Venres, 13 Decembro de 2024

Fernández-Tapias supervisa as obras de ampliación do IES Salvaterra de Miño que contan cun investimento de 587.000 euros

Xunto á alcaldesa, Marta Valcárcel, e o xefe territorial de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez, comprobaron o remate do patio do Infante Felipe

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, cifrou hoxe en máis de 3,1 millóns de euros as obras en execución en un total de nove centros de ensino público da área territorial de Vigo. A representante autonómica fixo estas declaracións coincidindo cunha visita ás obras de ampliación do IES Salvaterra do Miño, xunto á alcaldesa Marta Valcárcel, e acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, César Pérez Ares, e parte do equipo directivo docente deste centro.

Respecto á intervención neste IES que, segundo detallou Fernández-Tapias permitirá ao alumnado do ciclo formativo de madeira, moble e cortiza realizar as clases prácticas nas instalacións do propio centro, consiste na reforma dun espazo residual baixo a pista do ximnasio para convertelo en aula-taller. Unha actuación coa que, dixo, cúmprese co novo programa de necesidades, habilitando 240 metros cadrados para esta ensinanza que ata o de agora impartíase nunha nave alugada no polígono industrial.

A distribución completarase con outras actuacións como o acceso deste taller á zona de vestiarios, a través dunha escaleira que salve a cota existente, e un vestíbulo previo de separación que permitirá a comunicación co exterior.

Asemade, o proxecto contempla no exterior melloras de mobilidade con dos ramplas que permiten a creación de itinerarios accesibles. A primeira delas unirá o nivel de acceso ao centro coas pistas e vestiarios do ximnasio. A segunda proxéctase para resolver o acceso ao taller e se completa con outra destinada a vehículos para facilitar a carga e descarga destinada a nova aula.

Esta última rampla, tal e como explicaron os técnicos durante a visita, obriga a unha nova delimitación da pista deportiva que se atopa entre ambas ramplas aproveitando parte da existente e completando a pavimentación da zona reformada.

Xa por último, se levantará e reporá tamén o pavimento nas zonas empedradas para drenar e compactar o terreo.

CEIP Infante Felipe

Tras a visita ao IES Salvaterra, a delegada xunto á alcaldesa e o xefe territorial desprazáronse ao CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón onde puideron comprobar o remate da construción do novo patio cuberto exterior ao que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou preto de 43.700 euros.