Luns, 28 Xullo de 2025

Iniciados os traballos para dotar a Redondela do primeiro parque de calistenia do municipio

0

O Concello de Redondela ultima os traballos para abrir, nas vindeiras datas, o que será o primeiro parque de calistenia do muncipio, unha modalidade de exercicio cada vez máis solicitada e na que só se utiliza o peso corporal seguindo diferentes táboas. A nova dotación deportiva quedará estará situada a carón do pavillón municipal da Marisma, completando unha zona deportiva que xa conta cunha pista de baloncesto e un skatepark.

Espaldeiras, escaleira horizontal, mesas de lumbares, dominadas, anillas, barra fixa, paralelas, monkey e snakebar serán algúns dos elementos que compoñerán este parque que, amais estará habilitado para persoas con mobilidade reducida que contarán, amais, cunha escaleira horizontal inclinada e unhas paralelas simples.

Os traballos de preparación desta zona, inclúen a execución da obra civil necesaria, instalación de céspede artificial sobre un pavimento de seguridade de alta calidade na zona dos elementos de integración e a instalación dos equipamentos de ximnasia. Completase coa debida sinalización para o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa para un uso lúdico e seguro da área.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os concelleiros de Parques e Xardíns e Deportes, Alberto Álvarez e Nacho González, respectivamente, salientaron a importancia “deste novo espazo para o desenvolvemento da actividade física que se engade aos xa existentes e da resposta ás peticións realizadas pola mocidade”.

Unha vez que a instalación estea rematada, previsiblemente na vindeira semana, organizarase unha xornada de exhibición–con todos os protocolos de seguridade marcados pola situación sanitaria– para que mozos e mozas tomen contacto con esta disciplina que, cada día ten máis persoas afeccionadas.

O goberno de Nigrán iniciará no vindeiro pleno os trámites para irmandarse co municipio coruñés de Valdoviño

0

O goberno de Nigrán iniciará no vindeiro pleno ordinario do 22 de febreiro os trámites de irmandamento co coruñés de Valdoviño co obxectivo de promover e fomentar a cultura surfista que comparten desde a orixe deste deporte en Galicia nos anos 70. Ambos rexedores, Juan González (Nigrán) e Alberto González (Valdoviño) abordaran xa cuestión na presentación do Oceano Surf Museo de Valdoviño na praia de Patos no 2018 e, posteriormente, o alcalde de Nigrán desprazárase ata alí. Sería o primeiro irmandamento para Nigrán e conta xa co apoio da Federación Galega de Surf e a Asociación de Escolas de Surf de Patos. O municipio traballa paralelamente co irmandamento de Castinheira de Pera, en Portugal, localidade do centro luso que tamén sufríu duramente a vaga de lumes de 2017.

“Os dous concellos desexamos fomentar a cultura surfista común e promover os valores que conleva. Sería o primeiro irmandamento para Nigrán e unha fórmula excelente para manter e formalizar ese vínculo que xa nos une dende os anos 70”, reflexiona o rexedor nigránés, quen confirmou co seu homólogo a intención de que eles leven a cuestión ao pleno de marzo.

A cultura do deporte sobre as ondas está cada vez máis arraigada entre a cidadanía e conleva un xeito de vida ecolóxico, sano e sostible. O surf ademáis supón para Nigrán un importante revulsivo económico, o barrio de Patos en Panxón, coas praias da Cansadoura, o Pico de Patos e o propio areal de Patos, son o espazo dunha gran cantidade de escolas de surf e, paralelamente, de negocios de hostalería e tendas temáticas. Ademais, nos dous municipios supoñen un atractivo turístico durante todo o ano, especialmente no inverno, cando os bañistas desaparecen. Xusto durante eses meses celébranse campionatos locais, autonómicos, nacionais e internacionais xa recoñecidos e que reforzan esa imaxe de municipios sans, saudables, ecolóxicos e onde a natureza é a protagonistas.

En Valdoviño, o propio Oceano Surf Museo, único de España adicado a este deporte, recolle documentalmente (mediante fotos e vídeos cedidos) aos surfistas pioneiros en Galicia, que comezaron na praia de Patos atraídos polo aspecto natural e salvaxe deste areal e que pouco despois tamén chegaron a contorna de Ferrol. 

Historia do surf en Nigrán

Os amigos vigueses Nicolás Pita, Ángeles Vega e os irmáns Montenegro (Nacho e Víctor) foron os primeiros surfistas en Galicia e comezaron a súa andaina na praia de Patos a mediados dos anos 60, cando o común dos mortais descoñecía por completo a existencia do surf. Tras fabricar as súas primeiras táboas con pouco éxito, en 1969 viaxaron en coche ata Biarritz para mercar unha que se irían turnando ata 1972, cando Ángeles compra outra en Asturias por 8.300 pesetas  (o seu soldo mensual). Sen embargo, un feito trascendente para eles foi a chegada fortuita de tres australianos a Patos en 1974 , os ‘australian people’ trasmitíronlle as ensinanzas básicas que lles permitiron evolucionar como surfistas e ampliar a súa perspectiva deste deporte (compre recordar que en Patos existía un camping no que, de cando en vez, chegaban estranxeiros que practicaban surf e que contribuíron a súa expansión).

Pero se algún nome está vinculado ao inicio do surf en Galicia e a familia Irisarri. Setes dos 14 irmáns desta familia viguesa se iniciaron no surf en 1975 na Praia de Patos, onde ata entón estaban sos Nicolás Pita, Ángeles Vega e os irmáns Montenegro.  Os Irisarri eran todos uns apaixoados deportistas e ata entón pacticaban pesca submariña, camiño polo que se interesaron  despois polo surf e a súa cultura e valores asociados. Entre eles, tal e como relata Jesús Busto, presidente do Oceano Surf Museo de Valdoviño, destaca Vicente “su figura es transcendental en la historia del surf gallego, además de por haber sido el impulsor principal del Pantín Classic, es porque a principios de los 80 se constituyó como el nexo de unión entre las tres áreas principales del surf gallego: Vigo, La Coruña y Ferrol”. Aos 26 anos, por cuestións laborais debidas á súa formación como enxeñeiro naval, Vicente mudouse a Ferrol, onde coincide con Caros Bremón, surfista tamén pioneiro no norte galego. “Su carácter abierto y dialogante no sólo ayudó a disminuir la rivalidad entre las tres zonas costeras, sino que ha permitido que a lo largo de los años se hayan tendido robustos lazos de unión entre las distintas comunidades de surfistas gallegos”, relata Busto.

As viaxes dos irmáns Irisarri, como os desprazamentos laborais a Sudáfrica de José a finais dos 70, permitiron que chegaran a Patos as mellores táboas do momento ou traxes de neopreno que en España eran moi difíciles de acadar (ata entón practicaban surf en bañador, e aos 7 minutos na auga perdían a sensibilidade). Atrás quedaban anos de inxenios para, de xeito artesanal, acadar todo o preciso para practicar esta disciplina.

A partir de 1986 o surf xa se populariza en Patos e a apertura da primeira tenda especializada en Vigo en 1990, Novalbos, consolida por completo este deporte na comarca e, especialmente, en Nigrán coa praia de Patos.

“Os lazos entre ambos municipios son evidentes dende o punto de vista cultural e humano, agora só se trataría de formalizalos e impulsalos a través das institucións a través dun irmandamento”, conclúe o alcalde de Nigrán ao respecto.

O GALP Ría de Vigo-A Guarda destinou case 600.000 euros a proxectos da súa zona no último ano

O pasado ano, marcado pola irrupción da pandemia da Covid-19 e a crise económica que a acompañou – e que aínda se deixa sentir-, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda continuou a traballar no fomento do tecido socioeconómico dos municipios da súa área de influencia (Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e A Guarda).

Durante o 2020, esta entidade, encargada de xestionar as subvencións da Consellería do Mar e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), inxectou 585.643 euros en axudas públicas a once proxectos, seis produtivos e cinco non produtivos, chegando a financiar máis do 80% do investimento total nalgúns casos.

Entre os proxectos produtivos están os desenvolvidos por H.Q. Seaweed, S.L. ou por Frigoríficos de Vigo, S.A. que introducen novos procesos na produción, comercialización e distribución dos seus produtos, algas mariñas no primeiro caso e polbo, especialmente, no segundo. En relación á actividade turística vinculada ao mar, hai iniciativas como a de Glamping do Mar S.L. que aposta pola innovación dos servizos de aloxamento turístico co “cámping de glamour”, a creación dun albergue mariñeiro que promocione as actividades e produtos ligados ao sector pesqueiro, o deseño de rutas de pescaturismo a bordo dun barco pesqueiro no ámbito do Parque Nacional Marítimo -Terrestre das Illas Atlánticas ou o desenvolvemento de roteiros turísticos en bicicleta pola costa.

Entre os proxectos non produtivos está a iniciativa ‘Os mares de baixura: unha web para formar e informar’ da Asociación Mar Seguro de Galicia cuxo obxectivo é darlle visibilidade ás oportunidades que ofrece o sector pesqueiro ás novas xeracións. A dinamización da Enseada de Cesantes para a práctica do kitesurf ou aposta da Asociación San Xerome Emiliani pola formación e capacitación en proxectos de economía circular vinculados ao sector pesqueiro da comarca do Baixo Miño son outros dos exemplos. Así tamén, relacionado co coidado do medio, sitúase o plan de recuperación do litoral do Concello de Nigrán consistente nunha batería de accións de mellora patrimonial e ambiental, e o proxecto da Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira de Vilaboa para modernizar o sistema de retirada de algas co fin de recuperar as poboacións de especies mariñas.

Para as persoas interesadas en desenvolver proxectos vinculados ao mar, a convocatoria de axudas permanecerá aberta ata o vindeiro 1 de marzo. Para máis información sobre os trámites a realizar poden poñerse en contacto co GALP Ría de Vigo – A Guarda nos teléfonos 986 35 81 09, 646 87 31 06 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

A Xunta inviste preto de 395.000 euros na mellora dos camiños municipais de Baiona, Nigrán, Mos, O Porriño, Redondela, Salceda e Salvaterra

A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, anunciou que a Consellería de Medio Rural está a investir 395.00 euros ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas correspondente co período 2020-2021.

A representante autonómica aproveitou unha visita a Salvaterra, na que puido comprobar xunto á alcaldesa da localidade, Marta Valcárcel, o estado dun destes viarios, para pór en valor a inversión realizada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no acondicionamento das canles de entrada e saída das producións rurais.

Así, no marco da actual convocatoria se levarán a cabo un total de 12  intervencións co obxectivo de facilitar ás corporacións locais a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso ás parcelas agrícolas.

No caso concreto de Salvaterra, Fernández-Tapias sinalou que se investirán 37.843 euros para na mellora do firme nos camiños de Corzáns e Pesqueiras.

ConcelloProxectoImporte
BaionaMellora na pavimentación do Camiño Fonteloureira en Belesar30.372,22 €
CangasPavimentación vial do Camiño do Outeiro en Herbello-Aldán27.740,49 €
Fornelos de MontesRenovación do pavimento no Camiño do Areal e Camiño Rial29.329 €
MoañaAcondicionamento do Camiño Lago de Abelendo A Grela26.984,98 €
MosMellora da seguridade viaria no Camiño de Quiringosta Zapateira35.347 €
NigránMellora da rúa Balinfra, Camiño de Aldeite e rúa da Igrexa35.745,89 €
Pazos de BorbénAsfaltado camiño no lugar de Valado28.266,51 €
O PorriñoMellora de viarios na Parroquia de Chelo42.449 €
RedondelaAcondicionamento e mellora da estrada de San Vicente de Trasmañó38.882 €
Salceda de CaselasPavimentación do Camiño de Touriños a Ribeira32.554 €
Salvaterra de MiñoMellora de camiños en Corzáns e Pesqueiras37.843 €
SoutomaiorMellora da pavimentación no Camiño de Candán29.032 €
Total 394.546,09 €

A performance de Paula Sanmartín abre en Mos a sexta edición do programa da Deputación “Mulleres en acción. Violencia Zero”

0

As actividades impulsadas pola Deputación na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero non se deteñen por mor da pandemia. O programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” comezou a súa sexta edición adaptándose ás restricións sanitarias cun acto celebrado no Auditorio de Mos e transmitido en directo por “streaming” a través da web da Deputación e do Concello.  A peza “Pulso”, a cargo da artista Paula Sanmartín foi a protagonista, dando voz ao terceiro sexo (persoas que non encaixan nos sexos masculino ou feminino) e á loita contra a violencia institucionalizada.

A deputada de Igualdade, Victoria Alonso, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asistiu á representación, celebrada no Auditorio e sen asistencia de público.  O alumnado do IES de Mos, que o ano pasado acolleu nas instalacións do instituto o paso de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”,  ten programada unha actividade pedagóxica para mañá venres, a partir do visionado da peza.

