Sábado, 24 Maio de 2025

O PP de Ponteareas volve a solicitar ao Goberno local que amplíe o persoal de bombeiros

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas visitou as instalacións municipais de Bombeiros para trasladarlles “o compromiso firme da Vicepresidencia da Xunta” de dotar ao corpo cun novo vehículo homologado e adaptado para a extinción dos incendios na Comarca do Condado.

Segundo o PP, a Xunta “colabora cada ano co noso Concello cun convenio de máis de 150.000 euros na prevención e defensa contra incendios dos GES (Grupo de Emerxencias Supramunicipais), e agora darán un paso máis no seu compromiso con este servizo”.

A portavoz popular, Belén Villar, sinalou que os traballadores do servizo “do que máis se queixan é da falta de persoal, que dificilmente cobre os servizos, e que depende da vontade do Goberno municipal”.

Por exe motivo, asegura Villar, “imos solicitar, unha vez máis, mediante moción ao Pleno, a convocatoria urxente das prazas de Bombeiros que hai pendentes doutros anos, por parte do Goberno local”, explica Belén Villar.

Máis de 300 fincas expedientadas no 2020 en Tomiño por non cumprir a Lei de Prevención de Incendios Forestais ou a Ordenanza de Biomasa

0

O Concello de Tomiño abriu durante 2020 un total de 340 expedientes por incumprimento de limpeza de fincas ou tala de especies prohibidas; labores de obrigado cumprimento segundo a Lei de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais de Galicia e/ou da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa.

Ditos expedientes tramitáronse despois de recibir 105 denuncias de particulares, e outros 18 foron abertos de oficio. Dos 123 iniciados no ano 2020, o 73 % foi tramitado (90 expedientes), e o 9 % desestimado (11 expedientes). O 18 % restante (22 expedientes) están aínda pendentes de tramitar.

En canto á titularidade das 340 parcelas expedientadas, 287 propietarios foron notificados, sendo unha delas propiedade da Xunta de Galicia e 5 de comunidades de montes. Asemade, hai 18 parcelas cuxa titularidade é descoñecida e 35 teñen propietarios pero a súa dirección para notificación é descoñecida ou incompleta, ou ben, non recolleron as cartas enviadas, non se fan cargo dos traballos a realizar, etc. Nestes casos, tal e coma é preceptivo, publicouse o anuncio correspondente no BOE a efectos de notificación.

Das 287 parcelas nas que os propietarios foron notificados, só 30 deles comunicaron ao Concello que tiñan limpado os seus predios. Isto non quere dicir que os restantes non limparan, xa que a gran maioría que fai a limpeza non a comunica. Na tramitación dos expedientes, cabe destacar a dificultade, cada vez en máis casos, que entraña a localización dos propietarios.

Con respecto aos anos 2018 e 2019, existe unha redución do número de expedientes e parcelas tramitadas. Ademais, prodúcese un cambio na xestión dos mesmos, pois a partir de 2020, as parcelas pertencentes a unha mesma denuncia agrúpanse no mesmo expediente, cando anteriormente se abría un expediente por parcela, reducindo así o volume de papel empregado e evitando posibles duplicidades.

As execucións subsidiarias realizadas no ano 2020 foron solo dúas, dato moi inferior ao de 2019, cando se realizaron 11. Isto foi motivado polo atraso na tramitación dos expedientes debido ao COVID-19 e a un maior número de execucións por parte dos propietarios.

Por outra banda, a Concellería de Medio Ambiente, coa axuda dos técnicos de Urbanismo, está revisando na actualidade o borrador do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais; redactado por técnicos da empresa pública SEAGA, no marco do Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e esta empresa, en materia de prevención e defensa contra incendios; e que, proximamente, levará a pleno para a súa aprobación.

Areeiro aconsella vixiar a bolboreta do buxo debido ás condicións favorables para a súa expansión

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar o primeiro aviso fitosanitario deste 2021, no que alerta sobre a necesidade de vixiar a bolboreta do buxo debido ás condicións favorables para a súa expansión.

Neste senso, desde Areeiro sinalan que aínda que de momento na maior parte das zonas revisadas só se observaron algúns gromos afectados pola Cydalima perspectalis, advirten de que os ataques nesta especie poden ser explosivos baixo condicións favorables. Por este motivo, o persoal técnico do centro aconsella unha vixilancia continua das sebes e árbores, así como eliminar os gromos afectados que se atopen (os fíos de seda e mailos excrementos son un bo signo) e, se o ataque xa é de maior consideración, aplicar un tratamento, mellor con boa presión de caldo.

Gromo novo de buxo amosando indicios de actividade Cydalima

Neste primeiro aviso, a Estación Fitopatolóxica tamén alerta no caso dos cítricos sobre a aparición dos primeiros ovos da psila africana (Trioza erytreae), así como dos primeiros individuos doutros insectos chupadores como os pulgóns e as moscas brancas.Por iso, recomenda nos casos nos que sexa posible a retirada e destrución destes gromos para limitar o establecemento das pragas e retrasar o máximo posible a necesidade dunha intervención fitosanitaria.

Doutra banda, no que respecta ás viñas, Areeiro verificou esta semana a maduración da oospora de mildio, aínda que sinala que era algo esperado polas condicións climáticas que se teñen dado ao longo deste outono-inverno, moi húmidos e sen apenas frío. Desde a Estación, subliñan que o feito da maduración do ovo de inverno non significa que sexa preciso realizar de momento algún tratamento fronte a esta enfermidade, senón que simplemente implica que cando se dean as condicións climatolóxicas e de desenvolvemento da vexetación necesarias, poderá ter lugar a primeira infección.

O persoal da Estación Fitopatolóxica tamén sinalou que, segundo información aportada por persoal técnico, as viñas están na súa maior parte entre os estados de xema inchada e follas incipientes. E aínda que as temperaturas nocturnas previstas nestas xornadas non favorecen a priori o desenvolvemento da excoriose, o persoal do centro alerta de que esta patoloxía será a primeira fronte a que haberá que intervir onde estea presente, cando a maioría das plantas estean na contorna de follas incipientes, non debendo superar o estado de follas estendidas.

Concello de Ponteareas e Zona Franca traballarán na realización dun plan estratéxico para impulsar o desenvolvemento económico local

O Consorcio da Zona Franca abre as portas a realizar un plan estratéxico para Ponteareas, que lle permita analizar o tecido económico e empresarial e tomar decisións para impulsar o municipio e a súa comarca tras a pandemia. Así se desprende da reunión mantida pola concelleiras socialistas de Emprego e Formación, Vanesa Fernández; e Vías e Obras, Chus Garrote; co delegado do Estado, David Regades, nas instalacións de Zona Franca en Vigo.

No encontro valoráronse diversas vías de colaboración a curto e medio prazo, entre a Zona Franca e a Concellaría de Formación e Emprego, para potenciar e axudar ao tecido empresarial ponteareán.

O delegado do Estado, David Regades, asegurou que “Zona Franca está comprometida co desenvolvemento económico de Vigo e a súa área e Ponteareas é unha peza fundamental para chegar a bo porto”. Neste sentido precisou que “o plan estratéxico é fundamental para coñecer a realidade do tecido empresarial e poder tomar decisións fundadas, que nos permitan impulsar a economía e con ela o emprego”.

A concelleira socialista, Vanesa Fernández, agradeceu persoalmente o ofrecemento de Zona Franca para sopesar a viabilidade dun convenio de colaboración que teña como obxectivo deseñar un plan estratéxico empresarial para o desenvolvemento económico do Concello de Ponteareas. “Toda esta actuación vén precedida de diferentes reunións con representantes de empresarios do noso concello, co obxectivo de establecer liñas de actuación para poder optar ás partidas económicas que nos cheguen dos fondos europeos”, afirma Vanesa Fernández.

No transcurso da reunión co delegado do Estado tamén se analizou a situación do futuro parque empresarial da Lomba e desde a concellaría houbo un compromiso firme de facilitar toda a documentación e estudos, co obxectivo de dinamizar o Concello de Ponteareas e tratar de paliar as consecuencias da pandemia do covid 19.

O BNG de Redondela alerta sobre o “medre portuario” na zona de Rande

0

O encontro mantido entre o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, seguíuse “con escepticismo” dende o Bloque Nacionalista Galego. “Tal como sospeitabamos non se produciron anuncios clave para o futuro da beiramar de Redondela, e da Enseada San Simón”, valora o voceiro nacionalista.

Rebate o edil nacionalista ás afirmacións de que aumentan as desafeccións. “O único que se certifica na Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), é que aqueles terreos improductivos ou xa consolidados como espazos de lecer, non son rendíbeis económicamente e polo tanto desvincúlanse deles”.

Advirte Xoán Carlos González que pola contra, a Autoridade Portuaria medra nuns 40.000 m² na zoa de Rande. “Incorporan dúas parcelas: unha delas na explanada de Rande e outra no denominado Peirao da Pedra, coa finalidade de que estos terreos permitan realizar actividades de carácter industrial e de almacenamento para o Porto”, sinala.

Entende o voceiro municipal do BNG, de que se están dando novos pasos para que a beiramar de Rande teña un futuro industrial, opción que dende organización nacionalista rexeitan. Apostan por que esta zoa, Rede Natura, debe reservarse para a recuperación medioambiental da Enseada San Simón.

Segundo o voceiro municipal nacionalista o novo presidente da Autoridade Porturaia tampouco renuncia, ao Proxecto de Accesos á Explanada de Rande. “ Infraestructura que consolida a idea de convertela en zoa industrial, polo que dende o BNG, presentamos no seu momentos alegacións”, recorda.

Valora Xoán Carlos González, como “continuístas” as políticas de ocupación da beiramar con fins industriais, por parte da Autoridade Portuaria. Califica de acto propagandista a xuntanza mantida entre membros do PP de Redondela e Vázquez Almuíña. “Nunca presentaron alegacións contra as pretensións da Autoridade Portuaria, en contra dos intereses veciñais. Agora veñen a vender fume, cun único interese electoralista”, afirma.

Destaca o traballo e esforzo que diversos colectivos están desenvolvendo para protexer a beiramar do Estreito de Rande. “Por parte do BNG presentáronse alegacións ao Plan Estratéxico do Porto de Vigo, Plan Espazos e Usos Portuarios, ou de Accesos á explanada de Rande, os documentos nos que se recolle as pretensións da Autoridade Portuaria para esta espazo da beiramar de Redondela”, remata na súa nota

Salvaterra lanza, un ano máis, unha campaña de concienciación ante a vespa velutina

Pese a que por mor da situación sanitaria é imposible realizar as charlas informativas que o Concello de Salvaterra de Miño, que preside Marta Valcárcel, realizaba anualmente cara a concienciación sobre o problema que supón a vespa velutina, o Concello quere facer “unha chamada de atención á veciñanza sobre a importancia do trampeo neste momento”.

Lembra o Concello salvaterrense que, “xa que é mo momento de coller as raíñas, co simple xesto de colocar unha trampa podemos facer moito”. Por ese motivo, o Concello, enmarcado nesa campaña de concienciación, repartirá 100 trampas e máis de 200 doses de líquido atraínte. Todas as persoas interesadas poderán pasar polo Concello a recoller a trampa e a correspondente dose de líquido.

