O Concello do Rosal arranca a vindeira semana o traballo de campo para avaliar a xestión das augas residuais da na zona costeira do Rosal, unha problemática que aínda que depende de Augas de Galicia, preocupa moito ao Goberno municipal por como afecta a todos os veciños e veciñas. Un equipo técnico especializado percorrerá os barrios de Portecelo e San Xián os días 16 e 17 de xuño de 09:00 h a 19:00 horas para realizar o estudo de avaliación e ter unha visión clara da realidade.
Dende o Concello prégase a colaboración de toda a veciñanza para poder analizar a situación actual na que se atopa a xestión de augas residuais nesta zona e “poder atopar solucións a medio prazo”.
“Somos conscientes da problemática que levan anos padecendo os veciños e veciñas destas zonas, por iso quixemos dar un primeiro paso importante na procura de alternativas colaborando en todo momento co órgano competente”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Este estudo permitirá cuantificar a cantidade de augas residuais que xeran de forma individual as preto de 200 vivendas e edificacións da zona, das que só arredor de 80 están habitadas todo o ano. O obxectivo é determinar as necesidades conxuntas e as posibles solucións a medio prazo para un tratamento de augas residuais que permita dispoñer dunha xestión ambientalmente máis sostible que a actual.