“Mulleres en acción. Violencia Zero naceu para mobilizar conciencias, así que non para aínda que a Covid esté entre todos nós” afirmou contundente Victoria Alonso. A deputada sinalou a necesidade de continuar co programa que leva a igualdade por toda a provincia facendo fincapé en que “esta loita non se pode frear, especialmente nas actuais circunstancias, nas que moitas mulleres se viron obrigadas a estar moito máis tempo na casa cos seus presuntos agresores”. Citando o exemplo de Paula Sanmartín, Alonso quixo pór de relevo que “as mulleres podemos ser todo o que queiramos” e que “é necesario concienciar a sociedade para comprender a importancia de plantar cara ás violencias machistas e erradicar así esta lacra intrínseca da nosa sociedade”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos amosou o seu agradecemento á Deputación de Pontevedra e á artista, por poder gozar do programa; e tamén a súa satisfacción, subliñando o feito de contar  hoxe “cunha alcaldesa muller, unha deputada muller, unha conselleira muller e unha presidenta da Deputación muller”. “Aínda nos queda un longo camiño por percorrer”, afirmou animando á mocidade á loita.

“Pulso” é a terceira das catro “performances” que compoñen “Desvío”, unha peza de vocación contemporánea na que a autora fai unha viaxe desde 1920 ata 2020; percorrendo fitos tan importantes como o primeiro movemento feminista. Tira de ironía e utiliza as voces de Gila ou “dona Rogelia” para dobrar a Rock Hudson e Doris Day. Trátase dunha actuación ambientada nas décadas dos 50 e 60 na que a posta en escena cobra o máximo protagonismo e se citan moitas referencias para traballar nas temáticas que a protagonizan de forma lúdica e pormenorizada, sen recorrer ao emprego de personaxes. Paula Sanmartín ironiza co “Soño Americano” e o mesmísimo Supermán. Coa énfase na potencialidade da voz humana (a técnica da “spoken word”) e apoiándose en proxeccións de vídeo-collage, a artista tomou o pulso a un problema enraizado na nosa sociedade co ánimo de suscitar preguntas.  “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás nesta loita, este programa vólvese unha actuación máis urxente e necesaria se cabe para constituír un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización. Para o que resta de 2021 “Mulleres en Acción. Violencia Zero” contará con 2 performances, 2 intervencións murais, 4 accións de danza contemporánea, 6 accións escénicas, 5 musicais e 1 poética.

Restrinxido o acceso á rúa Santa Ana dende o venres ás 8 horas até as 18 horas do sábado

O Concello de Ponteareas informa que como consecuencia das obras de instalación da caldeira de biomasa se restrinxirá o acceso rodado á rúa Santa Ana dende o venres 12 ás 8 horas até o sábado 13 ás 18 horas do seguinte xeito:

TRAMO 1: dende Vidales Tomé até a entrada da Residencia Santa Ana: non se poderá circular nin entrar nin sair con vehículos. En consecuencia non será posíbel a entrada e saída nos garaxes situados nese tramo.

TRAMO 2: Dende a entrada da Residencia Santa Ana até a Praza Maior/San Xoaquín: poderase acceder pola rúa de Oriente e San Xoaquín; sairase pola Praza Maior.

No tramo 1 puntualmente por razóns de seguridade poderase limitar a accesibilidade a pé.

Agradecemos a comprensión da veciñanza diante das incomodidades e inconvintes que sempre xera calquera obra en espazos públicos. Para calquera aclaración ou situación non prevista nesta comunicación poden contactar coa Policía Local (092 desde Ponteareas ou 986640050) ou en [email protected].

O Concello de Nigrán abre ata o 1 de marzo o prazo de preinscrición para ofrecer clases de piano e linguaxe musical no vindeiro curso

0

O Concello de Nigrán abre ata o 1 de marzo un primeiro prazo de preinscrición para aqueles veciños empadroados no municipio que estén interesados en recibir clases de piano e linguaxe musical no vindeiro curso e dentro das actividades culturais municipal que xa ofrecen violín ou guitarra. Os a priori interesados deben escribir a [email protected] aportando os seus datos (nome, idade e  teléfono de contacto). O obxectivo do Concello é configurar as clases do vindeiro curso de xeito acorde á demanda existente, xa que é a primeira vez que se ofrece esta modalidade e non hai referencias previas.

O Concello investíu este ano 9.500 euros na compra dun piano de cola Yamaha negro pulido de 151 cm (e a correspondente funda acolchada a medida) para precisamente poder ofrecer a aprendizaxe deste instrumento na actividade municipal de Música, conformada actualmente por 58 alumnos de guitarra e violín.

“Ademais de abrir o abano a unha actividade de Música con máis opcións, será un dos instrumentos en propiedade do Concello que se incorporará á futura Escola Municipal de Música que desexamos fundar na actual Biblioteca unha vez esta se traslade”, explica o alcalde, Juan González, quen engade que o instrumento permitirá tamén ofrecer moitísimos máis concertos de música clásica sen o gran custe engadido de ter que alquilar o piano e pagar o desprazamento. “É un investimento en cultura do que estamos moi orgullosos, é un salto en calidade, poucas familias se poden permitir ter un piano de cola na súa casa e aquí estará a disposición de toda aquela persoa que desexe formarse”, resume.

O obxectivo próximo do goberno local é dar o paso cara unha Escola Municipal de Música homologada que conte coa súa sede na actual Biblioteca do Ceán (unha vez que esta se traslade a súa nova ubicación en Nigrán). “Cada vez hai máis persoas interesadas en formarse nun instrumento e desde o Concello consideramos que é unha obriga das administracións facilitar o acceso á música, tal e como xa se fai co deporte ou coas bibliotecas, por iso cremos nese proxecto”, explica González, quen incide en que nunha Escola Municipal se pode impartir ensinanza musical reglada e non profesional como xa se fai en outros municipios con gran éxito, “é algo máis que recibir clases, trátase dunha formación integral básica que axuda a desenvolver as capacidades creativas de cada quen e a súa sensibilidade”.  Así, cumpren unha valiosa función social, formativa e cultural e teñen  un  carácter  esencialmente  práctico  desde idades moi temperás, podéndose adaptar ás posibilidades e recursos de cada municipio. “O certo é que estas escolas configúranse como centros  formativos  e  de difusión    cultural  de gran    calado  e  excelente  acollida  entre  a poboación, así que temos claro que ese é o noso obxectivo”, conclúe.

A Deputación envórcase na celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia coa entrega dos premios “GirlGeekCovid”

A Deputación de Pontevedra celebra este 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia co claro compromiso, como sinalou a presidenta Carmela Silva, de  “cambiar as cifras” que neste momento arroxa o mundo científico e que amosan que aínda se está a “deixar na cuneta o 50% do talento das mulleres”.  “O mundo –dixo- cambia cando hai acción e non só intención, e nós temos intención, pero sobre todo acción”. As actividades coas que a institución provincial envórcase nesta conmemoración tiveron o seu punto central na entrega telemática desde Vigo dos primeiros premios GirlGeekCovid, cos que a Deputación e a Universidade de Vigo incentivan, apoian e fomentan os estudos STEAM entre as mulleres e que forman parte do traballo da Cátedra Feminismos 4.0. Dúas estudantes de Ciencias Ana Ramírez, de Bioloxía, e Laura Sánchez, de Química, e dúas de enxeñería, Iria Ollero, de Enxeñería Biomédica, e María Elena Márquez, alumna de Telecomunicacións, foron as catro alumnas galardoadas

No acto, a presidenta lamentou que o mundo STEAM, que vai xerar a maioría dos empregos a curto e medio prazo, aínda non teña acadado a igualdade. Neste senso, apuntou que as mulleres científicas só ocupan o 7,6% dos libros de texto de Primaria e ESO, que soamente un 25% estuda carreiras STEAM, das que un 24,5% son Enxeñerías; un 12% Informática; 8% Telecomunicacións ou un 11% Física, “datos que nos preocupan, e que teñen que ver con que desde que nacemos nos din ao que nos temos que dedicar. Primeiro, cando nos regalan xoguetes, logo tamén cando se nos oculta a referentes científicas, porque se nos libros de texto de Primaria e ESO, que son nos que sementamos a nosa posición no mundo, o 92% son homes, as nenas entenden que a ciencia é unha cousa de homes”. “E se invisibilizamos ás mulleres que teñen tanto aportado á ciencia –afirmou_, temos problemas moi serios. Se ocultamos ese nomes dificilmente as mulleres poden ter referentes”. Neste sentido, referiuse á aportación feminina apenas visibilizada ás vacinas Covid, cando “hoxe son a prioridade da Humanidade”.

Tanto a presidenta como o reitor, Manuel Reigosa, destacaron a importancia destes premios GirkGeekCovid que, como destacou Carmela Silva, “son premios á excelencia das mulleres que estudan carreiras de enxeñería e ciencia” e, como subliñou o reitor, “son un punto de inflexión en como traballamos nun campo que ata agora estaba bastante baleiro e o primeiro que temos que facer é buscar información e coñecementos para atallar cuestións e machismos que temos no noso día a día”. “Entre todos –sinalou- estamos a construír un futuro mellor”.

As catro premiadas destacaron a relevancia de actividades como estes premios para dar un paso máis na visibilización das mulleres neste campo. Na categoría de Ciencia, o primeiro premio (2.000€) recibiuno Ana Ramírez, estudante de Bioloxía, quen subliñou que a data do 11 de febreiro “é o momento ideal para reivindicar o papel que nós debemos xogar nesta área sociedade e a importancia de facer visibles os logros das mulleres na ciencia, tecnoloxía e enxeñería”. Ramírez felicitou ao resto das participantes por amosar  que “ser muller e ter éxito na ciencia é máis que posible”. O accésit (1.000€) nesta categoría foi para Laura Sánchez, da especialidade de Química, quen relatou os seus medos e dúbidas antes de cursar unha carreira STEAM. Recoñeceu que agora a súa disciplina lle chea, pero tivo que “descubrir que era necesario experimentar antes de poñerme esas barreiras que me facían pensar que era una rama inalcanzable”. Agradeceu o apoio da súa familia, e especialmente  súa irmá, “porque me abriu a perspectiva de que o xénero non condiciona a túa aspiración, senón a perseveranza e esforzo”

No que respecta á categoría de Enxeñería, o primeiro premio foi para Iria Ollero, estudante de Enxeñería Biomédica, que afirmou que na súa titulación hai un 50% de mulleres “aínda que queda camiño por percorrer para que estas cifras comecen a aparecer no ámbito laboral”. E o accésit foi para Maríelena Márquez, alumna de Telecomunicacións, quen subliñou que “eu tiven apoio da miña familia para dedicarme a isto, pero ata chegar á universidade non somos conscientes da diferenza e de canto traballo fai falta nestes campos para seguir motivando a todas as nenas que queren seguir nisto e que quizais non teñen tantos referentes; grazas por danos recoñecemento a este esforzo, ter esta clase de actos significa moito para todas”.

Carmela Silva recoñeceu o traballo, coñecemento, formación e feminismo das premiadas, todas elas con notas medias entre 8 e 9,  e lembroulles que para acadar máis científicas como Patricia Bath (inventora do dispositivo cirúrxico láser que revolucionou o tratamento de cataratas); Marian Croak, (que inventou a voz sobre IP, tecnoloxía que se emprega para realizar videoconferencias por Zoom ou Skype); Shirley Jackson, (inventora do cable de fibra óptica)  ou Bessie Nesmith (inventora do tipp-ex) ou Margaret Kight (a ideóloga das bolsas de papel con fondo plano) ou Yvonne Brill (inventora do sistema de propulsión de hidracina)  “ten que haber nenas mozas estudiando carreiras STEAM e teñen que ter referencias”. “Porque canta xente coñece a esas mulleres?, preguntou. Pois grazas a elas usamos instrumentos para todo tipo de cuestións. Cos vosos currículums tan potentes seguro que sairán mulleres que van aportar moito e terán a capacidade de dar respostas ás novas demandas. Espero que elas si estean nos libros de texto. Desexo que sexades impulsoras do cambio, aínda que xa o sodes”. Concluíu reivindicando  o lema deste ano en redes sociais, “NoMoreMatildas”.

O reitor Reigosa lembroulles que “aínda que volo pinten doutra cor, a igualdade real esta lonxe de chegar e no mundo STEAM e precisamos de xente co voso esforzo e co voso discurso”. Subliñou que estes premios amosan que “temos canteira e será posible con moito esforzo que sexades un referente e un exemplo e que atraiades a este mundo a moitas mais mulleres”.

A xornada en redes

Ao longo desta xornada, a Deputación está a realizar un intenso traballo de visibilización das mulleres da ciencia a través das súas redes sociais, tanto referentes ao longo da historia como as actuais. Tamén amosa a través de datos a desigualdade existente no mundo STEAM e os proxectos que neste campo está a desenvolver a institución provincial, varios deles coa Universidade de Vigo, amais da propia Cátedra Feminismos.  É o caso da iniciativa Inspira STEAM, que pretende fomentar a ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas entre as mozas a través de acción de sensibilización e orientación, ou dos proxectos “Achegas das mulleres ao mar”, “O mar das mulleres” e “A maleta dos océanos”, para visibilizar o papel da muller no mar.