O Concello da Guarda mellora os espazos axardinados da estrada de Circunvalación

0

Na mañá deste martes día 16 de marzo de 2021, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Medio Ambiente, Montserrat Magallanes; técnicos de Medio Ambiente municipais e empregados da empresa de xardineiría San Jerónimo Emiliani, desprazáronse ata a estrada de Circunvalación para comprobar os traballos realizados no proxecto para a mellora estética das zonas verdes existentes na estrada de circunvalación ao seu paso polo barrio da Cruzada.

O concello encargou a proposta de mellora do axardinamento nesta estrada á empresa de xardineiría San Jerónimo Emiliani, xa que a mesma conta cunha ampla experiencia na zona debido a que desenvolve labores de mantemento na mesma.

[su_image_carousel source=”media: 32589,32592,32591,32590″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Este proxecto contemplou a plantación de preto de 90 especies, entre as que destacan magnolios, hortensias, figueiras, madroños, entre outras especies arbóreas e arbustivas, elixidas especialmente para estes espazo polas súas características e o seu mantemento, atendendo tamén a criterios biolóxicos, ecolóxicos, estéticos e económicos. A hora de redactar a proposta a empresa tivo en conta que a actuación está moi condicionada pola influencia dos ventos marítimos e a salitre.

Os traballos realizáronse nun total de 6 tramos, dende o Colexio M. Rodríguez Sinde ata a altura do nº 99 da estrada de Circunvalación, actuando en ámbalas dúas marxes da estrada.

Esta  mellora do axardinamento na  zona da cruzada hai que engadirlle as actuacións que o concello está desenvolvendo noutros espazos da localidade, así se están replantando varias árbores ao carón da zona escolar da Sangriña, na Armona  e en varias rúas da localidade,  e se realizou unha mellora de axardinamento no inicio da rúa de baixada á Area Grande. O Concello da Guarda segue incrementando os espazos verdes en liña coa procura  da mellora paisaxística  da localidade.

Concello de Nigrán e Aqualia presentan nos colexios do municipio a nova edición do concurso dixital de debuxo infantil

0

A empresa Aqualia, concesionaria do servizo de saneamento e abastecemento no Concello Nigrán, presentou esta semana nos colexios do municipio a súa 19 edición do Concurso Dixital de Debuxo Infantil, dirixido a alumnado de 3º e 4º de Primaria. O certame desenvólvese a través da web www.aqualiayods6.com e un ano máis, ofrece materiais didácticos de gran utilidade para os profesores, entre os que destaca o vídeo educativo que explica que son os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, un conto e unha colección de carteis ilustrados que amplían todo este contido.

O obxectivo é educar en valores axudando a reflexionar sobre os principais problemas ambientais, tanto a nivel global como local, e contribuir a crear conciencia convidando a participar na conservación e protección do medioambiente.

Este popular certame reflicte o compromiso de Aqualia e Concello de Nigrán cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, os ODS e a Axenda 2030 de Nacións Unidas, con especial atención ao ODS6: ‘Auga limpa e saneamento’.

O Concello de Redondela denuncia o “flagrante incumprimento” da Xunta de Galicia coa normativa lingüística

0


O escrito dirixido ao Concello de Redondela por parte novo responsable de planificación das iniciativas do programa ‘O Teu Xacobeo’, escrito integramente en castelán, foi considerado onte polo Goberno local como “unha clara mostra do incumprimento por parte da Xunta de Galicia da normativa lingüística” e lémbranlle “que a lingua oficial de comunicación é o galego”.

Segundo o Estatuto de Galicia, sinala o executivo local, “o galego é a lingua propia de Galicia” e o seu fomento, como é lóxico, “corresponde ao Goberno galego, algo que, polo visto aínda non teñen claro”.

A alcaldesa de Redondela e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas, sinala que denunciar este “desleixo por parte do executivo galego” é unha obriga por parte dun Concello que, como Redondela, “foi o primeiro de Galicia en ter Servizo de Normalización Lingüística e que, dende o principio, participou activamente no proceso de normalización do idioma galego”.

A comunicación de ‘O Teu Xacobeo’, engade Rivas, “non fai máis que amosar, unha vez máis, o desinterese da Xunta no relativo á protección, fomento e dinamización lingüística”. “Non estaría de máis –engade a rexedora local– que o Goberno galego asumira a súa responsabilidade co que é un dos elementos sociais máis importantes do noso pobo e, seguramente, o principal produto cultural da nosa comunidade”.

Digna Rivas finaliza salientando que “nos corresponde a nós, como administracións, cumprir coa normativa en materia lingüística e favorecer a normalización algo que, polo que parece, non teñen asumido dende o goberno autonómico”.

O Concello de Tui continúa co plan de aforro enerxético nas instalacións deportivas

0

Dende o ano pasado e seguindo o plan de aforro enerxético establecido polo Concello de Tui, estase substituíndo a iluminación nas instalacións deportivas municipais con luminarias led, o que permitirá un aforro considerable no custe eléctrico anual. O Campo Municipal de Fútbol ‘Álvarez Durán’, de céspede sintético, súmase ao Pavillón Deportivo Municipal Novo, aos Pavillóns Deportivos do IES San Paio, do CEIP de Guillarei e da Macoca, nesta tecnoloxía. O Pavillón Deportivo Municipal Vello será o próximo en contar con esta iluminación.

Co Plan de Aforro Enerxético o Concello de Tui substituirá a iluminación no resto de instalacións deportivas ao longo deste ano 2021 e no 2022, tanto no Campo Municipal de Fútbol de Ribadelouro, de Caldelas, de Guillarei e no “Álvarez Durán” de céspede natural, nas pistas de tenis de Areas, nos pavillón dos CEIPs de Caldelas, Rebordáns e Randufe, así como no ximnasio do Centro Especializado de Tecnificación Deportiva de Remo e Piragüismo.

Mantemento de campos

Por outra parte, a Deputación de Pontevedra ven de realizar o mantemento dos campos de fútbol sintéticos do Concello de Tui, “Álvarez Durán”, “O Foxo” de Caldelas e “Santa Columba” de Ribadelouro, grazas ao programa de mantemento establecido pola institución provincial, que coincide co inicio da competición dos clubs de fútbol da provincia.

[su_image_carousel source=”media: 32569,32570,32571″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A deputación inicia o proxecto ‘DEPOMAR’ para poñer en valor o traballo das mariscadoras en contornas da Rede Natura 2000

A Deputación de Pontevedra inicia o seu proxecto ‘A importancia do traballo das mulleres mariscadoras en contornas da Rede Natura 2000’ (DEPOMAR). Trátase dunha iniciativa que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

DEPOMAR busca aumentar a sensibilización medioambiental e fomentar a conciencia entre diferentes sectores e a cidadanía en xeral con respecto á importancia da protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas mariños en espazos Rede Natura 2000 da provincia de Pontevedra onde se levan a cabo actividades pesqueiras sostibles, como o marisqueo a pé, e coa participación activa e directa da muller mariscadora, para contribuír a un modelo de desenvolvemento económico sostible e impulsar e aproveitar o patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras, reforzando, á súa vez, o liderado e empoderamento da muller profesional do mar.

DEPOMAR desenvolverá 5 accións diferentes gratuítas, 4 de sensibilización e 1 de publicidade e difusión do proxecto. A través das distintas accións de sensibilización (código boas prácticas, recurso audiovisual, campañas de concienciación e xornada técnica) e coa participación de mariscadoras, visibilizarase e porase en valor, por un lado, a importancia do traballo feminino en actividade pesqueira, as mariscadoras; a súa profesión como medio de vida digno e imprescindible socioeconómica e ambientalmente que contribúe ao desenvolvemento sostible. Doutra banda, divulgarase sobre espazos protexidos Rede Natura 2000 de zonas litorais da provincia onde se desenvolven actividades tan importantes, tradicionais e selectivas como o marisqueo a pé e sensibilizar e concienciar sobre a importancia de conservar/protexer estes e de fomentar o aproveitamento sostible de costas-mares como motores económicos e provedores de recursos e servizos ambientais na Rede Natura 2000.

O marisqueo a pé é un oficio tradicional maioritariamente exercido por mulleres e importante xerador de riqueza. Segundo Pesca de Galicia, en Galicia hai 3.792 mariscadores a pé, deles 2.722 son mulleres (71.78 %) sendo o 62.64 % da provincia de Pontevedra. Ademais, as mariscadoras son axentes sociais activos cun importante labor non só para a actividade pesqueira senón tamén en materia de conservación de espazos naturais protexidos (ENP) onde faenan (extracción selectiva, coidado de praias etc.).

Cómpre destacar que as campañas de concienciación que se desenvolverán no marco de DEPOMAR complementan ao Proxecto LIFE IP-Intemares ‘Xestión integrada, innovadora e participativa da Rede Natura 2000 no medio mariño’ (acción E2 – Campañas de sensibilización e educación ambiental).

Co obxectivo de difundir todas as accións e eventos que se realicen no marco de DEPOMAR, así como de manter ás persoas interesadas informadas da evolución e novidades do proxecto, informarase a través da rede social Twitter (@depo_es) e divulgarase a información tamén na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal), onde se aloxará un espazo de información do proxecto, entre outros.

Oia pon a punto o parque infantil de Viladesuso e o campo de fútbol das Tornas cunha achega de 80.000 euros da Deputación

0

O Concello de Oia mellorou a súa oferta de lecer grazas a dúas achegas da Deputación de Pontevedra por valor de 80.000 euros ao abeiro do Plan Concellos. As obras fixeron posible a mellora do parque infantil de Viladesuso e tamén do campo de fútbol das Tornas. Os deputados provinciais de Cooperación, Santos Héctor, e de Cohesión Social, Olga García, visitaron hoxe as actuacións xunto coa alcaldesa Cristina Correa e o concelleiro José Manuel Rodríguez.

Santos Héctor felicitou a alcaldesa de Oia por destinar fondos do Plan Concellos á mellora das instalacións deportivas do campo de fútbol das Tornas, “porque son obras nas que se ve que a inversión é útil para os veciños e veciñas”. “O deporte é un dos piares mais importantes para a Deputación e este campo das Tornas ten unha intensa utilización por nenos e nenas, pero tamén por varios equipos e tamén polos/as veteranos/as”, subliñou o deputado provincial. O responsable provincial da área de Cooperación engadiu que o papel da Deputación consiste en achegar os fondos para que os concellos poidan realizar todo tipo de obras, entre elas as que teñen que ver coa mellora das infraestruturas deportivas “e así favorecer que a veciñanza poida gozar delas e manter un estilo de vida saudable”. Santos Héctor amosou tamén o seu orgullo de ver que o parque infantil de Viladesuso conta agora “cunhas solucións técnicas importantes”, que xa están a ser utilizadas polos seus nenos e nenas, pero tamén polos seus mozos e mozas.

