Venres, 19 Setembro de 2025

Rematada a primeira fase da humanización da rúa Loureiro de Tui

0

Está rematada a primeira fase da humanización da rúa Loureiro consistente no asfaltado do vial e a colocación de pasos de peóns elevados e redutores de velocidade. Estas obras supuxeron un investimento de 93.877,84 euros, financiados integramente ao abeiro do Plan Concello 2020 da Deputación de Pontevedra.

O goberno municipal está traballando xa na segunda fase de humanización da rúa que consistirá na ampliación das beirarrúas, para favorecer así a mobilidade dos peóns, e garantir a seguridade dos mesmos.

Por outra parte están rematadas as obras de asfaltado executados no barrio de Figueira, en Areas, financiadas tamén pola Deputación de Pontevedra cun importe de 44.623,92 €.

Amais esta semana comezaron as obras de asfaltado no barrio do Calvario, en Caldelas de Tui, por importe de 45.918,85 €, cofinanciadas pola Xunta de Galicia ao abeiro do Plan Marco do ano 2020. Amais ao abeiro deste Plan Marco executarase o cambio da capa de rodadura na estrada de Eira Vella en Ribadelouro, unha obra que estará arestora en fase de licitación.

O alcalde da Cañiza recibe a Santos Lemos, subcampión de España de BTT Enduro na categoría Máster 30

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, recibiu onte nas dependencias da Alcaldía ao novo subcampeón de España de BTT Enduro categoría Master 30, Santos Lemos, un dos deportistas do Club Ciclista Grupeta Pan de Zarco, equipo deportivo que na actualidade ten a súa sede na Cañiza.

Santos Lemos, que por segundo ano consecutivo revalida esta posición, conseguiu a segunda clasificación nun duro campionato celebrado na localidade coruñesa de Mugardos e Chanteiro no que participaron 300 ciclistas. Foi unha complexa proba cun desnivel de 1.240 metros e un percorrido de cinco treitos cronometrados e outros cinco de enlace que completaban os 32 quilómetros do circuito.

Luis Piña non dubidou en asegurar que “A Cañiza está de parabén polos logros deportivos acadados pola nosa xente  esta fin de semana”. Cómpre salientar que o éxito de Santos Lemos engádese ao triunfo do balónman feminino.

O Goberno da Cañiza asumiu o compromiso de colaborar cos club locais xa que “o esforzo, bo facer e triunfos  dos nosos deportistas consiguen poñer o foco no noso Concello, dando a coñecer o nome da Cañiza por toda a xeografía galega e mesmo nacional”, subliñou o alcalde.

Comeza o traballo de campo para avaliar a xestión das augas residuais na zona costeira do Rosal

0

O Concello do Rosal arranca a vindeira semana o traballo de campo para avaliar a xestión das augas residuais da na zona costeira do Rosal, unha problemática que aínda que depende de Augas de Galicia, preocupa moito ao Goberno municipal por como afecta a todos os veciños e veciñas. Un equipo técnico especializado percorrerá os barrios de Portecelo e San Xián os días 16 e 17 de xuño de 09:00 h a 19:00 horas para realizar o estudo de avaliación e ter unha visión clara da realidade.

Dende o Concello prégase a colaboración de toda a veciñanza para poder analizar a situación actual na que se atopa a xestión de augas residuais nesta zona e “poder atopar solucións a medio prazo”.

“Somos conscientes da problemática que levan anos padecendo os veciños e veciñas destas zonas, por iso quixemos dar un primeiro paso importante na procura de alternativas colaborando en todo momento co órgano competente”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Este estudo permitirá cuantificar a cantidade de augas residuais que xeran de forma individual as preto de 200 vivendas e edificacións da zona, das que só arredor de 80 están habitadas todo o ano. O obxectivo é determinar as necesidades conxuntas e as posibles solucións a medio prazo para un tratamento de augas residuais que permita dispoñer dunha xestión ambientalmente máis sostible que a actual.

Cambio climático, contaminación mariña e enerxía centran hoxe as actividades do programa do Día Mundial do Medio Ambiente en Tui

0

Hoxe venres, 11 de xuño, Tui da continuidade aos os actos organizados para celebrar o Día Mundial de Medio Ambiente, que comezaron a semana pasada. A Sala Municipal de Exposicións acollerá o programa de actividades previsto que contará coa inauguración da mostra ‘Adaptación: a outra cara do cambio climático’ e unha charla obradoiro e proxección dun documental dentro da actividade ‘Enerxía e Clima’.

Ás 16:30 h será inaugurada a mostra ‘Adaptación: a outra cara do cambio climático’ do Centro Nacional de Educación Ambiental, CENEAM. Ás 17 h no anexo da sala Títeres en Tu casa representará a obra ‘Operación Plancton’ na que un biólogo mariño e o seu axudante investigan coma afectan os plásticos no mar aos animais mariños. Vai dirixida a público infantil.

Ás 19 h baixo o título de ‘Enerxía e Clima’ terá lugar unha charla obradoiro sobre ‘Impactos do modelo enerxético. Factura Eléctrica’ e proxectarase o documental ‘We the power’ sobre o movemento comunitario enerxético liderado por cidadáns en Europa.

O programa remata o sábado, 19 de xuño, de 11 a 14 h está prevista a actividade ‘O monte en man común, xestión forestal e legado histórico’ na Sala Municipal de Exposición. Comezará ás 11 h coa proxección do documental ‘En todas as mans’ e ás 13 h coa charla-debate sobre as comunidades de montes e xestións dos recursos forestais coa intervención de persoas e entidades que participaron no documental xunto a representantes de comunidade de montes e persoas ligadas á xestión forestal.

Ponteareas reorganiza as súas concellarías tras os cambios no goberno para optimizar a xestión municipal

Tras a renuncia de Xosé Represas e a toma de posesión de Cristina Fernández Davila como alcaldesa, o Goberno municipal de Ponteareas realizou unha reordenación de competencias co claro obxectivo de “acadar un funcionamento óptimo dos servizos prestados á veciñanza”, poñendo á fronte das diferentes concellarías a persoas con amplos coñecementos e experiencia en cada unha das áreas.

Así, por unha banda, a alcaldesa Cristina Fernández Davila asume as competencias que dependían do anterior alcalde (Urbanismo, Medio Urbano e Seguridade Cidadá e Emerxencias) e mantén a coordinación de Ensino e Saúde, áreas que xa dirixía até o de agora. Mentres, a rexedora deixa a área de Consumo, que dirixirá Eva Gil, e a de Eventos, que agora asume Miguel Bouzó.

Outro dos cambios significativos nesta reorganización de competencias é a saída de Nahir Covelo por mor da súa situación persoal e laboral, o que supuxo que Bouzó asumise recentemente a concellaría de Deportes, así como a incorporación de dúas persoas ao Goberno municipal para situarse ao fronte de áreas que dependían directamente de Xosé Represas na anterior etapa.

Deste xeito, Lola Covelo entra a formar parte do goberno para asumir os asuntos relacionados con infraestruturas básicas, como o saneamento, o abastecemento de auga ou as rozas. Ao cargo de Facenda estará Francisco Alonso, que regresa á corporación municipal “tras ser no anterior mandato, xunto a Represas, o artífice da xestión eficaz que logrou sanear a economía do Concello tras décadas de débedas, ruína e bancarrota”.

Tras asumir Fernández Davila a alcaldía, prodúcese tamén unha variación nas tenencias de alcaldía, pasando a ser Roberto Mera o tenente de alcalde e manténdose Chus Garrote na segunda tenencia de alcaldía como ata o de agora. A terceira tenente de alcaldesa será Verónica Carrera.

O río Miño, un dos dez destinos turísticos de Portugal favoritos das e dos lectores de ‘The Guardian’

O Río Miño e a súa contorna vén de ser elixido na edición internacional do xornal The Guardian como un dos dez mellores destinos turísticos dentro de Portugal polas características dos seus espazos naturais, os deportes de aventura, sendas e ecovías, zonas de campismo, as súas augas termais e a súa gastronomía.

Así o reflexaron as e os lectores da publicación británica nun listado dos ‘top 10’ destinos do país veciño. Esta selección feita polo público potencial do territorio miñoto debe abrir os ollos, segundo o vicedirector do AECT Río Miño Uxío Benítez, a todos os concellos do territorio transfronteirizo, tanto galegos coma portugueses, para ver as potencialidades de ollar turisticamente cara o río, crear un destino internacional conxunto e aproveitar os recursos dunha e doutra beira de maneira conxunta. “O río Miño é un recurso conxunto. Temos que ver a oportunidade que temos diante para atraer turismo a unha zona común que é atractiva pola súa singularidade natural. É fundamental apostar pola marca conxunta Rio Minho”, subliñou.

Para Benítez hai que poñer en valor a complemetariedade entre ambas beiras, lembrando todas as actividades dispoñibles e que se están a desenvolver nos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço.

Benítez destacou que é preciso posicionarse globalmente como un destino turístico transfronteirizo natural de calidade dentro dun mercado internacional no que, tal e como mencionaron a semana pasada as persoas participantes no famtrip que pretendía dar a coñecer o territorio como destino turístico –entre operadores e axencias de viaxes–, o público está a buscar experiencias singulares, exclusivas e naturais en contenxtos non masificados.

O nacionalista lembra que o AECT está a traballar no desenvolvemento da marca Río Miño baixo os lemas ‘dous países un destino’ e ‘dous países, un destino, grandes experiencias’. Subliñou que se trata dun traballo estratéxico no que se afondará de maneira prioritaria nos vindeiros anos buscando fórmulas de financiamento tanto a nivel europeo, estatal, autonómico como por medio doutras vías.

Ponteareas acolle o Campionato Galego Máster de natación de verán, única cita autonómica desta categoría da tempada

Ponteareas acolle esta fin de semana o Campionato Galego Máster de natación, o único encontro autonómico desta categoría desta tempada. A competición celebrarase este 12 e 13 de xuño na piscina do complexo deportivo ‘Álvaro Pino’, onde se darán cita máis de 240 deportistas de 25 clubs procedentes de toda Galicia.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quixo agradecer ao Club Natación Ponteareas que “se lanzara á organización dun evento tan importante, pero tamén o traballo realizado ao longo de todo o ano, moito tempo e dedicación investidos que dan os seus froitos”. Bouzó destacou tamén o labor “do equipo técnico, das e dos deportistas, das familias que traballan cóbado con cóbado co club, das entidades privadas que dan o seu apoio, da Federación Galega e da concesionaria da piscina. Remamos todos na mesma dirección –dixo– para facer de Ponteareas un referente deportivo e fomentamos sinerxías para poñer en marcha un evento deportivo coma este, que tamén traerá unha dinámica moi positiva arredor da vila”.

Miguel Bouzó: “Remamos todos na mesma dirección para facer de Ponteareas un referente deportivo”

A competición dividirase en dúas xornadas, para garantir a seguridade e saúde de todas as persoas participantes. O sábado 12 será a quenda de 114 deportistas de máis de 45 anos (34 mulleres e 80 homes) e o domingo 13 de 125 nadadoras e nadadores menores de 45 anos (73 homes, 52 mulleres). O campionato contará cun exhaustivo protocolo de prevención, como a habilitación dun espazo no pavillón deportivo situado a carón da piscina ao que poderán ir as e os nadadores tras realizar as súas probas cunha pantalla no que seguir a competición de forma máis tranquila e evitando aglomeracións. As probas estarán pechadas ao público, pero poderán seguirse en streaming a través das redes sociais do club ponteareán. Os resultados poderán consultarse en tempo real na páxina web da Federación Galega de Natación.

“Tivemos un ano complicado, validando condicións de seguridade cada vez que celebramos un campionato. Pero nunha época tan difícil os nosos clubs foron capaces de seguir activos e manter a esencia do deporte”, salientou o presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño.