Doutra banda, a Deputación desenvolve anualmente campañas de xoguetes sen estereotipos de xénero, promove as xornadas formativas no marco da Escola de Igualdade María Vinyals, ou a mostra “Con A de Astrónomas” para dar a coñecer a milleiros de mulleres que investigaron neste eido.

O Concello traslada á Xunta as incidencias co transporte público que sufre o Rosal

0

Pasados uns meses da entrada en funcionamento da nova concesión do transporte público dependente da administración autonómica, o Concello do Rosal trasladou á Xunta de Galicia algunhas das incidencias e problemas que sofre a veciñanza. “O noso obxectivo é conseguir mellorar este servizo tendo en conta ás necesidades reais dos rosaleiros e rosaleiras”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quen destacou a boa disposición da empresa concesionaria para solucionar calquera problemática nunha reunión mantida con responsables municipais.

O Concello presentou á Xunta un informe no que recolle as principais problemáticas que hai nestes intres no Rosal, así como posibles solucións, centrándose especialmente no transporte do alumnado que estuda no IES A Sangriña da Guarda e que se despraza ata alí en autobús e nas conexións dos distintos barrios co núcleo urbano do Calvario e A Guarda.

Aínda que se crearon dúas liñas que dan servizo ao alumnado que estuda no IES A Sangriña da meirande parte do municipio, estas rutas non chegan ata as parroquias de San Xoán de Tabagón e As Eiras. Dende o Concello proponse ou ben adaptar ao horario de entrada e saída do instituto algunhas das liñas que cubre a ruta entre Vigo e A Guarda e que pasan por estes barrios ou ben ampliar o percorrido dunha das rutas existentes para cubrir todas as parroquias da localidade. O Concello tamén pon de relevo outros problema ao que se enfronta o alumnado deste centro: debido á pandemia os grupos de bacharelato teñen clase en horario de tarde, polo que se pide que “mentres se manteña a situación sanitaria actual poderían cambiarse o horario destas liñas adaptado á hora de entrada e saída que teñen actualmente”.

Outro dos problemas que preocupa ao Goberno municipal é a comunicación entre O Rosal e A Guarda, xa que aínda que existen dúas rutas circulares que unen estes dous municipios estas liñas fan un percorrido circular polo que hai autobús de ida pero non de volta.

Por este motivo, o Concello solicita que a liña circular A Guarda – Pancenteo – O Rosal – Pías – A Guarda, que percorre o interior do Rosal e conecta co Calvario e coa Guarda, teña unha frecuencia mínima de dous días propoñendo martes e sábado con saídas as 09.00 e 12.00 horas, para que haxa autobús de ida e volta. A liña A Guarda – Pancenteo – O Rosal – O Morán – San Miguel – Tabagón – As Eiras – Pías – A Guarda, que conecta a zona da ribeira no circuito circular do Rosal coa Guarda proponse tamén unha frecuencia de dous días á semana, mércores e sábados con saídas ás 09.00 e ás 12.00 h. Proponse o sábado por ser o día de mercado na Guarda.

Outras incidencias

Dende o Concello tamén se deu traslado á Xunta doutras incidencias postas en coñecemento por parte da veciñanza rosaleira e que lles está a causar distintos prexuízos. Un deles é o prezo dos billetes, que se ben baixan nas longas distancias increméntanse nos desprazamentos curtos, como pode ser o de O Rosal-Tomiño. “Queremos saber cando se van implementar a Tarxeta Galega de Transporte e a Tarxeta Xente Nova para os estudantes e como terán que facer os rosaleiros e rosaleiras para acceder a este servizo, como se asegurou na reunión mantida o pasado mes de decembro entre a Xunta e os concellos da Mancomunidade do Baixo Miño”, recorda a rexedora.

No escrito presentado tamén se destaca que a Xunta suprimiu determinados transportes a partir das 18.00 horas “entendemos que de xeito temporal”. Non obstante, esta decisión está xerando importantes problemas ao alumnado que collía habitualmente o autobús o domingo ás 19.00 horas para incorporarse ao Centro Residencal Docente do Meixoeiro, que pecha durante a fin de semana e ao que os rapaces e rapazas se reincorporan o domingo a partir das 20.00 horas.

Por outra banda, dende o Concello piden un teléfono de contacto ao que os usuarios e usuarias poidan chamar directamente para resolver calquera dúbida con respecto ao servizo, así como unha relación dos horarios e paradas das distintas liñas e rutas.

A Xunta inviste 2,6 millóns de euros para reducir o risco de inundacións nos ríos Zamáns e Miñor en Gondomar

0

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou un investimento da Xunta de 2,6 millóns de euros para reducir o risco de inundacións nos ríos Zamáns e Miñor, en Gondomar.

Vázquez Mourelle, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo unha reunión por videoconferencia co alcalde, Francisco Ferreira, para presentar as actuacións previstas para minimizar as posibles consecuencias do desbordamento dos ríos nesta zona cualificada como de risco potencial significativo de inundacións.

A conselleira salientou que se trata dun conxunto de actuacións, unhas principais e outras complementarias, que a Xunta propón levar a cabo para mellorar a drenaxe na confluencia destes ríos ao seu paso por Gondomar, incluídas na proposta de convenio de colaboración remitido a semana pasada ao Concello.

Explicou que son intervencións estruturais no treito do río Miñor, entre a ponte situada na avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do colexio- e a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns, desde a ponte que hai na avenida Elduayen ata a súa desembocadura no  río Miñor.

Ethel Vázquez concretou a proposta de demolición da ponte da avenida Curros Enríquez, coa construción dunha nova estrutura no río Miñor sobre a estrada autonómica PO-340, de case 85 metros de lonxitude e con tres vanos. Está será a principal actuación e tamén a que suporá o maior investimento, case 1,4 millóns de euros.

Tamén se propón a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos Zamáns e Miñor para que funcione a modo de desaugüe complementario no caso de episodio de inundacións; así como actuacións nos muros do río Zamáns, elevando a altura do valo existente e executando outro muro pantalla que substitúa ao actual, que está danado.

Ademais, actuarase no rebaixe do río Miñor e adecuarase a zona, eliminando o recheo xunto ao campo de fútbol na marxe esquerda, con actuacións nos paseos, accesos ás pasarelas e outras adaptacións necesarias para mellorar a accesibilidade.

A conselleira indicou que a estas intervencións principais sumaranse outras actuacións complementarias, como a adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares,  a limpeza dos leitos de ambos os ríos e a recuperación do bosque de ribeira.

A Xunta xa lle trasladou ao Concello de Gondomar a proposta de colaboración, que segue o mesmo esquema que se segue en todos os organismos de conca en España para este tipo de actuacións. Segundo a proposta de convenio trasladado, a Administración autonómica asumirá o financiamento íntegro de todas as actuación previstas, correspondéndolle ao Concello de Gondomar someter o proxecto a información pública, a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios e conseguir as autorizacións precisas, así como recibir as obras e asumir o seu mantemento e conservación, unha vez executadas.

Ethel Vázquez puntualizou que para acometer estas actuacións se precisa da colaboración do Concello, polo que a Xunta agarda que este dea axiña o visto e prace ao texto do convenio remitido para poder tramitalo e elevalo ao Consello da Xunta para a súa aprobación, e proceder á súa posterior sinatura entre Xunta e Concello.

A este respecto, a conselleira puxo o acento na importancia de que o Concello poida axilizar a tramitación municipal correspondente para o desenvolvemento destes traballos, que están cofinaciados con Fondos FEDER 2014-2020 e que deben estar executados na súa totalidade en 2023.

Apuntou que, tras remitir o proxecto definitivo ao Concello e unha vez este realice a tramitación municipal correspondente, o obxectivo da Xunta é poder licitar as obras a mediados deste 2021. Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses.

Mellor preparados ante o cambio climático

Ethel Vázquez lembrou que estas actuacións se enmarcan na liña de traballo que vén desenvolvendo o Goberno galego de cara a estar mellor preparados ante o cambio climático. Incidiu na necesidade destas medidas para reducir o risco de inundacións dos ríos, como o Miñor e Zamáns, que atravesan Gondomar e, tamén para reducir as consecuencias que para a saúde, o medio ambiente ou a economía, poden supoñer as enchentes ocasionais dos leitos fluviais.  No marco desta liña de actuación, desde a Xunta estanse a actualizar os mapas de risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa; estanse a desenvolver plans específicos de inundacións en 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco de inundacións; e a acometer actuacións concretas nas áreas de risco potencial significativo de inundacións, como as que ten previsto desenvolver en Gondomar.

Tui convida a celebrar o Entroido na casa e compartilo nas redes sociais

0

Este ano, debido á situación de pandemia, non haberá actividades presenciais para a celebración do Entroido en Tui, para así cumprir coas medidas sanitarias establecidas. Dende o Concello de Tui convídase á veciñanza a celebrar este festexo tradicional na casa e compartir as fotografías nas redes sociais.

Deste xeito, dende o Concello quérese manter viva esta celebración aínda que teña que ser na casa coas persoas convivintes. É por iso que se convida a fotografarse disfrazado e compartir as imaxes nas redes sociais coa etiqueta #EntroidoTui.

Do mesmo xeito dende o Concello de Tui quérese tamén lembrar o que foron até o de agora as celebracións do Entroido e por iso se convida a compartir tamén fotografías de anos pasados. Dende o Concello de Tui quérese amosar amais o agradecemento a todas as comparsas que cada ano participaban no desfile concurso de Entroido que tiña lugar na cidade, agardando o próximo ano poder retomar esta actividade.

O día 15 de febreiro ábrese o prazo extraordinario de matrícula para o curso 2020/2021 da Escola Infantil Municipal de Ponteareas

A concellaría de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Verónica Carrera, informa da apertura do prazo extraordinario de solicitude de matrícula na escola infantil municipal para este curso 2020-2021. O prazo de presentación de solicitudes será dende o 15 de febreiro ao 1 de marzo, ambos os dous incluídos.

Poderán solicitar praza na Escola Infantil Municipal aqueles nenos e nenas con idade entre os 3 meses e os 3 anos; por conseguinte, os nados a partir do 1 de xaneiro de 2018.

Por ser unha escola de integración, pódese solicitar praza para nenas e nenos con discapacidade física, psíquica e sensorial.

Os impresos de solicitude estan a disposición na páxina web do Concello de Ponteareas https://ponteareas.gal e deben ser entregados, xunto coa documentación requerida no Rexistro Xeral do Concello.

As Neves avanza no traballo de limpeza do convenio con SEAGA

0

O pasado ano 2020, o Concello asinou o convenio con Seaga para a xestión da biomasa das parcelas situadas nas faixas de protección dos núcleos de poboación das parroquias de Liñares,Tortoreos e As Neves; faixas que afectan até 50 metros arredor das zonas urbanas, urbanizables ou de núcleo rural ou arredor de vivendas ou instalación illadas.

As parcelas incluídas suman un total de 135 hectáreas, das cales 45 están en uso ou ben xestionadas habitualmente. Das restantes 90 hectáreas, non xestionadas polos seus propietarios ou propietarias, ata agora a veciñanza ten contratados, coa empresa, os servizos de limpeza para unhas 20 hectáreas aproximadamente.

Actualmente xa se está a traballar en 90 parcelas e arredor de 2.5 hectáreas. Os traballos están sendo supervisados polo concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González, que está a visitar as parcelas sobre as que se está actuando con brigadas e un pequeno tractor, para comprobar que as labores se están a desenvolver correctamente e sen danar peches ou lindes de propiedades.

Baixa notablemente o número de casos activos por coronavirus en Galicia, hoxe contabilízanse case 1.000 menos que onte

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 16.643, deles 4.673 son da área da Coruña, 1.514 da de Lugo, 1.699 da de Ourense, 2.141 da de Pontevedra, 2.758 da área de Vigo, 2.359 da de Santiago e 1.499 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 234 están en UCI, 911 en unidades de hospitalización e 15.498 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 88.002 persoas curadas, rexistrándose 2.039 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.547.128.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 118.058. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Concello de Nigrán abre desde este venres ao martes 16 o prazo para participar no concurso de entroido telemático dirixido a conviventes

0

O Concello de Nigrán abre desde este venres 12 ao martes 16 de febreiro o prazo para participar no concurso de disfraces telemático dirixido a familias de conviventes co obxectivo de que se festexe esta tradicional data na intimidade familiar e, polo tanto, sen risco sanitario. Como incentivo para a participación, os premios constarán de tablets e cestas gastronómicas.