Pola súa banda, Cristina Correa destacou o seu interese por continuar facendo este tipo de obras: “Seguiremos utilizando o Plan Concellos para mellorar os espazos públicos e cubrir as demandas da veciñanza”. A alcaldesa subliñou que estas reformas permitiron “atender á demanda da veciñanza e do club” e gozar duns espazos públicos renovados. Correa destacou tamén a reforma do parque de Viladesuso, “que constitúe a área infantil máis importante do concello”, e que favorece que a xente de Oia poida “gozar ao aire libre, agora que temos que primar eses espazos”.

No parque de Viladesuso, que levaba un tempo pechado debido ao seu mal estado, obrouse para a súa reforma e mellora integral. Estas actuacións permitiron o seu acondicionamento coa substitución dos xogos infantís deteriorados, a incorporación de novos elementos, a substitución do seu céspede artificial e o reacondicionamento e ampliación da súa pérgola, entre outras. Amais, permitiron facer fronte as augas pluviais, que antes das obras se estancaban entre o céspede artificial e a zona de xogos.

En canto, ao campo de fútbol As Tornas acometeuse unha ampliación dos vestiarios, dando resposta ás necesidades do campo de fútbol oiense, que alberga hoxe todas as categorías do seu club de fútbol, equipos veteranos/as, nenos e nenas da escola de fútbol e, ocasionalmente, afeccionados, torneos amistosos e incluso campamentos de verán. Ata o de agora, o campo dispuña dunha pequena edificación con dous vestiarios para equipos, dous para árbitros e un pequeno vestiario-aseo adaptado para persoas con diversidade funcional. A ampliación fixo posible a posta en servizo de dous novos vestiarios para os equipos e un terceiro para os árbitros/as, que abranguen unha superficie de case 80 metros cadrados. Con esta mellora facilítase a celebración de encontros simultáneos ou o “impasse” entre uns e outros. A maiores, as obras permitiron dispoñer dunha nova rede de recollida de balóns e de dúas porterías regulamentarias de fútbol 7 abatibles de aluminio.

A Deputación de Pontevedra ten investido en Oia máis de 3,8 millóns de euros desde que se produciu o relevo á fronte do Goberno provincial en 2015. Estas achegas fixeron posible o desenvolvemento de máis de 30 actuacións, entre as que destacan obras de mellora de camiños e infraestruturas, saneamento ou a rede de abastecemento; así como a contratación de máis de 52 persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais. Este 2021, a institución provincial destina ao municipio do Baixo Miño 783.000 euros ao abeiro do Plan Concellos.

Tomiño levará a cabo unha auditoría do alumeado público co fin de optimizar as instalacións e o consumo municipal

0

A Concellería de Servizos Públicos que dirixe Lois Vázquez, vai emprender en breve unha Auditoría do Alumeado Público de Tomiño, tanto de subministro pública, coma das instalacións utilizadas no Concello. Os traballos levarán uns cinco meses para a súa realización, e comprenderán a inspección in situ de todas as instalacións de iluminación do municipio, así coma tamén a introdución en base de datos e sistema GIS de todos os datos do inventario de iluminación pública.

A auditoría, que vén a actualizar a que se fixo hai xa varios anos, incluirá tamén a análise do cumprimento de normativas das instalacións actuais e análise funcional das mesmas; así coma estudos luminotécnicos de todas as vías do municipio.

Os traballos, que estarán dirixidos por un enxeñeiro industrial especializado en temas de iluminación, conterán tamén unha clasificación enerxética das vías públicas; a elaboración de planos das instalacións, e de propostas de actuación, incluíndo o cambio a Led dos puntos de luz con outras tecnoloxías menos eficientes.

O concelleiro responsable de Servizos Públicos, comenta que a última auditoría realizada en temas de iluminación municipal está xa obsoleta, sendo necesario detectar problemas de consumo actuais, logrando aforrar gastos e facendo máis eficiente o sistema. “Con este estudo tentamos optimizar toda a rede de subministro eléctrico do concello, e implementar melloras no subministro, coa inclusión de novas tecnoloxías, utilización de luces Led, etc.”, explica Lois Vázquez.

Preto de 200 persoas afectadas polo peche de fronteiras apúntanse no rexistro do AECT Río Miño para pedir posibles compensacións

O peche dos pasos transfronteirizos, en vigor dende o pasado 31 de xaneiro e que se manterá aló menos ata despois de Semana Santa, supón un importante prexuízo para centos de persoas traballadoras que están a perder tempo e diñeiro diariamente ao non ter todos os pasos da fronteira abertos. Entre eles hai xa preto de 200 traballadores e traballadoras da zona transfronteiriza que se inscribiron no rexistro posto en marcha hai tan só 15 días pola AECT Río Miño onde salientan os custes económicos e de tempo pero tamén o “cansazo físico e psicolóxico” que lles produce esta situación.

O formulario pódese cubrir online na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de prexuízo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela. A intención é que eses datos poidan servir de base para reclamar posibles indenmizacións. De feito, o vicedirector Uxío Benítez, insiste na necesaria compensación das institucións (a través de fondos europeos) polo dobre impacto que sufre a fronteira: o da COVID e o do peche dos pasos.

Nalgúns casos, as persoas traballadoras rexistradas explican que teñen que facer ducias de quilómetros a maiores, con conseguinte gasto en combustible e tempo ao que hai que engadir as esperas que se producen en Tui, un auténtico funil nalgunhas horas do día ao teren os condutores que agardar a que as autoridades fronteirizas comproben o permiso que lles autoriza cruzar ao outro lado da ponte.

As queixas rexistradas pertencen a persoas residentes en diferentes concellos, tanto de Galiza como de Portugal, malia que son maioría as que viven no sur de Pontevedra e teñen que desprazarse ao norte do país luso, principalmente Valença, Vilanova de Cerveira e Monçao.

Unha das reclamacións máis repetidas é a de veciños e veciñas que sendo de Salvaterra traballan en Monçao ou residindo en Tomiño se desprazan diariamente a Vilanova de Cerveira. En ambos os dous casos teñen que dar un rodeo de ducias de quilómetros ata chegar a Tui para poder cruzar ao outro lado da fronteira. Un traxecto que de estaren abertos tanto a Ponte da Amizade en Goián como os pasos de Salvaterra-Monçao e Arbo-Melgaço sería cuestión de minutos.

Prexuízos que están a relatar cada unha das persoas afectadas por este peche quen subliñan que se ven obrigadas a percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, que están a padecer un aumento do custo do desprazamento ou mesmo unha redución de clientes procedentes da outra marxe. Persoas que falan de custes económicos pero tamén de cansazo físico e moral por unha situación que se repite e que lles afecta a súa vida laboral e familiar “a saúde mental vese claramente afectada pola ansiedade e o estres diario que isto provoca”.

Neste sentido algunha das queixas máis repetidas falan de que “dende que pecharon a fronteira temos que facer 100 quilómetros mais, o que significa botar unha hora mais de viaxe; os gastos ocasionados andan a volta dos 350€ mensuais cando da outra maneira non chegaban a 100€” ou explican que “debido ao peche fronteirizo, un camiño de 25 minutos ata o traballo tense convertido nun traxecto de 50 minutos a ida e case dúas horas de camiño de volta polos controis”.

Mesmo quen ademais de relatar a súa situación particular lembra que se sinte “novamente prexudicada a nivel persoal, psicolóxico e económico como xa o fora entre o 16 de abril e o 1 de xullo 2020, repetíndose unha situación que provoca un inevitable aumento do cansazo físico e psicolóxico”.

Tráiler de ‘Confinados no Río Miño’

Que a problemática do peche da fronteira segue a ser un tema de actualidade no territorio miñoto tamén está a ser confirmado pola grande cantidade de visualizacións do tráiler do documental producido polo AECT Río Miño ‘Confinados no Río Miño’. En apenas unha semana, esta peza audiovisual que conta a historia de tres mulleres que viron alterada a súa vida diaria polo peche da fronteira, leva xa acumuladas nas diferentes redes sociais da Deputación e do Smart Minho preto de 60.000 visualizacións.

Tal e como explicou o vicedirector do AECT Uxío Benítez, esta iniciativa pretende visibilizar e poñer cara e nome e apelidos ás difentes casuísticas e problemas que viven as persoas afectadas por só haber un paso aberto na raia 24 horas. “Detrás disto hai persoas, seres humanos, hai vidas, hai realidades vitais que deben ser coñecidas, e que exemplifican o desafortunada que foi a decisión de fechar as fronteiras”.

A película gañadora do Goya de animación “A Galiña Turuleca” proxéctase este xoves no Teatro Municipal

0

Esta semana continúa a programación cultural no Teatro Municipal de Tui coa proxección da película “A Galiña Turuleca”, seleccionada como mellor película de animación na edición dos Premios Goya 2021.

A cita será este xoves, 18 de marzo, ás 18:30 h, no Teatro Municipal. O filme “A Galiña Turuleca” está dirixido por Víctor Monigote e Eduardo Gondell. A famosa Galiña da canción dos pallasos da tele chega á gran pantalla nunha película de produción española e arxentina con Gloriamundi Producciones. Un filme galardoado como mellor película de animación na edición dos Premios Goya deste ano 2021. Amais o compositor internacional Sergio Moure de Oteyza está nominado como finalista aos Premios Mestre Mateo na categoría de mellor música orixinal pola banda sonora de “A Galiña Turuleca”.

Turuleca é unha galiña singular no galiñeiro. Un día unha exprofesora de música levaa a vivir a súa casa e descobre o seu gran talento, fala e canta. Este talento permítelle superar os seus medos e iniciar unha aventura na que atopar o seu lugar no mundo.  A película ten unha duración de 73 minutos.

As entradas están á venda en tui.gal até o xoves ás 17.30 h aos prezos de 4€ e 3€.

O Teatro Municipal de Tui conta cun estrito protocolo de seguridade e prevención fronte a Covid-19. O aforo está limitado nesta proxección a 148 butacas.

O Consorcio de Augas do Louro anuncia un corte de subministro no Porriño entre as 10 h e as 12:30 horas

O Consorcio de Augas do Louro vén de dar conta que será finalmente mañá mércores, día 17 de marzo, cando se proceda ao corte de dúas horas e media de duración no abastecemento de auga nalgunhas rúas do centro urbano para desenvolver tarefas de mantemento da rede de subministro.

Este corte de auga estaba previsto, en principio para o pasado día 15 pero, como consecuencia da imprevista e grave avaría ocorrida na condución xeral que provocou un corte de auga que afectou a toda a zona urbana durante varias horas, desestimouse realizar as obras de mellora que finalmente se acometerán este mércores.

Segundo a información trasladada polo Consorcio de Augas do Louro ao Concello, o corte previsto entre as 10 h e as 12:30 h afectará a vivendas, locais, negocios e empresas situadas na Avenida de Galicia e nas rúas Pontevedra, Ourense, Coruña e Santiago.

O PSOE no Parlamento Galego denuncia o “veto” do PP á iniciativa socialista de mellora da mobilidade na PO-363 e PO-250 en Redondela

0

“O PP vén de vetar a execución das obras de mellora da mobilidade e seguridade en dúas estradas de Redondela, a PO-363, avenida Mendiño e o tramo Redondela-Cesantes; e a PO-250, estrada Pazos de Borbén no seu tramo ata Redondela” sinalou a deputada socialista Leticia Gallego quen sinala que os populares votaron en contra dunha proposición non de lei socialista para urxir a mellora destas dúas calzadas.