Pola súa banda, o presidente do Club Natación Ponteareas, Andrés Carrera, destacou a calidade das instalacións das que desfrutarán durante a competición, así como a “gran familia da natación desta vila, que é capaz de manter ese carácter familiar que aos equipos que veñen de fóra tanto lles gusta”. Ademais de agradecer a súa implicación a colaboradores e patrocinadores, Carrera tamén quixo salientar o labor dos 20 voluntarios de Protección Civil que esta fin de semana velarán polo correcto desenvolvemento das probas.

Trátase dun campionato da categoría máster, “un movemento que une a nadadoras e nadadores de diferentes ámbitos e idades, dende profesionais ata afeccionados, converténdose nun dos mellores exemplos de convivencia transxeracional da nosa sociedade”, como explicou Alberto Aliaga, responsable de Comunicación do club.

Gondomar obtén a “Escoba de Plata” por “facer do municipio unha contorna máis sostible”

0

O xurado da Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente (ATREGUS) deu a coñecer esta tarde o resultado da XVII edición do certame recoñecendo o importante traballo realizado polo concello de Gondomar e a súa aposta por mellorar o coidado do medio ambiente e a sustentabilidade do municipio.

A acta do xura do outorga a “Escoba de Plata” a Gondomar “pola posta en marcha de novas accións e servizos destinados a facer do municipio unha contorna máis sostible, máis tecnolóxico e máis comprometido coa recollida selectiva e a reciclaxe”.

Desde o inicio da actual lexislatura estes obxectivos foron unha prioridade para o goberno e o seu departamento de Medio Ambiente, dirixido por Brais Misa, que desenvolveu numerosas campañas informativas e de concienciación sobre a xestión dos residuos á vez que se facilitaron os medios para poder poñelos en práctica.

Renovouse a frota da empresa encargada da limpeza e recollida de lixos, agora a cargo da UTE EcoGondomar, así como máis de mil contedores, sumando novos destinados a favorecer a división e reciclaxe dos residuos ou o reparto de preto de 300 composteiros individuais. Así mesmo investiuse máis de 70.000 euros na modernización, ampliación e reforma do Punto limpo que viu como o seu uso incrementouse nun 70 por cento o pasado ano, respecto ao 2019.

“Pasos que seguiremos dando para converter Gondomar nun referente de sustentabilidade e nun municipio que protexe o medio ambiente tentando lograr na próxima edición deste concurso a Escoba de platino ou a de ouro”, apunta o rexedor. Os Premios Escoba, outórganse cada dous anos, e con eles ATREGUS recoñece a aquelas institucións e organismos que máis destacan polas súas iniciativa para mellorar aspectos relacionados coa xestión dos residuos urbanos, a limpeza ou o aseo urbano en xeral das nosas cidades e industrias, premiando os esforzos para estimular avances tecnolóxicos e de concienciación, que sirvan para mellorar a calidade de vida e sustentabilidade dos municipios.

Concedidas as primeiras axudas económicas no Porriño para a hostalería, comercio e autónomos

O tribunal de avaliación formado por técnicas municipais e presidido polo concelleiro de Emprego, David Alonso, resolveu hoxe o primeiro lote de axudas económicas directas outorgadas polo Concello do Porriño a establecementos de hostalería, comercio e autónomos que as solicitaron polo impacto dos peches derivados da pandemia.

Nesta primeira quenda, adxudicáronse axudas por un total de 60.926 euros. Trinta desas axudas por peche total da actividade por un importe de 42.926 € e quince por cese parcial da actividade, por un valor global de 18.000 euros.

O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Nesta primeira quenda denegáronse 20 solicitudes de axudas que xa notificáronse aos interesados para que resolvan a deficiencias e volvan a presentarse. Nas vindeiras semanas, haberá unha próxima reunión do tribunal de avaliación para outorgar novas axudas con cargo ao fondo total de 140.000€ que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño.

Tomiño habilita un formulario para inscribirse na verbena piloto do próximo 19 de xuño

0

O Concello de Tomiño vén de habilitar un formulario na súa páxina web para que poidan inscribirse as persoas interesadas en participar na verbena piloto prevista para o sábado 19 de xuño. Co fin de facilitar o proceso, desde a institución recalcan que este será o único método válido para rexistrarse, non sendo posible facelo por teléfono ou a través de correo electrónico. É completamente gratuíto dado que se trata dunha reserva, non dunha compra.

En total serán mil as persoas que poderán asistir ao evento, que se desenvolverá de 21:00 a 23:00 horas no campo de festas do Alivio da man da orquestra Ocaband. O recinto estará completamente perimetrado con vallas, podendo acceder ao mesmo soamente aquelas persoas debidamente rexistradas mediante o formulario. Desde o consistorio piden que aquelas que non o fixeran se absteñan de acudir ao lugar do evento para evitar posibles aglomeracións, xa que non poderán acceder.

No interior do recinto as persoas poderán estar de pé, aínda que estarán separadas en grupos de conviventes. Estará permitido bailar, mais só entre os integrantes dos grupos burbulla e respectando debidamente o espazo de separación de 1,5 metros cos restantes grupos. Nesta área estará prohibido comer, beber e fumar, non obstante no exterior do espazo vai estar habilitado un bar no que as persoas poderán consumir sentadas e cumprindo coas medidas de seguridade e prevención do Covid-19. Para garantir o seu debido cumprimento haberá vixilancia e presenza policial constante.

O formulario pode cubrirse na seguinte ligazón: https://tomino.gal/verbena-piloto-2021/.

Arranca a II edición da aceleradora de comercio da Deputación coa participación dunha empresa de Crecente

0

A comisión técnica encargada da selección de empresas para participar na II edición do programa de aceleración de empresas do sector comercio, que impulsa a Deputación de Pontevedra a través de SmartPeme, vén de seleccionar aos proxectos participantes. Son un total de dez empresas dos concellos de Pontevedra (3), Lalín (2) e Crecente, Meaño, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa que ao longo de catro meses, dende este vindeiro luns 14 de xuño e ata o 15 de outubro, recibirán formación online sobre competitividade, imaxe dixital, canvas, comercio online, sustentabilidade, redes sociais e finanzas.

Coa participación na aceleradora, as empresas seleccionadas poderán adquirir coñecementos e técnicas para mellorar a planificación e desenvolvemento dos seus proxectos, lanzar as súas tendas online, crear as súas propias webs ou mellorar o posicionamento. Tamén serán formadas para poder incrementar as vendas e rentabilidade, afondar na promoción en redes sociais, no marketing dixital e no branding, así como coñecer as técnicas para o estudo de datos estatísticos, establecer mecanismos para diferenciarse da competencia, procurar clientes potenciais e coñecer as ferramentas dispoñibles para impulsar a súa dixitalización.

As firmas seleccionadas de Pontevedra son María de los Ángeles Vázquez, dedicada á venda de roupa de deseño de muller;  Mimobooks (de Goretti Cabido), venda de libros acolchados, camisetas e tote bags;  e Cibertopia (de Fermín González), que comercializa servizos tecnolóxicos. Pola súa banda de Lalín foron seleccionadas Namaskar (Cristina Barreiro), venda de produtos e preparados herbais; e Mel e Canela (Raquel Fernández), comercio de produtos ecolóxicos e locais a granel. De Crecente participa Trees (Mar Penela), deseña lugares para que estean máis conectados coa natureza; de Meaño Produhostel (Mónica Silva), dedicada á distribución de produtos para a hostalaría e a industria; de Silleda Herbolario BIO (José Alberto López),  proxecto de venda de produtos de cosmética bio; de Vigo AK (Antonina Kadyrova), tenda online de produtos de marroquinería feita a man; e de Vilagarcía de Arousa Arual Ecology (Laura Carro), marca de roupa sustentable que emprega tecidos ecolóxicos ou reciclados.  Todas as empresas foron valoradas polo seu grao de innovación, o seu carácter tecnolóxico, o seu alto potencial de crecemento e o feito de ser proxectos ligados ao comercio en fase temperá de desenvolvemento. Tamén se tivo en conta os obxectivos, visión e os seus valores.

A aceleradora de comercio da Deputación de Pontevedra, que arranca deste xeito a súa segunda edición, ten por obxectivo optimizar a competitividade e eficiencia das empresas a través de formación e asesoramentos específicos. Na súa primeira edición participaron 8 empresas que aproveitaron a aceleradora para crear e-commerce, tendas online, redeseñar as súas webs, impulsar a súa presenza en redes sociais, traballar no marketing dixital, optimizar as súas webs, mellorar a súa competitividade empresarial e traballar a imaxe de marca. As primeiras que participaron nesta iniciativa da Deputación foron Comercial Limeres (Pontevedra), Blaurtopías (Vigo), Tipi Fiestas Galicia (Nigrán), Broderie (Ponteareas), Foodies and travellers (Vigo), Infusiónate (Lalín), SS3 Professional (Mos) e Tamerlán (Vigo).

Conmemórase o Centenario da Biblioteca Circulante da Pro-Monte na Guarda

0

En xuño de 1921, nove anos despois da súa fundación, a Sociedade Pro-Monte Santa Tecla (1912-1979) creará a primeira biblioteca pública da Guarda, con sede no local do museo arqueolóxico que inaugurara en 1917 no centro da vila.

A Pro-Monte prestaba así un servizo máis á sociedade guardesa da época poñendo ao alcance do público en xeral a lectura de diferentes obras, moitas delas de difícil acceso para a inmensa maioría da xente.

Cen anos despois daquela iniciativa, compre lembrar este feito, dándoo a coñecer entre os veciños e salientando o firme propósito da Sociedade Promonte pola divulgación da cultura na vila da Guarda. Será da man do historiador J. Miguel Villa que poderemos coñecer o vindeiro venres 18 de xuño, ás 20,30h. no Centro Cultural, un pouco mais desta institución, cun relatorio que afondará no nacemento e traxectoria  desta institución ata que no 1939 cesou o seu funcionamento.

Como en todos os eventos culturais, a actividade ten aforo limitado polo que é preciso anotarse previamente no Centro Cultural indicando nome completo, teléfono de contacto e acompañantes: [email protected].

Arbo continúa co programa de promoción do compostaxe doméstico

0

O Concello de Arbo continúa traballando na mellora da compostaxe na vila, neste caso co reparto de 50 composteiros individuais, que xa se están a repartir entre os veciños que realizaron a súa socilitude.

Os  primeiros composteiros empezaron a entregarse no día de hoxe, no recinto do Punto limpo, polo concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural, Bernardo Vázquez Pérez, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

O Concello de Arbo, solicitaba novamente a SOGAMA 50 composteiros  co  obxetivo de estender as prácticas de autocompostaxe a distintas vivendas unifamiliares do municipio de cara a lograr unha xestión máis sostible do lixo.

O obxetivo é  por unha parte, reforzar a mensaxe dos beneficios do compostaxe caseiro, e por outra banda, apostar polo compostaxe a fracción orgánica producida nas vivendas e  reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel.

O alcalde do Concello de Arbo, detaca o gran exito do programa de compostaxe, “No ano 2020 o Concello repartiu un total de 60 composteiros entre a poboación, e dado a demanda que existia, pola alcaldía trasladouse a SOGAMA as peticións, o que dende a entidade galega, entregaran 50 composteiros máis”

As veciñas e veciños que reciben un composteiro do programa municipal quedan comprometidas a participar nas labores de inspección que programe o Concello a fin de comprobar o correcto uso do dispositivo entregado.

A elaboración de compost na casa ten moitas ventaxas, tanto medioambientais como económicas. O compostaxe permite reutilizar os refugallos que de outra maneira acabarían no colector verde convenicional e contribúe a reducir a frecuencia do servizo de recollida.

O alcalde explicou que “a pretensión dende o Concello  é reducir a xeración de residuos dos nosos fogares, colaborando asi mesmo co medio ambiente porque  obtemos un abono natural de excelente calidade para as nosas prantas, legumes, horatalizas…..”.