O certame está dirixido a calquera grupo de conviventes, independentemente da súa idade (mínimo 3 persoas) e de onde vivan. O requirimento imprescindible para todos os casos é que fagan unha foto de grupo onde se vexa un cartel que poña ‘Entroido Telemático 2021-Concello de Nigrán’ e sexa enviada con calidade suficiente a [email protected] entre o 12 e 16 de febreiro. Non se admitirá ningunha imaxe con posterioridade a esa data nin aquela na que non figure o cartel físico ‘Entroido telemático 2021-Concello de Nigrán’ que demostre que o grupo fixo esa foto ex-profeso para participar neste concurso. As imaxes serán subidas ao Facebook do ‘Concello De Nigrán’ a medida que se vaian recibindo (do 12 ao 16 de febreiro) e gañarán os tres grupos que sumen máis ‘Me Gusta’ (inclúe ‘Me Encanta’ ou ‘Me importa’) o 17 de febreiro ás 12:00 horas e aquel que non teña ningún (se é o caso). Cada grupo premiado recibirá unha tablet e unha cesta de produtos gastronómicos típicos do entroido galego.

“Ante a situación sanitaria organizamos este certame para animar ás familias a que se disfracen cos seus pequenos xa que non haberá o tradicional desfile escolar nin, por descontado, o concurso de comparsas organizado desde o Concello ou outras actividades”, explica o alcalde, Juan González, quen agarda que no 2022 se poida festexar con normalidade.

Enterro do kiko

Desde o Concello de Nigrán considérase celebrar o tradicional enterro do kiko co Centro Cultural Parada do Miñor en canto a situación sanitaria o permita con total seguridade, independentemente de que sexa durante o verán.  “É unha tradición de moita raigame en Parada que queremos que siga no 2021 aínda que sexa verán, o importante é desfrutalo”, subliña o rexedor. Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de máis dunha década de vida foi adquirindo sona e, desde hai xa catro anos, o kiko é transportado nun carro de bois desde o Concello ata Parada, onde é velado e incinerado nunha divertida cerimonia.

O Programa Integrado de Emprego de Redondela pecha a súa andaina cunha inserción laboral dun 60 %

0

O Programa de Emprego de Redondela, que se desenvolveu durante o último ano e no que participaron 100 persoas –54 mulleres e 46 homes– pechou a súa andaina cunha inserción laboral do 60 %, datos que aínda son máis salientables ao tratarse dun ano absolutamente atípico marcado por unha pandemia.

A concelleira de Emprego, María Castro, que amosou a súa satisfacción polo balance deste programa, destacou a importancia do mesmo “na mellora da empregabilidade das persoas desempregadas que participaron no mesmo”.

A responsable de Emprego agradeceu o traballo desenvolvido polo equipo docente que viuse na obriga “de redescubrir e reinventar ferramentas profesionais para acadar os obxectivos propostos”. Nese sentido María Castro destacou que ditos obxectivos, “non só se cumpriron senón que se superaron, tanto en número de horas lectivas coma no número de persoas inseridas no mercado laboral”.

Cómpre salientar que no que á inserción laboral fai referencia, os obxectivos aos que se comprometía este obradoiro eran do 43 % dos participantes, mentres que as horas lectivas comprometidas –474– foron superadas con moito acadándose, ao remate do programa, as 1.816 horas.

Para a posta en marcha deste programa tívose en conta o perfil de 1.600 persoas desempregadas, entre as derivadas da oficina de emprego e as persoas inscritas na Bolsa de Emprego do Concello. Deste total, 268 participaron no proceso de selección do que saíron as 100 persoas que participaron na iniciativa de formación.

Ao longo do programa, alumnas e alumnos participaron nun total de 50 accións formativas que incluíron, amais da parte teórica, prácticas non laborais con empresas nas que participaban 58 persoas e acadaban contrato 44 delas.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quixo poñer o punto de atención sobre o éxito dun programa formativo “que permitiu que 60 persoas acadasen a inserción laboral logo de ver melloradas, a través de diferentes accións, as súas posibilidades de empregabilidade”.

“O Goberno local e dentro das poucas competencias que ten en materia de emprego –afirmou a rexedora local– seguirá desenvolvendo todas as iniciativas que melloren a cualificación profesional dos nosos veciños e veciñas e que, por tanto, lles permitan acceder a un mercado laboral, cada día máis competitivo, nas mellores condicións posibles”.

O Concello do Rosal interésase pola situación do despregue de fibra no municipio

0

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o técnico municipal de urbanismo mantiveron este mércores unha reunión telemática coas dúas persoas responsables do despregue de fibra no municipio por parte de Telefónica, a empresa á que un órgano supramunicipal adxudicou o servizo de implantación desta tecnoloxía ata 2024.

“Aínda que o Concello non ten competencias nesta área si que nos incumbe todo o que está a pasar, xa que afecta de forma directa á nosa veciñanza. Por iso decidimos solicitar unha reunión coa compañía para informarnos de cal é a situación no Rosal”, asegurou a rexedora, que recalcou que “para nós é importante poder dispoñer dunhas boas conexións e queremos que ese despregue se faga ben, de xeito coherente”.

Durante a reunión, a alcaldesa deu traslado á compañía da crecente problemática que se está a detectar e que manifestan os veciños e veciñas co obxectivo de buscar solucións para que O Rosal dispoña deste servizo de conexión de banda ancha e mellorar a comunicación directa para a resolución das incidencias que se están a producir. Neste sentido, calquera veciño ou veciña que teña algunha incidencia relacionada coa fibra de Telefónica ou o seu despregue debe chamar ao 1002 para dar parte.

Pese a non ter competencias, dende o Concello reiterouse a boa disposición a colaborar en todo o que estea na súa man para garantir unha mellora nas posibilidades de acceso a esta tecnoloxía por parte da veciñanza, facilitando e axilizando os trámites administrativos que debe realizar Telefónica para levar a cabo as obras necesarias na vía pública para a implantación da fibra.

A Cañiza reafirma a súa aposta polo rural con 178.000 euros para obras de pavimentación e traída de augas financiadas pola Deputación

0

O Concello da Cañiza mellorou os accesos, así como os servizos de varios núcleos rurais do municipio grazas a achegas do Plan Concellos da Deputación, cun orzamento de preto de 178.000 euros. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, quen visitou algúns destes traballos xunto ao alcalde Luis Antonio Gómez Piña e a deputada provincial Olga García, subliñou que son obras que teñen en común “a dotación de prestacións de calidade para fixar poboación no rural”. Na visita participaron tamén, por invitación da Alcaldía, representantes de tódolos grupos da Corporación municipal.

En primeiro lugar comprobouse o resultado das obras de acondicionamento de accesos a Deva e Igrexa Vella, onde se investiron máis de 41.000 euros, así como a instalación da traída de augas e mellora de viarios acometidos en Randufe, que tiveron un orzamento de preto de 39.000 euros. No primeiro caso, estes traballos, financiados ao abeiro do Plan Concellos, consistiron na renovación do asfalto de ambos camiños, situados na parroquia de Petán, e cuxo pavimento estaba moi deteriorado. Con estas actuacións, mellorouse notablemente a situación destes viarios, beneficiando a un gran número de usuarios. E, no caso das actuacións en Randufe, na parroquia de Achas, as obras consistiron na instalación dun tramo de traída de augas e a mellora de varios viarios na zona, que tiñan o firme moi deteriorado.

Como destacou Santos Héctor Rodríguez, trátase de obras que amosan “a enorme flexibilidade” do Plan Concellos para facer actuacións “claramente enfocadas á mellora da vida da comunidade e que permiten “consolidar poboación nas contornas rurais”. “Á Deputación non lle custa ningún esforzo atender ás necesidades que nos suxire a o Concello da Cañiza”, manifestou o deputado. “Poñemos ao seu dispor unha ferramenta tan poderosa como o Plan Concellos, que o ano pasado fixo posible a execución de preto de 500 obras na provincia, a contratación dun milleiro de persoas e a realización de máis de 200 actividades socioculturais. Investimos na Cañiza, ao igual que investimos en toda a provincia. Simplemente porque consideramos que a veciñanza da capital da Paradanta ten dereito ao elo. E iso non debería depender de quen goberna en cada institución”. “Somos unha institución profundamente municipalista”, afirmou Santos Héctor, “e encántanos vir a comprobar sobre o terreo como ata o último céntimo investido co Plan Concellos se transforma en obras que solucionan problemas, que revalorizan núcleos rurais e, por tanto vivendas, que melloran a calidade de vida da xente”. E nese senso, reivindicou a colaboración doutras Administracións para solucionar os problemas da Cañiza E así aludiu ao subministro de auga ao seu centro urbano, “que leva adiado demasiado tempo”, afirmou. “Facemos un chamamento á Xunta de Galicia para que se implique con seriedade nesta actuación porque A Cañiza non pode seguir co servizo de abastecemento de auga que ten na actualidade”.

Pola súa banda, o alcalde Luis Gómez Piña quixo destacar a presenza na visita de representantes de toda a Corporación municipal e subliñou que “o Plan Concellos é un instrumento moi poderoso e moi beneficioso neste caso para o municipalismo, e que se reparte de maneira obxectiva no conxunto da provincia de Pontevedra, indistintamente da cor política”. “Somos un concello do rural con 5.000 habitantes e temos unhas infraestruturas de servizos que implican un elevadísimo custo de mantemento. Por iso, con instrumentos como o Plan Concellos, permítesenos tratar de afrontar esta tarefa. É un exemplo que deberían tomar outras Administracións”.

Doutra banda, Santos Héctor Rodríguez e Luis Gómez Piña repasaron outras actuacións recentes financiadas co Plan Concellos neste municipio, en concreto a mellora da pavimentación dos camiños municipais de Candal aToural e de Torgo a Cota (38.599€), así como a mellora dos accesos dos camiños Cerdeira-Choza e Cota-Choza (38.636€). Outros traballos realizados foron os de acondicionamento levado a cabo na zona recreativa de Xunqueiras, cun investimento de 20.000€.

Sanidade confirma a tendencia descendente da incidencia do coronavirus en Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou onte en rolda de prensa o descenso sostido da incidencia do virus Sars-CoV-2 na comunidade galega, ao tempo que apuntou a necesidade de seguir a traballar para acadar o descenso da presión asistencial nos centros sanitarios galegos.

Trala xuntanza do grupo de expertos que avalía a evolución da covid-19 en Galicia, o titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que os derradeiros datos epidemiolóxicos na comunidade achegan un ritmo de descenso dos casos do 5’6 %, nos últimos sete días.

Así mesmo. informou que na derradeira semana, o Servizo Galego de Saúde realizou 160.000 probas diagnósticas, das que se desprendeu un tasa de positividade do 6 %. Esta cifra achégase ao obxectivo establecido pola OM,S fixado no 5 %.

Sobre este particular, o máximo responsable da Sanidade galega realizou un chamamento xeneralizado á poboación galega, para que acuda e participe nos cribados que se está a desenvolver o Sergas nas diferentes áreas sanitarias.

Respecto do Plan de vacinación, precisou que “vimos de rematar a vacinación nos centros sociosanitarios e nos profesionais sanitarios de primeira liña”, ao tempo que anunciou que “desde esta semana comezarase a vacinar ao resto do persoal sanitario”.

García Comesaña tamén destacou que tras recibir 11.100 doses da vacina producida por Astrazeneca, desde mañá mesmo, comezarase a vacinación dos profesionais do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) menores de 55 anos.

Na compaña do secretario xeral técnico, Alberto Fuentes, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente do Sergas, José Flores; o conselleiro de Sanidade agradeceu novamente o esforzo e dedicación do conxunto de profesionais que desenvolven o seu labor no ámbito sanitario galego, poñendo especial énfase nos que están a traballar nas unidades de críticos.

No que atinxe aos datos epidemiolóxicos, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, apuntou que estamos diante “dunha mellora obxectiva da situación epidemiolóxica en Galicia”, mais remarcou que “aínda estamos lonxe do obxectivo marcado”.

Ademais, Durán apuntou que Galicia é na actualidade a segunda comunidade autónoma coa mellor taxa de realización de probas diagnosticas por 100.000 habitantes, cunha cifra de 6.189 probas, case un 80% por riba da media nacional.

Durante a súa intervención, a responsable de Saúde Pública tamén informou que nestes intres o Servizo Galego de Saúde ten secuenciados 41 casos pertencentes á variable británica.

Respecto da ocupación hospitalaria, o xerente do Sergas, José Flores, debullou a presión actual dos diferentes niveis asistencias, indicando que a ocupación de pacientes en planta é do 69% (13 % por covid); e nas unidades de críticos do 67 % (40 % por covid).

Por último, García Comesaña gabou o traballo que están a desenvolver o conxunto de profesionais que traballan no ámbito sanitario, ademais de agradecer a actitude responsable que continúa a amosar a poboación galega, no cumprimento da medidas establecidas para frear a expansión do coronavirus.

Ponteareas lembrará o Entroido a través de imaxes

O Concello de Ponteareas lembra durante estes días a tradición do entroido ponteareán ao longo das últimas décadas. Mediante diversos contidos audiovisuais nas redes sociais, con fotografías e vídeos de contido histórico, Ponteareas lembrará a actividade festiva propia de Ponteareas nestas datas,e nos axudan a recuperar a memoria histórica.