A deputada socialista por Pontevedra, Leticia Gallego, criticou a “desidia”, “nula xestión” e “abandono” da Xunta de Galicia con respecto a estas infraestruturas de titularidade autonómica. “É intolerable que a veciñanza desta vila siga a agardar polo arranxo destas dúas estradas” cando, no caso da avenida Mendiño “é un proxecto que leva paralizado case 3 anos”.

“Catro meses despois de que o Concello de Redondela remitirse a retención de crédito solicitada pola Xunta a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), o Goberno local aínda non ten novidades sobre a sinatura do convenio de reforma desta importante estrada da vila de acceso obrigatorio para a zona escolar, a piscina, o pavillón A Marisma e o centro de saúde”, sinalou a socialista.

En canto á PO-250, Gallego criticou que, malia o compromiso inicial da Xunta para executar melloras nesta estrada, “dous meses despois da súa visita para o suposto inicio das obras, a día de hoxe, o proxecto segue sen rematar, a pesar da súa gran perigosidade”, o que incrementa “a inseguridade viaria da estrada”.

Finalmente, Gallego pediu “equidade” para todos os concellos de Galicia, “independentemente da cor política do seu alcalde ou alcaldesa”, xa que a Xunta “ten que traballar para todos os galegos e galegas e non só para a xente dalgúns concellos”. “Galicia somos todos e todas”, aseverou.

A Xunta impulsa a cooperación transfronteiriza en sectores clave para Galicia e Portugal: téxtil, industria 4.0, automóbil e agricultura

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe por videoconferencia desde Santiago de Compostela unha xornada sobre o proxecto europeo Xeración de emprego de calidade transfronteirizo (Gemcat) -liderado pola Xunta e no que participan institucións españolas e portuguesas- co convencemento de que o Diálogo Social transfronteirizo mellorará as condicións das persoas traballadoras en sectores clave para Galicia e Portugal.

Lorenzana destacou a oportunidade que foros como o de hoxe brindan para poñer en o valor o Diálogo Social, cuxa principal virtude, indicou,  reside “no seu carácter tripartito, que representa a toda a sociedade e as súas distintas inquietudes”. Sen a concorrencia das tres partes que o conforman -administracións, organizacións empresariais e organizacións sindicais- o seu obxectivo de “acadar un consenso sobre a acción socio-política e económica dos gobernos, así como o fortalecemento institucional dos executivos e dos actores sociais” non sería factible, aseverou.

O proxecto Gemcat nacido en 2014 -no que ademais da Xunta,  están implicadas a Junta de Castilla y León, a Junta de Extremadura, a Comunidade Intermunicipal  Alto Minho, a Cámara Municipal de Braga e a Universidade de Porto- naceu co obxectivo de lograr un mercado laboral harmónico, cun crecemento intelixente, sostible e integrador, que preste especial atención á creación de emprego e á redución da pobreza. Para acadalo, desde a Xunta promoveuse a cooperación institucional para aproximar as políticas nacionais e fomentar a participación entre institucións, autoridades locais e autonómicas e interlocutores sociais.

O programa reúne a socios españois e portugueses na consecución, entre outros fins, dun marco de cooperación institucional para o mercado laboral transfronteirizo entre España e o norte de Portugal, que busca consolidar o Diálogo Social nas rexións deste espazo e a posta en valor de medidas a prol da igualdade de oportunidades, a conciliación e a responsabilidade social empresarial.

No marco do programa Gemcat se abriron catro procesos de Diálogo Social transfronteirizo en sectores clave para as rexións participantes como o téxtil, industria 4.0, automoción e agricultura, dando cabida, ademais dos axentes clave, a centrais sindicais e organizacións empresariais, á inspección de traballo, á Rede  Eures de cooperación europea, a municipios e universidades.

Tal e como declarou a conselleira de Emprego e Igualdade, “o ámbito transfronteirizo é de suma relevancia para conseguir un emprego de calidade e actuar con este enfoque vai permitir mellorar as condicións laborais dos traballadores transfronteirizos, á vez que se impulsan as complementariedades dos sectores comúns entre España e Portugal”.

Tradición co Diálogo Social

Galicia conta cunha longa tradición de Diálogo Social con resultados que se materializaron en acordos como os asinados en decembro do ano 2019 para avanzar cara unha Galicia máis igualitaria. Ese consenso foi resultado do proceso de concertación social desenvolvido entre a Xunta de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia, UXT-Galicia e CCOO de Galicia. Os seus obxectivos seguen sendo favorecer a creación de emprego de calidade en condicións iguais para toda a cidadanía e incrementar a competitividade do tecido produtivo galego.

Lexitimada pola participación e acordo dos axentes que interveñen no proceso, Galicia ten acadado pactos en ámbitos como a igualdade de oportunidades, a contratación pública responsable, a transformación tecnolóxica industrial, as políticas activas de emprego ou a modernización das relacións laborais, onde se ampliou o Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos Colectivos de Traballo (AGA) ao ámbito dos conflitos individuais.

Xa en marcha as obras do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos

0

O Concello do Rosal continúa a dar pasos para a creación do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, que suporá a transformación da zona nun espazo de convivencia para a veciñanza e que servirá para poñer en valor o patrimonio etnográfico da contorna. A alcaldesa Ánxela Fernández Callís visitou este martes as obras xunto á arquitecta e paisaxista María Fandiño, autora do proxecto de remodelación.

“Para nós é un orgullo poder contar de novo con unha profesional como María Fandiño en proxectos clave para a transformación do Rosal”, asegurou a rexedora, que destacou que dende o Concello estase a apostar de xeito decidido “por dar prioridade á veciñanza e impulsar proxectos de proximidade como este”.

O proxecto contempla a remodelación de toda esta zona en Viso dos Eidos empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga, un elemento de grande importancia nesta zona do Rosal. Este novo espazo estará xa listo para uso e desfrute de toda a veciñanza a comezos do verán.

A creación deste ecoparque contou cun orzamento de máis de 93.000 euros cofinanciados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e de fondos propios do Concello.

O grupo socialista lamenta o veto da Xunta á contrución do acceso sur ao porto da Guarda

0

A deputada socialista por Pontevedra, Leticia Gallego, vén de lamentar o veto da Xunta de Galicia á construción do acceso sur ao Porto da Guarda. Fíxoo, hoxe, trala presentación dunha pregunta á presidenta de Portos de Galicia, quen confirmou que o goberno galego non desenvolverá un proxecto “fundamental” para o desenvolvemento económico do municipio.

Gallego criticou que “A Guarda ten un porto pesqueiro que, na actualidade, carece dunha vía de comunicación aceptable coa estrada PO-552”, sinalou a socialista, quen incidiu en que “isto dificulta moito o tráfico de vehículos, especialmente, os pesados”.

Así, lembrou que a necesidade de mellorar a comunicación do porto “xa vén de vello”, xa que o PXOM de 1993 “contemplaba un novo acceso ao Porto da Guarda por considerar estratéxica a mellora da comunicación co porto pesqueiro” cando, “ademais da pesca e do traballo das redeiras, existen outras actividades importantes para o tecido económico da vila”.

De feito, a socialista destacou que o proxecto ten o aval de diversas asociacións guardesas como ORPAGU, Piueiro, Alagua ou a Confraría de Pescadores, ademais de que conta co impulso do propio Concello da Guarda e da Deputación de Pontevedra.

Gallego sinalou que o custe da infraestrutura, que suporía un investimento aproximado de 2,4 millóns de euros, “debe ser asumido conxuntamente” pola administración municipal e pola Xunta de Galicia. Ademais, incidiu na “necesaria colaboración da administración autonómica” cando a obra precisa un declaración de interese supramunicipal por non estar prevista no PXOM.

Por último, a responsable socialista subliñou a importancia desta infraestrutura, tendo en conta que “a actividade pesqueira e marisqueira na Guarda non vai ir a menos”, senón que “a previsión é que no futuro aumente a actividade económica do porto dado as grandes posibilidades que ofrece tanto a nivel comercial como turístico”.

O Concello de Tui reinviste 9 mil euros dunha baixa do Plan Concellos en equipamentos informáticos

0

O Concello de Tui vén de adquirir novos equipamentos informáticos grazas ao reinvestimento dunha baixa do Plan Concellos 2018/19 da Deputación de Pontevedra de “Mellora dos vestiarios no polideportivo municipal (vello) en Tui” por importe de 9.189,95€, IVE incluído.

En concreto foron adquiridos 12 monitores led panorámicos e 27’’; 6 pc de sobremesa; 3 tablets; 6 discos de memoria de 8 GB; 13 módulos de memoria de 4GB; e 2 discos SSD.

Á adquisición deste equipamento informático súmase a recuperación de equipos antigos, que cunha pequena actualización poden ter unha segunda vida útil.

Con esta actuación cúmprense tres obxectivos fundamentais: a política de reinvestimento das baixas obtidas dos procesos de licitación do Plan Concellos; o cumprimento dos compromisos adquiridos coa sinatura do Pacto de Alcaldes polo Clima, apostando unha vez máis pola economía circular; e a mellora das ferramentas dispoñibles para avanzar na administración electrónica, que hoxe máis que nunca resultan imprescindibles para a atención da cidadanía.

As Neves esixe a mellora da implantación da fibra óptica

0

O pasado luns o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez e o concelleiro de Servizos e responsable de innovación tecnolóxica, Óscar González; mantiveron unha xuntanza telemática coa dirección de Galicia de Telefónica. Nela tratáronse os detalles da situación da instalación da fibra óptica a día de hoxe e das previsións futuras.

Existen lugares nos que xa hai posibilidade de conexión, cinco en total na actualidade, noutros doce a haberá ao longo deste ano 2021, en 9 máis en 2022 e nos nos restantes aínda non está prevista a súa instalación.

O Concello mostrou o seu malestar pola lentitude no despregue e a súa formulación:  polos lugares e porque esa priorización, que nalgúns casos ten ningún razoamento lóxico, xa que, por exemplo, non teñen en conta a existencia ou non de empresas.

Detectouse que Telefónica traballa con moitos enderezos erróneos o que ás veces imposibilita a contratación do servizo polo que o Concello vai enviarlle de oficio un listado actualizado de enderezos vinculado ás referencias catastrais dos edificios ou vivendas.

Ao mesmo tempo, o Goberno Municipal das Neves vai contactar co Ministerio de Economía para forzar un despregue máis veloz e influír nas decisións sobre extensión da fibra para que se teña en conta con prioridade zonas con empresas, zonas poboadas, zonas onde residen escolares e zonas onde a análise de cobertura, feita polo Concello das Neves, indica valores moi malos en ADSL ou incluso en cobertura de datos móbiles

Tui, un dos 15 concellos que participa en ‘Únete ao Reto’ de Ecoembes

0

O Concello de Tui recibiu hai uns días de Ecoembes novos colectores para a recollida selectiva. En concreto foron 12 colectores amarelos para envases, e 5 para a recollida de papel e cartón. Deste xeito o concello de Tui segue a ampliar o número de colectores dispoñibles para a recollida selectiva tanto no centro urbano coma nas parroquias.