O Concello de Nigrán ofrece este sábado o concerto de ‘Pino&Pino’

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 12 de xuño ás 20:00 horas no Auditorio Municipal o concerto do dúo de guitarras e canto ‘Pino&Pino’, que presentará o espectáculo ‘Guitarras y voces de España y Latinoamérica’. A entrada é de balde ata completar o aforo, limitado ao autorizado polas autoridades sanitarias. Na web municipal, www.nigran.org, no apartado ‘Próximos Eventos’, pódese descargar un dossier sobre a traxectoria e C.V. deste dúo.

Andrés Pino e Andrés Pino Llul realizan a súa primeira aparición en público en 1997, cando o segundo era aínda un neno de sete anos, e gravan o seu primeiro disco de canto e guitarra no ano 2000. Integraron diversas formacións de guitarra clásica (entre elas o trío Latitude Sur) e deron concertos en gran parte de España e diversos países de América e Europa. Profundos coñecedores das cancións e da música para guitarra de España e Latinoamérica, especialízanse nestes dous xéneros e presentan un programa baseado nas composicións dalgúns dos máis importantes autores tanto españois como iberoamericanos. No seu extenso repertorio inclúen, ademais das cancións, pezas instrumentais de cada un dos países latinoamericanos, desde México ata Arxentina, e tamén algunhas propias.

Xunto á guitarra moderna presentan nos seus concertos un instrumento que podemos chamar Guitarra Barroca Americana ou Charango. Ten cinco cordas dobres, igual que a guitarra dos séculos XVII e XVIII e un tamaño moi parecido. Con este instrumento interpretan música actual e tamén obras do barroco español, por cuxa achega recibiron críticas moi favorables de público e de importantes personalidades do mundo musical en diferentes países, como Francia, Bélxica, Italia, Alemaña, Bolivia, Chile ou Arxentina.

En xaneiro de 2015 gravan o seu CD “Soñar e nada máis”, o cal presentaron xa en España, Francia e algúns países de Hispanoamérica.

Deputación e Universidade de Vigo lanzan a IV edición do “transformador” proxecto ‘Inspira Steam’

“A sociedade no seu conxunto –asegurou a presidenta Carmela Silva– ten que estar moi preocupada polo que está a acontecer coas carreiras STEAM e coas decisións das mozas na elección de carreiras universitarias que van determinar cal vai ser a súa posición no mundo”. Para reverter esta situación e potenciar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as nenas xurdiu o “transformador” Inspira STEAM, un programa que a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo impulsan dende o 2018, que naceu no 2016 na Universidade de Deusto, e que vén de presentar a súa cuarta edición. A presidenta e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, fixeron esta mañá tamén balance deste programa acompañadas de mentoras e mentores que debateron sobre a importancia de rachar “con este problema implicándonos todas e todos. É unha responsabilidade social”.

A presidenta da Deputación subliñou que “o futuro do mundo vai estar nas mans da innovación e novas tecnoloxías” e “non alcanzaremos a igualdade se as mulleres non se matriculan nas carreiras STEAM, as que van vertebrar a toma de decisións”. Carmela Silva incidiu en que “se somos o 25 % das persoas formadas neste ámbito ese é o lugar que ocuparemos” e amosou a súa “seria preocupación” porque “o mundo soamente será bo cando as mulleres ocupemos a metade de todo”. Por este motivo situou a “Inspira STEAM” como “unha resposta a esta situación, un programa moi interesante, fundamental, que inspira para construír unha sociedade mellor, que nace do coñecemento, que chega aos centros educativos para influenciar nas nenas e nenos, mestras e mestres”.

Tamén fixo fincapé na necesidade de reflexionar sobre o que acontece ao longo do percorrido vital das nenas, dende o sistema educativo ata os propios libros de texto, con ausencia de referentes femininas, ou os medios de comunicación, onde as mulleres científicas e técnicas seguen a estar invisibilizadas. “Todo isto ten unha capacidade enorme de influencia na toma de decisións das nenas”, asegurou.

A vicerreitora da Universidade de Vigo, Natalia Caparrini, ao igual que a presidenta amosou a súa preocupación pola situación das mulleres nas carreiras STEAM. “Todas as profesións do futuro van demandar perfís tecnolóxicos, que son carreiras con maior futuro laboral, cunha demanda que non deixa de medrar –aumentado da orde do 14 % fronte ao 3 % do resto dos ámbitos– e, sen embargo, o número de mulleres que optan por elas decrece cada ano”. Caparrini asegurou que soamente o 25 % das persoas que escollen estudos técnicos son mulleres “e se temos en conta enxeñerías, hai algunhas nas que a porcentaxe é moito menor, como Enxeñería Informática na que non se alcanza nin o 13%”. A vicerreitora, que subliñou que o rendemento académico das mulleres é mellor en 8 de cada 10 títulos, destacou que os motivos desta situación están relacionados coa ausencia de referentes que inspiren ás mozas, cos estereotipos de xénero ou coa súa propia percepción, ao sentir que non teñen cualificación suficiente ou non van ser capaces. “Hai que loitar contra estas cuestións”, destacou e por “iso xorde Inspira STEAM”.

O “corazón” do programa son as mentoras, “mulleres que teñen grandes experiencias vitais, coñecementos e están comprometidas con cambiar as cousas e o fan de xeito totalmente voluntario” asegurou a presidenta. Mentoras como Arantxa Sucasas, enxeñeira de Telecomunicacións, Ana Otero, Enxeñeira Industrial e Fernando Jiménez, enxeñeiro de Telecomunicacións, que durante o acto fixeron fincapé na “responsabilidade social” do programa e reivindicaron a súa importancia para paliar “un síntoma dunha sociedade na que o machismo está instaurado e contra o que todas e todos temos que loitar”. De feito, nas seis sesións que imparten as mentoras/es nos centros educativos afóndase nas STEAM e a súa utilidade pero tamén nos estereotipos de xénero, nos estereotipos nas profesións e nas mulleres referentes STEAM do pasado e do presente.

A IV edición de “Inspira STEAM”, que vén de arrancar, ten como principal novidade con respecto ás tres anteriores edicións o lanzamento de vídeos de entre catro e cinco minutos titulados “Queres ser unha muller STEAM?”. A través destes vídeos mulleres profesionais do ámbito da ciencia e da tecnoloxía comparten as súas traxectorias e experiencias. O primeiro, que vén de ser presentado esta mañá, céntrase no grao de Enxeñería de Minas. Amais do vídeo, durante a xornada deuse a coñecer que o 14 de xuño ábrese o prazo para poder inscribirse como mentora, centro ou empresa no programa “Inspira STEAM” e que xa en setembro comezarán as formacións. Tamén se fixeron entrega de diplomas ás mentoras/es e centros educativos participantes na terceira edición da iniciativa.

O CEP Carlos Casares de Alxén, en Salvaterra de Miño, estrea mural con debuxos do alumnado

O alumnado do CEP Carlos Casares de Alxén, en Salvaterra de Miño, vén de transformar, cos seus debuxos, un simple cartel anunciador dunhas obras nun marabilloso mural. A iniciativa xurdiu da alcadesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, –membro do Consello Escolar– cando nunha das súas visitas ao centro propuxo transformar un cartel da Xunta de Galicia, onde se anunciaba o cambio de cuberta do colexio, nun mural feito con debuxos do alumnado.

Tanto o claustro como o alumnado acolleron a proposta con entusiamo e, mediante un concurso no que participaron todos os nenos e nenas do colexio, seleccionáronse as obras expostas no cartel –transformado xa en mural– que se atopa na valado de entrada ao recinto escolar.

Para Marta Valcárcel, “esta actividade conxunta amosa, unha vez máis, a boa sintonía existente entre o Concello e os centros educativos do municipio”. Un dos obxectivos que se traballan anualmente no centro é, concienciar ás novas xeracións, da importancia de coidar o medio ambiente, mediante a lei dos tres erres: reducir, reciclar e reutilizar.

Esta proposta, foi unha boa oportunidade para ensinarlle ao alumnado o valor da reutilización, algo tan importante de resaltar, tendo en conta que vivimos nunha sociedade consumista.

Concello e o CEP Carlos Casares cualificaron a iniciativa de “moi gratificante” nun ano tan difícil no que os nenos e nenas tiveron que manter os grupos burbulla, sen ter contacto directo cos demais compañeiros. Aos elixidos fíxolles moita ilusión ver os seus debuxos inmortalizados nun lugar privilexiado do colexio.

Alternativa por Mondariz rexeita a intencion do Goberno local de “ir á guerra con Mondariz Balneario” polo problema da depuradora

0

Contra Mondariz Balneario a única solución é ir á guerra, con estas palabras, pronunciadas no último pleno ordinario polo concelleiro de Obras, Poldo Tato (BNG), sintetizaba a única opción que baralla o Goberno local (BNG e PSOE) para solucionar o problema da utilización da depuradora situada en Mondariz Balneario”, asegura o portavoz de Alternativa por Mondariz (AporM) Calis Montes Bugarín.

A depuradora foi construíu en 2005 pola Xunta de Galicia para tratar as augas sucias de 6.000 persoas –a vila balnearia ten 637 habitantes, segundo o IGE–investindo daquela a administración galega case un millón de euros na construción deste equipamento do que se beneficiarían ambos os dous concellos.

“No ano 2015 o Goberno de AporM –explica Calis Montes– tramitou as autorizacións necesarias para conectar o colector da rede de saneamento de Mondariz, que xa estaba en construción, á depuradora de Mondariz Balneario, pero a Confederación Hidrográfica desautorizou a conexión da rede mondarizá á estación de augas residuais argumentando que esta xa superaba o efluente autorizado, polo que non tiña sentido sumar un novo colector”.

O portavoz de AporM sinala que o alcalde de Mondariz Balneario “ten que entender tamén que si Mondariz non depura adecuadamente as súas augas sucias, Mondariz Balneario é un dos principais prexudicados, xa que as persoas que se bañan no Tea neste último concello sofren as consecuencias”.

A solución é “unha solución supramunicipal e dialogada, coa construción dunha rede separativa de pluviais e fecais por parte da Xunta de Galicia, esas son as claves para solucionar o problema ao tratamento de augas residuais de Mondariz”, resume Montes Bugarín.

“Na construción da depuradora participaron todas as administracións, polo tanto na resolución das discrepancias que xera a súa xestión tamén deben implicarse todas elas. Calquera outra alternativa será un xesto para a galería, pero non traerá unha solución ao problema”, concluíu o portavoz independente.

Ferreira, “a señora Bouzós vive á marxe da realidade de Gondomar”

0

A recente reunión de Paula Bouzós co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, “non ten máis obxectivo que buscar a foto”, asegura o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, xa que nela “non se achegou información nova sobre o noso municipio e simplemente trasladáronse obviedades sobre asuntos que en Gondomar avanzaron grazas á xestión do noso Goberno e non á intervención do executivo galego”.

O alcalde debulla as diferentes cuestións expostas no encontro como a posible instalación dun parque eólico no municipio. “Unha guerra aberta co noso Concello que sempre tivo a este Goberno local, e o seu alcalde, e aos veciños co NON en primeira liña, defendendo o Monte Galiñeiro e o seu futuro”. “Que non se anote agora a Xunta ningún tanto. O Goberno de Feijóo viuse obrigado a desistir do proxecto porque os informes técnicos non son favorables, ao que se sumou o desinterese da propia empresa ao non ser rendible o proxecto economicamente”, lembrou Paco Ferreira.

Por iso insiste en que é preciso que a líder do PP “estea máis ao tanto do que ocorre no seu municipio antes de reunirse co seu “colega” o conselleiro de Economía e Industria para que lle traslade “obviedades xa resoltas”.

