21.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaComeza o obradoiro de emprego 'Coidar de nós III' que formará a...

    Comeza o obradoiro de emprego ‘Coidar de nós III’ que formará a vinte persoas desempregadas de Ponteareas e As Neves

    A delegada territorial, Luisa Piñeiro, inaugurou esta iniciativa laboral, que se desenvolverá durante nove meses cun investimento de 346.946 € e permitirá que os participantes realicen, ao seu remate, tres meses de práctica en empresas da zona

    A Consellería de Emprego e Igualdade vén de activar a nova quenda de obradoiros duais de emprego na provincia de Pontevedra, que contará con ata 14 destas actividades, coa posta en marcha da iniciativa laboral Coidar de Nós III, que formará a vinte desempregados dos concellos de Ponteareas e As Neves grazas a un investimento de 346.946 €.

    A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, asistiu esta mañá ao seu acto de inauguración, celebrado no Centro de Desenvolvemento Local de Lomba do Cruceiro, e destacou a “forte aposta do Goberno galego pola formación, a inserción e o traballo” en ambos municipios, que veñen de clausurar este mesmo mes a segunda edición deste obradoiro, e nas bisbarras do Condado e A Paradanta.

    Nesta zona desenvolveranse tres obradoiros duais, xa que ao compartido por Ponteareas e As Neves uniranse Coidando entre Todos/as para os concellos de Mondariz e Covelo, cuxa inauguración está prevista para este mércores, e Salvaterra Emprega. En total, serán tres iniciativas laborais cun investimento de 1,04 millóns de euros que formarán e mellorarán a empregabilidade de sesenta participantes.

    A representante autonómica, que estivo acompañada no acto de apertura pola alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández, e polo rexedor das Neves, Xosé Rodríguez, animou aos participantes a “aproveitar esta oportunidade e desenvolver un bo labor de aprendizaxe para gañar coñecementos e experiencia e obter o certificado de profesionalidade, xa que elo contribuirá decisivamente a dispoñer de máis opcións laborais no regreso ao mercado de traballo cando finalice esta formación no outono de 2021”.

    O obradoiro de emprego Coidar de Nós III manterá o mesmo esquema que a súa edición precedente cos módulos -con dez participantes cada un- de Atención Sociosanitaria a Persoas no Domicilio e Institucións e Repoboación Forestal e Tratamento Silvícola, que terán nove meses de duración e complementaranse con ensinanzas en materias como prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras. Ademais, os alumnos-traballadores disporán da posibilidade, ao seu remate, de optar a contratos de prácticas por espazo de tres meses en empresas da zona para completar a súa formación e facer unha toma de contacto no mercado laboral en torno aos seus oficios.

    En total, a Consellería de Emprego e Igualdade concedeu un total de 22 obradoiros duais de emprego no período 2020-2021 para a provincia de Pontevedra, dos que oito son para mozos e mozas e están orientados exclusivamente a desempregados de ata 30 anos de idade, cun investimento global próximo aos 7,5 millóns de euros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.