte de información se basearon para dar esas cifras falsas. Deben unha explicación á cidadanía e a este Concello e agardamos que se dea en breve”.

En canto á recadación por infraccións de tráfico no ano 2020 ascende a 154.913,92 euros. Esta cifra é inferior á recadación do ano 2013, cando baixo o goberno do Partido Popular, o Concello recadou 157.229,18 euros por multas de tráfico e é moi semellante á do ano seguinte 2014 cando tamén con Salvador G. Solla como alcalde, a recadación ascendeu a 153.864,35 euros. “A recadación por multas de tráfico en 2020 está dentro do habitual nos últimos anos con gobernos de diferentes cores políticas, polo que resulta inadmisíbel que se fale de persecución á veciñanza”.

Mera sinalou que “é moi perigoso e dunha irresponsabilidade gravísima que un partido defenda aos que infrinxen as normas de convivencia. Denunciar e sancionar a aqueles que non respectan as normas non é perseguir a ninguén, é protexer os dereitos de todos os demais”, lembrou o concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá. Mera engadíu que “xa non estamos nos tempos nos que os alcaldes poñían ou quitaban multas; hoxe en día ningún político pode dar instrucións ás forzas de seguridade sobre o que deben ou non sancionar, estamos nun Estado de dereito no que os axentes actuan sometidos unicamente ao imperio da Lei e onde os cidadáns sancionados poden pedir a tutela dos tribunais se consideran inxusta unha sanción”.

Unha unidade móbil de doazón de sangue visitará o Rosal o vindeiro luns 28 de decembro

0

Unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia desprazarase de novo ata O Rosal antes de acabar o ano. O autobús estará instalado na Praza do Calvario o vindeiro luns 28 de decembro e atenderá ao público de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

Na situación actual, na que necesariamente débense establecer medidas de prevención social encamiñadas a preservar a saúde de todos e todas, todas as persoas que desexen doar sangue deberán pedir cita previa chamando ao teléfono gratuíto 900 100 828 para escalonar a afluencia axeitada e ordenada dos e das doantes, evitando esperas a aglutinacións de xente.

O Centro de Transfusión continúa extremando os protocolos de seguridade para garantir a continuidade dun servizo esencial, que permite cada día salvar vidas de moitos enfermos ingresados nos hospitais galegos. Por este motivo, en cada unidade móbil o persoal segue uns protocolos de seguridade exhaustivos, usando luvas limpas con cada doante, limpando as padiolas despois de cada doazón, utilizando material esterilizado e dun só uso con cada paciente e facendo unha limpeza profunda da zona de venopunción con dobre desinfección. Ademais, cada unidade conta con líquido desinfectante á entrada e saída do autobús para que as persoas doantes o empreguen antes de acceder á zona de revisión de saúde e despois de realizar a doazón e de tomar o refrixerio.

Aínda que o persoal do Centro de Transfusión fai unha revisión de saúde a todas as persoas que acoden a doar para garantir a seguridade dos compoñentes da sangue, recomendan que non se vaia a doar sangue se nos últimos 15 días tívose febre, tose ou problemas respiratorios. Pídese aos doantes ademais agardar un metro de separación entre persoas nas zonas de espera.

Os hospitais galegos precisan ente 400 e 500 doazóns de sangue cada día para garantir a asistencia a moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancros, leucemia, transplantes de órganos…

A Xunta impulsa a publicación dun libro sobre a importancia da Xeración Nós na arqueoloxía galega

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentaron hoxe na sede da Delegación o libro Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós impulsado polo Goberno galego en colaboración co Seminario de Estudos Galegos. Trátase dunha publicación que incide na importancia da Xeración Nós para o desenvolvemento dos estudos sobre arqueoloxía galega e que se enmarca nas actividades programadas con motivo do centenario da revista Nós.

Así, durante a presentación do volume, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou o importante papel que xogou Florentino López Cuevillas no campo da arqueoloxía galega. “As súas importantes achegas quedan reflectidas neste libro composto por nove capítulos dos cales catro están dedicados a súa figura”, afirmou. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo engadiu que tanto Museo Arqueolóxico de Ourense como o Castro de San Cibrao de Las están moi unidos ao traballo de López Cuevillas, importante investigador no campo da arqueoloxía e gran estudoso da cultura castrense en Galicia.

Estruturado en nove capítulos, o libro reflicte o movemento pioneiro da Xeración Nós non só na literatura, senón tamén no ámbito científico que orientaron cara á creación dunha conciencia real, cultural e histórica de país. O primeiro dos capítulos céntrase na Prehistoria de Galicia afondando no período que vai de o Paleolítico á Idade de Bronce. Os catro seguintes capítulos analizan á figura de Cuevillas como pioneiro do coñecemento científico sobre a cultura castrexa, investigador da prehistoria, colaborador sobre o mundo romano e etnógrafo. A continuación o volume afonda na relación da Xeración Nós coa arqueoloxía do norte de Portugal e coa investigación arqueolóxica na Coruña, en Lugo e en Pontevedra.