Entre elas a solución aos apagamentos que se rexistraron no municipio e que grazas á mobilización e recollida de firmas da veciñanza e “tras esixir o goberno que dirixo que se dirimisen as responsabilidades ante os órganos competentes, procedeuse ao requirimento á eléctrica Naturgy por parte da Xunta, pero non antes”, puntualiza Ferreira González.

Máis grave parécelle que Paula Bouzós non aproveitase a ocasión para solicitar ao conselleiro de Economía o apoio económico para o desenvolvemento do polígono da Pasaxe, o máis relevante do sur da provincia de Pontevedra con máis de 4.000 postos de traballo, “deixándonos sós na reurbanización, modernización e ampliación da Pasaxe”.

Lamenta Paco Ferreira, por outra banda, a “deslealdade institucional” demostrada de forma reiterada pola Xunta cara ao seu cargo como representante de máis de 16.000 persoas “ás que represento”. Lembra que se solicitaron en varias ocasións reunións co responsable de Economía e Industria que non foron atendidas. Tampouco o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, “respondeu á nosa solicitude dun encontro para abordar un asunto vital para a economía de Gondomar e de todo o sur de Galicia”.

Asegura non comprender este comportamento entre representantes públicos nin situacións “tan estrañas como a vivida co Vicepresidente Alfonso Rueda que só quixo reunirse cos empresarios do Polígono da Pasaxe mantendo á marxe do encontro ao máximo representante do municipio. Sen dúbida unha actuación que deixa entredito a forma de actuar do goberno galego”.

“A señora Bouzós debería aproveitar as viaxes a San Caetano para expoñer necesidades e demandas de Gondomar e non para escoitar obviedades –sinala Paco Ferreira–. Moito máis produtiva sería esa reunión se lle preguntase ao executivo amigo se investirá os 30 millóns de euros que prometeu o señor Feijóo aos empresarios da Pasaxe nas últimas citas electorais, ou se vai destinar algunha partida económica no polígono para aliviar a agonía que moitas das súas empresas están a vivir tras a pandemia, que as situou ao bordo da desaparición ou expóndose a súa marcha a Portugal buscando maior apoio institucional”.

Vai máis aló o rexedor local gondomareño ao lémbralle á líder da oposición que “non é o momento de fotos partidistas e si de dar a cara por Gondomar, pola súa xente e a súa economía” pola que este goberno, afirma Ferreira, “traballa sen descanso como proba o feito de sacar adiante (tras anos de duro traballo) un convenio que permitirá a urbanización do Polígono da Pasaxe en dúas fases, a primeira delas grazas ao traballo do Goberno local e o esforzo que xunto a empresarios fixemos por aprobar este proxecto e unha segunda fase que financiará a Zona Franca”.

“Onde está o apoio económico que tantas veces en campaña prometeu o señor Feijóo para o noso parque empresarial? Por que non llo pregunta á representante do seu partido en Gondomar?”, pregúntase Paco Ferreira, que asegura que como alcalde “seguirei insistindo en ser recibido polo presidente da Xunta e reclamando o apoio económico necesario para os empresarios do noso municipio, verdadeiros xeradores de emprego na nosa comarca”.

Os alcaldes da Cañiza, Covelo e Mondariz unen forzas para solicitar a construcción dun enlace na A-52 altura da Franqueira

Os alcaldes Luis Piña, Pablo Castillo e Xosé Emilio Barros asinaron onte unha solicitude, en representación dos seus concellos e dos intereses do territorio, na que reivindidan unha antiga débeda do goberno de españa con esta zona do interior galego no tocante ás infraestruturas viarias e conexións.

Os tres alcaldes do psoe, pp e bng únense nesta ocasión para liderar unha vella reivindicación, con 27 anos de historia, que apela á necesidade de acometer a construción deste enlace como un factor determinante para mellorar a calidade de vida dos veciños, fixar e mesmo captar máis poboación e eliminar a fenda existente entre o mundo rural e o urbano, equiparando a xeración de oportunidades.

Esta reivindicación histórica que se inicia co trazado da Autovía A 52 Benavente –Vigo hai 27 anos revive e ponse de novo de actualidade debido ao peche do túnel de O Folgoso en sentido  Vigo-Ourense, desde o 21/01/21 ao 30/04/21, motivado polo incendio provocado por un camión de grandes dimensións no interior do túnel. Incendio que ocasionou importantes danos na estrutura do túnel tendo obrigatoriamente que desviarse o tráfico pola  N-120 que absorbeu a altísima densidade de tráfico que soporta a autovía.

A Autovía A-52 comezou a construírse no ano 1994. Anos antes, cando se publica o proxecto construtivo e se coñéce o trazado desta vía de 307 Km de lonxitude,  os Alcaldes dos gobernos locais e os Deputados de todos os partidos políticos en representación da provincia de Pontevedra no Congreso, reivindicaron a necesidade de construír un enlace nos dous sentidos Vigo e Madrid á altura da Franqueira que daría un gran servizo aos veciños de todas as localidades.

Saldaríase desta forma unha débeda contraída con eles polo abandono e atraso que durante décadas sufriu o interior  e rural pontevedrés en comparación co progreso que as boas comunicacións e conexións viarias achegou ás zonas do litoral.

As razóns que se argumentaban entón para pospoñer a execución desta extraordinaria obra civil era a complicada orografía da zona que obrigaba a deseñar túneles e viadutos moi custosos polo que estas obras de enxeñería civil atrasábanse continuamente.

Con todo, unha vez aprobado o proxecto, dado a coñecer o trazado e iniciadas as obras de execución, a pesar das intensas xestións que se realizaron para conseguir esta ligazón, necesario para poder conectar e comunicar a contorna rural, non se tivo en conta esta petición.

A NECESIDADE DE CREAR OPORTUNIDADES NO MEDIO RURAL PARA FIXAR POBOACIÓN

Hoxe en día, unha das maiores ameazas dos concellos é a perda de poboación  e o gran reto é fidelizala e fixala.

O despoboamento e a sustentabilidade do ecosistema rural son algunhas das problemáticas máis notorias dos concellos e entes públicos e privados están a tomar, cada vez máis, cartas no asunto. Sirva como exemplo a conectividade e a aposta das operadoras de telefonía polo rural, despregando fibra óptica de nova xeración reparando desta forma unha débeda que tamén tiñan con estas zonas e que tamén deteriorou a capacidade de retención e de atracción de persoas á contorna rural.

Por todo isto, apelando á importancia da mobilidade no medio rural, os tres alcaldes do PSOE, PP e BNG únense nesta iniciativa conxunta para manifestar ante o Goberno de España os beneficios que reportaría para o territorio a construción deste novo enlace.

Obra que saldaría a débeda histórica coa zona e suporía un crecemento económico para o territorio no seu conxunto xa que o illamento tamén é un factor de depresión económica e social para aqueles municipios peor conectados. Este novo enlace permitirá a comunicación entre os municipios, ademáis de mellorar o acceso aos servizos e favorecer o crecemento da poboación e a súa distribución xa que o mero feito de poder  permanecer no pobo natal e traballar noutro sería un factor determinante para a fixación da poboación no pobo de orixe ou residencia habitual. A redución dos tempos de transporte mediante unha boa infraestrutura apoiaría o manter os pobos máis pequenos vivos, pois os seus habitantes estarán mellor comunicados co que lle rodea. De está forma conseguiremos que os veciños non teñan que marcharse e mesmo atraeremos a persoas que buscan calidade de vida no medio rural.

Tamén se reduciría a contaminación. O estado dunha estrada non só afecta á fluidez do tráfico, senón tamén ao consumo que o coche realiza no tramo en mal estado como é o caso da  N-120. O consumo tradúcese en contaminación, chegando mesmo a aumentar en 34% a emisión de gases polo simple feito de conducir nunha estrada en mal estado. Mellorar o estado das vías axudará a evitar o efecto invernadoiro e a coidar o medio que nos rodea.

No escrito enviado onte á subdelegación do Goberno en Pontevedra, os alcaldes expresan as manifestacións e argumentos necesarios para encabezar e liderar a iniciativa de retomar a petición de construcción dun enlace en sentido Madrid á altura da Franqueira, túnel de Folgoso da A-52 e solicitan á Subdelegada Maica Larriba a súa colaboración para presentar a petición ante o Goberno de España para que se teña en conta á hora de planificar os novos orzamentos.

Ponteareas participa nunha recollida de basuraleza na praia da Freixa

A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por Rosa María Covelo, e a de Voluntariado, por Miguel Bouzón, apoian á Deputación de Pontevedra na súa participación no proxecto Libera, unha iniciativa de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes para loitar contra a basuraleza a través do coñecemento, a prevención e a participación. Este sábado 12 de xuño, Ponteareas acolle unha gran recollida que baixo o lema de ‘1m2 pola na natureza’ procura non só eliminar lixo, senón tamén a caracterización dos residuos que se atopen.

O punto de recollida será a praia da Freixa ás 10 h e durará aproximadamente dúas horas. Nesta actividade poderán participar un máximo de 10 voluntarios e voluntarias, acompañadas en todo momento por un monitor. As persoas interesadas deberán encher o formulario web habilitado na páxina da Deputación de Pontevedra dentro do apartado do proxecto Libera.

Dende a súa posta en marcha hai tres anos, Libera mobilizou a máis de 60.000 persoas e colaborou con máis de 860 organizacións e colectivos, converténdose nun proxecto pioneiro que busca sensibilizar a todos os públicos. Pode consultarse máis información sobre esta iniciativa na propia web do proxecto.

Tomiño busca solucións naturais para reducir a calor do verán nas aulas das escolas infantís

0

Tomiño busca solucións naturais para problemas derivados das condicións meteorolóxicas e os seus efectos nos edificios da vila. É o caso das dúas escolas infantís Galiña Azul coas que conta o municipio; unha no Seixo (Tomiño centro) e outra en Goián (segunda parroquia máis habitada do concello), e que suman un centenar de prazas de 0 a 3 anos.

Nesta última, coa axuda dunha paisaxista, o Concello propuxo ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar facer unha plantación dunha vintena de árbores, tales coma cedros, fotinias e arces; especies que cando crezan reducirán notablemente o paso da calor ao edificio durante os meses de verán. A colocación das árbores e duns toldos o Concello investiu 12.942,33 euros. “En Goián había un problema de excesivo calor nas aulas e procurouse unha solución ecolóxica que é unha plantación de árbores”, amais de colocar uns toldos nas ventás”, explica a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Cristina Martínez.

Por outra banda, na escola infantil do Seixo instalouse unha pérgola de madeira feita a medida e con teito de metacrilato para crear unha zona de abrigo onde nais e pais poidan agardar aos/ás escolares en épocas de chuvia. Neste caso o investimento, que ascendeu a 5.971,51 euros, viu  dar solución a un requirimento das familias que a partir da pandemia da Covid-19, víronse obrigadas a manter unha distancia maior da entrada do edificio.

Escola infantil de Seixo

Na elección do arbolado, segundo apunta a paisaxista Sinda Davila, de Verdeon Jardinería, para a escola de Goián tivéronse en conta varias vertententes: a ornamentación do conxunto, o acompañamento ao edificio e dar resposta ás necesidades de sombra demandadas dende a dirección do centro. As árboes elexidas pola súas caracteríticas foron: Cedrus atlantica, Glauca péndula, Acer platanoides “Globosum”, Photinia x fraseri “Red Robin”e Albizia julibrissin.

“Os cedros acompañan a entrada do edificio antigo nomeado como a casa do médico, pola sua porte, o seu peso e caracter, son árbores maxestuosos, de folla perenne e color azulado, piñas cara arriba, acompañan ademáis en cor ao logotipo da Galiña Azul”, comenta.

No interior plantados no xardín hai unha combinación de arce e albizia, plantados na zona de máis sol para proporcionar sombra de dúas formas; unha tamizada polas follas da albizia e outra máis densa dos arces.