Tamén a través de imaxes, a exposición ‘O Entroido ponteareán no tempo’ levará aos escaparates comerciais o colorido, a espontaneidade, os detalles, a alegría e a tradición desta celebración tan arraigada en Ponteareas e que este ano non se pode desenvolver como de costume pola situación sanitaria.

O Concello agradece a colaboración de todas as comparsas, asociacións veciñais, culturais e persoas individuais, que están aportando fotografías da celebración do Entroido nas últimas décadas, para contribuír así á recuperación da memoria histórica e á afirmación de que Ponteareas é unha vila con tradición de Entroido. Así mesmo, varios comercios da localidade adobían os seus escaparates con vestimentas portadas nos últimos anos polas comparsas e cedidos polas mesmas.

A Xunta advertiu oito veces ao exalcalde Fernández Solla da ilegalidade da ampliación da Escola Infantil que costou 320.000 euros

O Concello de Ponteareas revelou hoxe novos datos sobre a actuación do goberno do popular González Solla e da Xunta en relación coas deficiencias da Escola Infantil. Segundo o executivo local no expediente da ampliación do centro figuran até 7 inspeccións e requirimentos realizados pola Xunta ao Goberno do PP presidido por Salvador González Solla entre 2006 e 2009 advertindo de innumerabeis deficiencias e da falta de autorización para a ampliación da escola con dúas aulas novas, obra que supuxo un investimento de 320.000 euros.

Dase a circunstancia de que todas esas inspeccións e requirimentos foron impulsados polo bipartito da Xunta e pola Vicepresidencia da Xunta que naquel entón dirixía Anxo Quintana. Entre as deficiencias detectadas atópanse problemas de accesibilidade; riscos en materia de seguridade como portas estreitas; ausencia de extintores, de sinalización e de planos para evacuacións; falta de vidros de seguridade; riscos de atrapamento en varandas de escaleiras; necesidade de detectores de fumes e proteccións en enchufes e radiadores, con risco de queimaduras; problemas de ventilación, humidades e frío, ou necesidade de cambio da carpintería exterior.

En 2009 producíuse o cambio de goberno na Xunta coa entrada de Núñez Feijoo e a maioría das deficiencias mantivéronse, ao igual que as dúas aulas que carecían de autorización para o seu funcionamento. Até o ano 2012 o goberno do PP na Xunta non realiza ningunha nova inspección.

Nese ano 2012 a Xunta lembra ao goberno de González Solla que as dúas aulas non están autorizadas e deben ser legalizadas con obras de adaptación. En 2013, sete anos despois da primeira inspección da Xunta, o goberno municipal do PP contrata externamente un proxecto para reformar a ampliación e adaptala á normativa. E en 2014 a propia Xunta resposta ao Concello e ao Alcalde González Solla que ese proxecto, lamentablemente, non é válido.

Así pois, asegura o Goberno local, o goberno popular presidido por González Solla “realizou en 2006 unha ampliación da Escola Infantil cun custo de 320.000 euros infrinxindo a normativa”. O bipartito da Xunta, engade, “non autorizou esas aulas e durante tres anos advertíu a González Solla da súa ilegalidade e de graves deficiencias no centro educativo”. “O daquela alcalde continuou presidindo o Concello até o ano 2015 sen resolver a situación, co beneplácito da Xunta que non abríu ningún expediente sancionador”, conclúe o Goberno ponteareán.

O actual goberno municipal adiantou que continua recabando “máis información para esclarecer e depurar as responsabilidades nun asunto con graves prexuizos económicos e sociais para o Concello de Ponteareas”.

Zona Franca inicia as obras de 14 naves en Porto do Molle cun investimento de 6,3 millóns

0

O Consorcio da Zona Franca de Vigo iniciou a construción de 14 naves no Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, cun investimento de 6,3 millóns. Trátase de naves polivalentes, entre 300 e 500 metros cadrados, que cobren demándaa tipo das pemes cun deseño innovador.

O delegado do Estado, David Regades, que visitou as obras, explicou que “xa se interesaron algunhas empresas por estes espazos, así que decidimos que, mentres se desenvolve o proceso de construción, Zona Franca abrirá a posibilidade de que avancen as súas intencións de alugalas para ir reservando os espazos”.

En concreto son 14 naves, 28 talleres e 14 oficinas, con 68 prazas de aparcamento nunha parcela de 10.710 metros cadrados. O adxudicatario das obras é Construcións Alea e o prazo de execución de 18 meses, así que a súa finalización está prevista para o verán de 2022.

Trátase dun edificio industrial cun deseño moderno e que pretende achegar unha visión unificada e conxunta de “Complexo Industrial”, onde distintas empresas comparten unha mesma imaxe arquitectónica con características e servizos comúns.

Así, nos catorce módulos, nos que conviven naves, talleres e oficinas, ofrécese instalación industrial e simultaneamente proporciónase unha contorna luminosa, optimista e atractivo, que achega valor engadido ás empresas.

O espazo destinado a nave ocúpao a planta baixa, con acceso para camións; o espazo destinado a talleres estará na planta baixa e primeira, co acceso peonil e vinculados á nave anexa para unha mellor operatividade; e o espazo destinado a oficinas estará na segunda planta con acceso independente desde zona común.

O Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, do Consorcio da Zona Franca de Vigo é un enclave tecnolóxico, baseado nun concepto de parque sostible, con 102 hectáreas acondicionadas e 120 empresas instaladas. Un espazo onde o Consorcio ofrece Centro de Negocios, Edificio Tecnolóxico Aeroespacial, naves bioclimáticas enfocadas a actividades industriais e de almacenaxe e parcelas non urbanizadas.

A Deputación repartirá máis de 2,4 millóns de euros entre os ‘Concellos Ágora’ para recuperar espazo público para as persoas

A Deputación de Pontevedra, a través do Departamento de Mobilidade e Espazo Público, vai repartir 2.435.o00 euros entre os ‘Concellos Ágora’ para recuperar espazo público para as persoas. Na Xunta de Goberno do vindeiro venres aprobarase unha liña de axudas destinada a financiar proxectos e obras coas que gañar espazos peonís restándollos aos que ocupan os coches nos municipios da provincia.

A presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez presentaron hoxe a iniciativa, enmarcada dentro do plan de ‘Concellos Ágora polo espazo público’, unha rede de acción institucional da que xa forman parte 54 municipios da provincia comprometidos a fomentar mobilidades alternativas aos vehículos a motor.

As liñas de axudas estarán divididas en dous eixos: o primeiro estrá destinado á redacción de proxectos, pola que os concellos poderán recibir ata o 90% do custe cun máximo de 50.000 euros; e o segundo eixo, destinado a obras, con ata o 20% do custe e un máximo de 100.000 euros. Segundo explicou Benítez, quíxose diferenciar moito a primeira liña financiando case a súa totalidade e dándolle importancia porque “entendemos que é o momento de que os concellos teñan proxectos”.

“Nun escenario de fondos europeos é preciso fomentar que os concellos teñan proxectos, que estean preparados, porque moitas veces queixámonos de que non temos cartos para facer obras e resulta que non temos proxectos”, subliñou o nacionalista. Indicou, ademais, que os concellos que acreditan nos principios Ágora e que queren recuperar o espazo para as persoas poderán complementar a pequena axuda das subvencións ‘Ágora’ coas outras liñas de financiamento provincial (o Plan Concellos) ou incluso optar as fondos europeos que traballan neste eixo de acción.

En canto aos requisitos para optar ás ‘Axudas Ágora’, Benítez explicou que se concederán para actuacións completas, obrigando a un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e a que os espazos gañados para as persoas teñan unha superficie mínima de 300 metros cadrados. “Non vale que un concello teña unha praza mal e quera arranxala. Iso non. O obxectivo de Ágora é de aquí a 2023 gañar superficie para as persoas e hai que ir dando pasos”, insistiu Benítez.

Para valorar a contía das subvencións terase en conta a dispoñibilidade dun Plan de Mobilidade Sostible no concello, os metros cadrados de espazo peonil gañados, a porcentaxe de incremento do espazo peonil, a poboación, a xustificación do proxecto en base ós Principios Ágora, e a calidade técnica, entre outros. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles a contar dende a súa publicación no BOPPO, probablemente a semana próxima.

Capacidade transformadora

“Agora, a propia Unión Europea nos novos plans que está a lanzar céntrase en políticas transformadoras, formulando como unha das grandes cuestións todo o que ten que ver coa mobilidade amable”, asegurou a presidenta da Deputación quen presumiu de que “nós, comezamos xa no 2016 a elaborar un proxecto para mellorar as nosas infraestruturas e tamén as dos concellos, para que se adaptasen a un novo modelo urbano”. E, neste marco, sitúase o Plan Agora, “que tamén pretendemos que poida ser cofinanciado ou financiado cos novos fondos europeos” e que, con estes novos recursos, “por concorrencia competitiva e con criterios obxectivos” , vai permitir que “os concellos da rede poidan seguir sumándose a este modelo de mobilidade alternativa e amable. A política ten que servir para isto, para mellorar a calidade de vida da xente”.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para enxalzar a “capacidade transformadora” do equipo de goberno que, en pouco máis de cinco anos “conseguirmos que o compromiso fixado no pacto de goberno para transformar a provincia de Pontevedra sexa unha realidade”. A presidenta destacou que entre os múltiples cambios que experimentou a provincia un dos máis “potentes” é o que ten que ver co concepto de mobilidade: “temos mudado o modelo e, daquel que soamente pensaba nos beneficios económicos e que tiña convertido ás cidades en lugares que expulsaban ás persoas en vez de atraelas, conseguimos estender un novo centrado na recuperación do espazo público, na configuración de vilas e cidades amables”.

Acelerar as intervencións na provincia

O vicepresidente César Mosquera afirmou que as ‘Subvencións Ágora’ van supoñer “un antes e un despois” porque van “acelerar de maneira importante” as intervencións na provincia ao financiar tanto proxectos como obras. Destacou que se trata dunha iniciativa a longo alcance e salientou que a preocupación polo espazo público “andivo un camiño espectacular”.

Lembrou, neste sentido, que hai 25 anos non existía unha cultura do espazo público como a actual e era difícil atopar profesionais con formación. “Hoxe existe preocupación política e social e é máis fácil facer as cousas. Isto é multiplicativo”, asegurou, instando á iniciativa privada a aproveitar a simbiose do modelo de mobilidade no concello e na provincia de Pontevedra para “xerar unha dinámica de estudios de profesionais expertos que busquen un nicho de traballo xa que iso pecharía o círculo”. Por outra parte, Mosquera quixo agradecer a “relevancia especial” de dúas persoas que estiveron na orixe e no funcionamento da recuperación do espazo público de Pontevedra e na Deputación. A primeira foi Fernando Nebot, pola achega de ideas de maneira desinteresada que axudaron en Pontevedra “alá polo ano 99” e tamén pola redacción da ‘Guía de espazo público’ provincial, e a Antón Prieto pola creación do ‘Metrominuto’ que hoxe se está a espallar por todos os concellos da provincia.

O Porriño súmase á celebración do Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia

O Concello do Porriño súmase este xoves 11 de febreiro á celebración do Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia, baixo o lema (en inglés) “No more Matildas”.

A ONU declarou esta data coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais, acadar a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.

A Biblioteca Municipal do Porriño e a Concellería de Igualdade súmanse a esta celebración co obxectivo de difundir a labor científica das mulleres e fomentar a vocación nas nenas e adolescentes da nosa comunidade. Para iso, a Biblioteca e a Concellería ofrecen información sobre as inicitivas existentes neste ámbito, e unha serie de lecturas infantís seleccionadas da colección dixital da Biblioteca, todas elas accesibles a través da plataforma de ebooks, GaliciaLe. Ademais na páxina web de Cultura (ecultura.net) hai un enlace directo coa páxina web da Biblioteca (bibliotecadoporrino.com) para ler en streaming ou descargar, debido as actuáis restricións coa Covid.

A Xunta solicítalle ao Ministerio de Transportes a reapertura da circulación pola vía de emerxencia no túnel do Folgoso da A-52 da Cañiza

0

A Xunta solicítalle ao Ministerio de Transportes o restablecemento da circulación no túnel do Folgoso da autovía A-52 na Cañiza pola vía da emerxencia para paliar o impacto económico e social que está a provocar este peche no sur de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de remitirlle ao Secretario de Estado de Infraestruturas, Pedro Saura, unha carta na que lle demanda información sobre os procedementos e prazos previstos para resolver esta situación que afecta a sectores estratéxicos como o transporte ou incluso ao sistema sanitario.

Cómpre lembrar que nas últimas semanas permanece pechado ao tráfico o túnel do Folgoso, na Cañiza, en sentido Ourense, tras o incendio dun camión na autovía A-52.

Este corte obriga aos usuarios a desviarse 23 quilómetros a través da estrada N-120, que conta cun só carril por sentido con cruces e inclúe o tránsito polo propio casco urbano.

