Xoves, 27 Marzo de 2025

Nenos e nenas de Redondela xa poden gozar dun parque infantil da Xunqueira totalmente remodelado

Todos os elementos do parque foron restaurados minuciosamente para que poidan ser utilizados con todas as garantías de seguridade que estas zonas infantís precisan

O parque infantil da Xunqueira, en Redondela, volve a estar plenamente operativo e a disposición dos seus pequenos e pequenas usuarias, logo de ser obxecto de labores de recuperación e rehabilitación de todos os elementos que o compoñen.

Así, os dous columpios dobres, os dous balancíns dobres e os tres simples, o xogo múltiple grande e o xogo múltiple de castelo e os tobogáns, foron reparados dende o seu aspecto máis visible, como poden os pintados, emplastecidos ou redebuxado dos motivos, ata aqueles que, non sendo tan visibles teñen unha especial importancia para a integridade do elemento e, polo tanto, para a súa seguridade –reposicións de parafusos, substitución de elementos estruturais danados ou taboleiros en mal estado, entre outros–.

A maiores das reparacións realizadas, recolocáronse todos os elementos redistribuíndo os espazos e, para a seguridade dos nenos e nenas, colocouse céspede artificial de 30 mm sobre o firme existente.

“Non se trataba de facer ‘un lavado de cara’, senón un traballo de recuperación e rehabilitación serio e a fondo. Non se pode esquecer que estamos a falar da seguridade dos nosos pequenos e pequenas”, afirma Alberto Álvarez, concelleiro de Parques e Xardíns.