As photinias marcarán cor vermello na primavera, violáceo no verán e verde no outono. “Estas especies foron elexidas polo seu crecemento controlado, xa que admiten ben as podas e pola interese paisaxística. Ademais, foron plantadas cunha barreira de proteción anti-raíces para evitar destrozos nos saneamento”, explica a profesional.

Baiona encherase co I Festival de Maxia “Baiona Pinta Maxia”

0

Baiona acollerá o sábado 26 e o domingo 27 de xuño o seu primeiro Festival de Maxia baixo o título “Baiona Pinta Maxia”. O evento, organizado pola Concellería de Cultura, congregará a artistas de recoñecido prestixio dentro do ilusionismo, como Camilo Vázquez, Roberto Lolo, Meigo Rafa ou Dani Polo.

Os veciños e veciñas do municipio poderán gozar dunha fin de semana repleta de maxia. Así, a inauguración do festival será o sábado 26 ás 11:00 horas na praza do Concello. Ás 12:00 a Capitanía Marítima, situada na rúa Elduayen número 20, acollerá un taller de maxia para nenos e nenas. Para poder participar nesta actividade é necesaria inscrición previa no WhatsApp (685960370). Ás 13:30 horas no propio museo flotante da Carabela Pinta terá lugar o espectáculo “Maxia de Preto”, un lugar emblemático no que gozar dun espectáculo único. En horario de tarde poderase gozar dun espectáculo de maxia familiar a cargo do Mago Rafa na Praza de Santa Liberata. O broche final da xornada terá lugar no Auditorio V Centenario coa “Gala Máxica” na que actuarán Rafa, Roberto Lolo e Camilo Vázquez.

O domingo ás 12:00 h a praza do Concello acollerá un novo espectáculo de “Maxia familiar” a cargo do Mago Roberto Lolo. A Alameda Carabela Pinta acollerá un sesión de “ Vermouth máxico”. Ás 16:30 horas en leste mesmo espazo celebrarase un espectáculo de maxia de preto. A Gala final de clausura do festival será ás 20:00 h no Auditorio V Centenario con Dani Polo.

Todas as actividades son gratuítas e o acceso realizarase por rigorosa orde de chegada ata completar o aforo.

“O I Festival de Maxia “ Baiona Pinta Maxia” está deseñado para todos o públicos pero quixemos facer unha chiscadela aos pequenos da casa xa que tiveron un comportamento exemplar durante o confinamento e durante esta crise sanitaria do COVID-19”, destacou durante a presentación a Concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte.

“O obxectivo deste festival será recuperar o sorriso perdido que nos borrou o virus”, comentou o Alcalde, Carlos Gómez Prado. Quen destacou que a “Cultura é un piar básico para o desenvolvemento e a desestacionalización de Baiona. O que se pretende coa organización de eventos como o que hoxe presentamos é romper co encasillamiento das actividades e empezar a diversificar a oferta cultural con actividades distintas que dinamicen e desestacionalicen os 12 meses do anos”.

Esta nova oferta para a última fin de semana de xuño supón un pistoletazo de saída e unha declaración de intencións nesta liña. Os espectáculos están pensados para que se vexan na rúa, seguinte todas as medidas sanitarias segundo o protocolo anticovid, e supoñen unha posta en valor dos distintos espazos da vila.

Os ilusionistas que intervirán en Baiona son todo un referente da maxia. Este primeiro festival congregará a un gran veterano da maxia como o é Camilo Vázquez, membro fundador da Escola Máxica de Madrid xunto a Juan Tamariz e Arturo de Ascanio. Todo un veterano mundial que viaxou por todo o mundo actuando e impartindo conferencias especializadas sobre ilusionismo. Intervindo con regularidade nos Teatros OFF Broadway de Nova York e na Meca Mundial da Maxia, o exclusivo Castle de Hollywood en Los Ángeles.

O elenco complétase con Meigo Rafa, Roberto Lolo e Dani Polo grandes referentes galegos e nacionais nesta especialidade que asolagará as rúas e prazas de Baiona nunha fin de semana repleta de maxia.

Este mes comezarán as obras de construción dunha rotonda no acceso á A55 en Guillarei

0

Este mes darán comezo as obras de construción dunha rotonda en Guillarei na intersección entre a N-550 e o ramal que da acceso á A-55, a altura do Hotel Alfonso I.  Suporá un investimento de 357.858.43€ financiado ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Trátase dunha infraestrutura longamente demandada que redundará nunha mellora da seguridade vial na zona tanto para peóns coma para o tráfico rodado, nun punto no que se teñen rexistrado numerosos accidentes de diversa gravidade.

Por outra parte o Concello de Tui vén de licitar as obras de acceso á praia de Areeiros en Guillarei por importe de 191.436,36 euros, que serán financiados tamén co Plan Concellos 2020. Esta actuación mellorará as condicións do vial de acceso a un dos enclaves naturais do municipio máis visitados.

Tamén compre lembrar que está en execución, cun importe de importe de 117.276,09 €, con cargo do Plan Concellos 2020, as obras de humanización da estrada da Veiga. A actuación abrangue case 1,5 quilómetros dende a intersección coa Ponte Romana até a rotonda situada na PO-404.  Estase a acondicionar unha ruta peonil e vía ciclista, substitúese o bordillo de separación entre a calzada e a zona peonil e ciclista por un elemento continúo e sen aristas vivas. Os pasos de peóns existentes serán substituídos por outros elevados e con iluminación intelixente. Tamén se están a crear zonas de descanso e sombra.

As Eiras triplica a súa implicación coa compostaxe individual

0

Grande acollida por parte da veciñanza dos composteiros individuais (COINs) repartidos polo Concello do Rosal. Trátase dunha acción posta en marcha como parte da estratexia municipal para potenciar a compostaxe individual nas vivendas da localidade e que forma parte dun programa de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos creado ao abeiro dunha liña de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa Feder Galicia 2014-2020.

Un interese por parte da veciñanza que levou á parroquia das Eiras a triplicar a súa implicación coa compostaxe individual, xa que pasou de ser a zona con menos implantación e apenas un 18% de COINs a ser a máis involucrada e ter case un 59%. Por barrios, os que contan cunha maior porcentaxe de composteiros individuais son os de Os Picóns e Carril, que pasaron de ter un 23 e un 7,14% de COINs a case un 77 e 61%, respectivamente. “Estamos moi contentos coa acollida da xente, que xa se traduce nun aumento moi significativo do número de casas que xa dispoñen do seu propio composteiro. O noso obxectivo é percorrer pouco a pouco todas as parroquias e conseguir a maior porcentaxe de implantación posible”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente.

O Concello continuará agora co reparto na parroquia de Tabagón e nos vindeiros meses irá pasando polas distintas parroquias. Aínda así, calquera persoa interesada poderá solicitar un composteiro a través da inscribirse na páxina web de Medio Ambiente do Rosal, no apartado de compostaxe, e acudir ao Concello a recollelo.

Son composteiros de 400L de volume que irán acompañados de aireador, caldeiro e base antirroedores perfectos para colocar en vivendas que conten cun pequeno espazo. O mestre composteiro ofrecerá a información e o asesoramento técnicos necesarios para poñelo en marcha, aínda que na páxina web tamén se poden resolver as dúbidas e consultar o titoriais de montaxe das unidades.

Excepcional acollida aos “Bosques Terapéuticos” que xa esgotaron as prazas

As rutas guiadas polos “Bosques Terapéuticos” da provincia, que organiza a Deputación de Pontevedra, volven con forza esta vindeira fin de semana e coa mesma excepcional acollida que na súa primeira edición. Deste xeito, as seis visitas que o programa provincial ofrece este mes de xuño para que as persoas da provincia poidan darse os “baños de bosque” en distintos espazos naturais do territorio xa teñen as súas 90 prazas esgotadas e hai outras tantas persoas en lista de agarda.

Os Salóns do Lérez, en Pontevedra, unha das novidades nos itinerarios deste 2021, serán este sábado 12 de xuño o primeiro dos espazos a visitar nestas rutas que unen medio ambiente e interpretación do patrimonio a través dunha actividade integral e participativa, que prima a propia experiencia das persoas coa natureza. A visita partirá da ponte das Palabras en Monte Porreiro (Pontevedra) e seguirá  a senda do Lérez para visitar a zona dos Salóns, que se atopa entre os espazos naturais protexidos pola Rede Natura 2000.

A sesión, dirixida ao público en xeral, durará entre hora e media e dúas horas, e está convocada ás 10 da mañá, ao igual que o resto, polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa contorna. Fomentarase o uso dos sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación e do escrupuloso respecto as medidas sanitarias actuais. As persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía e en todo momento se manterá a distancia física recomendada e será obrigatoria a máscara, de acordo á normativa sanitaria vixente.  

O domingo 13 de xuño as persoas participantes visitarán o Parque Natural do Monte Aloia, no concello de Tui. Integrado na Serra do Galiñeiro, o Monte Aloia ten preto de dez quilómetros de sendas nunha paisaxe singular e é o resultado dunha repoboación realizada hai 100 anos con cipreses, abetos e cedros do Líbano. Declarado Parque Natural en 1978, o primeiro de Galicia, o Monte Aloia é unha auténtica atalaia a 700 m de altura con 5 miradoiros e extraordinarias vistas sobre o río Miño. No monte hai restos prehistóricos e romanos e a súa historia está rodeada de lendas.

Posteriormente, están programadas e xa completas as rutas dos “Bosques Terapéuticos” polo Espazo Natural Arco da Vella (Vigo), o 19 de xuño; o Espazo Natural de Cabo Udra (Bueu), o día 20; a Ruta da Pedra e da Auga (Meis) o día 26 e a ruta polo Bosque da Picaraña en Ponteareas o día 27.

Rutas de xullo O día 21 deste mes a Deputación volverá abrir o prazo de inscrición para as vindeiras 14 rutas que se desenvolverán no mes de xullo e que abranguerán os nove espazos naturais elixidos este ano. Amais dos seis citados, figuran tamén o Sendeiro Azul do río Verdugo (Ponte Caldelas), a Senda de Almofrei (Cerdedo-Cotobade) e a Fraga de Catasós (Lalín). O calendario está dispoñible na web da institución provincial (www.depo.gal) e as persoas interesadas en participar deberán cubrir a partir desa xornada o formulario, tamén á súa disposición na páxina web.

Mondariz avanza na eficiencia enerxética

0

O Concello de Mondariz recibiu notificación da aprobación dun dos catro proxectos de renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior solicitados o ano pasado ao Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dentro do programa operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Trátase dun proxecto de aforro e eficiencia enerxética para o cambio de luminarias e cadros eléctricos na rede municipal de alumeado público nas parroquias de Vilasobroso, Mouriscados e Meirol valorado en 340.675,98 €, dos que 272.540,78 € (80 %) están subvencionados con fondos europeos. 

“Á vista de que as liñas de subvención do IDAE para o período 2014-2020 estaban case esgotadas cando chegamos ao goberno, decidimos agrupar as parroquias do Concello de Mondariz en catro proxectos para ter máis posibilidades de éxito. Recibimos confirmación da aprobación dun deles, que afecta ás parroquias de Vilasobroso, Mouriscados e Meirol, pero aínda estamos agardando as resolucións dos outros tres proxectos solicitados”, explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

A nova instalación disporá de luminarias LED de última xeración e elevada eficiencia enerxética, así como de novos cadros eléctricos. Estas luminarias LED, ademais de supoñer un aforro enerxético do 72 %, evitarán a contaminación lumínica a través da súa tecnoloxía innovadora. A eficiencia enerxética terá un enorme impacto na factura eléctrica municipal. “A pesar de que este proxecto demanda un gran investimento por parte do Concello, a porcentaxe de aforro enerxético é tan alta que se poderá amortizar en pouco tempo”, indica Barros. 

