O pasado luns o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez e o concelleiro de Servizos e responsable de innovación tecnolóxica, Óscar González; mantiveron unha xuntanza telemática coa dirección de Galicia de Telefónica. Nela tratáronse os detalles da situación da instalación da fibra óptica a día de hoxe e das previsións futuras.
Existen lugares nos que xa hai posibilidade de conexión, cinco en total na actualidade, noutros doce a haberá ao longo deste ano 2021, en 9 máis en 2022 e nos nos restantes aínda non está prevista a súa instalación.
O Concello mostrou o seu malestar pola lentitude no despregue e a súa formulación: polos lugares e porque esa priorización, que nalgúns casos ten ningún razoamento lóxico, xa que, por exemplo, non teñen en conta a existencia ou non de empresas.
Detectouse que Telefónica traballa con moitos enderezos erróneos o que ás veces imposibilita a contratación do servizo polo que o Concello vai enviarlle de oficio un listado actualizado de enderezos vinculado ás referencias catastrais dos edificios ou vivendas.
Ao mesmo tempo, o Goberno Municipal das Neves vai contactar co Ministerio de Economía para forzar un despregue máis veloz e influír nas decisións sobre extensión da fibra para que se teña en conta con prioridade zonas con empresas, zonas poboadas, zonas onde residen escolares e zonas onde a análise de cobertura, feita polo Concello das Neves, indica valores moi malos en ADSL ou incluso en cobertura de datos móbiles