21.2 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaUn 85,8 % dos impostos e taxas recadados polo ORAL durante 2020...

    Un 85,8 % dos impostos e taxas recadados polo ORAL durante 2020 ingresáronse en período voluntario

    Carlos Font presenta a Memoria 2020 e destaca a responsabilidade cidadá para cumprir as obrigas tributarias coa Administración local “nun ano extraordinariamente difícil”

    O ORAL, da Deputación de Pontevedra que xestiona desconcentradamente por delegación a xestión tributaria de 54 dos 61 concellos da provincia, pechou o exercicio 2020 cun índice de recadación voluntaria dun 85,8 % sobre os padróns dos impostos e taxas, segundo se recolle na Memoria anual que foi presentada polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font durante a inauguración do novo local de atención ao público en Pontevedra, situado na rúa de Manuel Palacio, 16. “A responsabilidade da cidadanía é exemplar; temos unha sociedade moi madura e que cumpre coas súas obrigas tributarias porque entende que os concellos prestan servizos imprescindibles que é necesario financiar”, afirmou.

    Carlos Font destacou que é o terceiro ano en que se presenta a Memoria anual “nun esforzo de transparencia” e que, nesta ocasión, recolle os datos dun ano “extraordinariamente difícil” marcado pola pandemia e que saldouse con bos resultados gracias ao esforzo do persoal traballando en remoto, a adaptación do calendario fiscal ás circunstancias, os pagos personalizados en ata 6 mensualidades ou o éxito da liña de atención telefónica (máis de 60.000 chamadas atendidas) e da oficina virtual implantada en 2019 (557.000 operacións) ou as ferramentas online como a páxina web e as publicacións en Redes Sociais.

    Font explicou que sobre o total de 113,8 millóns dos padróns dos impostos e taxas municipais xestionados de xeito periódico cobráronse globalmente 100,6 millóns, o que supón un índice dun 89,4 % de recadación. Ademais, o 85,8 % pagouse durante o período voluntario. O dato é aínda maior no Imposto de Bens Inmobles (IBI), que superou o 90% en pago voluntario. O deputado remarcou que o ORAL xestiona un total de 218,3 millóns de euros en valores (entre impostos, taxas, , sancións de tráfico, e outros ingresos municipais), unha cifra que puxo en valor lembrando que o Orzamento Xeral da Deputación é de 161 millóns de euros. Así explicou que foi necesario tramitar 55.288 expedientes e que a recadación durante o ano pasado foi de 122,8 millóns, similar á do exercicio anterior. Non obstante, será incrementada nos próximos meses, dado que os períodos de cobro resultaron moi afectados pola crise sanitaria COVID19.

    Con todo, para o responsable de Economía e Facenda da Deputación o dato máis sobresaínte é o da confianza dos concellos no ORAL. “Non só temos a xestión de 54 concellos sobre un total de 61, senón tamén de 9 entidades locais ( mancomunidades e consorcios) e as delegacións continúan incrementándose porque o ano pasado recibimos 21 novas, procedentes de 12 concellos”. Ademais destacou que a confianza é total nos municipios de menos de 20.000 habitantes, dado que o 94% deles delega no ORAL. “Os concellos senten que esta tamén é a súa casa e iso di moito do traballo que aquí se fai”.

    Unha “oficina amigable” onde antes había un almacén

    A nova oficina central do ORAL en Pontevedra supón, remarcou, “unha demostración real e práctica do que debe ser a simplificación administrativa, é dicir, facilitarlle ao máximo as cousas á xente”. Carlos Font explicou que coa configuración arquitectónica desta oficina de 140 metros cadrados, estruturada nun vestíbulo que dá paso a oito puntos de atención integral, con persoal especificamente formado, acometeuse “un cambio radical”. O que antes era un almacén é agora un “local amigable” e deseñado con criterios anti-COVID, que evita “as peregrinaxes xa non entre servizos, pedindo un papel ou outro, senón entre mesas dentro do propio ORAL”. Ao mesmo tempo remarcou que moitas persoas contribuíntes fan xestións correspondentes a diferentes concellos e todo será atendido agora nunha única visita. A directora de servizos do ORAL, Inmaculada Viña, destacou que a Deputación apostou por unha “Administración moderna, aberta e flexible” e engadiu que a nova oficina de atención ao público é produto “dun traballo colectivo e dunha estrutura moi horizontal con alta participación”. “Queremos que a persoa que entra no ORAL marche coa xestión resolta. Ser unha administración pro-activa que esté a altura dunha administración do século XXI e acorde cunha nova gobernanza pública”. Carlos Font explicou que 101 dos 149 traballadores/as do ORAL (cun cadro de persoal equilibrado entre mulleres e homes) traballan nas oficinas centrais e con esta transformación dáse un paso importante pola eficacia e eficiencia, “un paso máis nun proceso continuo que comezou en 2015, que en 2019 incluíu a creación da oficina virtual e en 2020 a renovación da oficina de Tui”.

    O Organismo de Recadación da Deputación atende de xeito presencial, telefónico e telemático a case medio millón de persoas dos 54 concellos delegantes dende os seus 23 centros de atención repartidos polo territorio provincial, nos que se ocupa non só da recadación municipal, senón tamén de servizos complementarios como a xestión catastral, así como o asesoramento técnico para a elaboración de ordenanzas municipais e trámites económico-administrativos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.