O alumeado municipal do Concello de Mondariz é unha rede pública composta por 2.741 puntos de luz que se controlan desde 47 cadros de mando. Segundo o informe técnico do proxecto, o custo anual do servizo de alumeado público ascende actualmente a 158.082 €. O proxecto subvencionado afectará a 552 puntos de luz e a 11 cadros de mando relacionados que até agora supuñan un custo anual de 31.371,98 € e que, despois da actuación prevista, pasarán a 9.591,54 €.

Na lexislatura anterior tamén se tramitara un proxecto de instalación de luminarias LED a través dun programa da Deputación de Pontevedra, que está en vías de execución por problemas derivados da propia planificación do proxecto. Trátase da instalación de luminarias LED en 134 puntos de luz dos barrios de Lordelo e Aboal, na parroquia de Toutón. Este proxecto, en principio, non incluía a renovación dos cadros eléctricos e outros elementos da infraestrutura que resultan indispensables para a posta en marcha. “A diferencia é que agora é o propio Concello de Mondariz quen promove e controla os proxectos, abarcando todos os elementos da rede que é necesario renovar para acadar a eficiencia enerxética que se busca”, sinala Barros.

Mellora e modernización das infraestruturas municipais con fondos europeos

Con este, xa son catro os proxectos de eficiencia enerxética subvencionados con fondos europeos no Concello de Mondariz durante o último ano. A Entidade Local Menor de Vilasobroso, presidida por Alexandre Estévez (BNG), xestionou exitosamente a solicitude dun proxecto de recuperación da antiga escola unitaria de Valiño a través da Deputación de Pontevedra, logrando captar fondos europeos por valor de 302.647 euros. O Concello de Mondariz, así mesmo, conseguiu cofinanciación para dous proxectos de rehabilitación enerxética de edificios públicos que se porán en marcha proximamente. Por unha banda, a reforma da cuberta e da fachada do antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pé de Muíño, s/n, parroquia de Riofrío), convertido en sede da Escola Municipal de Música de Mondariz e doutras actividades formativas, que recibiu 141.329 € de fondos europeos; por outra, a reforma da fachada da Casa Consistorial, cunha achega de 105.932 €.

“Para nós era fundamental aproveitar esta oportunidade de cofinanciación con fondos europeos para investir na mellora e modernización das infraestruturas municipais. Foi unha mágoa que se desaproveitara esta oportunidade nos primeiros anos do programa, que arrancou en 2014 para concellos de menos de 5.000 habitantes, como o noso, e logo se ampliou a concellos con máis poboación que non dubidaron en solicitar estes fondos europeos para modernizar as súas infraestruturas públicas. Cando nos vimos no goberno municipal, o programa estaba case esgotado e existía o risco de non chegar a tempo para o reparto dos últimos fondos. Estamos moi satisfeitos cos resultados obtidos e somos optimistas respecto dos outros proxectos solicitados que aínda non se resolveron. Preparar todos estes proxectos contra o reloxo supuxo un esforzo político e administrativo enorme, pero agora podemos afrontar unha necesaria modernización das infraestruturas no Concello de Mondariz con clara visión de futuro”, comenta Barros.

Ponteareas abre o prazo de solicitude de subvencións para colectivos de interese veciñal

Co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal en Ponteareas, o Concello vén de abrir o prazo de solicitude de axudas destinadas a asociacións veciñais, culturais, regantes e Comunidade de montes para a realización de investimentos tanto de obra como de equipamentos.

O Concello ponteareán dedicará un orzamento máximo de 10.000 euros a estas axudas económicas, que poderán acadar ata o 80 % do investimento realizado cun límite de 3.000 € para a realización de obras e de 1.500 € para a dotación de equipamentos.

“O noso obxectivo é apoiar na medida do posible o traballo que están a desenvolver as asociacións en Ponteareas coa implicación de toda a veciñanza, o que sen dúbida contribúe a mellorar a realidade da nosa vila”, recalca Chus Garrote, responsable da Concellaría de Vías, Obras e Alumeado.

As entidades interesadas terán ata o vindeiro 28 de xuño para presentar a súa solicitude a través da sede electrónica do Concello. Poden consultarse as bases da convocatoria e descargar os formularios de solicitude na web municipal.

Calquera aclaración pode plantexarse a través do enderezo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 64 22 45 de luns a venres de 08.00 a 10.00 horas.

O Punto limpo de Gondomar xestionou 309.500 quilos de residuos no 2020, un 70 % máis respecto ao ano anterior

0

O Concello de Gondomar continúa o seu camiño cara un municipio máis sostible, apostando por unha política que prioriza accións na procura dese obxectivo ao longo de todo o ano. Dende a concellería de Medio Ambiente, dirixida por Brais Misa, quérense subliñar as importantes accións desenvolvidas para mellorar as instalacións do Punto Limpo municipal, e actualizar a normativa que o regulaba adaptándoa á nova realidade e ás novas necesidades da veciñanza, cada vez máis concienciada medioambientalmente. Proba delo é que só de abril a decembro de 2020 recibiu un 7 0% máis de quilos de residuos que con respecto ao mesmo período de 2019.

En total o ano pasado depositáronse 309.502 quilos de residuos de todos os tipos. O material que máis depositado no punto limpo foi madeira, en forma de mobles ou doutros elementos a reciclar, con case 87.000 quilogramos. En segundo lugar sitúanse entullos variados (formigón, ladrillo, tellas e materiais cerámicos), con 42.300 quilos, seguidos dos máis de 36.000 kg de poda depositados, os 32.840 de metais e os 25.530 de voluminosos.

Por outro lado, os plásticos xeraron case 16.300 quilos de residuos que foron trasladados ao punto limpo e os aparatos con circuítos de gases refrixerantes o amoníaco (como neveras o conxeladores, entre otros) que representaron un total 14.343 quilogramos. Ademais, recolléronse 9.200 kg de colchóns, case 3.000 de pneumáticos fóra de uso, 1.320 kg de roupa e calzado e 1.120 de vidro.

Xa por debaixo desas cantidades tamén se depositaron no punto limpo pinturas e vernices con e sen disolvente (972 kg), aceites vexetais (935), aceites minerais (900), pilas (498), tubos fluorescentes e lámpadas de descarga (275), envases compostos como bricks ou tóner (190), baterías de chumbo (53), aerosois procedentes de vehículos (37), envases de metal ou plástico contaminados (34), filtros de aceite (33) e ata absorbentes e trapos de limpeza (4 kg).

Un 30,4 % máis de tipoloxías

Unha das principais novidades deste renovado Punto Limpo foi a ampliación por parte do Concello da tipoloxía de residuos e das cantidades máximas que se poden depositar, o que repercutiu nun aumento do 30,4 % na tipoloxía de residuos entregados en cada recepción realizada. Ademais, nesta aposta por adaptar as instalacións ás necesidades da veciñanza creouse un lugar específico para Residuos e Aparellos Eléctricos e Electrodomésticos (RAEES), que cada vez adquiren maior importancia e requiren máis espazo. Neste sentido, no ano 2020 o punto limpo recorreu 13.860 quilos de monitores e pantallas, 12.800 kg de grandes aparellos eléctricos e electrónicos e outros 10.218 de pequenos aparellos.

Crece o número de usuarios

Unha aposta por parte do goberno que atopa unha resposta directa por parte da poboación de Gondomar como demostran as 2.498 entradas de usuarios e usuarias rexistradas de abril a decembro de 2020 de 2020, o que representa un incremento dun 11,5 % respecto ao mesmo periodo do ano anterior. Máis do 52 % destas entradas foron de veciños e veciñas procedentes das parroquias de Vincios (700 usuarios e usuarias) e Gondomar (608), seguidas xa de lonxe por Vilaza (197), Donas (189), Chaín (186), Mañufe (174), Peitieiros (169), Morgadáns (115), Borreiros (112) e Couso (48). Por cada entrada deses usuarios nas instalacións do punto limpo rexistráronse unha ou varias entregas de residuos, xerando en total 16.291 depósitos.

O Punto Limpo, situado na Pasaxe, en Vincios, busca converterse nun centro ambiental moderno que permita a particulares levar residuos que non son susceptibles de ser depositados nos colectores orgánicos ou de reciclaxe, garantido a súa correcta xestión. Lémbrase que o punto limpo é un servizo exclusivo para persoas empadroadas en Gondomar, titulares catastrais, persoas arrendatarias ou terceiros con autorización. Todo o material que chegue deberá estar xa seleccionado e hai limitación de cantidades en función da tipoloxía de residuo.

As instalacións están abertas ao público de luns a xoves en horario de 16.00 a 19.00 horas e venres e sábado de 09:00 h a 13.00 horas. Ademais, o Concello ten a disposición da veciñanza un servizo de recollida de voluminosos co que contactar a través do teléfono gratuíto 900 107 382.

Larriba recibe a Marta Domínguez, campioa de España de squash e ao seu adestrador, Miguel Novegil

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, recibiu esta mañá a xogadora de squash Marta Domínguez e ao seu adestrador, Miguel Novegil, para felicitala pola súa recente vitoria no campionato de España de squash, na categoría absoluta.

A subdelegada quixo, en primeiro lugar, darlle os parabéns a Marta Domínguez polo seu éxito, así como poñer en relevo o traballo, dedicación e constancia que levaron a esta viguesa a proclamarse con tan só 19 anos campioa de España na categoría absoluta. “A túa xesta coloca a provincia de Pontevedra á cabeza deste deporte e é un orgullo para todas nós”, afirmou Larriba.

A subdelegada lembrou o obxectivo do Goberno de avanzar na igualdade de xénero no ámbito deportivo e o seu compromiso por promover a profesionalización dos deportes femininos e aumentar a visibilidade das mulleres. “É unha realidade que faltan mulleres tanto na práctica como na xerencia e na dirección deportiva, por iso é importante reclamar e visibilizar os éxitos de deportistas como Marta”.

Un brillante palmarés

A xogadora do Club Squash Pontevedra Marta Domínguez deu un paso máis no seu brillante palmarés o pasado mes de maio ao lograr o seu primeiro título de campioa de España na categoría absoluta.

Dedicada a este deporte desde pequeña, Domínguez xa fora campioa de España en distintas categorías e subcampioa absoluta. Ademais conseguiu o bronce no campionato europeo sub-17.

Aberto o prazo de inscrición para o campamento de verán ‘Igual é +’ Tui 2021

0

O Concello de Tui, a través das concellerías de Igualdade e Deportes, realizará durante o mes de xullo o Campamento de Verán ‘Igual é + Tui 2021. Este campamento vai destinado aos nenos e nenas e mozos e mozas de Tui con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos (idades cumpridas antes do inicio de cada quenda).

O Campamento de Verán ‘Igual é +’ Tui 2021 levarase a cabo co fin de ofrecer unha alternativa lúdica-deportiva-educativa aos nenos/as do concello. A finalidade deste campamento, é a de ofrecer unha alternativa aos pais e nais que traballan durante ese período, para que poidan conciliar deste xeito a vida familiar e laboral, incorporando a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes, nos nenos e nenas que participen neles.

A primeira quenda realizarase do 1 ao 15 de xullo e a segunda do 16 ao 30 de xullo, en horario de 9:00 h a 14.00 horas, tendo a opción de aula matinal, de 8.00 a 09.00 horas, e aula de sobremesa, de 14:00 h a 15.00 horas.

As inscricións formalizaranse preferentemente a través da sede electrónica do Concello de Tui ata o día 16 de xuño, ou no rexistro de entrada do Concello de Tui, de luns a venres, de 09:00 h a 14:00 horas, solicitando cita previa no número de teléfono 687 227 190,debido ás medidas establecidas polo Concello de Tui para a prevención da COVID19. O prezo será de 30,56 € por quenda.

O Campamento de Verán ‘Igual é +’ Tui 2021 conta con 130 prazas, das que se reservan 20 prazas en total para casos de exclusión social debidamente acreditados polos Servizos Sociais Municipais.

