O alcalde de Nigrán, Juan González, acudíu onte pola tarde a recibir á atleta miñorana Ainhoa Reparaz xuntos aos compañeiros da Sociedade Atlética Val Miñor a súa chegada ao Aeroporto de Peinador tras proclamarse esta fin de semana campiona de España sub-18 de 200 metros en Barcelona e bater o récord galego con 24.78’. A deportista ven adestrando desde case principios de ano no Pabillón Municipal de Panxón co obxectivo precisamente de preparar esta proba en pista cuberta e a do Campionato Galego de Ourense de inicios de marzo, onde xa batera records en 60 e 200 metros.
“Estamos moi orgullosos da súa victoria e nos sentimos dalgún xeito parte dela porque estivo adestrando estes meses no Pabillón Municipal de Panxón, instalación que lle ofrecemos sen dubidalo porque coa nova superficie de vinilo se axeitaba perfectamente as súas necesidades”, sinala o rexedor, quen engade que “Ainhoa naceu e viviu os seus primeiros tres anos en Nigrán, polo que tamén ten un vínculo moi estreito co municipio”.
“Estaba todo pechado e ao ser unha atleta de nivel nacional si que podíamos adestrar. O Concello de Nigrán, como estaban o resto de deportes paralizados, prestounos a instalación, polo que estamos moi agradecidos. O seu progreso aquí foi brutal“, recoñece o seu preparador, Óscar Fernández, quen se desprazaba a Nigrán cunha autorización ex-profeso. Ata o pavillón a Sociedade Atlética Val Miñor desprazou vallas e todo o material preciso para poder desenvolver adestramentos coa maior similitude posible ao escenario dos campionatos en pista cuberta.
“Ainhoa ten un talento excepcional, estamos seguros de que nos vai a dar moitas máis alegrías no mundo da competición e desde o Concello de Nigrán queremos estar a súa disposición para axudarlle en todo o que sexa preciso”, finaliza González.