12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Grupo Socialista no Parlamento Galego urxe "celeridade" á Xunta para salvar...

    O Grupo Socialista no Parlamento Galego urxe “celeridade” á Xunta para salvar a cultura, “un sector que está agonizando”

    Noa Díaz pide ao goberno galego “medidas extraordinarias” e axudas directas para un sector “esencial” que está “exhausto e sen expectativas”

    A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de urxir “celeridade” á Xunta para salvar ao sector da cultura, dado que o sector “está agonizando”. Fíxoo durante a presentación dunha proposición non de lei para instar ao goberno galego a desenvolver e executar un plan “real” para a reactivación cultural.

    “Escoita activa, avaliación rigorosa, concreción, celeridade e recursos suficientes. Con estes cinco ingredientes confeccionen unha receita que solucione o problema de inanición que está a sofrer a nosa cultura”, aseverou a responsable socialista, quen instou ao goberno galego a que “se comprometa claramente” co sector.

    Díaz pediu ao goberno galego leve a cabo “medidas extraordinarias” que respondan ás “necesidades reais” dun sector “exhausto e sen expectativas”. Nesta liña, esixiu “axudas directas específicas” que teñan en conta “as particularidades do sector”, tal e como se fixo noutros territorios como Cataluña, onde abriron liñas dirixidas ao persoal traballador e outras como, por exemplo, seguros de suspensión de funcións.

    Doutra banda, a responsable socialista criticou a “improvisación”, a “falla de avaliación” das medidas xa tomadas, así como o “inexistente diálogo continuo co sector” que está “canso da pouca vontade, de expectativas incumpridas e de brindes ao sol”. Así, lamentou a “incoherencia” que amosa o goberno galego cando presume de “facer esforzos” para salvar a cultura e, ao mesmo tempo, é das poucas comunidades que “mantén pechados os espazos culturais”.

    Nada se sabe do Xacobeo “o gran mirlo branco da Xunta para o sector”

    “Nada se sabe tampouco aínda do Xacobeo, o gran mirlo branco da Xunta para o sector cultural”, aseverou. Así, lembrou que o goberno galego tiña “todo fiado a un magno acontecemento que xa non vai ser o previsto” por mor da crise da covid. “Xa llo advertimos, e agora que?”, subliñou.

    Neste senso, a responsable socialista propuxo á Xunta “adaptar boa parte dos fondos” dedicados a iniciativas que formaban parte do Xacobeo 2021 e que xa non van poder desenvolverse e “reorientalos cara a novas propostas”, xa que reprogramar todo cara aos meses vindeiros “significará unha sobresaturación do calendario” e “non solucionará nada”.

    Por último, a socialista criticou o Informe sobre o estado do Plan de Reactivación – Sector Cultural que presentou a Consellaría de Cultura o 26 de novembro de 2020, un documento que debería conter a avaliación “dunha estratexia elaborada ad hoc para protexer ao sector” e, en realidade, “consta dun total de 4 páxinas, portada e contraportada corporativas incluídas, ou sexa, dous folios de contido, no que en realidade só se explica un contexto que xa coñeciamos”.

    “Este documento dá conta dun desinterese que pode pór en perigo a nosa cultura, que adoece dunha estratexia” a curto e a medio prazo, sentenciou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.