Luns, 9 Decembro de 2024

O Consorcio de Augas do Louro anuncia un corte de subministro no Porriño entre as 10 h e as 12:30 horas

O Consorcio de Augas do Louro vén de dar conta que será finalmente mañá mércores, día 17 de marzo, cando se proceda ao corte de dúas horas e media de duración no abastecemento de auga nalgunhas rúas do centro urbano para desenvolver tarefas de mantemento da rede de subministro.

Este corte de auga estaba previsto, en principio para o pasado día 15 pero, como consecuencia da imprevista e grave avaría ocorrida na condución xeral que provocou un corte de auga que afectou a toda a zona urbana durante varias horas, desestimouse realizar as obras de mellora que finalmente se acometerán este mércores.

Segundo a información trasladada polo Consorcio de Augas do Louro ao Concello, o corte previsto entre as 10 h e as 12:30 h afectará a vivendas, locais, negocios e empresas situadas na Avenida de Galicia e nas rúas Pontevedra, Ourense, Coruña e Santiago.