9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación repartirá máis de 2,4 millóns de euros entre os 'Concellos...

    A Deputación repartirá máis de 2,4 millóns de euros entre os ‘Concellos Ágora’ para recuperar espazo público para as persoas

    O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que as axudas subvencionarán ata o 90% do custe dos proxectos para que os concellos estean “preparados para o escenario de fondos europeos”

    A Deputación de Pontevedra, a través do Departamento de Mobilidade e Espazo Público, vai repartir 2.435.o00 euros entre os ‘Concellos Ágora’ para recuperar espazo público para as persoas. Na Xunta de Goberno do vindeiro venres aprobarase unha liña de axudas destinada a financiar proxectos e obras coas que gañar espazos peonís restándollos aos que ocupan os coches nos municipios da provincia.

    A presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez presentaron hoxe a iniciativa, enmarcada dentro do plan de ‘Concellos Ágora polo espazo público’, unha rede de acción institucional da que xa forman parte 54 municipios da provincia comprometidos a fomentar mobilidades alternativas aos vehículos a motor.

    As liñas de axudas estarán divididas en dous eixos: o primeiro estrá destinado á redacción de proxectos, pola que os concellos poderán recibir ata o 90% do custe cun máximo de 50.000 euros; e o segundo eixo, destinado a obras, con ata o 20% do custe e un máximo de 100.000 euros. Segundo explicou Benítez, quíxose diferenciar moito a primeira liña financiando case a súa totalidade e dándolle importancia porque “entendemos que é o momento de que os concellos teñan proxectos”.

    “Nun escenario de fondos europeos é preciso fomentar que os concellos teñan proxectos, que estean preparados, porque moitas veces queixámonos de que non temos cartos para facer obras e resulta que non temos proxectos”, subliñou o nacionalista. Indicou, ademais, que os concellos que acreditan nos principios Ágora e que queren recuperar o espazo para as persoas poderán complementar a pequena axuda das subvencións ‘Ágora’ coas outras liñas de financiamento provincial (o Plan Concellos) ou incluso optar as fondos europeos que traballan neste eixo de acción.

    En canto aos requisitos para optar ás ‘Axudas Ágora’, Benítez explicou que se concederán para actuacións completas, obrigando a un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e a que os espazos gañados para as persoas teñan unha superficie mínima de 300 metros cadrados. “Non vale que un concello teña unha praza mal e quera arranxala. Iso non. O obxectivo de Ágora é de aquí a 2023 gañar superficie para as persoas e hai que ir dando pasos”, insistiu Benítez.

    Para valorar a contía das subvencións terase en conta a dispoñibilidade dun Plan de Mobilidade Sostible no concello, os metros cadrados de espazo peonil gañados, a porcentaxe de incremento do espazo peonil, a poboación, a xustificación do proxecto en base ós Principios Ágora, e a calidade técnica, entre outros. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles a contar dende a súa publicación no BOPPO, probablemente a semana próxima.

    Capacidade transformadora

    “Agora, a propia Unión Europea nos novos plans que está a lanzar céntrase en políticas transformadoras, formulando como unha das grandes cuestións todo o que ten que ver coa mobilidade amable”, asegurou a presidenta da Deputación quen presumiu de que “nós, comezamos xa no 2016 a elaborar un proxecto para mellorar as nosas infraestruturas e tamén as dos concellos, para que se adaptasen a un novo modelo urbano”. E, neste marco, sitúase o Plan Agora, “que tamén pretendemos que poida ser cofinanciado ou financiado cos novos fondos europeos” e que, con estes novos recursos, “por concorrencia competitiva e con criterios obxectivos” , vai permitir que “os concellos da rede poidan seguir sumándose a este modelo de mobilidade alternativa e amable. A política ten que servir para isto, para mellorar a calidade de vida da xente”.

    Carmela Silva aproveitou a ocasión para enxalzar a “capacidade transformadora” do equipo de goberno que, en pouco máis de cinco anos “conseguirmos que o compromiso fixado no pacto de goberno para transformar a provincia de Pontevedra sexa unha realidade”. A presidenta destacou que entre os múltiples cambios que experimentou a provincia un dos máis “potentes” é o que ten que ver co concepto de mobilidade: “temos mudado o modelo e, daquel que soamente pensaba nos beneficios económicos e que tiña convertido ás cidades en lugares que expulsaban ás persoas en vez de atraelas, conseguimos estender un novo centrado na recuperación do espazo público, na configuración de vilas e cidades amables”.

    Acelerar as intervencións na provincia

    O vicepresidente César Mosquera afirmou que as ‘Subvencións Ágora’ van supoñer “un antes e un despois” porque van “acelerar de maneira importante” as intervencións na provincia ao financiar tanto proxectos como obras. Destacou que se trata dunha iniciativa a longo alcance e salientou que a preocupación polo espazo público “andivo un camiño espectacular”.

    Lembrou, neste sentido, que hai 25 anos non existía unha cultura do espazo público como a actual e era difícil atopar profesionais con formación. “Hoxe existe preocupación política e social e é máis fácil facer as cousas. Isto é multiplicativo”, asegurou, instando á iniciativa privada a aproveitar a simbiose do modelo de mobilidade no concello e na provincia de Pontevedra para “xerar unha dinámica de estudios de profesionais expertos que busquen un nicho de traballo xa que iso pecharía o círculo”. Por outra parte, Mosquera quixo agradecer a “relevancia especial” de dúas persoas que estiveron na orixe e no funcionamento da recuperación do espazo público de Pontevedra e na Deputación. A primeira foi Fernando Nebot, pola achega de ideas de maneira desinteresada que axudaron en Pontevedra “alá polo ano 99” e tamén pola redacción da ‘Guía de espazo público’ provincial, e a Antón Prieto pola creación do ‘Metrominuto’ que hoxe se está a espallar por todos os concellos da provincia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.