22.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeUltimas NoticiasCEIP Plurilíngüe de Tui e CEEspecial de Panxón, entre os oito centros...

    CEIP Plurilíngüe de Tui e CEEspecial de Panxón, entre os oito centros galardoados polo seu traballo a prol da diversidade e inclusión educativa

    A Xunta de Galicia acaba de recoñecer o traballo de oito centros educativos galegos co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2020, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Este galardón ten como obxectivo impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas de inclusión que se realizan nos centros docentes así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos.

    Na categoría A, destinada a educación infantil e educación primaria, o primeiro premio é para o CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui (Tui), o segundo para o CEIP Valle Inclán (Vigo) e o terceiro para o CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela). O Centro de Educación Especial (CEE) de Panxón (Nigrán) obtén o accésit.

    No caso da categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial; o IES Xograr Afonso Gómez (Sarria) recibe o 1º premio, o IES Valadares (Vigo) o 2º e o CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela) o 3º. O accésit é para o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña).

    Os centros galardoados co primeiro premio recibirán 5.000 €, os que obtiveron o segundo 2.500 € e os do terceiro1.000 €, mentres que os do accésit recibirán 500 €. Ademais, os centros premiados co primeiro premio obteñen o distintivo de Centro Educativo Inclusivo.

    A comisión de selección valorou as boas prácticas realizadas a través da memoria presentada xunto coa solicitude de participación, tendo en conta aspectos como a calidade das accións, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, a repercusión no proceso de ensino-aprendizaxe, a avaliación das accións, ou a súa repercusión a nivel de centro. Nun momento como o actual, de excepcionalidade motivado polo estado de pandemia, préstase tamén especial atención ao fomento da cultura inclusiva durante a suspensión da actividade lectiva presencial e a realización da actividade educativa a distancia.

    As iniciativas premiadas poderán ser difundidas pola Consellería como boas prácticas de inclusión educativa, co fin de promover unha escola que compense as desigualdades, na que se axusten as intervencións educativas e o currículo á diversidade do alumnado e, en definitiva, unha educación que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornos e culturas inclusivas.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.