10.5 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoMáis de 300 fincas expedientadas no 2020 en Tomiño por non cumprir...

    Máis de 300 fincas expedientadas no 2020 en Tomiño por non cumprir a Lei de Prevención de Incendios Forestais ou a Ordenanza de Biomasa

    Dos propietarios notificados só 30 deles comunicaron ao Concello que tiñan limpado os seus predios

    O Concello de Tomiño abriu durante 2020 un total de 340 expedientes por incumprimento de limpeza de fincas ou tala de especies prohibidas; labores de obrigado cumprimento segundo a Lei de Prevención e Defensa dos Incendios Forestais de Galicia e/ou da Ordenanza Municipal da Xestión da Biomasa.

    Ditos expedientes tramitáronse despois de recibir 105 denuncias de particulares, e outros 18 foron abertos de oficio. Dos 123 iniciados no ano 2020, o 73 % foi tramitado (90 expedientes), e o 9 % desestimado (11 expedientes). O 18 % restante (22 expedientes) están aínda pendentes de tramitar.

    En canto á titularidade das 340 parcelas expedientadas, 287 propietarios foron notificados, sendo unha delas propiedade da Xunta de Galicia e 5 de comunidades de montes. Asemade, hai 18 parcelas cuxa titularidade é descoñecida e 35 teñen propietarios pero a súa dirección para notificación é descoñecida ou incompleta, ou ben, non recolleron as cartas enviadas, non se fan cargo dos traballos a realizar, etc. Nestes casos, tal e coma é preceptivo, publicouse o anuncio correspondente no BOE a efectos de notificación.

    Das 287 parcelas nas que os propietarios foron notificados, só 30 deles comunicaron ao Concello que tiñan limpado os seus predios. Isto non quere dicir que os restantes non limparan, xa que a gran maioría que fai a limpeza non a comunica. Na tramitación dos expedientes, cabe destacar a dificultade, cada vez en máis casos, que entraña a localización dos propietarios.

    Con respecto aos anos 2018 e 2019, existe unha redución do número de expedientes e parcelas tramitadas. Ademais, prodúcese un cambio na xestión dos mesmos, pois a partir de 2020, as parcelas pertencentes a unha mesma denuncia agrúpanse no mesmo expediente, cando anteriormente se abría un expediente por parcela, reducindo así o volume de papel empregado e evitando posibles duplicidades.

    As execucións subsidiarias realizadas no ano 2020 foron solo dúas, dato moi inferior ao de 2019, cando se realizaron 11. Isto foi motivado polo atraso na tramitación dos expedientes debido ao COVID-19 e a un maior número de execucións por parte dos propietarios.

    Por outra banda, a Concellería de Medio Ambiente, coa axuda dos técnicos de Urbanismo, está revisando na actualidade o borrador do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais; redactado por técnicos da empresa pública SEAGA, no marco do Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e esta empresa, en materia de prevención e defensa contra incendios; e que, proximamente, levará a pleno para a súa aprobación.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.