16.8 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaSanidade actualiza a listaxe de territorios de obrigado rexistro para visitantes a...

    Sanidade actualiza a listaxe de territorios de obrigado rexistro para visitantes a Galicia

    No territorio nacional, os viaxeiros procedentes de Castela-A Mancha, Illas Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciá, Estremadura ou Madrid estarán obrigados a inscribirse no rexistro de visitantes

    A Consellería de Sanidade vén de actualizar a listaxe de territorios con rexistro obrigatoiro para os viaxeiros que cheguen a Galicia nas vindeiras datas.

    A nivel nacional, as persoas que estiveran nos 14 días previos a súa chegada a Galicia nas comunidades autónomas de Castela-A Mancha, Illas Baleares, Cataluña, Comunidade Valenciá, Estremadura ou Madrid, deberán cumprimentar o formulario de rexistro de viaxeiros habilitado na web do Sergas, ou ben comunicalo, de xeito telefónico, no número 881 00 20 21.

    No que atinxe aos visitantes con procedencia internacional, estarán obrigados a proporcionar os seus datos de contacto todas persoas que cheguen a Galicia desde calquera dos países do continente africano.

    No caso do continente americano, os viaxeiros procedentes de Belice, Brasil, Costa Rica, Curaçao, Ecuador, Estados Unidos, O Salvador, Guatemala, Honduras, Panamá, Paraguai, Porto Rico, Venezuela, Haití, Xamaica, Nicaragua, República Dominicana e San Martiño.

    Así mesmo, compartirán esta obriga todas aquelas persoas que procedan dos seguintes países asiáticos: Bangladesh, India, Irán, Iraq, Kazakstán, Kyrguistán, Líbano, Omán, Palestina, Filipinas, Afganistán, Bután, Brunei, Camboxa, Indonesia, Laos, Mongolia, Myanmar, Nepal, Paquistán, Siria, Tailandia, Iemen, Vietnam e Xordania.

    No continente europeo, deberán comunicar a súa chegada á comunidade galega os viaxeiros que procedan de Acerbaixán, Albania, Alemaña, Andorra, Armenia, Austria,  Bélxica, Bosnia, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Holanda, Hungría, Italia, Xersei, Kosovo, Latvia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Macedonia do Norte, Malta, Moldavia, Montenegro, Polonia, Portugal, República Checa, Reino Unido, Romanía, Rusia, San Mariño, Serbia, Suíza, Suecia, Ucraína, Xeorxia e Xibraltar.

    Finalmente, e respecto dos territorios de Oceanía, deberán inscribirse todos os visitantes que procedan de Guam e a Polinesia Francesa.

    A actualización da listaxe fica xustificada conforme á evolución epidemiolóxica tanto nas distintas comunidades autónomas como nos restantes territorios mencionados, alén das fronteiras nacionais.

    Sobre este particular, para determinar os territorios de procedencia cuxos viaxeiros teñen a obriga de inscribirse no rexistro, Sanidade estableceu o criterio de incluír a aqueles países e territorios cuxa incidencia acumulada a 14 días fose superior a 250 casos por 100.000 habitantes, de acordo aos datos do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES) do Ministerio de Sanidade, e coa información sobre países do mundo, na mesma data, do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC).

    Xa que logo, as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan dos territorios anteriormente citados, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non, dispoñendo dun espazo de tempo de vintecatro horas, desde a súa chegada, para trasladar a súa información.

    A Consellería de Sanidade publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), a listaxe de territorios cuxa incidencia epidemiolóxica require desta obriga. Ademais, a súa actualización continuará a implementarse de xeito quincenal, segundo a evolución da pandemia en cadanseu territorio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.