8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas apoia a candidatura do Mestre Rogelio Groba aos...

    O Concello de Ponteareas apoia a candidatura do Mestre Rogelio Groba aos Premios Princesa de Asturias das Artes

    O Concello de Ponteareas amosa a súa satisfacción diante da candidatura do Mestre D. Rogelio Groba Groba aos Premios Princesa de Asturias das Artes 2021, e fai público o seu apoio ante o que consideran un merecido e xusto recoñecemento.

    “A proposta de presentación desta candidatura por parte da Xunta, que nos trasladou a Orquestra de Cámara Galega, supón un gran recoñecemento para o Mestre Groba. Fillo predilecto de Ponteareas, é a máxima expresión da creación musical galega co catálogo de obras máis amplo e recoñecido de Galicia e destacado a nivel estatal”, sinalou o alcalde ponteareán, Xosé Represas.

    O premio Princesa de Asturias das Artes promove e difunde o patrimonio universal dos valores científicos, culturais e humanísticos e no apartado das Artes ten recoñecido a traxectoria de Peter Brook, considerado o mellor director teatral do século XX, Martin Scorsese, Nuria Espert, Francis Ford Coppola, Norman Foster ou Bob Dylan entre outros expoñentes das Artes a nivel mundial.

    O Mestre Groba, nado na parroquia ponteareá de Guláns no ano 1930, é un músico de referencia pero tamén profesor e, sobre todo, compositor e fervoroso dinamizador do patrimonio musical traballando sempre por promover a cultura musical popular e por achegala e devolvela ao pobo.

    Os seus primeiros contactos coa música viñeron a través da banda ‘A Unión’, de Guláns, onde comezou tocando o frautín antes de facerse cargo, con 17 anos, da dirección da agrupación.

    Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título Superior en Composición con primeiros premios en Harmonía e en Contrapunto e Fuga. Despois exerceu como director de banda en diversas prazas da xeografía galega (A Estrada, Tui e Ponteareas) e española (Pedro Muñoz, en Cidade Real).

    En 1962 trasladouse a Suíza e alí dirixiu numerosas agrupacións musicais, con gran éxito, como demostra o feito de que naquel tempo se chegasen a celebrar catro “Festivais Groba” como recoñecemento ao seu labor artístico. Tamén dirixiu a Editorial Musical Rauber, en Lausanne.

    En 1967, de volta a España, foi nomeado director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña ao tempo, fundou a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña e a Orquestra de Cámara Municipal. Foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Harmonía, e de Composición no devandito Conservatorio, que tamén dirixiu durante 20 anos, e fundou varios conservatorios dentro da xeografía galega.

    De extensa discografía e autor de numerosos ensaios e libros desde 2002 preside a Fundación Rogelio Groba, clasificada “De interese cultural” e “De interese galego” polo goberno de Galicia.

    O Concello de Ponteareas homenaxea cada ano ao Mestre Groba celebrando o afamado Festival Groba no que se dan cita os músicos máis salientábeis do universo da música de cámara. O Festival Groba supón unha oportunidade única para gozar da música de cámara de xeito totalmente gratuíto sendo o seu obxectivo principal achegar a toda a cidadanía o patrimonio musical.

    Dende o 2016, D. Rogelio Groba conta cunha rúa en Ponteareas que leva o seu nome. Neste último ano, o Concello en colaboración coa Fundación Rogelio Groba e coa Deputación de Pontevedra ten editado dous libros que enxalzan e difunden a figura e vivencias do Mestre ponteareán.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.