Precisamente Tui é un dos 15 concellos concellos que participan na campaña de incentivo da reciclaxe “Únete ao reto”. O obxectivo é entre o 1 de febreiro ao 30 de abril, mellorar, cando menos, nun 10% a achega ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) respecto ao mesmo período do ano pasado. Aqueles concellos que consigan este obxectivo lograrán un premio dotado con 2.000 euros que terán doar a unha causa social local da súa elección.

A entidade sen ánimo de lucro Ecoembes xestiona a recuperación e a reciclaxe dos envases de plástico, as latas e os briks (contedor amarelo) e os envases de cartón e papel (contedor azul) en toda España.

Cruz Vermella en Redondela atende a máis de 400 persoas na súa atención fronte á pandemia, con máis de 1200 intervencións

0

A principios de 2020, Cruz Vermella poñía os cimentos do que sería a maior operación
de toda a súa historia en canto a mobilización de recursos, capacidades e persoas.

Ante o incipiente impacto da COVID-19, a Organización humanitaria intensificaba a súa actividade coas persoas máis vulnerables a través de iniciativas como unha campaña especial de seguimento telefónico na provincia a máis de 14.000 persoas dos seus programas, identificadas como especialmente vulnerables ante o virus, co fin de informar, axudar e detectar novas necesidades.

Cruz Vermella poñía ao dispor das autoridades sanitarias todos os seus recursos humanos e loxísticos, acompañando a persoal sanitario, recollendo mostras, trasladando a persoas afectadas ou ofrecendo tamén os seus equipos de apoio psicosocial. Activaba campañas de comunicación e de sensibilización en todas as súas canles, ofrecendo a toda a sociedade cursos abertos e gratuítos sobre o COVID-19 e reforzaba a súa distribución de alimentos e kits de primeira necesidade.

De maneira simultánea, a Organización humanitaria deseñaba e preparaba un plan integral capaz de responder o impacto dun virus que comezaba a afectar a todos os ámbitos e a todas as persoas, unha resposta que contemplaba as 5 áreas de actuación: socorros, saúde, inclusión social, educación, emprego.

Cifras en Redondela

Desde o primeiro minuto, en socorros Cruz Vermella puxéronse ao dispor das autoridades sanitarias e municipais coa instalación de albergues temporais para persoas sen fogar. En Vilagarcía instalouse un albergue provisional en Fexdega; en Pontevedra, no Multiusos da Xunqueira; e en Vigo, no pavillón de O Berbés, en colaboración cos Concellos de Vilagarcía, Pontevedra e Vigo respectivamente.

Na área de inclusión social, durante o confinamento inicial, fíxose entrega de produtos de alimentación, produtos básicos de primeira necesidade e medicamentos. Foi clave para asegurar a protección das persoas, e desde entón, estas necesidades seguen aumentando progresivamente, chegando a máis de 105 persoas na zona de Redondela.

Na área de saúde, a Organización atendeu a máis de 222 de persoas na comarca con información, medidas preventivas, entrega de medicamentos e máscaras e ante a necesidade de apoio psicosocial, creouse a nivel nacional ‘Cruz Vermella Escóitache’, un servizo con 13 protocolos de atención que axudou xa a máis de 5.000 persoas que sufriron na súa propia pel as consecuencias da pandemia, porque perderon a seres queridos sen poder despedirse, forman parte do persoal sanitario na primeira liña ou perderon o seu emprego.

En educación, a Organización desenvolveu rapidamente pílulas en liña formativas e informativas sobre a Covid-19 que tiveron un gran impacto, sendo vistas e realizadas por máis de 600 persoas. E respecto aos nenos e nenas dos programas de éxito escolar, a necesidade e dificultade de continuar en liña a súa educación por non dispoñer de conexións nin dispositivos, levou á Cruz Vermella a entregar material, que lles permitiu manter o contacto cos seus referentes educativos, así como o apoio nas tarefas escolares realizando entregas de material didáctico a 27 menores e realizando apoio escolar con 15.

En canto á economía e o emprego, dentro do Plan Cruz Vermella Responde, grazas ás alianzas e ao traballo dos equipos de Cruz Vermella en Pontevedra realizáronse 41 orientacións, formacións, intermediacións laborais e ofertas en mercados inclusivos.

Respecto ao perfil das persoas atendidas, o 63% das persoas atendidas son mulleres; o 35% ten idades entre 25 e 59 anos e as persoas maiores de 60 anos representan o 33% da poboación. En relación aos perfís das 22 persoas voluntarias, o 77% son mulleres e destaca o grupo de idade de 25 a 39 anos.

Retos do Plan Cruz Vermella RESPONDE este ano 2021

A partir de agora, e dado o impacto socioeconómico da crise en ámbitos como a pobreza, a exclusión social e o desemprego, intensificarán a súa resposta en ámbitos como a mellora do acceso ao mercado laboral e o apoio a menores en idade escolar co fin de facer fronte á fenda dixital que afecta á poboación máis vulnerable, garantindo así o acceso á educación, e tamén ocuparanse do impacto psicosocial que está a deixar esta crise, estes serán os novos retos que se expón a Organización humanitaria neste segundo ano da pandemia.

O alcalde de Nigrán acude ao Aeroporto de Peinador a darlle a benvida á atleta Ainhoa Reparaz xunto aos compañeiros da Sociedade Atlética Val Miñor

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, acudíu onte pola tarde a recibir á atleta miñorana Ainhoa Reparaz xuntos aos compañeiros da Sociedade Atlética Val Miñor a súa chegada ao Aeroporto de Peinador tras proclamarse esta fin de semana campiona de España sub-18 de 200 metros en Barcelona e bater o récord galego con 24.78’. A deportista ven adestrando desde case principios de ano no Pabillón Municipal de Panxón co obxectivo precisamente de preparar esta proba en pista cuberta e a do Campionato Galego de Ourense de inicios de marzo, onde xa batera  records en 60 e 200 metros.

“Estamos moi orgullosos da súa victoria e nos sentimos dalgún xeito parte dela porque estivo adestrando estes meses no Pabillón Municipal de Panxón, instalación que lle ofrecemos sen dubidalo porque coa nova superficie de vinilo se axeitaba perfectamente as súas necesidades”, sinala o rexedor, quen engade que “Ainhoa naceu e viviu os seus primeiros tres anos en Nigrán, polo que tamén ten un vínculo moi estreito co municipio”.

“Estaba todo pechado e ao ser unha atleta de nivel nacional si que podíamos adestrar. O Concello de Nigrán, como estaban o resto de deportes paralizados, prestounos a instalación, polo que estamos moi agradecidos.  O seu progreso aquí foi brutal“, recoñece o seu preparador, Óscar Fernández, quen se desprazaba a Nigrán cunha autorización ex-profeso. Ata o pavillón a Sociedade Atlética Val Miñor desprazou vallas e todo o material preciso para poder desenvolver adestramentos coa maior similitude posible ao escenario dos campionatos en pista cuberta.

“Ainhoa ten un talento excepcional, estamos seguros de que nos vai a dar moitas máis alegrías no mundo da competición e desde o Concello de Nigrán queremos estar a súa disposición para axudarlle en todo o que sexa preciso”, finaliza González.

O Instituto de Estudos Tudenses propón reconverter o antigo edificio dos xulgados no ‘Museo de Tui e das Terras Transfronteirizas do Miño’

0

A recente inauguración da nova sede dos Xulgados de Tui, que deixaron a súa anterior sede na Praza da Inmaculada –no edificio coñecido popularmente como ‘Cárcere do partido xudicial’– abre novas posibilidades para este inmoble “un dos más senlleiros da cidade” segundo o Instituto de Estudos Tudenses, motivo polo que propón a súa reconversión nun un Museo de Tui e das terras transfronteirizas que conforma o río Miño.

A proposta do Instituto de Estudios Tudense permitiría a reformulación de uso para un inmoble “que polo seu carácter referencial está chamado a converterse nun espazo singular que contribúa ao desenvolvemento e promoción da cidade e do espazo xeográfico do que Tui forma parte”, sinala o Instituto que lembra ao mesmo tempo que trátase “dun dos edificios máis senlleiros da cidade de Tui e foi construído polo Concello de Tui a partir de 1850 no solar que ocupaba o pazo dos marqueses de Mos na cidade e que foi permutado coa diocese para esta finalidade”.

O Museo proposto polo Instituto de Estudos Tudenses, de acordo coas finalidades que lle competen no que atinxe promoción do patrimonio cultural, permitiría albergar unha instlación “que sexa custodio, defensor e promotor do patrimonio cultural e da identidade do territorio miñoto, que teñen en Tui–Valença unha das súas expresións de maior carga histórica e patrimonial e que exemplifican de modo excepcional ás relacións transfronteirizas que abranguen a Galicia e o Norte de Portugal”.

Como ten estudado o membro de número deste Instituto de Estudios Tudenses, Suso Vila: La cárcel del Partido Judicial de Tui, después de varios intentos para su construcción en diferentes solares de la ciudad acabará ubicada en un espacio central de la Corredoira. Los planos del proyecto correrían a cargo del arquitecto Faustino Domínguez883 en 1853, rematando su construcción en 1857. El edificio expresará con su volumen y líneas la solidez de la justicia. La fachada principal muestra las líneas generales de este tipo de arquitectura en Galicia884, con el almohadillado en el piso inferior y la imposta partiendo las ventanas. En el planta alta guardapolvos y tarjetones. El patio interior de acceso a las celdas se cierra con una arcada de medio punto mientras que las ventanas superiores cuentan con recercados de banda lisa. Faustino Domínguez toma características del clasicismo para mezclarlas con otras influencias locales, pero también es una línea que recuerda885 palacios de Porto como el dos Carrancas (1795) o la Academia de Marinha (1803-1806), eclecticismo de fuerte base clasicista, que será visible en muchas viviendas burguesas de la segunda mitad del siglo XIX.

O edificio que agora queda en desuso acolleu ata os ano setenta o cárcere e logo unicamente un depósito de detidos –ata a súa transformación en Pazo de Xustiza–, sempre cun ámbito competencial que abranguía aos municipios do partido xudicial tudense. “Neste momento, segundo as informacións recollidas nos medios de comunicación, o Concello e Tui iniciou os trámites para a recuperación para a cidade deste emblemático edificio histórico”, explica o Instituto.

“Nesta ampla comarca do Miño existen diversas institucións museísticas de gran valor e interese que teñen realizado un singular esforzo no seu ámbito territorial ou temático, pero a este territorio, entendido cun carácter unitario, carece dun espazo de conservación da memoria colectiva, de revitalización da identidade deste espazo xeográfico ben definido ao longo dos séculos, que supera as fronteiras políticas, e que conta cun acervo patrimonial, material e inmaterial, que reclama un lugar de recollida, investigación e difusión” engade o Instituto de Estudos Tudenses.

As numerosas iniciativas de cooperación que se desenvolven ao redor deste ámbito xeográfico que se conforma en ambas ribeiras do río Miño, testemuñan unha veciñanza de séculos, expresión dunha vida compartida polas xentes destas terras que, máis aló das fronteiras políticas, construíron e constrúen unha identidade que reclama un espazo de expresión deste patrimonio cultural común, desta memoria conxunta que contribúa a súa conservación, valorización e difusión.