Exposición e nova web

O lanzamento desta publicación enmárcase nos actos impulsados pola Xunta de Galicia con motivo do centenario da Xeración Nós, unha efeméride que se vén celebrando ao longo de todo o ano co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais. Así, a programación deseñada para esta conmemoración que se alongará ata 2021 está composta por publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións entre as que se atopa a creación dunha páxina web que aglutina todos os contidos do universo Nós, https://revistanos.galiciana.gal/, ou a exposición Galicia, de Nós a nós, a gran mostra sobre a Xeración Nós que reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas procedentes de España, Francia, Alemaña e Portugal e que desde a súa inauguración, o pasado mes de outubro, xa foi visitada por máis de 10.000 persoas de xeito presencial. A esta cifra súmanse os preto de 3.000 estudantes que se achegaron ao legado de Nós a través das novas tecnoloxías grazas aos percorridos virtuais para centros educativos. En total, participaron nesta actividade 50 centros de toda a Comunidade.

Papá Noel enche de ilusión ás nenas e nenos das parroquias de Redondela

0

Os pasados 22 e 23 de decembro, Papá Noel fixo un percorrido por todas e cada unha das parroquias de Redondela, nunha iniciativa pioneira que buscaba que as nenas e nenos puidesen gozar do Nadal, independentemente do seu lugar de residencia.

Nun coche descapotable –o frío do inverno non supón impedimento algún para quen ten a súa casa no polo norte– Papá Noel parou diante das casas, falou cos nenos e nenas, entregoulles caramelos –embolsados segundo os protocolos anticovid– e escoitou esas peticións de última hora, que sempre as hai.

Os máis pequenos e pequenas, apunta a alcaldesa Digna Rivas, “tiveron que soportar un confinamento e restricións na súa vida cotiá e sempre mantiveron unha actitude exemplar, por iso queremos achegar o Nadal aos seus fogares para que poidan manter viva a ilusión por estas festas como sempre o fixeron, cheos de ilusión e ledicia”.

Nunha crise sanitaria sen precedentes e que debuxa novas formas de facer as cousas, hai que reinventarse e cambiar as formas para manter o fondo. De aí que o Concello de Redondela busque achegar o Nadal e Papá Noel aos nenos e nenas dos núcleos parroquiais. “Evitamos dese xeito que as e os máis peques teñan que desprazarse e saír da súa contorna habitual e, ao mesmo tempo, evítanse aglomeracións á hora de ver a Papá Noel nos núcleos urbanos como Chapela e Redondela”, explica o Goberno local.

Por outra parte, Papá Noel estivo onte na Alameda Rosalía de Castro de Chapela e durante a mañá de hoxe, 24 de decembro, recibiu a visita das nenas e nenos pola mañá e pola tarde.

Tomiño presenta unha programación cultural de Nadal para gozar en familia con seguridade

0

Nestas datas festivas de gran importancia para todos e todas é importante que as nenas e nenos poidan desfrutar do Nadal, pero tamén é importante continuar extremando as precaucións nun contexto no que a pandemia continúa presente no noso día a día. É por iso polo que o Concello de Tomiño decidiu enfocar a súa programación de Nadal pensando nos máis cativos e cativas, para que poidan celebrar estas festas en espazos seguros nos que a precaución e o mais estrito cumprimento das normas de seguridade sexan o prioritario.

AS VIAXES DE PAIO E AURELIO, de Oviravai, o sábado 26 de decembro ás 17.30h no auditorio de Goián.

Espectáculo de música infantil no que a través das vivencias de Paio e Aurelio, un teixugo molón e un oso polar, iremos de viaxe ata o Polo Norte. A trama narra como Paio coñece ao oso Aurelio viaxando por Europa, como nace a súa amizade e como se axudan nos momentos difíciles. Todo isto dentro dun contexto de respecto absoluto a valores fundamentais como a natureza, a cultura, a reciclaxe, a amizade, o esforzo e o amor pola lingua.

CANTA, MIÑA PEDRA, CANTA de Xoán Curiel e Charo Pita, o luns 28 de decembro ás 11.30h na Praza do Seixo (en caso de choiva na primeira planta do Mercado Municipal). Todos os nenos e nenas asistentes serán agasallados cun libro da Editorial Galaxia.

Neste espectáculo musical, teatral e de narración oral, con elementos de participación activa, o actor e músico Xoán Curiel crea cancións propias e pon música ás cantigas recollidas polo autor, namentres que a actriz e contadora Charo Pita conta contos populares tamén de recollida do noso patrimonio inmaterial.

Os dous artistas fan un tándem en escena nunha proposta teatral infantil e para toda a familia.

Para rematar o ano 2020 o apalpador percorrerá as rúas de Tomiño para rematar no Mercado Municipal o 31 de decembro ás 12:00h e desexarnos un aninovo cheo de felicidade e comida. Este personaxe vive nas montañas do Courel e dos Ancares e o 24 e 31 de decembro percorre as vilas de toda Galiza para apalpar as barriguiñas e ver se nenos e nenas comeron o suficiente. Agasalla castañas e regalos de madeira.