Na carta remitida pola conselleira concrétase que este desvío ocasiona un incremento de tempo de percorrido, que pode chegar a ser de máis de media hora, afectando ao sector de transporte de mercadorías e tamén aos usuarios que se dirixen ao traballo ou acceden a servizos básicos como a sanidade e a educación.

A conselleira resalta a máxima preocupación da Xunta ao terlle trasladado os profesionais sanitarios que este peche está dificultando unha resposta axeitada ante posibles urxencias.

A autovía A-52 rexistra, en condicións normais, un tráfico medio de 16.640 vehículos ao día. Non obstante, actualmente esa intensidade viuse reducida polas restricións derivadas da crise sanitaria, polo que as persoas que se desprazan entre Vigo e Ourense fano por razóns de necesidade xustificada.

Ademais, Ethel Vázquez recorda que non existe alternativa ferroviaria axeitada entre Ourense e Vigo para darlle resposta aos desprazamentos neste traxecto. Lembra que esta conexión de tren sofre constantes incidencias, como as acontecidas onte mesmo, polo que cómpre unha acción decidida por parte do Goberno de España para impulsar o Corredor Atlántico de Mercadorías e para modernizar esta liña paralela ao río Miño, dada a súa precariedade, inseguridade e deterioro, e tendo en conta que actualmente esta é a principal conexión ferroviaria de Vigo con Madrid, despois dos reaxustes de operacións de trens realizados por Renfe.

A Xunta abre a nova convocatoria de mellora de establecementos turísticos tras conceder axudas a máis de 40 negocios da provincia de Pontevedra

A Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia acaba de abrir unha nova convocatoria da orde de axudas para a mellora e modernización dos establecementos turísticos cunha dotación de 3,5 millóns de euros, o que supón máis do dobre dos 1,5 millóns investidos nesta mesma liña o pasado exercicio.

Esta orde, cuxo prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 4 de marzo, está orientada a establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos turísticos, albergues -unha das novidades deste ano- e negocios de restauración co obxectivo de poidan que reforzar o seu servizo de calidade e dotarse dunha oferta competitiva e diferenciada, axudando a conferir confianza e seguridade nos viaxeiros, coincidindo co dobre Ano Santo 2021-2022.

Na convocatoria, xa aberta, recóllese que as axudas poden financiar ata o 50% do investimento realizado cunha contía máxima de 50.000€, o que supón un incremento do 42% nas achegas con respecto aos límites do 35% e os 35.000€ fixados en 2020.

As accións subvencionables inclúen medidas que garantan a accesibilidade e a supresión das barreiras arquitectónicas e que permitan obter certificacións, como a Q de Calidad Turística ou elevar a categoría do establecemento. Tamén se financiarán accións a prol da sustentabilidade, como a mellora da climatización coa posta en marcha de medidas de aforro enerxético, actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización, a modernización dos locais e o embelecemento da contorna, a dotación de equipamentos mobles para o seu funcionamento e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde. Na anterior convocatoria, a Xunta financiou 80 proxectos de mellora de establecementos turísticos, dos que 41 correspondéronse coa provincia de Pontevedra. Esta liña de axudas tamén alcanzou o pasado ano á bisbarra do Baixo Miño, xa que un restaurante do Concello da Guarda contou con financiamento para a renovación das súas instalacións.

A última batalla corpo a corpo de La Vuelta 21 terá como final Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, confirmou que Mos voltará a ser protagonista de La Vuelta Ciclista a España. Nesta ocasión como chegada de etapa e non como saída como ocorreu o pasado novembro.

A última batalla corpo a corpo de La Vuelta 21 rematará en Mos, sendo a chegada mosense a penúltima etapa da competición, pero a última etapa competitiva en liña, polo que o vencedor decidirase en Mos case con total seguridade.

Ante esta boa nova a rexedora local mosense declarouse “satisfeita e enormemente orgullosa de que La Vuelta volte a elixir a Mos dentro do seu percorrido e ademáis por segundo ano consecutivo. Deste xeito Mos volve a situarse no mapa e convertirase xa, indiscutiblemente, en emblema nacional do ciclismo, por contar entre a súa veciñanza a Óscar Pereiro, gañador dun Tour de Francia, e embaixador de La Vuelta; e por ser protagonista en dúas edicións consecutivas de La Vuelta, saída de etapa o ano pasado e chegada da penúltima etapa este ano”.

No pasado ano 2020 a Etapa 15 de La Vuelta Ciclista a España saíu desde o Pazo de Mos o 5 de novembro. Sendo Mos a única localidade da provincia de Pontevedra na que houbo unha etapa de saída de La Vuelta no 2020.

Galicia rexistra un total de 17.632 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 17.632, deles 4.852 son da área da Coruña, 1.641 da de Lugo, 1.886 da de Ourense, 2.219 da de Pontevedra, 2.924 da área de Vigo, 2.542 da de Santiago e 1.568 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 240 están en UCI, 975 en unidades de hospitalización e 16.417 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 86.359 persoas curadas, rexistrándose 2.016 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.533.381.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 114.783.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A fronte de organizacións sociais contrarias á revisión do Plan Forestal de Galicia reúnese co PSOE e co BNG

Trala xuntanza mantida o pasado venres co grupo parlamentario do PP, representantes da fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais que se opoñen á primeira revisión do Plan Forestal de Galiza (PFG) reuníronse onte, 9 de febreiro, co PSOE e o BNG no Parlamento de Galicia.

A representación da fronte estivo integrada, desta vez, por Diego Sánchez Agra, Manuel da Cal, Benito Andrade, Xosé Alfredo Pereira, Cristóbal López e Belén Rodríguez, que se xuntaron ás 11:00 con Martín Seco, Carmen Rodríguez e Pablo Arambuena, do grupo socialista; e ás 12:30 con María Albert e Carme Aira, do grupo nacionalista. Ambos grupos parlamentarios escoitaron as propostas e expresaron a súa intención de opoñerse e votar en contra da revisión do PFG.

Como na anterior xuntanza, explicóuselles aos deputados e deputadas do PSOE e o BNG os argumentos nos que a fronte basea o seurexeitamento á revisión do PFG e que se resume nun decálogo que se lles entregou actualizado con respecto á semana pasada.

Por unha banda, a Fronte considera que se fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado (datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do E. Globulus e do E. Nitens. A 1ª revisión do Plan Forestal debería partir da actualización do Inventario Galego Forestal.

A este primeiro problena engádese a ausencia de consenso social e nese sentido, a Fronte chama a atención sobre o feito que durante a súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.

Doutra banda, e ao entender dos colectivos e asociacións que conforman a Fronte, o PFG Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico.

Amais do xa expresado, o PFG adoece, ao entender da Fronte, doutros moitos defectos:

  • Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m³ de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m³ de cortas / ano.
  • Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. Nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.
  • Promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 Ha destes terreos.
  • Favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fins de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.
  • Potencia a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Non formula solucións para as causas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.
  • Agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte.
  • Alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís.

Cómpre lembrar que fronte de organizacións sociais que se opoñen ao Plan Forestal de Galicia está formada por A Estruga, Amigos da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (Fruga), Greenpeace, Hábitat, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Sindicato Labrego Galego e Verdegaia.

Nigrán incluirá ao ‘Cine Imperial’ da Ramallosa na bonificación du 95% do IBI ao seren declarado por vez primeira de interese municipal

0

O Concello de Nigrán incluirá por vez primeira na bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles (máxima rebaixa permitida por lei e aprobada polo goberno de Nigrán no 2016) ao Cine Imperial da Ramallosa. O Concello levará ao pleno ordinario do 22 de febreiro a súa declaración como entidade de utilidade municipal xunto coas entidades veciñais e culturais que anualmente o solicitan (Centro Cultural As Angustias, A.V.A Camoesa, A.V. A Unión, O Torreiro de Priegue, Bolos da Carrasca, O Castro de Chandebrito…), o que implica unha rebaixa media no seu recibo anual de preto de 1.300 euros. Esta bonificación cadra nun intre especialmente duro para as entidades e para o propio cine, xa que actualmente manteñen as instalacións pechadas por decreto da Xunta.

“É unha cantidade moi cuantiosa para o cine e todas as asociacións de Nigrán, xa que con escasos recursos levan adiante un traballo fundamental durante todo o ano de promoción da cultura e das relacións veciñais”, sinala o alcalde, Juan González. “Analizando a realidade das diferentes entidades beneficiarias démonos conta de que o Cine Imperial, aínda que sexa unha empresa, é de especial interese municipal porque se trata dun dos contadísimos cines independentes que sobreviven non só en Galicia, se non en toda España, e desde o Concello consideramos que a súa actividade, sen dúbida, tamén enriquece a vida cultural de Nigrán e de toda a súa comarca, polo que informamos aos propietarios para que  solicitasen a rebaixa e así o fixeron”, refire González.

Historia do Cine

O Cine Imperial fundouse o 1 de febreiro de 1948  da man de Latino Salgueiro Espinosa, un xoven enxeñeiro namorado do cinema, e continúa agora da man das súas fillas. Dende ese momento e ata os nosos días, milleiros de títulos pasaron pola súa pantalla e varias xeracións de espectadores polas súas butacas, especializándose nunha programación internacional de altísima calidade. O Imperial viviu tempos de gran demanda no que chegou a ofrecer programas dobres porque ir ao cine era unha actividade de ocio habitual. Igualmente, mentres a partir dos anos oitenta a meirande parte das salas de todo o país foron pechando, o Imperial seguiu adiante sobrevivindo ás multisalas ou ao aluguer de VHS e ao traslado da actividade ás grandes áreas comerciais.  Actualmente é unha verdadeira institución da comarca ao ser un dos contadísimos cines independentes que sobreviven en España, cuestión que lle valeu unha mención no Festival Primavera do Cine en Vigo do pasado ano.

O Meco de Redondela, que por primeira non se queimará, quere ser unha mensaxe de forza, unidade e esperanza

0

Por primeira vez na historia do Entroido de Redondela, o Meco –figura representativa desta festa e que da forma á crítica mordaz sobre temas que durante o ano teñan sido actualidade–, presentará dúas novidades. Por unha banda cambia a sátira por unha mensaxe á cidadanía de forza, unidade e esperanza logo dun ano de pandemia. Doutra banda, por primeira vez no Entroido de Redondela e debido ao carácter permanente da mensaxe que quere transmitir, o Meco non será queimado e por iso foi confeccionado con materiais duradeiros e será colocado nun lugar ben visible.

Un fragmento do pregón do Entroido (colgado xa na súa integridade nas redes sociais do Concello) expresa o espírito deste meco de xeito tan claro como significativo: “Este ano non arde o meco, non vai haber lume en Redondela. Vai arder no corazón de cada Redondelán. Vai arder o sufrimento, as malas noticias, a soidade, o illamento. Vai arder este virus que trunca as nosas ilusións. A tradicional petición do entroido, a través do meco, é poñer fin ao virus. Que lisque de aquí e de todo o mundo. El é o inimigo único, a razón que nos obriga a estar unidos como pobo. Por iso quixemos representar as nosas peticións cunha figura de tradición, para trasladar esa imaxe de unidade, forza e esperanza”.

O meco deste Entroido 2021, atípico pero capaz de facerlle fronte a toda canta circunstancia adversa preséntese, reflicte polo tanto un ano sen festas, sen tradicións; un ano de illamento de soidade, de tristura, de non poder xuntarnos cos amigos e os familiares. Esa e a mensaxe que quere transmitir e ese é o motivo polo que, por primeira vez, o meco redondelán non arderá.

“Toca reinventarse, innovar e facer un Entroido diferente de como todos e todas nós quixéramos, pero non por iso menos atractivo e participativo”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas. O concurso de disfraces, no que cada quen tira de imaxinación, non deixará de celebrarse se ben adoptará o formato virtual. “Xa o tivemos que facer no Samaín –lembra Rivas– e deu moi bó resultado porque, a pesar da situación actual, a pesar do illamento e a pesar do distanciamento físico, a veciñanza ten ganas de divertirse e participar”.

Así pois, as persoas que desexen participar neste concurso, non teñen máis que enviar unha foto ou un vídeo do seu disfrace ao enderezo de correo electrónico [email protected] ata o día 14 de febreiro. Ese material será subido ao Facebook do Concello e os tres disfraces que acaden máis “Me Gusta” serán os gañadores do concurso.

Amais, a veciñanza poderá facer un percorrido polos momentos máis destacados dos entroidos dos anos pasados a través dun vídeo que está a elaborar o Concello redondelán e que, a través das redes sociais, chegará a todos os fogares.

Polas súa banda, os comercios de Redondela súmanse este ano ás celebracións do Entroido a través dun concurso de escaparates organizado pola Concellería de Comercio e no que, ata o de agora, xa son máis de 15 os establecementos inscritos.