O antigo edificio do cárcere do partido xudicial é “un lugar axeitado para acoller este Museo de Tui e do territorio transfronteirizo do Miño”, conclúe o Instituto.

O Instituto de Estudios Tudenses reúne a un amplo conxunto de especialistas no diversos ámbitos da cultura e “ofrece os seus servizos para colaborar no proxecto sobre este Museo e no proxecto de viabilidade do mesmo”.

Lembra o Instituo que dentro de poucas datas, o 25 de marzo, cúmprense 135 anos da inauguración da ponte metálica que reforzou a intensidade das relacións entre Valença e Tui e dende aquela converteuse na expresión visual das relacións entre Galicia e o Norte de Portugal, como o punto central desta vida compartida que desenvolve o territorio do río Miño. “A creación deste Museo sería un novo fito na expresión desta vida en común das xentes do noso ámbito xeográfico que terían un lugar onde recoñecerse e darse a coñecer ao mundo: unhas comunidades humanas que comparten territorio e identidade a pesar das fronteiras”.

“Afondar no coñecemento da identidade deste territorio miñoto e crear un espazo de estudo e comunicación do mesmo é unha útil ferramenta para a nosa sociedade, para conservar o seu legado histórico e patrimonial e dende esta valorización fortalecer o territorio transfronteirizo do Miño e os seus valores”, remata o Instituto de Estudos Tudenses.

Aumenta o número de casos activos por coronavirus en Galicia, hoxe contabilízanse 3 máis ca onte

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.685, deles 1.076 son da área da Coruña, 205 da de Lugo, 181 da de Ourense, 230 da de Pontevedra, 457 da área de Vigo, 293 da de Santiago e 243 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 65 están en UCI, 248 en unidades de hospitalización e 2.372 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 110.037 persoas curadas, rexistrándose 2.303 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.769.117.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 344.870.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visita a Casa do Maior de Arbo acompañado polo alcalde Horacio Gil

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaron onte Arbo para, xunto co alcalde Horacio Gil, visitar casa do maior emprazada no lugar de Sela desde o ano 2019 e que atende na actualidade a tres usuarios.

A Consellería de Política Social agarda aumentar este ano a oferta de casas do maior na provincia de Pontevedra, que na actualidade dispón das de Arbo e Pazos de Borbén, coa nova convocatoria para a súa apertura, aprobada o pasado xoves polo Consello da Xunta e que conta cun orzamento de 5,3 millóns de euros.

A Xunta aspira a cuadriplicar este servizo en toda a comunidade, pasando dos 20 centros existentes a máis de 80 coa posta en funcionamento de 63 novos grazas a un investimento de 945.000 € para adecuación das casas, cun máximo de 15.000 € por centro, e 4,4 millóns de euros para o seu funcionamento, cunha achega individual de 19.600 € por exercicio garantidos ata o ano 2023.

Flexibilización dos requisitos

“Temos a firme intención de seguir reforzando este servizo, que mistura conciliación, coidados, socialización e esparcemento, xa que unificamos unha dobre convocatoria con 30 casas do ano 2020, cuxa resolución quedou aprazada pola pandemia, e outras 33 deste ano”, detallou Fernando González, que engadiu que as solicitudes presentadas do pasado exercicio non terán que volver a concorrer agás en caso de renuncia.

O director xeral explicou ademais que as posibilidades serán superiores, “xa que se amplía o número de concellos que a poden solicitar, posto que ata a data eran os de menos de 5.000 habitantes, pero agora poderán facelo todos os que non teñan un centro de día ou prestación similar”. Así mesmo, tamén se amplía o perfil de usuarios, pasando de dependentes de grao I e II a incluír tamén a persoas autónomas “para facilitar a conciliación dos seus coidadores” e se financian os desprazamentos, ofrecendo a Xunta 5 euros diarios por persoa e día aos promotores destas casas.

Pola súa banda, Luis López destacou a “forte aposta da Consellería de Política Social polo coidado e o benestar dos maiores” con este formato de casas e puxo como exemplo a instalación de Arbo, que leva funcionando, da man de Sorema Sociedade Cooperativa Galega, dende hai tres anos grazas a unha achega de 85.300€, que se dividiu en 15.000€ de investimento para o inmoble, 11.500€ para transporte e 58.800€ para o seu funcionamento ordinario.

“É un servizo de gran importancia en concellos pequenos, rurais, de interior ou que carezan desta prestación, polo que agardo que haxa unha boa resposta por parte de concellos e promotores e se incremente exponencialmente a oferta na nosa provincia”, manifestou o delegado territorial, que lembrou que as condicións para os usuarios son “inmellorables”, xa que se trata dun servizo gratuíto, que pode albergar un máximo de cinco persoas ata un límite de oito horas diarias de luns a venres, que conta con flexibilidade no acceso e que ademais ten seguridade e calidade, posto que os responsables deben dispoñer de formación ou experiencia profesional específica.

As Neves mellora as súas infraestruturas rurais en Setados, Tortoreos e Vide cunha achega de máis de 85.000 euros da Deputación

0

Un investimento de máis de 85.000 euros da Deputación de Pontevedra permitiu mellorar as infraestruturas municipais das que gozan os veciños das parroquias de Setados, Vide e Tortoreos. Unha vez rematadas as obras, hoxe foron supervisadas polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez. Na visita participaron tamén a deputada Olga García, o tenente de alcalde, Marcelino Couto, e o concelleiro Óscar González.

As actuacións cínguense a unha contorna rural do concello da comarca do Condado e así pavimentáronse os camiños de A Igrexa, na parroquia de Setados, e os que unen Carrasqueira (Tortoreos) coa parroquia de Vide. Estas dúas actuacións foron licitadas por importe duns 36.500 euros. A maiores fíxose unha actuación de pavimentación e tamén de saneamento ao lugar de Reguengo, tamén na parroquia de Tortoreos, cun investimento doutros 49.000 euros.

Santos Héctor recalcou a importancia que teñen este tipo de obras para mellorar o estado dos camiños no rural da provincia de Pontevedra. “Son actuacións que veñen a demostrar a flexibilidade do Plan Concellos, que se adapta perfectamente a tódalas necesidades e que aquí se traduciron nunha maior calidade para a mobilidade da veciñanza no rural”. “Sabemos que As Neves crece e incorpora poboación e para que poida seguir combatendo o despoboamento hai que facer máis actuacións como estas”.

Xosé Manuel Rodríguez: “Sen o Plan Concellos estariamos supeditados e gracias a el os concellos somos libres; moitas gracias por participar no desenvolvemento de As Neves”

Xosé Manuel Rodríguez reivindicou “o esforzo por democratizar o uso dos fondos públicos a través do Plan Concellos”. Destacou que hai “un antes e un despois” dende o cambio no Goberno na Deputación no ano 2015. “Agora hai un caudal de diñeiro que é esencial para As Neves; sen o Plan Concellos estariamos limitados e gracias a el somos libres; así que moitas gracias por participar no desenvolvemento de As Neves”. O alcalde puxo en valor o traballo do tenente de alcalde, Marcelino Couto, “de xeito silencioso”, para ir resolvendo os problemas nas vías públicas. Ao respecto da pavimentación e o saneamento en O Reguengo, subliñou que trátase dunha obra con “valor simbólico, pois era unha obra postergada durante anos e un compromiso, o igual que as outras obras en Setados, Tortoreos e Vide”.

O camiño de A Igrexa, en Setados, conta cunha lonxitude de 180 metros e un ancho medio de 4 metros, que quedou perfectamente pavimentado. As máquinas tamén acondicionaron un ramal de 75 metros. Pola súa banda o camiño que une Carrasqueira con Vide, conta cunha lonxitude de 230 metros e un ancho medio de 3,6 metros. Para as obras realizouse unha limpeza e preparación da superficie, corte e fresado das áreas máis deterioradas do anterior firme e aplicación dunha nova capa de rodadura con base de 1 centímetro e outros 5 centímetros de aglomerado en quente, garantindo así a duración da mellora. Finalmente, pintáronse os bordes.

No lugar de O Reguengo pavimentouse o camiño, de 250 metros de lonxitude e ancho de 4,2 metros, así como un ramal de 30 metros de longo. A maiores dotouse á zona dun colector principal de saneamento de 225 metros e outro secundario de 30 metros ata a conexión coas acometidas das vivendas. Foi necesario executar un muro para conter un noiro inestable no último tramo.

O investimento total da Deputación de Pontevedra en As Neves, desde o ano 2015, supera os 6,5 millóns de euros. Este ano, no marco do Plan Concellos recibe 557.000 euros. Dende o ano 2015 As Neves foi quen de executar 52 obras con cargo ao Plan Concellos que, en gran parte, serviron para mellorar os servizos no rural. A maiores, obtivo financiamento para a mellora da rúa de Rosalía de Castro (328.000 euros do plan DepoRemse) e para a ampliación do centro cultural de Rubiós (399.000 euros do Plan de Reequilibrio). O Concello puido contratar tamén a 86 persoas desempregadas para desempeñar traballos temporais en servizos municipais con cargo ao Plan Concellos. Este mesmo ano acolle a 10 traballadores/as.

Os bombeiros liberan unha persoa tras unha colisión entre dous turismos en Redondela

0

Unha persoa foi excarcerada na madrugada de hoxe despois de producirse unha colisión entre dous turismos na N-550, á altura do punto quilométrico 138, no concello de Redondela, en Pontevedra.

O sinistro tivo lugar ás 05:30 horas. Nese momento, o 112 Galicia recibía a chamada de varias persoas particulares que solicitaban a intervención dos equipos de emerxencia tras escoitar un choque entre dous vehículos na estrada que une Cesantes e Soutomaior. De acordo coa información facilitada ao 112, ao menos unha persoa parecía ter dificultades para abandonar o lugar polos seus propios medios.

Axiña, o persoal do Centro integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros do Morrazo e de Vigo, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local.

Tras chegar ao punto e comprobar que, efectivamente, unha persoa estaba atrapada, os equipos de intervención empregaron o material de excarceración para liberala. Así, a persoa puido ser trasladada polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.

Desde o 112 tamén pasouse aviso aos membros de Protección Civil da localidade e ao servizo de mantemento da estrada.

O Concello de Redondela denuncia o abandono, por parte da Xunta, das obras da PO-250 iniciadas hai preto de dous meses

0

“As obras que a Xunta de Galicia iniciou hai dous meses na PO-250 Redondela-Pazos, a parte de non resolver os graves problemas desta estrada, están, nestes momentos, no máis absoluto abandono”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas. Hai dous meses, responsables da Xunta, “nun claro acto de falta de lealdade institucional”, engade a rexedora local, “acudían ao inicio das obras, acompañados por membros do PP de Redondela. Dous meses despois, as obras están sen rematar incrementando a inseguridade viaria da estrada”, engade a rexedora local.

