7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA fronte de organizacións sociais contrarias á revisión do Plan Forestal de...

    A fronte de organizacións sociais contrarias á revisión do Plan Forestal de Galicia reúnese co PSOE e co BNG

    Trala xuntanza mantida o pasado venres co grupo parlamentario do PP, representantes da fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais que se opoñen á primeira revisión do Plan Forestal de Galiza (PFG) reuníronse onte, 9 de febreiro, co PSOE e o BNG no Parlamento de Galicia.

    A representación da fronte estivo integrada, desta vez, por Diego Sánchez Agra, Manuel da Cal, Benito Andrade, Xosé Alfredo Pereira, Cristóbal López e Belén Rodríguez, que se xuntaron ás 11:00 con Martín Seco, Carmen Rodríguez e Pablo Arambuena, do grupo socialista; e ás 12:30 con María Albert e Carme Aira, do grupo nacionalista. Ambos grupos parlamentarios escoitaron as propostas e expresaron a súa intención de opoñerse e votar en contra da revisión do PFG.

    Como na anterior xuntanza, explicóuselles aos deputados e deputadas do PSOE e o BNG os argumentos nos que a fronte basea o seurexeitamento á revisión do PFG e que se resume nun decálogo que se lles entregou actualizado con respecto á semana pasada.

    Por unha banda, a Fronte considera que se fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado (datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do E. Globulus e do E. Nitens. A 1ª revisión do Plan Forestal debería partir da actualización do Inventario Galego Forestal.

    A este primeiro problena engádese a ausencia de consenso social e nese sentido, a Fronte chama a atención sobre o feito que durante a súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.

    Doutra banda, e ao entender dos colectivos e asociacións que conforman a Fronte, o PFG Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico.

    Amais do xa expresado, o PFG adoece, ao entender da Fronte, doutros moitos defectos:

    • Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m³ de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m³ de cortas / ano.
    • Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. Nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.
    • Promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 Ha destes terreos.
    • Favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fins de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.
    • Potencia a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Non formula solucións para as causas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.
    • Agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte.
    • Alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís.

    Cómpre lembrar que fronte de organizacións sociais que se opoñen ao Plan Forestal de Galicia está formada por A Estruga, Amigos da Terra, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (Fruga), Greenpeace, Hábitat, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Sindicato Labrego Galego e Verdegaia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.