Para comezar o novo ano 2021 temos AUTOCINE: o clásico de Nadal “SOLO EN CASA”, o sábado 2 de xaneiro ás 20h na rúa Daniel Calzado. Mentres que nunha sala de cinema tradicional o espazo destinado ao estacionamento de vehículos e o auditorio atópanse fisicamente separados, esta modalidade de proxección consiste en unilos: a experiencia cinematográfica vívese dende o interior do vehículo. Esta actividade foi solicitada polos mozos e mozas de Voces Novas, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, petición que foi atendida polas concellerías de Mocidade e Cultura.

EN TODAS AS ACTIVIDADES é preciso reserva previa de entrada chamando ao teléfono 986622001 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

O Concello conta cun novo remolque cisterna para o servizo de Vías e Obras

0

O Concello do Rosal conta xa cunha nova incorporación no seu parque de vehículos. O municipio acaba de adquirir un remolque cisterna para desempregar diferentes tarefas no servizo de Vías e Obras, un camión cun custo total de case 15.000 euros subvencionados a cargo do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.

Este novo remolque cisterna ten unha capacidade de 4.000 litros e está equipado con depresor e bomba centrífuga para presión, bésta lanza para amortecer, eixo con freo hidráulico, dúas saídas para máquina a presión, dous enroladores de mangueira, transmisión, unha mangueira de carga e esparexedor.

Con esta nova adquisición o Concello do Rosal continúa coa renovación do seu parque móbil de vehículos, incorporando outros novos para mellorar a atención dos distintos servizos públicos  e actualizando algúns dos vehículos cos que contaba, como unha furgoneta que se empregaba tamén no servizo de Vías e Obras con máis de 20 anos de antigüidade e que sufría constantes avarías.

ADEGA aposta “Por un Nadal máis verde”

ADEGA achega unha serie de consellos para que este Nadal sexa máis ecolóxico que nunca, por iso, publican un manual “Por un Nadal máis verde” de Fogares Verdes, onde veñen todos os consellos ampliados. Pódense consultar en http://www.adega.gal/media/documentos/0nadalverde.pdf

As principais recomendacións que dan son as seguintes:

  • Pregúntate se realmente o consumo que vas facer é importante, se o precisas ou satisfará algunha necesidade real, ou se pola contra só estás sendo unha vítima das festas.
  • Infórmate sobre as repercusións ambientais e sociais dos produtos que vas mercar.
  • Pescuda se tes alternativas ecolóxicas, de comercio xusto ou artesanais na túa localidade.
  • Pensa na calidade dos produtos: que sexan máis baratos pode supoñerche un aforro a curto prazo, pero tamén pode implicar explotación laboral, contaminación, enfermidades, etc. no proceso de elaboración. Inviste en benestar e en calidade antes
    que en cantidade.
  • Evita produtos e agasallos superfluos, trangalladas envolvidas nun papel bonito, que simplemente resolven o trámite de cumprir co agasallado.

Tamén se indican unha serie de actuacións:

  • Planifica a compra e calcula ben a comida que vas precisar. Se tes algunha sobra conxélaa e aprovéitaa para outra ocasión.
  • Tenta consumir produtos da localidade, frescos e de tempada, e, a poder ser, gastronomía tradicional: contribuirás a manter o medio e tamén a túa cultura.
  • Foxe de cultivos tropicais insustentables como os langostinos ou os ananás: os primeiros críanse en granxas que están a devorar os manglesais (ecosistemas de grande valor); as segundas proceden de monocultivos que aos poucos anos deixan a terra estéril.
  • Para os alimentos que non teñen produción local, opta polos de comercio xusto: cacao, especias, café, etc.
  • Aproveita estas datas e fai as túas propias comidas: recupera as receitas da avoa, experimenta con novos sabores…
  • Evita os produtos excesivamente envasados e que veñan de lonxe: evitarás residuos e emisións de CO2.

A Deputación estrea esta Noiteboa un Nadal de teatro na casa co programa “Prendendo butacas”

Gozar da maxia do teatro sen moverse de casa. Esa é a proposta que a  Deputación de Pontevedra ofrece durante estas festas do Nadal coas funcións virtuais do programa “Prendendo Butacas na Casa”, que arrancan este xoves, día de Noiteboa, e se prolongarán ata o domingo 3 de xaneiro. Son oito as representacións previstas a cargo doutras tantas compañías, fundamentalmente da provincia pontevedresa, que se retransmitirán vía streaming na web da institución provincial (www.depo.gal)  desde as 10 da mañá de cada xornada e durante as 24 horas seguintes.