Toda a documentación poderá descargarse da páxina web do Concello de Tui, www.tui.gal, ou na sede electrónica do Concello de Tui.

O PSOE pide “iniciar o debate” sobre o II Pacto Local, “o PP ten que decidir se é municipalista ou prefire o dedazo e reparto discrecional”

A voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, vén de pedir “iniciar o debate” sobre un II Pacto Local de Galicia no seo da Comisión Galega de Cooperación Local, xa que “o PP ten que decidir se é un partido municipalista ou se prefire o dedado e o reparto discrecional”. Fíxoo, onte, no Pleno do Parlamento trala presentación dunha proposición non de lei neste senso, que será votada na sesión de mañá polos grupos da Cámara.

Pasados 15 anos da súa sinatura “sen que se teña desenvolto na súa totalidade”, a voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, sinalou que “é o momento” de actualizar o Pacto Local para establecer “claramente” as competencias de cada administración, así como “a suficiencia financeira” para levalas a cabo.

“O Grupo Parlamentario que sustenta o goberno en Galicia debe decidir se realmente son un partido municipalista ou se van permitir que, novamente, os concellos galegos sexan os irmanciños pobres dentro da estrutura da administración”, reivindicou, nesta liña, a responsable socialista.

Con todo, Rodríguez Rumbo enxalzou o papel dos municipios galegos que “tiveron que atender á súa veciñanza” durante a pandemia “asumindo os custes de competencias propias da Xunta” en áreas como educación, sanidade ou políticas sociais.

Fronte a isto, lamentou, “no canto de poñerse ao carón do goberno do Estado e dos concellos sumando esforzos para loitar todos xuntos e saír o máis axiña posible desta tripla crise, a Xunta decidiu unir esforzos con outros gobernos da súa mesma cor política, liderados pola súa homónima madrileña, a señora Díaz Ayuso, para crispar, entorpecer e criticar ante unha situación de tanta gravidade xamais coñecida”.

De feito, a pesares dos fondos recibidos pola Xunta “que para o orzamento de 2021 supuxo un incremento duns 1.500 millóns de euros, o goberno galego non ten distribuído nin un só euro para que os concellos galegos puidesen facer fronte aos gastos ocasionados nos seus territorios para evitar a propagación do virus”.

Por todo isto, subliñou, “os deputados e deputadas do PP deben decidir se seguen en contra do municipalismo galego ou se, dunha vez, van permitir que os concellos galegos reciban un financiamento máis axeitado ás necesidades orzamentarias que teñen para prestar, con estándares de calidade, os servizos da súa competencia, a través dunha lei pactada coa Fegamp”, tal e como solicita a propia federación.

Nesta liña, Rodríguez Rumbo urxiu a actualización do Pacto Local, asinado en xaneiro de 2006, cando a distribución de fondos públicos por parte da Xunta realízase a través dun “sistema caciquil de dedado” que “favorece a algúns dos gobernos locais que son da súa mesma cor política”, sen que isto reverta o “desequilibrio territorial” en “infraestruturas físicas, económicas e sociais” dos concellos galegos.

Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE

údos, Comunicación PSdeG-PSOE

O BNG de Redondela demanda unhas Ludotecas de Verán, pensadas para os nenos e nenas

0

O BNG de Redondela vén de cuestionar o proceso de selección para que, menores con idades comprendidas entre 3 e 12 anos, poidan gozar das actividades organizadas polo Concello de Redondela. “Agardabamos que se modificase o actual proceso de selección, moi complexo, por outro máis sinxelo”, explica o portavoz municipal da formación nacionalista, Xoán Carlos González.

Lembra González que o sentido das Ludotecas, é facilitar espazos de convivencia e lecer de calidade aos cativos e cativas durante o verán, “apoiando o labor educativo das familias”. Recorda que a poboación infantil, tamén sufre os efectos da Pandemia, principalmente nos aspectos socializadores, polo que “estas actividades adquiren un papel moi relevante”.

Considera moi axustados os prazos de inscripción posto que entre o días 2 e 14 de xuño, somentes hai 6 días hábiles para presentar toda a documentación, motivo polo que o BNG redondelán pide unha ampliación do período de inscrición.

Doutra banda, os nacionalistas esixen ao Goberno municipal “que se poñan os medios necesarios para respostar ás demandas e necesidades de todas aquelas familias redondelás que queiran facer uso destas actividades de lecer” e formula a posibilidade de contar cos Centros Culturais das Parroquias, “que sempre colaboraron coas Ludotecas”.

Considera “engorroso e mesmo disuasorio, todo o proceso de selección, herdado dos tempos do Partido Popular”. Entende que o Goberno local debería apostar por un modelo “máis flexíbel e áxil, sen tantas restriccións”.

Sinala un novo erro na concepción das Ludotecas por parte do goberno, pois “non se considera como actividade laboral o emprego no fogar que realizan principalmente as mulleres, ao non terse en conta como criterio para que os seus fillos e fillas poidan disfrutar das Ludotecas”.

Remata na súa nota pedindo ao Goberno municipal de Redondela, “a eliminación de todos os requisitos para a inscripción nas Ludotecas de Verán, tendo en conta as verdadeiras necesidades dos nenos e nenas, e das súas familias”, remata na nota Xoán Carlos González.

Sanidade adianta que a partir do sábado, Galicia non terá ningún concello en nivel máximo nin en nivel alto de restricións pola COVID

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de acordar na súa xuntanza desta tarde o nivel medio de restricións para os concellos de Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove.

Os resto dos concellos galegos sitúanse en nivel medio baixo. Non hai polo tanto, ningún concello que teña que cumprir as restricións de nivel máximo ou de nivel alto. O comité volverase reunir o vindeiro martes para analizar, de novo, a situación epidemiolóxica de cada concello

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 12 de xuño.

Amelia Tiganus presenta en Redondela o cómic baseado na súa propia historia

0

En sintonía coa proposta de abolición da prostitución, a Asemblea Feminista Paxaretas organiza a presentación do cómic que vén de publicar un dos rostros máis comprometidos contra a explotación sexual das mulleres e das crianzas, Amelia Tiganus. O acto terá lugar mañá mércores, 9 de xuño, a partir das 20 horas no Multiusos da Xunqueira de Redondela, será de balde e contará cun aforo limitado a 90 persoas.

Neste libro, inspirado na propia historia desta activista e supervivente de trata, Amelia fai unha fonda análise do sistema prostitucional e repasa as formas de proceder dos proxenetas e dos puteiros, así como a escravitude á que son sometidas milleiros de mulleres neste país.

O evento desenvolverase seguindo todas as medidas de seguridade fronte ao covid. Cabe destacar, que debido a este protocolo, foi preciso a reserva previa da butaca e na primeira semana, tras o seu anuncio, esgotáronse as entradas.

A presentación deste cómic enmárcase no compromiso da Asemblea Feminista Paxaretas co movemento abolicionista da prostitución, ao entender que o comercio sexual supón a escravitude das mulleres e dos seus corpos baixo o látigo dun negocio de proxenetas co fin da explotación sexual, o cal vulnera os dereitos dos seres humanos.

Amelia Tiganus é unha activista feminista, nada o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive no País Vasco, a súa xanela ao mundo dende a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ser explotada sexualmente durante cinco años no Estado español.

Publicou varios artigos de entre os cales destacan ‘A revolta das putas’ e ‘O traballo faravos libres’, e é formadora en varios cursos e talleres de sensibilización e prevención da prostitución e a violencia sexual, presenciais e en liña.

Foi coordinadora en feminicidio.net durante tres anos e colabora con varias asociacións e ONG nacionais e internacionais. Así mesmo, recibiu varios premios e recoñecementos ao seu labor a prol dos dereitos humanos das mulleres e das nenas, entre os cales, no ano 2019, destaca o ‘Recoñecemento ao compromiso mostrado por lograr unha sociedade libre de violencia contra as mulleres’ entregado polo Ministerio de Igualdade e o Goberno de España.

O Concello de Ponteareas aproba, con amplo consenso, o Regulamento Orgánico Municipal

O Concello de Ponteareas deu luz verde en pleno, cos votos de BNG, PSOE e PP e a abstención de ACIP, á aprobación inicial do Regulamento Orgánico Municipal (ROM), unha norma xurídica que establece as regras do xogo democrático no ámbito local regulando aspectos como a celebración dos plenos ou os dereitos e deberes dos membros da Corporación.

O Regulamento é o resultado dun proceso de negociación entre os grupos municipais que concluíu cun documento consensuado por BNG, PP e PSOE. O Concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, salientou que “se aceptaron a práctica totalidade das propostas do PP, único grupo que fixo achegas ao borrador inicial”. Mera engadiu que “con este amplo respaldo as regras de funcionamento do pleno quedarán fora da discusión política e serán duradeiras e estábeis no tempo”.

O Regulamento Orgánico Municipal regula o funcionamento dos órganos colexiados municipais, especialmente do Pleno, determinando a duración das diferentes intervencións, a confección da orde do día das sesións, os dereitos de participación e información dos membros da corporación, os métodos de control ao goberno e figuras de nova creación coma o debate anual sobre o estado do Concello.

Outra das novidades fundamentais que incorpora este documento é a regulamentación do funcionamento dos órganos municipais colexiados por medios electrónicos e telemáticos, “que carecían de regulación no noso concello e que a pandemia evidenciou como unha necesidade de primeira orde”. “Era precisa unha cobertura xurídica clara e encadrada no resto de ordenamento xurídico, e este novo Regulamento Orgánico Municipal dá resposta a esta necesidade”, asegurou Mera.

Medio Ambiente de Redondela oferta unha segunda saída polas contornas dos ríos Pugariño e Maceiras

0

Despois da boa acollida que tivo a ruta guiada A Chapela Esquecida o pasado 5 de xuño, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela lanza unha segunda saída polo entorno natural e patrimonial de Chapela o vindeiro 12 de xuño na que as e os participantes poderán gozar de lugares practicamente descoñecidos na parroquia facendo unha ruta guiada polos muíños e contorna dos ríos Purgariño e Maceira.

Esta actividade, dinamizada polo guía local Álvaro Diego, dará a posibilidade ás e aos participantes de descubrir os lugares que agochan as marxes e leitos destes ríos: muíños ocultos, lavadoiros, camiños e sendas da Chapela máis descoñecida.

O punto de saída será o aparcadoiro do centro de saúde de Chapela ás 9:30 horas para, dende alí, iniciar unha ruta que terá unha duración aproximada de catro horas.

A actividade ten carácter totalmente gratuito e, debido as medidas de prevención pola pandemia da COVID-19, as prazas serán limitadas polo que é preciso formalizar a inscrición no correo electrónico [email protected] ou no teléfono 986 40 17 13

Un 85,8 % dos impostos e taxas recadados polo ORAL durante 2020 ingresáronse en período voluntario

O ORAL, da Deputación de Pontevedra que xestiona desconcentradamente por delegación a xestión tributaria de 54 dos 61 concellos da provincia, pechou o exercicio 2020 cun índice de recadación voluntaria dun 85,8 % sobre os padróns dos impostos e taxas, segundo se recolle na Memoria anual que foi presentada polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font durante a inauguración do novo local de atención ao público en Pontevedra, situado na rúa de Manuel Palacio, 16. “A responsabilidade da cidadanía é exemplar; temos unha sociedade moi madura e que cumpre coas súas obrigas tributarias porque entende que os concellos prestan servizos imprescindibles que é necesario financiar”, afirmou.

Carlos Font destacou que é o terceiro ano en que se presenta a Memoria anual “nun esforzo de transparencia” e que, nesta ocasión, recolle os datos dun ano “extraordinariamente difícil” marcado pola pandemia e que saldouse con bos resultados gracias ao esforzo do persoal traballando en remoto, a adaptación do calendario fiscal ás circunstancias, os pagos personalizados en ata 6 mensualidades ou o éxito da liña de atención telefónica (máis de 60.000 chamadas atendidas) e da oficina virtual implantada en 2019 (557.000 operacións) ou as ferramentas online como a páxina web e as publicacións en Redes Sociais.