Dende o inicio dos traballos, para os que o Concello contaba cunha prometida reunión previa cos técnicos e responsables da Xunta, reunión que nunca tivo lugar, o Concello lembrou que, no seu momento, tiña advertido que co inicio das obras sen que se tiveran en conta as achegas realizadas polos técnicos municipais, “estaríase a desaproveitar unha extraordinaria oportunidade para solucionar, definitivamente, os graves problemas de seguridade viaria que ten esa estrada tanto para peóns como para vehículos”, apunta Digna Rivas. De feito, engade a alcaldesa de Redondela, “as achegas realizadas polos técnicos municipais facíanse dende a perspectiva de quen coñece perfectamente as necesidades dese treito de estrada incluída no casco urbano redondelán”.

O Goberno local lamenta que a información que posúe o Concello sobre esa obra, sexa a que se conseguiu “a través de insistentes chamadas da Alcaldía a responsables de estradas da Xunta” e constatamos que “, lamentablemente, en ningún lado consta que se vaia a facer caso das recomendacións que trasladamos dende o Concello á Xunta”, asegura a concelleira de Urbanismo, María Castro

Por se foran poucos os problemas de seguridade que presenta esa estrada e que foron recollidos nun informe técnico do Concello de maio do 2020, agora súmase o perigo que supón ter retranqueado o muro de contención situado nunha curva perigosa “sen que se dera continuidade ao nivelado e asfaltado da estrada nese punto, co que queda un desnivel perigoso para a circulación rodada”.

Digna Rivas urxe á Xunta “a que solucionen o problema que eles mesmos orixinaron antes que se teña que lamentar algún accidente”. A alcaldesa lembra que “aínda é tempo de facer as cousas ben” polo que volven a insistir na necesidade dunha xuntanza con responsables de estradas da Xunta de Galicia “para trasladarlles, unha vez máis, as achegas do Concello que poñerían fin aos graves problemas de seguridade de que ten unha estrada que, diariamente, rexistra un gran tránsito tanto de vehículos coma de persoas”.

O peche por obras da Praza de Bugallal obriga a reordenar a circulación e accesos en once rúas a partires de mañá

O Concello de Ponteareas anunciou o peche ao tráfico da Praza de Bugallal a partires de mañá martes 16 de marzo como consecuencia das obras de humanización. Na Praza de Bugallal conflúen un total de sete rúas (Morales Hidalgo, Senén Canido, Enrique Rodríguez Troncoso, Constitución, Vidales Tomé, Oriente e Esperanza), que xunto a outras catro máis (Reveriano Soutullo, Concha Brey, Virxe dos Remedios e Rogelio Groba), verán reordenado o acceso e circulación en vehículos a motor para adaptarse a esta nova situación.

A Concellaría de Mobilidade e Tráfico e o departamento da Policía Local informaron a residentes e comerciantes de cada unha das once rúas, así como servizos públicos e de emerxencias, da nova ordenación do tráfico.

As obras obrigan a establecer un amplo perímetro no que non se permitirá o tráfico libre e polo que só poderán circular os vehículos autorizados. Esta restricción de acceso establecerase en tres puntos: na rúa Concha Brey, dende a rotonda situada detrás do Concello, na rúa Vidales Tomé a partires do Centro Artístico Sportivo e na rúa Morales Hidalgo dende a parte posterior do Auditorio Municipal. Trátase polo tanto da mesma zona pechada ao tráfico nas feiras e mercados, agás ao redor do auditorio que se mantén aberto ao tráfico.

Os vehículos autorizados a entrar nesta zona serán os usuarios de garaxes, residentes sen garaxe, comerciantes e transportistas para cargas e descargas, persoas con mobilidade reducida así como taxis, servizos públicos e de emerxencias. Na rúa Constitución e nos tramos afectados de Vidales Tomé e Morales Hidalgo, ao converterse en rúas sen saída, os vehículos autorizados unicamente poderán parar na marxe dereita un máximo de 15 minutos, para facilitar as manobras de cambio de sentido e saída.

A rúa Senén Canido acollerá a parada de taxis que actualmente se ubica na Praza de Bugallal. A rúa Reveriano Soutullo, no tramo que discorre dende Concha Brey até o cruce con Amado Garra, invertirá o seu sentido de circulación de tal xeito que os autorizados a acceder a ese tramo de Reveriano Soutullo o farán dende a Casa do Concello, saíndo logo por Amado Garra. O mesmo circuito utilizarán os autorizados a entrar na rúa Enrique Rodríguez Troncoso, detrás da igrexa parroquial.

En todas as rúas de tráfico limitado e restrinxido terán prioridade os peóns, os vehículos deberán circular a baixa velocidade mantendo distancia coas persoas que camiñan. Esta reordenación supón un novo avance na liña dos obxectivos do goberno local de reducir ao máximo o tráfico nas rúas máis céntricas da vila, dar preferencia á mobilidade a pé e en bicicleta, reducir a contaminación e o ruido e mellorar a seguridade vial. Nesta mesma liña, a Concellaría de Mobilidade e Tráfico prevé a apertura en breve do novo aparcadoiro de Sarmiento Rivera, fronte ao cuartel da Garda Civil, que, na súa primeira fase, terá un total de 170 prazas de estacionamento, que se suman ás máis de 130 habilitadas na Avenida de Galicia no antigo solar de Granitos de Galicia.

A Concellaría de Tráfico e Mobilidade explica que para calquera problemática de accesibilidade ou dúbidas que se poidan suscitar deberase contactar coa Policía Local que dará solución a esas situacións.

Luz verde de Patrimonio á rehabilitación do edificio para o Centro de Dinamización Empresarial de Ponteareas

“Patrimonio autoriza as obras do Centro de Dinamización Empresarial, que se realizará baixo a dirección do premiado arquitecto Jesús Irisarri seguindo as directrices do estudo de dinamización empresarial e impulso económico” anunciou hoxe a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ponteareas, Eva Gil, quen subliñou que este será “o primeiro espazo municipal que ofreza un smartlab, un viveiro de empresas e posibilite o coworking, entre outras actividades encamiñadas a facer máis competitivo o noso tecido empresarial”.

O Goberno de Ponteareas activa, con esta inciativa, un novo apoio ao sector empresarial e adiantou que se procederá á contratación da redacción do proxecto de execución do Centro de Dinamización Empresarial, que estará situado nos dous andares que o Concello ten no coñecido como edificio da Seguridade Social e que ofrecerá un importante servizo para o desenvolvemento de iniciativas empresariais.

A rehabilitación deste espazo enmárcase dentro da estratexia de crecemento ‘Ponteareas, hábitat saudábel’ e conta co apoio dos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea co obxectivo de revitalizar a economía local e orientarse cara actividades de produción e comercio sostíbel.

Previamente, e dentro da liña de traballo planificado marcada polo goberno local, realizouse un estudo de dinamización empresarial e impulso do emprendemento en Ponteareas, que analizou e avaliou as carencias e fortalezas marcando as liñas de necesidades de servizos e espazos que este sector precisa.

Recoñecido con importantes premios de nivel internacional, Jesús Irisarri seguirá estas premisas para acondicionar máis de 320 metros cadrados, onde as persoas emprendedoras e as pequenas empresas atoparán un espazo tecnoloxicamente eficiente para poder desenvolver o seu traballo.

Pola súa banda a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, apuntou que o edificio “tamén acollerá o servizo de asesoramento cualificado en materia das TIC (tecnoloxías da información e comunicación) destinado a persoas e micropemes ofrecido pola Deputación e que, actualmente, se localiza no Centro de Desenvolvemento Local (CDL)”.

A maiores, o proxecto contemplará un espazo móbil que se localizará no exterior do edificio, converténdose nun espazo público vinculado ao centro de dinamización empresarial, que permita xerar dinámicas participativas na rúa. Facilitará a celebración de conferencias, charlas, talleres, exposicións, debates ou proxección de películas.

Con esta iniciativa o Goberno materializa ademais un dos obxectivos enmarcados na estratexia de obter infraestruturas que permitan desenvolver novas iniciativas e servizos demandados pola veciñanza. “O primeiro Centro de Dinamización Empresarial supón un apoio imprescindíbel para o traballo colaborativo, para fornecer o tecido actual e para lanzar novas pequenas empresas que poidan atopar un espazo estratexicamente situado que os conecte con todos os servizos”, explica Eva Gil.

A concelleira de Promoción Económica engade que este servizo chega, ademais, nun momento, no que se precisa máis que nunca o uso das novas tecnoloxías e o apoio firme das administracións para fomentar os valores locais relanzándoos cara o exterior.

A adquisición deste estratéxico espazo no epicentro do centro urbano supuxo dotar ao concello de patrimonio para ofrecer novos servizos á cidadanía, pero tamén unha contribución á reactivación do casco antigo da vila.

A Xunta suspende cautelarmente a administración da vacina de AstraZeneca

A Xunta de Galicia vén de anunciar a suspensión cautelar da administración da vacina de AstraZeneca. Con esta medida o Goberno galego “segue así a indicación do Ministerio de Sanidade que ven de anunciar a súa suspensión por un principio de prudencia”, sinala un comunicado da Xunta.

A Consellería de Sanidade lembra que o sistema de trazabilidade permite identificar a vacina administrada coa persoa vacinada e, ata o momento, “non se produciu en Galicia ningún caso de reacción adversa grave”, sinalan.

Comeza a segunda edición da Escola de Letras

Despois do grande éxito da primeira edición, a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia volveu hoxe luns, 15 de marzo, a abrir as súas portas virtuais ao alumnado, xa que os primeiros obradoiros desenvolveranse de xeito telemático debido ás restricións derivadas da pandemia.

Co título de “Tod@s temos unha historia que contar” a Escola inaugura os cursos deste ano coa escritora Inma López Silva que desenvolverá o seu Obradoiro Literario os días 15 e 22 de marzo; 12,19 e 26 e abril; 3, 10 e 24 de maio. Con 15 alumnos por clase, a docente tamén impartirá outro curso, de maneira telemática, durante oito sesións, os días 17 e 24 de marzo; 14, 21 e 28 de abril; 5, 12 e 19 de maio.

A Escola de Letras oferta este ano un total de 6 cursos moi variados como son, amais dos de López Silva, o Obradoiro de Poesía con Antonio García Teijeiro, o Obradoiro Literario con Anna R. Figueiredo: Escribir unha novela, o Obradoiro Literario con Diego Giráldez e o Obradoiro de Poesía con Elvira Ribeiro Tobío.

Ante a ampla demanda, todos os cursos están completos e con lista de agarda de 60 persoas. Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar, poden escribir a [email protected] para entrar nas listas.

Primeira proba superada con moito surf e boas ondas

0

A pasada fin de semana celebrouse na Praia Patos (Nigrán) a primeira proba do Circuito Galego Junior de Surf e bodyboard. Esta era a primeira proba despois de case dous anos sen competición, a última celebrouse a finais do 2019 e o ano pasado non se chegou a celebrar ningunha debido á pandemia. Había moitas ganas de surf e o tempo acompañou con moi boas ondas que roldaron o metro e medio tanto o sábado como o domingo.