“Prendendo Butacas na Casa” supón a adaptación do programa “Prendendo Butacas”, que a Deputación tiña previsto desenvolver no outono con funcións nos teatros de diversos concellos da provincia, dentro do seu plan para a “Re-acción Cultural” tralo confinamento pola Covid. As recentes restricións derivadas da pandemia obrigaron a reformular a iniciativa cara ao formato virtual. Deste xeito, a Deputación decidiu non apagar as luces e levar o teatro ás casas das máis de 950.000 persoas que viven na provincia, que nestas xornadas de festa poderán desfrutar desta actividade sen necesidade de desprazarse. O obxectivo é animar ao público a encher de novo os teatros en cando as condicións o permitan e devolverlles amais ás e aos profesionais da cultura todo o que ofreceron durante os meses do estado de alarma.

O programa arranca este xoves 24 de decembro, Noiteboa, coa representación de Rosalía a cargo da compañía Cooperactiva. É unha obra pensada especialmente para o alumnado de Primaria, para as súas familias e docentes, que supón un achegamento teatral distinto á vida e obra da autora galega. Nesta montaxe, as nenas e nenos descubrirán en Rosalía a unha moza alegre, forte e curiosa, que vive, xoga e goza no país da infancia. A obra quere contar ás crianzas que a infancia é o lugar onde crecen as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autoría.

No día de Nadal, 25 de decembro, estará dispoñible a obra Camiños, de Butaca Zero, na que se atopa a Galicia máis millenial. Trátase dunha peza feminista con 5 mulleres en escena, na que a liberación da muller e a muller liberada son o punto de partida e de reflexión histórica. A emigración é o fío condutor e, falando de fíos, a costura tamén forma parte da historia, na que teñen cabida desde Zara, á influencer Lovely Pepa. Castelao, Manuel María, Ruth Matilda Anderson… ou mesmo Gadis.

Cara á fin de semana, o sábado 26 será a quenda da compañía  Ibuprofeno Teatro, que representará O mel non caduca, “un espectáculo biodegradable e ecosostible”, xestado a partir de un proceso de creación colectiva, ao redor da relación do ser humano cos obxectos, “da degradación ecolóxica del planeta a causa da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada tanto dos produtos como das persoas”.

O domingo 27 de decembro poderá verse a obra Afterparty, de A Feroz, unha peza que fala da decepción, do empeño na felicidade e das preguntas que se fai unha xeración que ten a sospeita de que chegou tarde a todo. Nesta festa escénica de A Feroz a letra, a música, o espazo e o corpo mestúranse nun proceso de creación interdisciplinar.

O teatro continuará o mércores 30 de decembro con Fíos, a cargo de Baobab Teatro, unha obra dirixida para todos os públicos, recomendada a partir dos catro anos, na que se suceden diferentes historias ao redor dun obradoiro de costura. A modista que a protagoniza recibe visitas esperadas e outras inesperadas que lle piden axuda. Coas súas puntadas descubrirá personaxes que penden de fíos e queren viaxar, soñar, namorarse e contar os seus segredos.

Naxornada do 31, Noitevella está reservada para A maleta de Don Attilio, de Viravolta Títeres. É un espectáculo dirixido ao público infantil e familiar ambientada nun circo. Aborda o amor imposible entre Toni Bombillo, a estrela do espectáculo, e María, filla de don Próspero, preboste do barrio alto, dúas marionetas de orixes moi distintas.

Xa o sábado, 2 de xaneiro chegará A Galiña azul, de Tanxarina Títeres. A obrade Carlos Casares cobra nova vida neste espectáculo que recolle catro contos do orixinal do autor nunha divertida adaptación. A obra, na que a compañía emprega diversas técnicas de manipulación de bonecos e traballo actoral, fala da diversidade e da solidariedade, e está destinada ao público infantil e familiar.

Finalmente, para concluír a programación neste Nadal, Educa Teatro representará a obra Os Tres Porquiños, un musical con bonecos a tamaño real pensado para gozar en familia. Trátase dunha revisión da tradicional fábula para adaptala aos novos tempos, incluíndo a participación de Xan e Xiana, exploradora e explorador moi afeccionados aos contos que se adentran no bosque para coñecer aos seus personaxes favoritos. A peza inclúe cancións cantadas en directo e ten unha clara misión didáctica para que os e as máis pequenas aprendan ou reforcen coñecementos como os números, as cores ou as prendas de vestir.

Rematou o reparto de lotes de alimentos a cargo de “SOS Porriño”

Este mes de decembro a distribución de alimentos levouse a cabo entre o 17 e o 22 con entrega a domicilio, realizada por voluntarios que colaboran co Banco de Alimentos SOS Porriño e por voluntarios da Asociación de Protección Civil.

Na actualidade, a proporción de destinatarios dos lotes de comida diminuíu algo.  Agora están atendidas 350 familias do Porriño, polo que se estima que 1.000 persoas recibiron eses lotes.

A entrega realízase en casa desde novembro como consecuencia das restricións anticovidas e, sobre todo, “para evitar a vergoñenta imaxe das colas de fame” segundo declarou David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais.

Ao lote habitual de comida que recibe cada familia, neste mes de decembro engadíronse algúns extras grazas ás doazóns de empresas como “Coren” que regalaron 200 capóns conxelados e “Ceamsa” que regalaron caixas con produtos de Nadal. Os capóns entregáronse a familias con máis de 3 membros.