Font explicou que sobre o total de 113,8 millóns dos padróns dos impostos e taxas municipais xestionados de xeito periódico cobráronse globalmente 100,6 millóns, o que supón un índice dun 89,4 % de recadación. Ademais, o 85,8 % pagouse durante o período voluntario. O dato é aínda maior no Imposto de Bens Inmobles (IBI), que superou o 90% en pago voluntario. O deputado remarcou que o ORAL xestiona un total de 218,3 millóns de euros en valores (entre impostos, taxas, , sancións de tráfico, e outros ingresos municipais), unha cifra que puxo en valor lembrando que o Orzamento Xeral da Deputación é de 161 millóns de euros. Así explicou que foi necesario tramitar 55.288 expedientes e que a recadación durante o ano pasado foi de 122,8 millóns, similar á do exercicio anterior. Non obstante, será incrementada nos próximos meses, dado que os períodos de cobro resultaron moi afectados pola crise sanitaria COVID19.

Con todo, para o responsable de Economía e Facenda da Deputación o dato máis sobresaínte é o da confianza dos concellos no ORAL. “Non só temos a xestión de 54 concellos sobre un total de 61, senón tamén de 9 entidades locais ( mancomunidades e consorcios) e as delegacións continúan incrementándose porque o ano pasado recibimos 21 novas, procedentes de 12 concellos”. Ademais destacou que a confianza é total nos municipios de menos de 20.000 habitantes, dado que o 94% deles delega no ORAL. “Os concellos senten que esta tamén é a súa casa e iso di moito do traballo que aquí se fai”.

Unha “oficina amigable” onde antes había un almacén

A nova oficina central do ORAL en Pontevedra supón, remarcou, “unha demostración real e práctica do que debe ser a simplificación administrativa, é dicir, facilitarlle ao máximo as cousas á xente”. Carlos Font explicou que coa configuración arquitectónica desta oficina de 140 metros cadrados, estruturada nun vestíbulo que dá paso a oito puntos de atención integral, con persoal especificamente formado, acometeuse “un cambio radical”. O que antes era un almacén é agora un “local amigable” e deseñado con criterios anti-COVID, que evita “as peregrinaxes xa non entre servizos, pedindo un papel ou outro, senón entre mesas dentro do propio ORAL”. Ao mesmo tempo remarcou que moitas persoas contribuíntes fan xestións correspondentes a diferentes concellos e todo será atendido agora nunha única visita. A directora de servizos do ORAL, Inmaculada Viña, destacou que a Deputación apostou por unha “Administración moderna, aberta e flexible” e engadiu que a nova oficina de atención ao público é produto “dun traballo colectivo e dunha estrutura moi horizontal con alta participación”. “Queremos que a persoa que entra no ORAL marche coa xestión resolta. Ser unha administración pro-activa que esté a altura dunha administración do século XXI e acorde cunha nova gobernanza pública”. Carlos Font explicou que 101 dos 149 traballadores/as do ORAL (cun cadro de persoal equilibrado entre mulleres e homes) traballan nas oficinas centrais e con esta transformación dáse un paso importante pola eficacia e eficiencia, “un paso máis nun proceso continuo que comezou en 2015, que en 2019 incluíu a creación da oficina virtual e en 2020 a renovación da oficina de Tui”.

O Organismo de Recadación da Deputación atende de xeito presencial, telefónico e telemático a case medio millón de persoas dos 54 concellos delegantes dende os seus 23 centros de atención repartidos polo territorio provincial, nos que se ocupa non só da recadación municipal, senón tamén de servizos complementarios como a xestión catastral, así como o asesoramento técnico para a elaboración de ordenanzas municipais e trámites económico-administrativos.

A Deputación destina 150.000 euros á rehabilitación de embarcacións tradicionais e instalacións de patrimonio marítimo fluvial

A Deputación vai facer oficial mañá no Boletín da Provincia as bases da nova liña de subvencións para poñer en valor o patrimonio marítimo fluvial da provincia. Con estas axudas, que teñen unha partida de 150.000 euros, a deputada de Patrimonio María Ortega pretende fomentar a recuperacións de bens de interese do patrimonio marítimo fluvial da provincia, “que conta cunha grande riqueza e singularidade que é preciso preservar e difundir”.

Entre as actuacións que poderán recibir axuda económica da Deputación están os traballos de rehabilitación en embarcacións tradicionais (tratamento da embarcación, recuperación de determinadas partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade, traballos de carenado e pintado, entre outros) co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación. Así mesmo, tamén se inclúen todos aqueles accesorios e equipamento das embarcacións que sexan de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento…). As embarcacións deberán sempre destinarse a actividades de promoción sociocultural ou musealización. Unha das novidades é que os traballos de rehabilitación deberán referirse a unha única embarcación por entidade, polo que non serán subvencionables aqueles proxectos que inclúan actuacións sobre varias pezas.

Outras das liñas de actuación subvencionadas será a de obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural. Neste caso poderán subvencionarse os traballos de restauración e conservación de máis dun elemento, pero sempre que formen parte dun conxunto homoxéneo e se xustifique deste xeito na memoria explicativa.

Así mesmo, incluiranse nas axudas (3ª liña) as intervencións realizadas sobre as distintas construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais. As intervencións deberán referirse a unha única construción ou instalación en terra.

As axudas desta liña do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, teñen un orzamento de 150.000 euros e o importe máximo da subvención para cada actuación non poderá exceder do 80% do seu custe total e tampouco non superar o importe de dez mil (10.000,00) euros. No caso de que os proxectos financiados non esgoten a partida orzamentaria, poderá superarse o límite de dez mil euros por proxecto (sempre que non se supere o 80 % do orzamento), baixo criterios de proporcionalidade e respectando a concorrencia competitiva, así como a valoración técnica do proxecto.

As subvencións poderán solicitarse unha vez se publiquen oficialmente no BOPPO as bases e o extracto da convocatoria, data a partir da que haberá un mes de prazo para a entrega da documentación. Poderán acceder á subvención mediante concorrencia competitiva as entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio marítimo fluvial de Galicia.

Todas as actuacións subvencionadas deberán ter sido realizadas ao longo de 2021 e empregar solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais que lle sexan propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura, aceptándose o emprego dos bens recuperados para a navegación tradicional en regatas, encontros ou actividades de formación.

No pasado exercicio, a liña de axudas para a recuperación e posta en valor do Patrimonio Marítimo Fluvial chegou a 14 colectivos, que se repartiron 101.230 euros para a posta en valora de galeóns, dornas, chalanas e outras embarcacións tradicionais. Principalmente os colectivos beneficiarios localizáronse no Salnés, Vigo, Morrazo e Poio.

Concello de Nigrán e CSIC únense o sábado para festexar o Día Mundial dos Océanos

0

Concello de Nigrán e Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) únense á conmemoración do Día Mundial dos Océanos (8 de xuño) e do inicio da Década das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible (2021-2030) coa xornada artística “Nigrán Con-Ciencia. Activistas de Lapis e Pincel”. Esta foi presentada esta mañá e se desenvolverá o sábado 12 de xuño durante todo o día no campo de fútbol de Lourido, participando tamén o IIM e o Instituto Español de Oceanografía-Vigo e o IES Audiovisual de Vigo. A iniciativa encádrase nas campañas de concienciación medioambiental que leva a cabo habitualmente o Concello de Nigrán, localidade adscrita ao proxecto Cuidad Ciencia e que suma 50 municipios de toda España. Ademais, forma parte do proxecto ‘Científicas y Cambio Global. Programación de la Red de Cultura Científica del CSIC’, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación.

Trátase dunha xornada de inspiración científica ao aire libre ao redor da ilustración, guiada por profesionais do mundo da arte e onde estará persoal científico e técnico do IIM e do IEO, cos que se poderá debater sobre a investigación mariña. Así, contará cun espazo para o público infantil (3 anos en diante) con tres quendas (11.00 horas, 16.30 horas e 18.30 horas) con prazas limitadas a 25 participantes. Este “Obradoiro de creatividade mariña” estará guiado por MATRÁCALA e a ilustradora Olalla Fernández.

Adicionalmente, haberá obradoiros para o público xuvenil e adulto e serán en horario continuo de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas, e estarán guiados por Sandra Amelines (Obradoiro ‘Crea o teu propio caderno de campo’) e Conchi Cuadrado (Obradoiro Arte Cuadrado – varias técnicas: acrílico, óleo, pastel…) En paralelo, no mesmo lugar, poderanse visitar as exposicións “Ciencia Á Vista con Yoel Iglesias Sotelo”, promovida polo IIM, e “Oceánicas: a muller e a oceanografía” do Centro Oceanográfico de Vigo IEO.

A maiores, o Festival Vive Nigrán súmase a esta iniciativa coa sua campaña ‘VIVE SOSTENIBLE’, realizando a segunda recollida de plásticos na zona en colaboración co Concello. Os interesados en participar deben inscribirse en [email protected] indicando o seu nome completo, DNI e teléfono de contacto (as prazar limitaranse a 50 persoas seguindo rigurosa orde de inscrición). O punto de encontro será o campo de fútbol de Lourido ás 10:30 e a duración estimada de 2 horas.

“O obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade aos retos da Axenda 2030 a través dunha campaña de sensibilización social sobre o papel da cidadanía na conservación da súa contorna máis próxima e a súa contribución aos grandes retos globais. En concreto, esta actividade céntrase nos obxectivos de desenvolvemento sostible ODS 13: Acción polo Clima, e ODS 14: Vida Submarina, no marco da actual situación de Cambio Global que vivimos”, explica Luisa Martínez Lorenzo, responsable da UCC do CSIC en Galicia que engade que “a actividade fomenta os encontros entre persoal científico e técnico cos participantes, dando visibilidade ao papel das mulleres científicas que traballan en investigación mariña a través da exposición ‘Oceánicas: a muller e a oceanografía’”.

“É unha honra que o CSIC nos propuxese co-organizar esta actividade. No Concello de Nigrán apostamos desde sempre polas accións de concienciación porque sabemos que funcionan, o comprobamos en cada xornada de limpeza de praias (cada vez máis numerosas) ou en campañas como #SanXoanSenLixo ou #PlantalleCaraAosPlásticos”, indica Juan González, alcalde de Nigrán, quen avanza novas ideas este verán para loitar contra as cabichas e os plásticos nas praias.

Aberto o prazo para inscribirse no campamento musical “IMAXINA” de Tomiño

0

En colaboración coa Agrupación Musical de Goián, o Concello de Tomiño organiza “IMAXINA. Campamento Musical 2021”, destinado a nenas e nenos de 3 a 12 anos.

A actividade, que consistirá nunha aprendizaxe musical lúdica e en convivencia, celebrarase en Goián na segunda quincena do mes de agosto. As prazas son limitadas, polo que é imprescindible realizar pre-inscrición a través da páxina web municipal (https://tomino.gal/campamento-musical-2021).

O horario do campamento será matutino (de 10.00 a 14.00 horas) coa posibilidade de solicitar o Plan Madruga (de 9.00 a 10.00 horas)

O prezo será de 30 euros una semana (persoas socias da banda 15€), e de 45€ dúas semanas (persoas socias da banda 25€). Se se escolle o Plan Madruga, serán 5 euros máis por semana.

Por outra banda, por mor da Covid-19, este ano non se ofertará o campamento urbano que se acostuma organizar cada verán nas instalacións do CEP Pedro Caselles Beltrán. O motivo é que, polas súas características (actividade sen límite de prazas, con máis de 100 nenos e nenas), en caso de choiva, disponse só dun ximnasio con espazo reducido, polo que non se poderían cumprir as medidas de distanciamento físico establecidas pola lei.