O equipo de Prado Surf Escola fíxose con dous primeiros postos nas categorías de Sub 16 masculino con Sebas Baamonde e Sub 12 con Deigo Vieteis. Ademais en Sub 16 feminino, Mara San Marco e Claudia Perereira conseguiron o 2º e 3º posto respectivamente.

A proba contou co apoio de Aguasana quen fixo entrega de dúas dos premios, Waira Surf, Só Imprenta, Ozocare, Hi Surf, Gadis, Deleitar, Mercedes Louzao, Xunta de Galicia e Deporte Galego.

Toda a competición realizouse baixo unhas estritas normas de seguridade xa que todas as entidades organizadoras, Federación Galega de Surf, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán, eran moi conscientes de que con esta primeira proba había que demostrar que cumprindo os protocolos o surf galego pode volver á competición.

O Concello de Gondomar incorporará 10 novos traballadores ao seu persoal

0

O concello de Gondomar realizará 10 novas contratacións, para así incorporar un total de 10 traballadores a súa plantilla. Estas novas incorporacións beneficiarán a veciños e veciñas do concello que se atopen desempregadas neste momento e que ocuparán postos de interese xeral e social.

As contracións executaránse a través do Plan Concellos 2021 da Deputación Provincial de Pontevedra, concretamente na súa liña 3. Nelas recollese unha partida total de 158.069 euros para á contratación, que se fará tras un proceso de selección a través da oferta no Servizo Público de Emprego de Galicia.

Nesta ocasión se cubren dez postos para a prestación de servizos mínimos de competencia municipal cun salario establecido no convenio colectivo do municipio para cada categoría. Tanto o custo salarial, como a cotización a Seguridade Social estarán financiados por la Deputación provincial.

As prazas que se cubrirán en Gondomar serán:

  • Seis peóns de obras públicas.
  • Dous conductores (retroexcavadora e tractor).
  • Un auxiliar de biblioteca.
  • Un técnico en turismo.

A Deputación lanza a II edición do concurso “Reacción polo clima” con 4.000 € en premios para os mellores audiovisuais sobre o cambio climático

A Deputación de Pontevedra vén de publicar a segunda convocatoria dos premios “Reacción polo clima” que, dotados con 4.000 €, premiarán ás mellores pezas audiovisuais elaboradas por mozas e mozos da provincia, de entre 16 e 30 anos, centradas no cambio climático. Unha vez publicadas as bases hoxe no BOPPO, rapaces e rapazas poderán presentar desde este martes os seus proxectos para o que teñen de prazo ata o 16 de maio. O obxectivo dos galardóns é involucrar á xente máis nova na loita un dos maiores desafíos do noso tempo.

Os premios “Reacción polo clima” recalarán nas tres mellores manifestacións artísticas visuais centradas nas reivindicacións da mocidade con respecto á loita contra o cambio climático. Deste xeito haberá un primeiro premio dotado con 2.400 €, un segundo de 1.000 € ou un terceiro de 600 €. Este ano a Deputación incrementou en 2.000 € as contías globais dos premios co obxectivo de recoñecer o talento, amais de empoderar á xente máis nova para que sexa partícipes na posta en marcha de políticas públicas no marco da Axenda 2030, onde xogan un papel transcendental.

Os traballos serán en formato audiovisual cunha duración máxima de 2 minutos e medio. Admitirase calquera tipoloxía empregada pola xuventude nas redes sociais ou medios de difusión de natureza similar. As mozas e mozos así como as organizacións dirixidas pola mocidade interesadas en participar teñen dous meses de prazo para presentar as súa solicitudes e poder, así, optar a algún dos tres premios.

O pasado ano gañaron o primeiro concurso “Reacción polo clima” Iago Rodríguez Torres e Manuel Albariñas, ambos de Marín, pola peza “Inconsciente”. O segundo premio recalou en Carmen Villanueva, de Silleda, por “Non pases de largo” e o terceiro foi para Isabel González, de Vigo, por “Pequenos xestos, grandes cambios”.

O IV Simposio Internacional de Escultura do Miño celebrarase do 15 de setembro ao 4 de outubro en Goián

0

A cuarta edición do Simposio Internacional de Escultura do Miño, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño, xa ten data de celebración: do 15 de setembro ao 4 de outubro no Espazo Fortaleza de Goián (Tomiño). Así veñen de acordalo nunha reunión de coordinación entre responsables de ambos gobernos municipais a pasada semana.

O evento, previsto inicialmente para o mes de xuño, tivo que adiarse por mor da situación xerada pola Covid-19, decidindo os coordinadores reprogramar as datas de celebración deste certame internacional xa consolidado, no que seis recoñecidos artistas de distintas partes do mundo, traballan en vivo para amosar a súa mestría ao público xeral. “Este é un proxecto conxunto moi valioso para nós, e que permanecerá nos nosos municipios, con achegas artísticas que veñen a enriquecer o patrimonio local”, lembra a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Baixo a dirección artística dos escultores Liliya Pobornikova e Nando Álvarez, esta cuarta edición do simposio xa recibiu preto de 200 candidaturas procedentes de máis de 40 países. O proceso de selección das obras rematará probablemente a finais do mes de marzo, e un xurado composto por membros dos dous concellos, será o encargado de elixir aos seis participantes definitivos. “Este ano a decisión vai ser moi difícil porque temos enriba da mesa proxectos moi interesantes”, explica Pobornikova.

Obra do terceiro simposio

Como ven sendo habitual, os artistas traballarán ao aire libre ao longo de tres semanas, mantendo a distancia necesaria entre un e outro, para crear as súas esculturas comodamente e respectando todas as medidas de seguridade. Ademais, manterase a distancia co público, evitando a celebración de actos abertos á veciñanza ou aglomeracións de xente. As seis novas obras de arte resultantes, coma vén sendo habitual, pasarán a formar parte do patrimonio escultórico das vilas, instalándose tres pezas en Tomiño e outras tres en Vila Nova de Cerveira.

Como novidade desta cuarta edición, adiantan os coordinadores que os escultores traballarán por primeira vez un novo material: o metal, xa que até o de agora viñan esculpindo en materiais máis tradicionais, coma o mármore e o granito.

A Regata Cenor revela o equipo que representará a Galicia no campionato nacional de Optimist

0

A Regata Cenor organizada esta fin de semana polo Monte Real Club de Yates revelou a composición do equipo que representará a Galicia no Campionato de España de Optimist 2021. Os 20 deportistas galegos que acudirán ao nacional son os mellor clasificados da clasificación autonómica que se pechou este domingo tras a celebración da última clasificatoria en Baiona.

Nela resultaron gañadores Javier García, do Real Club Náutico da Coruña, na categoría Sub 16; e Bruno Iglesias, do Club Náutico Deportivo de Ribeira, na categoría Sub 13. Recibiron os seus trofeos de mans da directora de márketing de Cenor, Leticia Fernández; e o presidente do Monte Real Club de Iates, José Luis Álvarez.

O resto de chanzos dos podios masculinos cubríronos Bruno Iglesias (CND Ribeira) e Pablo Marquina (MRCYB) en segunda e terceira posición da categoría Sub 16; e Fernando González e Jaime Díaz (ambos os do RCN A Coruña) coa prata e o bronce da categoría Sub 13.

No apartado feminino, as regatistas que lograron levantarse ao podio foron Inés Ameneiro, do Real Club Náutico de Vigo , entre as menores de 16 anos; e Arancha Rivero, do Real Club Náutico da Coruña, entre as menores de 13 anos. Os encargados de entregarlles os seus galardóns foron o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; e o alcalde de Baiona, Carlos Gomez.

O segundo e terceiro posto de cada categoría lográronos Natalia Domínguez (RCN Sanxenxo) e Aitana Pérez ( MRCYB) na categoría Sub 16; e Ana Costas (RCN Rodeira) e Roberta Maríz (RCN Sanxenxo) na categoría Sub 13.

O deputado de deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez, entregou os premios aos gañadores na categoría masculina e feminina do grupo azul, dos que se están iniciando no deporte da vela. Os vencedores foron Diego Lago, do Club Marítimo de Oza; e Lida Radio, do Real Club Náutico de Sanxenxo.

[su_image_carousel source=”media: 32445,32442,32446,32444″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Esta xornada final foi algo máis complicada que a inaugural a causa do vento, que tardou en entrar e en establecerse, obrigando a atrasar ata dúas horas o inicio das regatas. Unha vez que Eolo fixo acto de presenza, fixouse do noroeste cunha media de 8-9 nós nas primeiras probas e algo máis de intensidade na manga final. En total, tres probas disputadas que, sumadas ás tres do sábado, completaron o programa de seis mangas previsto no programa deportivo.

Iso na auga. En terra, o máis destacado, máis aló da entrega de premios aos gañadores, foi a carreira de pistas dramatizada na que participaron gran parte dos regatistas da competición. Foi unha proba por equipos na que os nenos e nenas resolveron enigmas e seguiron pistas que os levaron polos principais puntos turísticos de Baiona co obxectivo de gañar unha vela de Optimist cedida por Efectos Navais Jesús Betanzos, que finalmente levou o equipo do Real Club Náutico de Coruña.

A iniciativa, impulsada polo Concello de Baiona, o Museo Casa da Navegación e a aula de Teatro, foi unha proba piloto dunha actividade máis ambiciosa que o departamento de deportes baionés prepara para o Campionato Nacional de Optimist que se celebrará en Semana Santa.

Galicia acudirá ao Campionato de España de Optimist con 22 regatistas

Esta última clasificatoria autonómica revelou os nomes dos deportistas que representarán a Galicia no Campionato de España de Optimist que se celebrará en Baiona.

O Real Club Náutico da Coruña é o club que máis nomes achegará ao nacional da clase, cun total de 7 regatistas clasificados para competir. Son Fernando González, Martín Mijares, Javier García, Jaime Díaz, Andrés Gago, Pedro Núñez e Pepa Bermúdez.

Por parte do Club Marítimo de Canido acudirán ao campionato de España 4 deportistas: Rodrígo Pérez, Fernando Campos, Miguel Rodríguez e Emma Chamorro.

Conseguiron tamén billetes para o nacional da clase 4 regatistas do Monte Real Club de Yates: Pablo Marquina, Aitana Pérez, Martín Montes e Jimena Crespo. Os dous últimos clasifícanse grazas a unha concesión que a Real Federación Española de Vela fai ao club organizador do campionato, permitindo a participación de dúas dos seus deportistas, independentemente da súa posición na clasificación galega.

Tamén optarán ao título nacional Natalia Dominguez e Pedro Casas do Real Club Náutico de Sanxenxo; Bruno Iglesias e Jorge Álvarez do Club Náutico Deportivo de Ribeira; Inés Ameneiro e Luís Wizner do Real Club Náutico de Vigo; e Jorge Costas do Real Club Náutico de Rodeira.

O Campionato de España de Optimist 2021, que do mesmo xeito que esta última clasificatoria está tamén patrocinado polo Grupo Cenor, celebrarase en Baiona durante a Semana Santa. Os días 29 e 30 de marzo serán xornadas de preparativos, inscricións e medicións, o mércores 31 darase o pistoletazo de saída ás primeiras mangas e haberá regatas durante tres días máis, ata o sábado 3 de abril, último día de probas e entrega de trofeos aos gañadores.