11 C
Pontevedra
Venres, 3 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaPreto de 200 persoas afectadas polo peche de fronteiras apúntanse no rexistro...

    Preto de 200 persoas afectadas polo peche de fronteiras apúntanse no rexistro do AECT Río Miño para pedir posibles compensacións

    A ferramenta leva activa 15 días e recibe moi variadas situacións de traballadores e traballadoras do territorio do Miño transfronteirizo

    O peche dos pasos transfronteirizos, en vigor dende o pasado 31 de xaneiro e que se manterá aló menos ata despois de Semana Santa, supón un importante prexuízo para centos de persoas traballadoras que están a perder tempo e diñeiro diariamente ao non ter todos os pasos da fronteira abertos. Entre eles hai xa preto de 200 traballadores e traballadoras da zona transfronteiriza que se inscribiron no rexistro posto en marcha hai tan só 15 días pola AECT Río Miño onde salientan os custes económicos e de tempo pero tamén o “cansazo físico e psicolóxico” que lles produce esta situación.

    O formulario pódese cubrir online na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de prexuízo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela. A intención é que eses datos poidan servir de base para reclamar posibles indenmizacións. De feito, o vicedirector Uxío Benítez, insiste na necesaria compensación das institucións (a través de fondos europeos) polo dobre impacto que sufre a fronteira: o da COVID e o do peche dos pasos.

    Nalgúns casos, as persoas traballadoras rexistradas explican que teñen que facer ducias de quilómetros a maiores, con conseguinte gasto en combustible e tempo ao que hai que engadir as esperas que se producen en Tui, un auténtico funil nalgunhas horas do día ao teren os condutores que agardar a que as autoridades fronteirizas comproben o permiso que lles autoriza cruzar ao outro lado da ponte.

    As queixas rexistradas pertencen a persoas residentes en diferentes concellos, tanto de Galiza como de Portugal, malia que son maioría as que viven no sur de Pontevedra e teñen que desprazarse ao norte do país luso, principalmente Valença, Vilanova de Cerveira e Monçao.

    Unha das reclamacións máis repetidas é a de veciños e veciñas que sendo de Salvaterra traballan en Monçao ou residindo en Tomiño se desprazan diariamente a Vilanova de Cerveira. En ambos os dous casos teñen que dar un rodeo de ducias de quilómetros ata chegar a Tui para poder cruzar ao outro lado da fronteira. Un traxecto que de estaren abertos tanto a Ponte da Amizade en Goián como os pasos de Salvaterra-Monçao e Arbo-Melgaço sería cuestión de minutos.

    Prexuízos que están a relatar cada unha das persoas afectadas por este peche quen subliñan que se ven obrigadas a percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, que están a padecer un aumento do custo do desprazamento ou mesmo unha redución de clientes procedentes da outra marxe. Persoas que falan de custes económicos pero tamén de cansazo físico e moral por unha situación que se repite e que lles afecta a súa vida laboral e familiar “a saúde mental vese claramente afectada pola ansiedade e o estres diario que isto provoca”.

    Neste sentido algunha das queixas máis repetidas falan de que “dende que pecharon a fronteira temos que facer 100 quilómetros mais, o que significa botar unha hora mais de viaxe; os gastos ocasionados andan a volta dos 350€ mensuais cando da outra maneira non chegaban a 100€” ou explican que “debido ao peche fronteirizo, un camiño de 25 minutos ata o traballo tense convertido nun traxecto de 50 minutos a ida e case dúas horas de camiño de volta polos controis”.

    Mesmo quen ademais de relatar a súa situación particular lembra que se sinte “novamente prexudicada a nivel persoal, psicolóxico e económico como xa o fora entre o 16 de abril e o 1 de xullo 2020, repetíndose unha situación que provoca un inevitable aumento do cansazo físico e psicolóxico”.

    Tráiler de ‘Confinados no Río Miño’

    Que a problemática do peche da fronteira segue a ser un tema de actualidade no territorio miñoto tamén está a ser confirmado pola grande cantidade de visualizacións do tráiler do documental producido polo AECT Río Miño ‘Confinados no Río Miño’. En apenas unha semana, esta peza audiovisual que conta a historia de tres mulleres que viron alterada a súa vida diaria polo peche da fronteira, leva xa acumuladas nas diferentes redes sociais da Deputación e do Smart Minho preto de 60.000 visualizacións.

    Tal e como explicou o vicedirector do AECT Uxío Benítez, esta iniciativa pretende visibilizar e poñer cara e nome e apelidos ás difentes casuísticas e problemas que viven as persoas afectadas por só haber un paso aberto na raia 24 horas. “Detrás disto hai persoas, seres humanos, hai vidas, hai realidades vitais que deben ser coñecidas, e que exemplifican o desafortunada que foi a decisión de fechar as fronteiras”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.