10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva reivindica o papel fundamental do mundo local no cumprimento da...

    Carmela Silva reivindica o papel fundamental do mundo local no cumprimento da Axenda 2030 para lograr “a transformación do mundo”

    A presidenta da Deputación abriu a webinar “Os retos da Axenda 2030 para o nivel local de goberno” na que enxalzou a implicación dos gobernos municipais cos ODS

    Ante un auditorio virtual con representantes de máis de 48 municipios, coa presenza dunha vintena de alcaldes e alcaldesas, de deputacións, así como de profesorado de diferentes universidades , a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o director da Fundación Democracia e Goberno Local, Alfredo Galán, abriron hoxe a webinar “Os retos da Axenda 2030 para o nivel local de goberno”. Tanto Silva como Galán fixeron unha defensa íntegra do papel “fundamental” do mundo local no cumprimento da Axenda 2030 para lograr “a transformación do mundo”, nunha sesión na que participaron como poñentes Fernando López, catedrático da Universidade de Zaragoza, a profesora da Universidade de Xirona, Mercé Darnaculleta, o catedrático da Universidade de Barcelona, José Esteve, e a profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, María M. Álvarez Lires.

    Na súa intervención, a presidenta da Deputación sinalou que “as respostas aos grandes retos de futuro, a como queremos que sexa o mundo a curto, medio e longo prazo, soamente se poderán dar se hai implicación do mundo local. A axenda 2030 non é un marco teórico, senón unha estratexia de transformación, afirmou, que debe lograr que a través das políticas públicas e da acción local se garanta o futuro”.  Ao igual que a presidenta se pronunciou o director da Fundación, Alfredo Galán, quen destacou que os gobernos locais “están chamados a desenvolver un papel protagonista en relación cos 17 ODS xa que están moi ben situados, en primeira liña de actuación fronte á cidadanía. Non haberá cumprimento da Axenda se os gobernos locais non a compren”.

    Carmela Silva amosou o seu “profundo convencemento de que está a ser o ámbito local o que está a implantar máis eficientemente todo o que ten que ver coa Axenda 2030 e os ODS”, e defendeu que se trata do nivel de goberno “máis comprometido” con estes retos. Sen embargo, a presidenta apelou á necesidade de financiación: “Non haberá cumprimento da Axenda 2030 se non hai unha acción concreta por parte dos concellos que, aínda que teñen moita capacidade para desenvolver políticas transformadoras, precisan financiación tanto a nivel estatal como autonómico. Se queremos avanzar máis rápido –e temos que facelo porque o futuro da sociedade pasa por implantar estes obxectivos – precisamos recursos extraordinarios”.

    A presidenta provincial exemplificou a importancia do papel dos gobernos locais dando a coñecer  a profunda implicación da Deputación de Pontevedra coa Axenda 2030. Así, recordou a auditoría desenvolvida no 2019 para coñecer o grado de compromiso da institución cos ODS, que puxo de manifesto que “as nosas políticas tiñan un impacto sobre o 91% do territorio”, e formulou como reto involucrar aos concellos e axentes sociais “no cumprimento dos ODS con alianzas e accións para impulsar un liderado local para cumprir a Axenda e reducir as desigualdades”.  Ao respecto, “puxemos en marcha liñas de acción convertendo aos ODS nunha oportunidade para a transformación do territorio e mellorar a calidade de vida da cidadanía” detallou Silva, quen tamén recordou a orientación á Axenda 2030 do orzamento do ano pasado e do deste ano.

    Finalmente, a presidenta destacou o proxecto “Obxectivo Pontevedra Provincia Alianza Local #17ODS”, ao que están adheridos xa 50 concellos comprometidos cos retos da Axenda 2030 e que vai supoñer que poidan ser discriminados positivamente en subvencións, proxectos ou accións concretas desenvolvidas pola Deputación. Amais, tamén informou que “esta alianza busca unha estratexia conxunta para os fondos europeos aliñados coa Axenda 2030, as políticas de acción social, a xestión sustentable do territorio, a igualdade como política transformadora da sociedade e a posta en marcha dun banco de boas prácticas no ámbito local”.

    En canto ás e os poñentes, Fernando López Ramón, catedrático da Universidade de Zaragoza, afondou no “Cambio Climático, un desafío para os gobernos locais”, con cuestións relacionadas cos gases de efecto invernadoiro, afondando na importancia de “introducir cidades sen coches”. Pola súa banda a profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Xirona, Mercé Darnaculleta, centrouse na “Transición cara as fontes de enerxía non contaminantes”, “que comportan un cambio estrutural no sistema enerxético dun ámbito territorial”. Darnaculleta detacou “a grande ferramenta” do Pacto Local do Clima e da Enerxía e a “suma de sinerxías do mundo local para poñer en marcha proxectos comúns”. A ponencia do catedrático de Dereito Administrativo de Barcelona, José Esteve, versou sobre  “Abastecemento e tratamento de augas”, aínda que a nivel xenérico destacou que “os 17 ODS requiren concretalos en cada lugar: a localización da Axenda desde o estatal ata o local”. Tamén abordou cuestións relacionadas co Plan de Recuperación e Resiliencia, que pon o foco nos pequenos núcleos de poboación e nos riscos derivados da pandemia, e destacou a necesidade de “falar de resiliencia e inclusividade”. Finalmente, a profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Vigo, María M. Álvarez Lires, pechou o webinar coa ponencia “O papel dos gobernos locais no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS)”, na que reflexionou sobre a necesidade dun novo paradigma no que os gobernos locais, “catalizadores do cambio e os mellores coñecedores da súa contorna”,  son clave: “debemos facer fronte aos desafíos globais implantando a Axenda para que sexa unha oportunidade real”. Lires subliñou ademais que “é a primeira vez que a igualdade aparece nun decálogo así. Os concellos poden facer moito”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.