4.5 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación estrea esta Noiteboa un Nadal de teatro na casa co...

    A Deputación estrea esta Noiteboa un Nadal de teatro na casa co programa “Prendendo butacas”

    A obra “Rosalía”, da compañía Cooperactiva, abre este xoves as funcións virtuais do programa e poderá verse a partir das 10 durante 24 horas

    Gozar da maxia do teatro sen moverse de casa. Esa é a proposta que a  Deputación de Pontevedra ofrece durante estas festas do Nadal coas funcións virtuais do programa “Prendendo Butacas na Casa”, que arrancan este xoves, día de Noiteboa, e se prolongarán ata o domingo 3 de xaneiro. Son oito as representacións previstas a cargo doutras tantas compañías, fundamentalmente da provincia pontevedresa, que se retransmitirán vía streaming na web da institución provincial (www.depo.gal)  desde as 10 da mañá de cada xornada e durante as 24 horas seguintes.

    “Prendendo Butacas na Casa” supón a adaptación do programa “Prendendo Butacas”, que a Deputación tiña previsto desenvolver no outono con funcións nos teatros de diversos concellos da provincia, dentro do seu plan para a “Re-acción Cultural” tralo confinamento pola Covid. As recentes restricións derivadas da pandemia obrigaron a reformular a iniciativa cara ao formato virtual. Deste xeito, a Deputación decidiu non apagar as luces e levar o teatro ás casas das máis de 950.000 persoas que viven na provincia, que nestas xornadas de festa poderán desfrutar desta actividade sen necesidade de desprazarse. O obxectivo é animar ao público a encher de novo os teatros en cando as condicións o permitan e devolverlles amais ás e aos profesionais da cultura todo o que ofreceron durante os meses do estado de alarma.

    O programa arranca este xoves 24 de decembro, Noiteboa, coa representación de Rosalía a cargo da compañía Cooperactiva. É unha obra pensada especialmente para o alumnado de Primaria, para as súas familias e docentes, que supón un achegamento teatral distinto á vida e obra da autora galega. Nesta montaxe, as nenas e nenos descubrirán en Rosalía a unha moza alegre, forte e curiosa, que vive, xoga e goza no país da infancia. A obra quere contar ás crianzas que a infancia é o lugar onde crecen as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autoría.

    No día de Nadal, 25 de decembro, estará dispoñible a obra Camiños, de Butaca Zero, na que se atopa a Galicia máis millenial. Trátase dunha peza feminista con 5 mulleres en escena, na que a liberación da muller e a muller liberada son o punto de partida e de reflexión histórica. A emigración é o fío condutor e, falando de fíos, a costura tamén forma parte da historia, na que teñen cabida desde Zara, á influencer Lovely Pepa. Castelao, Manuel María, Ruth Matilda Anderson… ou mesmo Gadis.

    Cara á fin de semana, o sábado 26 será a quenda da compañía  Ibuprofeno Teatro, que representará O mel non caduca, “un espectáculo biodegradable e ecosostible”, xestado a partir de un proceso de creación colectiva, ao redor da relación do ser humano cos obxectos, “da degradación ecolóxica del planeta a causa da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada tanto dos produtos como das persoas”.

    O domingo 27 de decembro poderá verse a obra Afterparty, de A Feroz, unha peza que fala da decepción, do empeño na felicidade e das preguntas que se fai unha xeración que ten a sospeita de que chegou tarde a todo. Nesta festa escénica de A Feroz a letra, a música, o espazo e o corpo mestúranse nun proceso de creación interdisciplinar.

    O teatro continuará o mércores 30 de decembro con Fíos, a cargo de Baobab Teatro, unha obra dirixida para todos os públicos, recomendada a partir dos catro anos, na que se suceden diferentes historias ao redor dun obradoiro de costura. A modista que a protagoniza recibe visitas esperadas e outras inesperadas que lle piden axuda. Coas súas puntadas descubrirá personaxes que penden de fíos e queren viaxar, soñar, namorarse e contar os seus segredos.

    Naxornada do 31, Noitevella está reservada para A maleta de Don Attilio, de Viravolta Títeres. É un espectáculo dirixido ao público infantil e familiar ambientada nun circo. Aborda o amor imposible entre Toni Bombillo, a estrela do espectáculo, e María, filla de don Próspero, preboste do barrio alto, dúas marionetas de orixes moi distintas.

    Xa o sábado, 2 de xaneiro chegará A Galiña azul, de Tanxarina Títeres. A obrade Carlos Casares cobra nova vida neste espectáculo que recolle catro contos do orixinal do autor nunha divertida adaptación. A obra, na que a compañía emprega diversas técnicas de manipulación de bonecos e traballo actoral, fala da diversidade e da solidariedade, e está destinada ao público infantil e familiar.

    Finalmente, para concluír a programación neste Nadal, Educa Teatro representará a obra Os Tres Porquiños, un musical con bonecos a tamaño real pensado para gozar en familia. Trátase dunha revisión da tradicional fábula para adaptala aos novos tempos, incluíndo a participación de Xan e Xiana, exploradora e explorador moi afeccionados aos contos que se adentran no bosque para coñecer aos seus personaxes favoritos. A peza inclúe cancións cantadas en directo e ten unha clara misión didáctica para que os e as máis pequenas aprendan ou reforcen coñecementos como os números, as cores ou as prendas de vestir.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.