Por outra banda, hoxe mércores no Multiusos de Torneiros entregaronse xoguetes educativos e de mesa para 70 nenos e nenas porriñeses de 48 familias máis desfavorecidas que foron seleccionados polos Servizos Sociais.  A entrega fíxose aos seus pais que foron convocados para este fin.

[su_image_carousel source=”media: 27704,27703,27702,27700″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, acada a confianza da corporación municipal e consigue a aprobación dos orzamentos para o 2021

0

No día de hoxe, 23 de decembro, celebrouse no concello da Guarda o pleno no que se debatía a cuestión de confianza do alcalde vinculada a aprobación dos orzamentos municipais para o ano 2021. Antonio Lomba acadou a confianza ao contar co voto favorable do grupo Converxencia Galega e a abstención do BNG, o PP votou en contra como xa fixera no pleno de orzamentos.

O alcalde durante a súa intervención pediu a confianza da corporación apelando a vontade do pobo da Guarda expresada nas eleccións municipais que deu o apoio maioritario ás forzas de esquerdas.

Coa confianza outorgada, Antonio Lomba, consigue levar adiante un proxecto de orzamentos que supón un avance para a localidade ao contar con máis de 1.150.000 € respecto do orzamento prorrogado co que se viña traballando. Como xa informara con anterioridade, este orzamento é totalmente imprescindible para atender as necesidades da veciñanza.

Durante a súa exposición, Antonio Lomba, expuxo as posibilidades de negociación do orzamento que os grupos da corporación non aproveitaron, argumentando que puideron poñer encima da mesa investimentos vinculados ao plan concellos da Deputación de Pontevedra, dada a escasa posibilidade de manobra do orzamento municipal, que tan só reserva 100.000 € para investimentos. O alcalde da Guarda amosa a súa satisfacción por ter acadado a confianza do plenario xa que os intereses da cidadanía deben estar por riba de intereses partidistas e por riba de nimiedades que non conducen a ningún sitio. A mellora do benestar da cidadanía o é o proxecto e a idea en torno a cal xira a acción política do alcalde e do equipo de goberno. Segundo as súas propias palabras: “ foi un exercicio de responsabilidade poñer a disposición da corporación o cargo de alcalde e o do equipo de goberno, antepoñendo os intereses da cidadanía por riba de todo.”

A Xunta arranca en Tui a promoción do Camiño Portugués cara o ano 2021 coa iluminación da Catedral no marco da campaña ‘Acende o Xacobeo’

0

A Xunta de Galicia arrancou onte á noite en Tui a promoción do Camiño Portugués cara o Ano Santo 2021 coa iluminación da Catedral de Santa María no marco da campaña Acende o Xacobeo, que chegará a 93 edificios e monumentos destacados de Galicia e doutras dez comunidades autónomas colaboradoras durante os derradeiros dez días do ano.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, presidiu o acto na localidade tudense na compaña do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da corporación municipal, que quixo amosar coa súa presenza o seu respaldo á campaña e á promoción das distintas rutas xacobeas antes da apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago o vindeiro día 31.

“Estamos ante unha oportunidade histórica, coa que nos estamos a volcar dende a Xunta de Galicia, xa que vai ser fundamental para a reactivación do turismo e para a proxección da nosa terra no exterior, tanto a nivel nacional como internacional, grazas a un fito recoñecido en todo o mundo como é o Camiño de Santiago”, manifestou a representante autonómica.

Deste xeito, a Catedral de Tui permanecerá iluminada ata o día de Nadal, no marco da primeira fase da campaña Acende o Xacobeo, co logo desta efeméride en cor azul e coa emblemática frecha amarela tan propia destas rutas de peregrinos. Na bisbarra do Baixo Miño tamén se promocionará o percorrido luso, coa mesma iconografía e nestes mesmos días, na Torre do Reló da Guarda, así como nas cidades de Vigo e Redondela.

Posteriormente, esta iniciativa chegará a outros edificios emblemáticos do Camiño Portugués doutras localidades máis próximas a Santiago, como a igrexa de Santo Tomé de Becket en Caldas de Reis, a de Santiago Apóstolo en Padrón ou a de San Francisco en Pontevedra.

2020 de ouro para a A.D. Avanza

A escasos días de disputarse a última proba deste ano 2020 a escola de ciclismo Avanza  rexistra uns datos inigualables, con preto de un centenar de alumnos a A.D. Avanza se afianza como unha escola exemplar. O vindeiro día 27  de decembro se disputará o campionato galego de ciclocross, onde as expectativas postas nesta proba son similares as obtidas na Copa Galicia de Ciclocross onde os riders da escola conseguiron rematar con catro ouros e un bronce.

Non podemos deixar de mencionar de que tres dos metais obtidos foron conseguido por integrantes féminas, que por sorte en pleno século vinte un as mulleres cada vez están mais presentes na competición, chegando a alcanzar a treintena de participantes nalgunha categoría cando anos atrás obter unha grella de saída con catro ou cinco corredoras xa era moito.