Dous premios, á Orixinalidade e á Tradición serán fallados por un xurado designado ao efecto. O establecemento gañador en cada unha das categorías terá como premio, unha cesta de produtos gourmet que, como é xa habitual por parte do Concello, será adquirida en establecementos do municipio.

Un terceiro premio, o do Público, será outorgado polas e polos clientes dos comercios que votarán o que, ao seu entender, é o mellor escaparate. Entre as persoas que emitan o seu voto, tamén se sorteará outra cesta de produtos gourmet.

Con todas estas actividades e cun meco que estará permanentemente exposto, “queremos lanzar unha mensaxe de esperanza e sobre todo de agradecemento á valentía que están a amosar a inmensa maioría da veciñanza nunha situación excepcionalmente complicada”.

O noso Entroido é un xeito de dicir “que xuntos e xuntas sairemos desta situación ao igual que o fixemos en todas as situacións difíciles que atopamos ao longo da nosa historia” apunta a alcaldesa de Redondela que engade que “o facemos coa esperanza de que, o vindeiro ano, este Entroido símbolo de Redondela, o poidamos celebrar do xeito que mellor sabemos facelo: en compañía e enchendo de ledicia prazas e rúas”.

Digna Rivas quixo trasladar un especial agradecemento aos traballadores de Eventos e Normalización Lingüística, “polo labor desenvolvido e por ser capaces de adaptar o Entroido a estas especiais circunstancias”.

O Grupo Socialista no Parlamento Galego urxe “celeridade” á Xunta para salvar a cultura, “un sector que está agonizando”

A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de urxir “celeridade” á Xunta para salvar ao sector da cultura, dado que o sector “está agonizando”. Fíxoo durante a presentación dunha proposición non de lei para instar ao goberno galego a desenvolver e executar un plan “real” para a reactivación cultural.

“Escoita activa, avaliación rigorosa, concreción, celeridade e recursos suficientes. Con estes cinco ingredientes confeccionen unha receita que solucione o problema de inanición que está a sofrer a nosa cultura”, aseverou a responsable socialista, quen instou ao goberno galego a que “se comprometa claramente” co sector.

Díaz pediu ao goberno galego leve a cabo “medidas extraordinarias” que respondan ás “necesidades reais” dun sector “exhausto e sen expectativas”. Nesta liña, esixiu “axudas directas específicas” que teñan en conta “as particularidades do sector”, tal e como se fixo noutros territorios como Cataluña, onde abriron liñas dirixidas ao persoal traballador e outras como, por exemplo, seguros de suspensión de funcións.

Doutra banda, a responsable socialista criticou a “improvisación”, a “falla de avaliación” das medidas xa tomadas, así como o “inexistente diálogo continuo co sector” que está “canso da pouca vontade, de expectativas incumpridas e de brindes ao sol”. Así, lamentou a “incoherencia” que amosa o goberno galego cando presume de “facer esforzos” para salvar a cultura e, ao mesmo tempo, é das poucas comunidades que “mantén pechados os espazos culturais”.

Nada se sabe do Xacobeo “o gran mirlo branco da Xunta para o sector”

“Nada se sabe tampouco aínda do Xacobeo, o gran mirlo branco da Xunta para o sector cultural”, aseverou. Así, lembrou que o goberno galego tiña “todo fiado a un magno acontecemento que xa non vai ser o previsto” por mor da crise da covid. “Xa llo advertimos, e agora que?”, subliñou.

Neste senso, a responsable socialista propuxo á Xunta “adaptar boa parte dos fondos” dedicados a iniciativas que formaban parte do Xacobeo 2021 e que xa non van poder desenvolverse e “reorientalos cara a novas propostas”, xa que reprogramar todo cara aos meses vindeiros “significará unha sobresaturación do calendario” e “non solucionará nada”.

Por último, a socialista criticou o Informe sobre o estado do Plan de Reactivación – Sector Cultural que presentou a Consellaría de Cultura o 26 de novembro de 2020, un documento que debería conter a avaliación “dunha estratexia elaborada ad hoc para protexer ao sector” e, en realidade, “consta dun total de 4 páxinas, portada e contraportada corporativas incluídas, ou sexa, dous folios de contido, no que en realidade só se explica un contexto que xa coñeciamos”.

“Este documento dá conta dun desinterese que pode pór en perigo a nosa cultura, que adoece dunha estratexia” a curto e a medio prazo, sentenciou.

O Concello de Ponteareas apoia a candidatura do Mestre Rogelio Groba aos Premios Princesa de Asturias das Artes

O Concello de Ponteareas amosa a súa satisfacción diante da candidatura do Mestre D. Rogelio Groba Groba aos Premios Princesa de Asturias das Artes 2021, e fai público o seu apoio ante o que consideran un merecido e xusto recoñecemento.

“A proposta de presentación desta candidatura por parte da Xunta, que nos trasladou a Orquestra de Cámara Galega, supón un gran recoñecemento para o Mestre Groba. Fillo predilecto de Ponteareas, é a máxima expresión da creación musical galega co catálogo de obras máis amplo e recoñecido de Galicia e destacado a nivel estatal”, sinalou o alcalde ponteareán, Xosé Represas.

O premio Princesa de Asturias das Artes promove e difunde o patrimonio universal dos valores científicos, culturais e humanísticos e no apartado das Artes ten recoñecido a traxectoria de Peter Brook, considerado o mellor director teatral do século XX, Martin Scorsese, Nuria Espert, Francis Ford Coppola, Norman Foster ou Bob Dylan entre outros expoñentes das Artes a nivel mundial.

O Mestre Groba, nado na parroquia ponteareá de Guláns no ano 1930, é un músico de referencia pero tamén profesor e, sobre todo, compositor e fervoroso dinamizador do patrimonio musical traballando sempre por promover a cultura musical popular e por achegala e devolvela ao pobo.

Os seus primeiros contactos coa música viñeron a través da banda ‘A Unión’, de Guláns, onde comezou tocando o frautín antes de facerse cargo, con 17 anos, da dirección da agrupación.

Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título Superior en Composición con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga. Despois exerceu como director de banda en diversas prazas da xeografía galega (A Estrada, Tui e Ponteareas) e española (Pedro Muñoz, en Cidade Real).

En 1962 trasladouse a Suíza e alí dirixiu numerosas agrupacións musicais, con gran éxito, como demostra o feito de que naquel tempo se chegasen a celebrar catro “Festivais Groba” como recoñecemento ao seu labor artístico. Tamén dirixiu a Editorial Musical Rauber, en Lausanne.

En 1967, de volta a España, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña ao tempo, fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Harmonía, e de Composición no devandito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, e fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.

De extensa discografía e autor de numerosos ensaios e libros desde 2002 preside a Fundación Rogelio Groba, clasificada “De interese cultural” e “De interese galego” polo goberno de Galicia.

O Concello de Ponteareas homenaxea cada ano ao Mestre Groba celebrando o afamado Festival Groba no que se dan cita os músicos máis salientábeis do universo da música de cámara. O Festival Groba supón unha oportunidade única para gozar da música de cámara de xeito totalmente gratuíto sendo o seu obxectivo principal achegar a toda a cidadanía o patrimonio musical.

Dende o 2016, D. Rogelio Groba conta cunha rúa en Ponteareas que leva o seu nome. Neste último ano, o Concello en colaboración coa Fundación Rogelio Groba e coa Deputación de Pontevedra ten editado dous libros que enxalzan e difunden a figura e vivencias do Mestre ponteareán.

A Eurocidade Cerveira-Tomiño adía para setembro o ‘IV Simpósio Internacional de Escultura de Minho’

0

Ante o actual contexto de incerteza provocado pola pandemia Covid-19, o Comité de Xestión Estratéxica (CGE) da Eurocidade Cerveira-Tomiño decidiu adiar para o mes de setembro a realización da cuarta edición do Simpósio Internacional de Escultura do Miño. Na reunión telemática mantida onte martes polos alcaldes veciños abordaron tamén a temática do peche de fronteiras e os impactos para as traballadoras e os traballadores transfronteirizos.

Cun investimento municipal de 150 mil euros, dividido por ambos os concellos, o plano de actividades da Eurocidade Cerveira-Tomiño delineado para 2021 poderá ser totalmente reorientado mediante a situación epidemiológica, á semellanza do que xa aconteceu en 2020.

A nova edición do Simpósio Internacional de Escultura do Miño que agora adíase ata setembro, tería que celebrarse entre o 1 e 20 de xuño, e cuxa esencia é a creación de obras de arte ao vivo en plena interacción co público e coa natureza.

Unha vez tratado este asunto, o presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e a alcaldesa do Concello de Tomiño, Fernando Nogueira e Sandra Gonzalez, respetivamente, abordaron o tema do peche das fronteiras, estando en pleno acordo da necesidade de control sanitario como medida de contención da Covid-19, pero sen prexudicar as traballadoras e traballadores transfronteirizos e transportes de mercadorías.

Cómpre salientar que Eurocidade Cerveira-Tomiño apoia incondicionalmente a reivindicación da Agrupación Europea para a Cooperación Territorial (AECT) Río Miño para a apertura dos oito puntos de paso entre o Alto Miño e Galicia, entre os cales a Ponte Internacional da Amizade Cerveira-Tomiño, só para quen ten que circular entre ambas as fronteiras para traballar.

Existe a expetativa de que o Consello de Ministros do goberno portugués, que se reunirá nos próximos días, poida ser sensíbel a esta problemática, procedendo a alteracións nas medidas restritivas en vigor, facilitando as rutinas diarias e evitando as chocantes, vergoñentas e interminábeis filas con quilómetros no único punto de paso autorizado, Valença-Tui.

O AECT Río Miño crea un mapa interactivo para informar de xeito conxunto da evolución da COVID-19 nos concellos transfronteirizos

Mentres a situación dos pasos na fronteira segue sen solucionarse, o AECT Río Miño vén de habilitar na súa web smartminho.eu un mapa interactivo, o ‘COVIDMiño’, que permitirá á cidadanía coñecer de maneira conxunta a evolución da pandemia nos 26 municipios galegos e portugueses que forman parte do territorio miñoto. Esta ferramenta inclúe a situación epidemiolóxica de cada un dos concellos (número de casos novos diagnosticados e incidencia acumulada, entre outros), así como información útil para combater a propagación da enfermidade e as medidas que os respectivos gobernos aplican en ambos lados da fronteira.

A novidade do ‘COVID-Miño’, impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do Departamento de Cooperación Transfronteiriza dirixido por Uxío Benítez, radica en que ofrece os datos do territorio miñoto nunha mesma web en lugar de ter que consultar as diferentes páxinas de información sanitaria galega e portuguesa. Ademais, tamén permite comparar de maneira intuitiva as situacións epidemiolóxicas en ambas ribeiras, xa que aplica unha mesma escala de cores ás incidencias acumuladas de cada municipio fronte aos diferentes parámetros utilizados na Galiza (que só aplica unha cor encarnada forte por encima dos 250 casos sen máis gradación) e en Portugal. Pasando o rato por cada concello despréganse máis datos referidos a cada municipio.

Este mapa xurde nun momento no que a poboación precisa de información veraz sobre a complicada situación provocada ante o espallamento do virus e sobre as distintas medidas que se están a aplicar a ambos lados da raia. Segundo destaca Uxío Benítez, o ‘COVIDMiño’ pretende facilitar o coñecemento e datos veraces da pandemia a toda a cidadanía que ten que moverse no territorio miñoto ben por cuestións laborais ou familiares. “Precísase información unificada”, dixo.

No día de hoxe, a incidencia acumulada máis baixa é a do concello de Arbo (menor de 240), seguida por A Guarda e O Rosal (entre 240 e 480), continuada por Covelo, Ponteareas, Salvaterra, Salceda, Porriño, Tomiño, Oia, Tui, As Neves, Viana e Ponte da Barca (con entre 480 e 960), e finalmente en situación extrema (máis de 960 casos por 100.000 habitantes) por Covelo, A Cañiza, Crecente, Melgaço, Monçao, Valença, Vila Nova de Cerveira, Caminha, P. Coura, Arcos de Valdevez, e Ponte de Lima.

Sempre en base a fontes oficiais Sergas e Unidade Local de Saúde do Alto Minho (ULSAM), a web achega tamén as diferentes medidas decretadas polos respectivos gobernos sobre cuestións como a mobilidade laboral e peches perimetrais, réxime de apertura de hostalaría e restauración, educación e situación escolar, comercio e outras consideracións socio-sanitarias co obxecto de manter informada ás persoas que viven ou traballan a ambas marxes do río.

Recapacitación e apertura dos pasos fronteira

O vicedirector do AECT Río Miño, Uxío Benítez, manifestou hoxe que os concellos pertencentes ao agrupamento seguen “expectantes” e “vixiantes” ante o que suceda nos próximos días sobre a solicitude de apertura de todos os pasos da fronteira.

O nacionalista subliñou que polo momento a única novidade foi o que saíu hoxe publicado no BOE, unha prórroga ata o un de marzo do peche de fronteiras, cuestión “que nós xa pensabamos que ía acontecer pola información que tiñamos”. Destacou que en Portugal aínda non se publicou oficialmente aínda que se fará de maneira próxima.

