10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas Noticias'Fame de experiencias' pecha o seu paso polo circuíto de festivais internacionais...

    ‘Fame de experiencias’ pecha o seu paso polo circuíto de festivais internacionais de vídeo turístico da CIFTT con 12 premios e votos dende 41 países

    O destino Pontevedra Provincia deu en 2020 un gran paso adiante na súa proxección internacional tralo exitoso percorrido de ‘Fame de Experiencias’ polos festivais que compoñen o circuíto do Committee of Tourism Film Festivals (CIFFT), a cita máis prestixiosa do mundo na industria do marketing de vídeos de viaxes. A propia participación neste circuíto ten un efecto multiplicador na difusión do destino ao chegar ao público internacional que é, precisamente, un dos grandes retos que se marcou a Deputación de Pontevedra no Plan Estratéxico de Turismo.

    O vídeo da Deputación que rende homenaxe ás produtoras e produtores da provincia, producido por Esmerarte Industrias Creativas, recibiu premios en 11 festivais da rede, unha traxectoria que coroou co título de Mellor Película de Produto Turístico do Mundo no World’s Best Film Award da CIFFT. A este impresionante palmarés súmase un décimo terceiro galardón internacional ao lograr a distinción como Mellor Película de Promoción de Produto Turístico Español no FITUR Travel Film 2020, neste caso alleo ao circuíto da CIFFT. Ademais ‘Fame de Experiencias’ obtivo votos desde 41 países na votación popular que convoca a CIFFT para entregar o People’s Choice Award, no que é o público o que elixe as cintas gañadoras. ‘Hunger for Experiences’ acadou as 28.000 visualizacións na rede social Vimeo, desde a que podía visualizarse para votar.

    O Grand Prix da CIFFT constitúe un importante apoio para potenciar a marca dos destinos turísticos que presentan os seus traballos á rede de festivais. O seu impacto alcanza a 250 millóns de persoas de 166 países e os contidos que xera nas webs superan as 325.000 páxinas vistas. Nesta Rede, “Fame de Experiencias” resultou premiado no Tour Film Fest de Bulgaria, Tourfilm RIGA de Letonia, New York TV&Film Festival (EE UU), Das Goldene Stadttor de Berlín (Alemaña), US international Film & Video Festival de Los Ángeles (EE UU); Silafest en Serbia; Terres Travel Festival de Tortosa (España), Turizm Filmleri Festival de Cappadocia (Turquía); International Tourism Film Festival de Viseu (Portugal), Amorgos Tourism Film Festival (Grecia) e Zagreb Tour Film Festival (Croacia).

    Oscar do turismo

    O título de Mellor Película do Mundo nos World’s Best Tourism Film Awards, os chamados Premios Oscar do Turismo, entregados este ano nunha gala celebrada desde Viena, supuxo a guinda para o percorrido internacional do vídeo da Deputación. Con este recoñecemento a provincia de Pontevedra converteuse na única do estado en obter un primeiro premio neste prestixioso evento.

    Homenaxe as produtoras e produtores con grandes chefs

    A película da Deputación foi o eixo central da campaña do destino turístico Pontevedra Provincia en 2019. Fame de Experiencias é unha emotiva homenaxe a todas as produtoras e produtores da provincia, que co seu esforzo diario coidan e subministran unha materia prima de excelencia que está na base da recoñecida gastronomía da provincia a nivel internacional.

    O chef Pepe Solla (unha Estrela Michelín) e Amaranta Rodríguez, xefa de sala e unha das propietarias de Culler de Pau (restaurante con dúas Estrelas Michelín), poñen rostro e voz ao fío condutor á cinta, na que tamén participan outros grandes chefs con estrela como Xavi Olleros (Culler de Pau), Yayo Daporta (do restaurante que leva o seu nome), Rafa Centeno e Inés Abril (ambos de Maruja Limón). Os 3’57” da cinta mostran de preto o traballo das persoas dos sectores que cada día extraen os mellores produtos do mar e a terra na provincia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.