10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas aproba, con amplo consenso, o Regulamento Orgánico Municipal

    O Concello de Ponteareas aproba, con amplo consenso, o Regulamento Orgánico Municipal

    O Concello de Ponteareas deu luz verde en pleno, cos votos de BNG, PSOE e PP e a abstención de ACIP, á aprobación inicial do Regulamento Orgánico Municipal (ROM), unha norma xurídica que establece as regras do xogo democrático no ámbito local regulando aspectos como a celebración dos plenos ou os dereitos e deberes dos membros da Corporación.

    O Regulamento é o resultado dun proceso de negociación entre os grupos municipais que concluíu cun documento consensuado por BNG, PP e PSOE. O Concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, salientou que “se aceptaron a práctica totalidade das propostas do PP, único grupo que fixo achegas ao borrador inicial”. Mera engadiu que “con este amplo respaldo as regras de funcionamento do pleno quedarán fora da discusión política e serán duradeiras e estábeis no tempo”.

    O Regulamento Orgánico Municipal regula o funcionamento dos órganos colexiados municipais, especialmente do Pleno, determinando a duración das diferentes intervencións, a confección da orde do día das sesións, os dereitos de participación e información dos membros da corporación, os métodos de control ao goberno e figuras de nova creación coma o debate anual sobre o estado do Concello.

    Outra das novidades fundamentais que incorpora este documento é a regulamentación do funcionamento dos órganos municipais colexiados por medios electrónicos e telemáticos, “que carecían de regulación no noso concello e que a pandemia evidenciou como unha necesidade de primeira orde”. “Era precisa unha cobertura xurídica clara e encadrada no resto de ordenamento xurídico, e este novo Regulamento Orgánico Municipal dá resposta a esta necesidade”, asegurou Mera.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.