Baiona acollerá o sábado 26 e o domingo 27 de xuño o seu primeiro Festival de Maxia baixo o título “Baiona Pinta Maxia”. O evento, organizado pola Concellería de Cultura, congregará a artistas de recoñecido prestixio dentro do ilusionismo, como Camilo Vázquez, Roberto Lolo, Meigo Rafa ou Dani Polo.
Os veciños e veciñas do municipio poderán gozar dunha fin de semana repleta de maxia. Así, a inauguración do festival será o sábado 26 ás 11:00 horas na praza do Concello. Ás 12:00 a Capitanía Marítima, situada na rúa Elduayen número 20, acollerá un taller de maxia para nenos e nenas. Para poder participar nesta actividade é necesaria inscrición previa no WhatsApp (685960370). Ás 13:30 horas no propio museo flotante da Carabela Pinta terá lugar o espectáculo “Maxia de Preto”, un lugar emblemático no que gozar dun espectáculo único. En horario de tarde poderase gozar dun espectáculo de maxia familiar a cargo do Mago Rafa na Praza de Santa Liberata. O broche final da xornada terá lugar no Auditorio V Centenario coa “Gala Máxica” na que actuarán Rafa, Roberto Lolo e Camilo Vázquez.
O domingo ás 12:00 h a praza do Concello acollerá un novo espectáculo de “Maxia familiar” a cargo do Mago Roberto Lolo. A Alameda Carabela Pinta acollerá un sesión de “ Vermouth máxico”. Ás 16:30 horas en leste mesmo espazo celebrarase un espectáculo de maxia de preto. A Gala final de clausura do festival será ás 20:00 h no Auditorio V Centenario con Dani Polo.
Todas as actividades son gratuítas e o acceso realizarase por rigorosa orde de chegada ata completar o aforo.
“O I Festival de Maxia “ Baiona Pinta Maxia” está deseñado para todos o públicos pero quixemos facer unha chiscadela aos pequenos da casa xa que tiveron un comportamento exemplar durante o confinamento e durante esta crise sanitaria do COVID-19”, destacou durante a presentación a Concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriarte.
“O obxectivo deste festival será recuperar o sorriso perdido que nos borrou o virus”, comentou o Alcalde, Carlos Gómez Prado. Quen destacou que a “Cultura é un piar básico para o desenvolvemento e a desestacionalización de Baiona. O que se pretende coa organización de eventos como o que hoxe presentamos é romper co encasillamiento das actividades e empezar a diversificar a oferta cultural con actividades distintas que dinamicen e desestacionalicen os 12 meses do anos”.
Esta nova oferta para a última fin de semana de xuño supón un pistoletazo de saída e unha declaración de intencións nesta liña. Os espectáculos están pensados para que se vexan na rúa, seguinte todas as medidas sanitarias segundo o protocolo anticovid, e supoñen unha posta en valor dos distintos espazos da vila.
Os ilusionistas que intervirán en Baiona son todo un referente da maxia. Este primeiro festival congregará a un gran veterano da maxia como o é Camilo Vázquez, membro fundador da Escola Máxica de Madrid xunto a Juan Tamariz e Arturo de Ascanio. Todo un veterano mundial que viaxou por todo o mundo actuando e impartindo conferencias especializadas sobre ilusionismo. Intervindo con regularidade nos Teatros OFF Broadway de Nova York e na Meca Mundial da Maxia, o exclusivo Castle de Hollywood en Los Ángeles.
O elenco complétase con Meigo Rafa, Roberto Lolo e Dani Polo grandes referentes galegos e nacionais nesta especialidade que asolagará as rúas e prazas de Baiona nunha fin de semana repleta de maxia.