9.2 C
Pontevedra
Luns, 6 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO 'Comité de Sabias' da Cátedra de Feminismos Depo-UVigo chama a transformar...

    O ‘Comité de Sabias’ da Cátedra de Feminismos Depo-UVigo chama a transformar a contorna dixital para un acceso igualitario das mulleres

    Catorce expertas, referentes nos ámbitos STEM a nivel nacional e internacional, conforman o Comité que recolle nunha declaración fundacional os seus grandes obxectivos

    Coa participación da presidenta da Deputación, Carmela Silva e do Reitor da UVigo, Manuel Reigosa, o Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVIGO celebrou hoxe a súa primeira reunión, en formato virtual, da que saíu a súa declaración fundacional, un documento no que se plasman os seus obxectivos e eixes de actuación. Entre eles destaca a concreción de accións que transformen os espazos dixitais para que favorezan o acceso das mulleres. Desta forma, o Comité desenvolverá o seu traballo inspirándose na formulación da profesora Judy Wacjman, experta en xénero e tecnoloxía, que afirma que “se as mulleres non queren acceder a certos espazos ou ámbitos, hai que cambialos para que queiran ir a eles”. En base a esa proposta transgresora e revolucionaria, que opta por deixar de responsabilizar ás mulleres, as expertas trazarán accións encamiñadas a lograr un futuro dixital en igualdade.

    O Comité de Sabias está formado por 14 mulleres que son referentes nos seus respectivos ámbitos profesionais. Desde enxeñeiras de telecomunicacións, mecánica ou informática ata expertas en física e intelixencia artificial, os campos de actuación das integrantes do comité son moi diversos, incluíndo tamén a filósofas, matemáticas ou filólogas. Así, son Soledad Torres; Marí Lires; Coral del Río; Amparo Alonso; Encina Calvo; Ana Jesús López; Marta Macho; Dhaunae de Vir; Susana Martínez-Conde; Luz Castro Pena; Edita de Lorenzo; Mª José Malmierca; Ana Vila e Purificación Mayobre. Todas xuntas son unha mostra da presenza feminina nas carreiras STEM, e suman experiencia e coñecemento para orientar a posta en marcha de accións que impulsen unha maior visibilidade e participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía. Na web da Cátedra de Feminismos pódense coñecer máis en detalle os obxectivos e a composición do Comité de Sabias.

    Carmela Silva: “Estamos ante unha rede de mulleres que integra voces incribles, que son unha grande referencia, que teñen unha mirada feminista e son imprescindibles”.

    A presidenta da Deputación Carmela Silva, que apelou a loitar contra “o sesgo do sistema patriarcal nas TIC e na dixitalización”, definiu ao Comité de Sabias como unha “rede de mulleres” que integra “voces incribles, que son unha grande referencia, que teñen unha mirada feminista e son imprescindibles”. A presidenta destacou que “a intelixencia está en vós e, dende as administracións, temos que escoitar á sociedade do coñecemento con nome de muller para tomar decisións tamén intelixentes, transformar e cambiar”. Ao respecto, fixo fincapé na necesidade de “chegar a outras administracións para que todo o que vaiamos poñendo enriba da mesa a través do Comité de Sabias se converta en accións e iniciativas reais, porque a política é o instrumento que temos para cambiar o mundo”. Para a presidenta “temos que ser ambiciosas, ocupar o espazo con orgullo, forza, de pe e no centro, liderando o debate, porque estamos xa fartas de ir creando, de aportar, de ser a metade do mundo e a parte do mundo que máis ten transformado”. Deste xeito, a través do comité, “imos colaborar, crear e poñer en común moitas ideas que se teñen que converter en propostas moi potentes para cambiar a contorna socioeconómica na que vivimos”. Así, amais de visibilizar e referenciar ás mulleres que “tanto aportan ao conxunto da sociedade” e de “recuperar a rica xenealoxía feminista galega repleta de mulleres das que somos herdeiras”, o Comité de Sabias tamén ten por obxectivo incrementar a participación activa das mulleres na sociedade dixital para que “teña unha mirada diferente e non volva caer nos mesmos erros que caeu a analóxica. Queremos que esta nova era dixital sexa unha era mellor, onde as mulleres ocupemos a metade de todo”, rematou. 

    Pola súa banda, o reitor Manuel Reigosa agradeceu a contribución e guía da Deputación na posta en marcha da Cátedra de Feminismos 4.0, e sinalou que o traballo “desta Cátedra vai marcar un antes e un despois na loita dentro da universidade para o avance na igualdade, un dos temas prioritarios marcados polo noso Plan Estratéxico”. Sobre o Comité de Sabias o reitor destacou que “sairán cousas moi boas que van clarexar o camiño que temos que seguir cara a igualdade. Aínda queda moito por facer xa que, no mundo, a igualdade real non existe”.

    Águeda Gómez, directora da Cátedra, foi a encargada de ler a declaración fundacional. “As mulleres non podemos quedar atrás no futuro que se está construíndo. Temos que incorporarnos como creadoras de contidos dixitais e desenvolvedoras de tecnoloxía; e reverter deste xeito os nesgos de xénero na intelixencia artificial, na robótica, no big data, así como nas empresas emerxentes do eido tecnolóxico e científico”, sinalou.

    Propostas en múltiples áreas

    Durante o encontro, as sabias achegaronpropostas para definir as liñas estratéxicas deste grupo de traballo, coas que se procura unha representatividade equilibrada en todos os niveis da dirección, creación, e desenvolvemento das tecnoloxías. As expertas coincidiron en que cómpre acadar “un liderado colaborativo” e unha participación real na toma de decisións estratéxicas para a configuración da sociedade, na que a tecnoloxía desenvolve un papel fundamental.

    Son diversas as áreas nas que consideran que se deben concentrar importantes esforzos, que van desde o eido da formación e a investigación ata os sectores da intelixencia artificial, os videoxogos e as redes sociais. Precisamente nesta última contorna denunciaron que as mulleres aínda non poden interactuar dunha forma libre e segura, debido á cantidade de insultos e discriminacións que sofren, comoxa puxo de manifesto un estudo publicado recentemente pola Cátedra de Feminismos 4.0, que tivo ampla repercusión mediática.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.