Na Asociación deportiva Avanza amosan a súa ledicia o poder apreciar como ano tras ano son mais as rapazas que se achegan a escola para participar na actividade da mesma, pero este ano non só se sumaron as filas do club pequenas riders si non o equipo directivo onde a día de hoxe e por primeira vez na historia do Avanza contan con dúas mulleres nas súa filas , Cris Vázquez e Lourdes Figueroa, dúas mulleres de ideas firmes e claras que souberon ler as necesidade de dar un toque de humanidade a escola, sen esquecernos de que lles tocou lidiar cun ano peculiar, as diferentes situación por mor da pandemia que obrigou a asociación a paralizar a súa actividade durante meses , e a poñer en marcha os mecanismos e normas que as diferentes institucións impoñían para poder reanudar a actividade da escola en convivencia coa pandemia do COVID.  

Cris Vázquez e Lourdes Figueroa non dubidaron en ningún momento en coller rendas do carro e asumir grandes responsabilidades converténdose en pezas clave e indispensable do equipo directivo da asociación, o igual que non dubidan en agradecer os Abelmar, Sumipor, Aliron, Mamamasa, Fechi, Cema, Biziebike…. que a pesar da escasa actividade mantiveron firme o seu apoio económico o sostemento da escola.

A Cris non deixa de iluminárselle os ollos cada vez que se menciona o premio outorgado  a escola de ciclismo como mellor equipo da Copa Galicia de Ciclocross e o gran papel que veñen desempeñando as féminas do club, Laura Mira categoría Júnior e o plantel de luxo da categoría  cadete féminas formado por Uxía Soto, Ároa Otero e Marta Estévez para as cales auguran un 2021 cargado de podios ou polos menos chamadas a estar no top10 do rankin nacional.

Sanidade actualiza a listaxe de territorios de obrigado rexistro para visitantes a Galicia

A Consellería de Sanidade vén de actualizar a listaxe de territorios con rexistro obrigatoiro para os viaxeiros que cheguen a Galicia nas vindeiras datas.

A nivel nacional, as persoas que estiveran nos 14 días previos a súa chegada a Galicia nas comunidades autónomas de Castela-A Mancha, Illas Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciá, Estremadura ou Madrid, deberán cumprimentar o formulario de rexistro de viaxeiros habilitado na web do Sergas, ou ben comunicalo, de xeito telefónico, no número 881 00 20 21.

No que atinxe aos visitantes con procedencia internacional, estarán obrigados a proporcionar os seus datos de contacto todas persoas que cheguen a Galicia desde calquera dos países do continente africano.

No caso do continente americano, os viaxeiros procedentes de Belice, Brasil, Costa Rica, Curaçao, Ecuador, Estados Unidos, O Salvador, Guatemala, Honduras, Panamá, Paraguai, Porto Rico, Venezuela, Haití, Xamaica, Nicaragua, República Dominicana e San Martiño.

Así mesmo, compartirán esta obriga todas aquelas persoas que procedan dos seguintes países asiáticos: Bangladesh, India, Irán, Iraq, Kazakstán, Kyrguistán, Líbano, Omán, Palestina, Filipinas, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia, Iemen, Vietnam e Xordania.

No continente europeo, deberán comunicar a súa chegada á comunidade galega os viaxeiros que procedan de Acerbaixán, Albania, Alemaña, Andorra, Armenia, Austria,  Bélxica, Bosnia, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Holanda, Hungría, Italia, Xersei, Kosovo, Latvia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Macedonia do Norte, Malta, Moldavia, Montenegro, Polonia, Portugal, República Checa, Reino Unido, Romanía, Rusia, San Mariño, Serbia, Suíza, Suecia, Ucraína, Xeorxia e Xibraltar.

Finalmente, e respecto dos territorios de Oceanía, deberán inscribirse todos os visitantes que procedan de Guam e a Polinesia Francesa.

A actualización da listaxe fica xustificada conforme á evolución epidemiolóxica tanto nas distintas comunidades autónomas como nos restantes territorios mencionados, alén das fronteiras nacionais.

Sobre este particular, para determinar os territorios de procedencia cuxos viaxeiros teñen a obriga de inscribirse no rexistro, Sanidade estableceu o criterio de incluír a aqueles países e territorios cuxa incidencia acumulada a 14 días fose superior a 250 casos por 100.000 habitantes, de acordo aos datos do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) do Ministerio de Sanidade, e coa información sobre países do mundo, na mesma data, do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC).

Xa que logo, as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan dos territorios anteriormente citados, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non, dispoñendo dun espazo de tempo de vintecatro horas, desde a súa chegada, para trasladar a súa información.

A Consellería de Sanidade publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), a listaxe de territorios cuxa incidencia epidemiolóxica require desta obriga. Ademais, a súa actualización continuará a implementarse de xeito quincenal, segundo a evolución da pandemia en cadanseu territorio.