“O que nos consta é que os gobernos están negociando para ver que pasos fronteirizos van manter para o paso das persoas traballadoras. Nese sentido nós queremos ser optimistas e entendemos que as nosas reclamacións e as nosas protestas tiveron eco sobre todo no lugar onde eran máis reacios, no goberno portugués, polas declaracións do ministro de Administración Interna. Entendemos e agardamos que vai haber unha recapacitación na decisión tomada hai 15 días” e a apertura de máis pasos transfronteirizos, dixo Benítez, quen salientou que de non acontecer así alcaldes e alcaldesas e presidentes de cámara do territorio miñoto volverán reunirse e tomarán medidas ao respecto.

O Concello de Ponteareas licita as obras de acondicionamento do cámping A Freixa

O Concello de Ponteareas vén de licitar as obras de mellora e acondicionamento do cámping A Freixa, localizado nas proximidades do río Tea, para convertelo así nun espazo de campismo idóneo para o tempo de lecer.

Os traballos consisten na reparación de instalacións eléctricas e de fontanaría, a reparación dos acabados interiores e exteriores, a adecuación dos vestiarios e a cafetaría, a reposición de elementos danados e o subministro de electricidade e auga potábel. As actuacións, licitadas por un  importe de 70.493,62 euros, ive incluído, serán financiadas a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O concello xa realizara previamente traballos de limpeza e roza do solar, que encontrábase completamente abandoado.

A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, sinalou a importancia desta reforma “como un paso imprescindible para poder sumar este espazo aos múltiples atractivos cos que conta Ponteareas para o tempo de lecer da nosa veciñanza e visitantes”

O Programa Integrado de Emprego de Salceda remata cun 58 % de inserción

Salceda de Caselas ven de dar por rematado o seu Programa Integrado de Emprego, obtendo uns resultados moi positivos a pesares da crise sanitaria. O Programa supuxo un investimento de 305.000 €, financiados integramente pola Consellería de Emprego e Benestar da Xunta de Galicia.

O Programa atendeu a 100 persoas desempregadas, acadando os obxectivos para un 58%, aínda que ata un 77% conseguiron un contrato laboral durante o desenvolvemento do PIE.

Verónica Tourón, Concelleira de Formación e Emprego amosou a súa satifacción por uns obxectivos de insercion “que superaron amplamente o noso compromiso. Temos que lamentar que a Xunta de Galicia non volvese apostar polos Concellos para seguir a xestionar os Programas Integrados de Emprego na nova convocatoria de 2021”.

Cabe destacar o caso de sete persoas participantes que retomaron os seus estudos de formación regrada, ou o de outras sete que puideron sacar o permiso de conducir B1 dentro do programa.

Dende outubro de 2019 en que se iniciou o programa, as persoas desempregadas puideron acceder a diferentes accións formativas, destacando certificados de profesionalidade como os de tarefas administrativas ou limpeza de edificios. Realizáronse un total de 5.858 horas de formación, das cales 4.722 foron de xeito telemático. Estas accións incluíron formación práctica en diferentes empresas da zona, que na ampla maioría dos casos desembocou nun contrato laboral nesas mesmas empresas.

Pola súa banda, a alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, salientaba o feito que “nun ano complexo coma este, marcado pola Covid-19, fomos quen de xestionar a maior subvención de emprego dos últimos anos, facendo que 100 veciños e veciñas tiveran unha oportunidade de formación para o emprego, tan importante nestes tempos”.

Abertas as inscricións para un ESCAPE ROOM de temática mariñeira dirixido aos alumnos de secundaria

0

Promover a protección do medio ambiente, o respecto cara ao mar ou poñer en valor a figura feminina na cultura mariñeira. Estes son algúns dos obxectivos do Escape Room REMA 360, unha actividade aberta á participación do alumnado de 1º e 2º da ESO dos centros do litoral galego.

Os estudantes enfrontaranse, de maneira individual, a un xogo a través dunha páxina web que ofrece imaxes en 360 graos, vídeos ou arquivos de audio. A partir destes recursos audiovisuais, os alumnos terán que resolver diferentes probas.

O alumnado realizará un percorrido por 27 museos pertencentes á Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA). En cada un deles, deberá superar os retos propostos para poder acceder ao seguinte espazo. Tras completar os museos asociados a cada un dos GALP, os participantes deberán superar unha nova proba para conseguir un obxecto. Os tesouros que irán recadando serán necesarios para resolver o reto final da fase en liña.

Superada esta primera fase de xogo virtual, os finalistas realizarán un Escape Room presencial nun dos museos pertencentes á Rede REMA.

O personaxe protagonista do Escape  Room está inspirado en Cristina Fernández, a segunda  farera de España, xa xubilada, e que pasou parte da súa vida no Faro de Cabo  Vilán, en Camariñas (A Coruña). O seu obxectivo no xogo é facer funcionar de novo a todos os faros da costa atlántica europea aos que, por un estraño motivo, apagóuselles a súa luz.

Os centros escolares interesados en participar nesta actividade poden realizar a súa solicitude ata o 28 de febreiro da través do correo electrónico [email protected]. As prazas son limitadas e a inscrición é gratuíta.  Máis información na web: www.redrema.eu/rema-360/.

PASAPORTE REMA

Pasaporte REMA, proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada á nova realidade. Para iso, o proxecto persegue a implementación das TIC como canle para a información, aprendizaxe e formación dos visitantes e para a promoción da oferta cultural dispoñible nos espazos da Rede REMA.

Red REMA

Correo electrónico: [email protected] T. 630 536 428

Carmela Silva reivindica o papel fundamental do mundo local no cumprimento da Axenda 2030 para lograr “a transformación do mundo”

Ante un auditorio virtual con representantes de máis de 48 municipios, coa presenza dunha vintena de alcaldes e alcaldesas, de deputacións, así como de profesorado de diferentes universidades , a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o director da Fundación Democracia e Goberno Local, Alfredo Galán, abriron hoxe a webinar “Os retos da Axenda 2030 para o nivel local de goberno”. Tanto Silva como Galán fixeron unha defensa íntegra do papel “fundamental” do mundo local no cumprimento da Axenda 2030 para lograr “a transformación do mundo”, nunha sesión na que participaron como poñentes Fernando López, catedrático da Universidade de Zaragoza, a profesora da Universidade de Xirona, Mercé Darnaculleta, o catedrático da Universidade de Barcelona, José Esteve, e a profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, María M. Álvarez Lires.

Na súa intervención, a presidenta da Deputación sinalou que “as respostas aos grandes retos de futuro, a como queremos que sexa o mundo a curto, medio e longo prazo, soamente se poderán dar se hai implicación do mundo local. A axenda 2030 non é un marco teórico, senón unha estratexia de transformación, afirmou, que debe lograr que a través das políticas públicas e da acción local se garanta o futuro”.  Ao igual que a presidenta se pronunciou o director da Fundación, Alfredo Galán, quen destacou que os gobernos locais “están chamados a desenvolver un papel protagonista en relación cos 17 ODS xa que están moi ben situados, en primeira liña de actuación fronte á cidadanía. Non haberá cumprimento da Axenda se os gobernos locais non a compren”.

Carmela Silva amosou o seu “profundo convencemento de que está a ser o ámbito local o que está a implantar máis eficientemente todo o que ten que ver coa Axenda 2030 e os ODS”, e defendeu que se trata do nivel de goberno “máis comprometido” con estes retos. Sen embargo, a presidenta apelou á necesidade de financiación: “Non haberá cumprimento da Axenda 2030 se non hai unha acción concreta por parte dos concellos que, aínda que teñen moita capacidade para desenvolver políticas transformadoras, precisan financiación tanto a nivel estatal como autonómico. Se queremos avanzar máis rápido –e temos que facelo porque o futuro da sociedade pasa por implantar estes obxectivos – precisamos recursos extraordinarios”.

A presidenta provincial exemplificou a importancia do papel dos gobernos locais dando a coñecer  a profunda implicación da Deputación de Pontevedra coa Axenda 2030. Así, recordou a auditoría desenvolvida no 2019 para coñecer o grado de compromiso da institución cos ODS, que puxo de manifesto que “as nosas políticas tiñan un impacto sobre o 91% do territorio”, e formulou como reto involucrar aos concellos e axentes sociais “no cumprimento dos ODS con alianzas e accións para impulsar un liderado local para cumprir a Axenda e reducir as desigualdades”.  Ao respecto, “puxemos en marcha liñas de acción convertendo aos ODS nunha oportunidade para a transformación do territorio e mellorar a calidade de vida da cidadanía” detallou Silva, quen tamén recordou a orientación á Axenda 2030 do orzamento do ano pasado e do deste ano.

Finalmente, a presidenta destacou o proxecto “Obxectivo Pontevedra Provincia Alianza Local #17ODS”, ao que están adheridos xa 50 concellos comprometidos cos retos da Axenda 2030 e que vai supoñer que poidan ser discriminados positivamente en subvencións, proxectos ou accións concretas desenvolvidas pola Deputación. Amais, tamén informou que “esta alianza busca unha estratexia conxunta para os fondos europeos aliñados coa Axenda 2030, as políticas de acción social, a xestión sustentable do territorio, a igualdade como política transformadora da sociedade e a posta en marcha dun banco de boas prácticas no ámbito local”.

En canto ás e os poñentes, Fernando López Ramón, catedrático da Universidade de Zaragoza, afondou no “Cambio Climático, un desafío para os gobernos locais”, con cuestións relacionadas cos gases de efecto invernadoiro, afondando na importancia de “introducir cidades sen coches”. Pola súa banda a profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Xirona, Mercé Darnaculleta, centrouse na “Transición cara as fontes de enerxía non contaminantes”, “que comportan un cambio estrutural no sistema enerxético dun ámbito territorial”. Darnaculleta detacou “a grande ferramenta” do Pacto Local do Clima e da Enerxía e a “suma de sinerxías do mundo local para poñer en marcha proxectos comúns”. A ponencia do catedrático de Dereito Administrativo de Barcelona, José Esteve, versou sobre  “Abastecemento e tratamento de augas”, aínda que a nivel xenérico destacou que “os 17 ODS requiren concretalos en cada lugar: a localización da Axenda desde o estatal ata o local”. Tamén abordou cuestións relacionadas co Plan de Recuperación e Resiliencia, que pon o foco nos pequenos núcleos de poboación e nos riscos derivados da pandemia, e destacou a necesidade de “falar de resiliencia e inclusividade”. Finalmente, a profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, María M. Álvarez Lires, pechou o webinar coa ponencia “O papel dos gobernos locais no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS)”, na que reflexionou sobre a necesidade dun novo paradigma no que os gobernos locais, “catalizadores do cambio e os mellores coñecedores da súa contorna”,  son clave: “debemos facer fronte aos desafíos globais implantando a Axenda para que sexa unha oportunidade real”. Lires subliñou ademais que “é a primeira vez que a igualdade aparece nun decálogo así. Os concellos poden facer moito”.

A Xunta entrega tendas de campaña de emerxencias á agrupación de Protección Civil de Tomiño para reforzar a atención cidadá

0

A Xunta de Galicia entregou tendas de campaña para a atención e despregamento en situacións de emerxencia ás agrupacións de Protección Civil de Lalín, Caldas de Reis, Valga, Cambados e Tomiño para reforzar a atención cidadá e a xestión destes operativos na área territorial de Pontevedra.

Estas concesión enmárcanse na orde de axudas impulsada pola Vicepresidencia 1ª para mellorar os equipamentos de emerxencias das entidades de Protección Civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios e, froito da mesma, outorgáronse distintos materiais ou vehículos a unha quincena de entidades das bisbarras de Pontevedra, O Salnés, Caldas, Baixo Miño e O Condado. En total, a Xunta de Galicia investiu 932.000€ para dotar de máis equipamentos de emerxencias a 87 concellos e dúas agrupacións.

A entrega a estas cinco entidades de voluntarios realizouse na explanada do edificio administrativo da Xunta en Campolongo coa presenza dos responsables de Protección Civil destes cinco concellos.

O Goberno galego tamén concedeu, ao abeiro desta orde de axudas, un vehículo todoterreo pick-up ás entidades de Cuntis e Vilanova de Arousa; remolques ás de Catoira, Cerdedo-Cotobade, Meis, O Rosal e Vilaboa; esparexedoras de sal a Mondariz e Ponteareas e unha embarcación pneumática de salvamento a Vilagarcía de Arousa. A Xunta mantén así o seu compromiso en dotar aos servizos de emerxencias dos concellos galegos do equipamento adecuado para garantir a seguridade dos seus efectivos e, por suposto, dos cidadáns. Deste xeito, contribúese a mellorar a súa capacidade de resposta ante as emerxencias grazas a un investimento, nos últimos anos, de 15,3 millóns de euros en material cedido ás entidades locais.