25.6 C
Pontevedra
Xoves, 9 de Maio de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Programa Integrado de Emprego de Redondela pecha a súa andaina cunha...

    O Programa Integrado de Emprego de Redondela pecha a súa andaina cunha inserción laboral dun 60 %

    A acción formativa, na que participaron 100 persoas, superou as expectativas iniciais tanto en número de horas de formación coma nos obxectivos de inserción

    O Programa de Emprego de Redondela, que se desenvolveu durante o último ano e no que participaron 100 persoas –54 mulleres e 46 homes– pechou a súa andaina cunha inserción laboral do 60 %, datos que aínda son máis salientables ao tratarse dun ano absolutamente atípico marcado por unha pandemia.

    A concelleira de Emprego, María Castro, que amosou a súa satisfacción polo balance deste programa, destacou a importancia do mesmo “na mellora da empregabilidade das persoas desempregadas que participaron no mesmo”.

    A responsable de Emprego agradeceu o traballo desenvolvido polo equipo docente que viuse na obriga “de redescubrir e reinventar ferramentas profesionais para acadar os obxectivos propostos”. Nese sentido María Castro destacou que ditos obxectivos, “non só se cumpriron senón que se superaron, tanto en número de horas lectivas coma no número de persoas inseridas no mercado laboral”.

    Cómpre salientar que no que á inserción laboral fai referencia, os obxectivos aos que se comprometía este obradoiro eran do 43 % dos participantes, mentres que as horas lectivas comprometidas –474– foron superadas con moito acadándose, ao remate do programa, as 1.816 horas.

    Para a posta en marcha deste programa tívose en conta o perfil de 1.600 persoas desempregadas, entre as derivadas da oficina de emprego e as persoas inscritas na Bolsa de Emprego do Concello. Deste total, 268 participaron no proceso de selección do que saíron as 100 persoas que participaron na iniciativa de formación.

    Ao longo do programa, alumnas e alumnos participaron nun total de 50 accións formativas que incluíron, amais da parte teórica, prácticas non laborais con empresas nas que participaban 58 persoas e acadaban contrato 44 delas.

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quixo poñer o punto de atención sobre o éxito dun programa formativo “que permitiu que 60 persoas acadasen a inserción laboral logo de ver melloradas, a través de diferentes accións, as súas posibilidades de empregabilidade”.

    “O Goberno local e dentro das poucas competencias que ten en materia de emprego –afirmou a rexedora local– seguirá desenvolvendo todas as iniciativas que melloren a cualificación profesional dos nosos veciños e veciñas e que, por tanto, lles permitan acceder a un mercado laboral, cada día máis competitivo, nas mellores condicións posibles”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.