O Concello de Nigrán realiza, antes de Noiteboa, un novo reparto de alimentos entre 50 familias coa colaboración de Frutas Nieves

0

O Concello de Nigrán está a realizar, antes de Noiteboa, un novo reparto de alimentos entre 50 familias do municipio en situación de vulnerabilidade. Nesta ocasión, o Concello adquiriu no comercio local 98 kg xamón fresco e 90 polos que se sumán á doazón da empresa Frutas Nieves de 80 piñas, 80 coliflores e 80 paquetes de uvas. Adicionalmente, entregáronse 50 cestas de Nadal regaladas pola concesionaria de limpeza Cespa-Ferrovial e que conteñen doces típicos de Nadal (turróns, polvoróns, mazapáns…), latas de conserva, alimentos non perecedoiros (pasta, arroz, legumes…) e produtos de limpeza do fogar e de hixiene persoal.

“Estamos moi agradecidos a Frutas Nieves polo seu xesto solidario e o seu compromiso con Nigrán. Quixeron colaborar coas familias desfavorecidas nestas datas tan especiais e desde o Concello suxerimos estes produtos típicos que non forman parte dos nosos repartos ordinarios”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que o Concello mantén os repartos habituais cada mes e colabora coa comida que desde a Tapería José (Prado) realizan altruístamente cada 25 de decembro para as persoas dependentes dos Servizos Sociais do consistorio.

Recollida de alimentos

Paralelamente, o Concello recomplilou entre a asociación de escolas de surf de Patos e os colexios do municipio preto dunha tonelada de alimentos non perecedoiros de todo tipo e que, en boa parte, serán repartidos xa nesta ocasión (concretamente os doces de Nadal). Ante a non programación de grandes eventos deportivos ou certames de corais debido ao protocolo sanitario, o Concello de Nigrán desenvolveu este ano a recollida de alimentos nos centros educativos para que, a súa vez, cumpra unha función educativa e de concienciación entre os pequenos. Así, nesta campaña participaron as escolas de Surf, o CEIP A Cruz, CPI Arquitecto Palacios, CEIP Carlos Casares, CEIP Humberto Juanes, CEIP Mallón e E.I. A Galiña Azul.

“O Concello de Nigrán ten un Banco de Alimentos Municipal e dispón de fondos para adquirir todos os produtos que fagan falla, estas iniciativas solidarias son de gran axuda pero se encadran máis nunha función de concienciación social moi necesaria”, explica o alcalde, quen engade que a crise económica que aparella o Covid-19 aumentou o número de usuarios dos Servizos Sociais e a previsión, desafortunadamente, é que a cifra siga medrando.

Banco de Xoguetes Municipal

Paralelamente, o Concello realizou xa a entrega de xoguetes ás familias con necesidade, téndose superado nesta campaña de recollida as mellores expectativas, ao punto de que o sobrante forma parte xa do primeiro Banco Municipal de Xoguetes operativo durante todo o ano tamén para os aniversarios dos cativos.

A Xunta mantén o peche perimetral en Ponteareas, que baixa a nivel medio-alto, e realiza cribado a comercio e hostalaría

A Xunta vén de comunicar ao Concello de Ponteareas a nova situación sanitaria tras a xuntanza do comité clínico da Consellería de Sanidade. Onte martes, o número de casos situábase en 43.

Tal como establecen as normas da Xunta, a localidade debe manter o peche perimetral, pero baixa a nivel medio-alto, o que supón a posibilidade de apertura da hostalaría cun aforo interior dun 30%, podendo estar aberta ata as 18 horas. O aforo en terrazas continúa a ser do 50%, e os grupos non poden superar as catro persoas. Estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas deste mércores,  tras publicárense no Diario Oficial de Galicia.

Ante a insistencia da concelleira de saúde e alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila, para a realización dun cribado na localidade, a Xunta autorizou ao Concello a facilitar unha listaxe de persoas voluntarias para asistir ao Hospital Álvaro Cunqueiro a realizar un cribado por sectores. Fdez. Davila sinalou que “o primeiro cribado realizarase entre traballadoras e traballadores do comercio, hostalaría, Praza de Abastos e persoal municipal, xa que todas elas son persoas que maioritariamente traballan con atención ao público e contactan a diario cun amplo número de persoas.” A alcaldesa en funcións informou que “continuaranse elaborando listaxes doutros sectores para realizar as PCR en seguintes fases nas vindeiras semanas, cumprindo así as limitacións que nos marca a Xunta”.

Neste sentido, a Concellería de Promoción Económica, que dirixe Eva Gil, facilita un formulario (https://ponteareas.gal/cribado-para-comercio-e-hostalaria/) para que ditas traballadoras e traballadores poidan anotarse antes do luns 28 de decembro. A continuación, o Concello transmitirá estes datos ao Sergas para que contacten con cada persoa e a convoquen para a realización da PCR. Así mesmo, o goberno local pon a disposición de comercio e hostalaría un enderezo electrónico ([email protected]) e un teléfono de contacto  (673855422) para poder solucionar calquera dúbida.

