Xoves, 27 Marzo de 2025

Ponteareas sitúase no nivel básico de restricións e Redondela baixa ao nivel medio alto

O comité clínico da Consellería de Sanidade que fai seguimento da evolución da covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de hoxe pola tarde, suavizar as medidas restritivas nos concellos de Lugo, Ponteareas e Rodeiro, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade. Igualmente, o comité acordou que Redondela pase ao nivel medio alto, deixando polo tanto o nivel máximo no que estaba ata o de agora. Xunto con Redondela, pasan a este nivel medio-alto Barro, Xinzo de Limia, Carral, Xove, Muros, Outes, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal.

Doutra banda, pasan ao nivel máximo de restricións os concellos de Viveiro, Verín, Monterrei, Castrelo do Val, Cualedro, Noia e Lousame. Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Cualedro forman un perímetro conxunto. O mesmo que fan Noia e Lousame.

Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de concellos con vixilancia especial a Val do Dubra, Vedra, Padrón e Rois.

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de mañá martes e entrarán en vigor ás 00:00 horas do mércores.

Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.

Mañá martes a Consellería de Sanidade informará da actualización de medidas do fin de ano para Galicia.