Descende o número de casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.565, deles 880 son da área da Coruña, 356 da de Lugo, 506 da de Ourense, 911 da de Pontevedra, 1.216 da área de Vigo, 1.270 da de Santiago, e 426 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 48 están en UCI, 293 en unidades de hospitalización e 5.224 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 53.034 persoas curadas, rexistrándose 1.350 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.062.089.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Segunda fase de renovación da carpintería exterior no Colexio de Atín

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, informaron hoxe de que se atopa prácticamente rematada a segunda fase da mellora do Colexio de Atín para optimizar o illamento térmico do centro.

As obras, xa finalizadas nalgunhas aulas, son de renovación da carpintería exterior metálica (portas e ventás). Esta segunda fase dos traballos, cun orzamento de 47.000 euros, dá continuidade á primeira fase acometida o curso pasado. A inversión na primeira fase foi duns 50.000 euros polo que en ambas a consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia inviste preto de 100.000 euros.

Unha vez concuída esta segunda fase quedará prácticamente renovada na súa totalidade a carpintería exterior do centro educativo. A consellería de Educación asumiu esta mellora, cuxos traballos foron iniciados durante o pasado ano 2019.

Estas obras no Colexio de Atín revirten nunha importante optimización do illamento térmico das instalacións do centro educativo coa conseguinte mellora da eficiencia enerxética e aforro en gastos de climatización.

Luisa Piñeiro clausurou o obradoiro de panadaría e bolería da Asociación A Cancela das Neves

0

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, asistiu esta tarde ao acto de clausura do obradoiro de panadería e bolería da Asociación EFA A Cancela, que formou a 13 persoas desempregadas durante o último ano e que obtiveron o correspondente certificado de profesionalidade para favorecer a súa posterior inserción laboral.

A representante autonómica, que estivo acompañada da presidenta desta asociación das Neves, María del Carmen Gil, e doutros representantes, agradeceu o esforzo do colectivo para apostar “pola formación e a mellora das condicións de empregabilidade das persoas desocupadas da bisbarra do Condado” e tamén animou aos participantes a aproveitar este ano de experiencia e o coñecemento destes oficios para adentrarse no mercado de traballo.

“Trátase dun curso moi importante pola súa elevada carga lectiva, posto que as 550 horas formativas servíronvos para coñecer como facer este traballo, e ademais davos dereitos a un certificado de profesionalidade, que é fundamental para ter máis oportunidades de atopar un emprego, unha cuestión fundamental para a Xunta de Galicia, xa que estamos a apostar pola reactivación económica no marco desta crise sanitaria”, sinalou Luisa Piñeiro.

Este obradoiro contou cunha subvención de 46.211€ ao abeiro do procedemento de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas e ademais desenvólvese nun moderno obrador de panadería da Asociación EFA A Cancela que está concertado coa Consellería de Educación para a impartición de ciclos de panadería.

O curso, que comezou o pasado mes de decembro, prolongouse finalmente durante un ano, xa que estivo paralizado durante tres meses e medio polo estado de alarma a causa da covid-19, pero finalmente decidiuse rematalo coa aplicación de protocolos sanitarios para impartir os módulos de elaboracións básicas de panadería e bolería, decoración e envasado, seguridade e hixiene e unha formación complementaria de inserción, sensibilización medioambiental e igualdade de xénero.

Os concelleiros do PP de Salceda doan o 30% percibido pola asistencia a plenos e comisións ao Banco de Alimentos Municipal

No pasado 5 de abril de 2020, “desde o Grupo Popular de Salceda fixemos unha promesa á veciñanza de Salceda, doar o 30% percibido pola asistencia a plenos e comisións dos meses restantes do ano 2020, e no día de hoxe, apiques de rematar este ano 2020, os seis concelleiros e concelleiras do PP de Salceda cumprimos coa nosa palabra” sentenciou Santi Davila.

No mes de abril, en pleno pico da pandemia do coronavirus en Galicia, “desde o grupo municipal do PP de Salceda fixemos chegar propostas para un plan de choque para familias e negocios de Salceda de Caselas ante a crise da Covid-19, e entre algunas das nosas propostas atopábase unha promesa: os seis concelleiros do PP de Salceda aportaríamos parte do percibido pola asistencia a plenos e comisións ao banco de alimentos municipal a finais do ano 2020, e así o fixemos neste mes de decembro”, sinalou o portavoz dos populares.

Sen lugar a dúbidas, “deste atípico 2020 aprendemos moitas cousas, entre as que destacan a responsabilidade, a coherencia e, sen lugar a dúbidas, deste 2020 cabe destacar máis ca nunca a SOLIDARIDADE. Os seis concelleiros populares poñémonos ao carón dos veciños, coñecemos a mala situación de moitos deles, por iso, nós decidimos facer esta doación ao banco de alimentos municipal. Moitos kg de alimentos adquiridos do comercio local, tanto dos comercios das parroquias como dos comercios da Esfarrapada, axudando aos máis necesitados, pero tamén ao noso comercio local que tanto o precisa”, sentenciou Davila.