7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaExcepcional acollida aos "Bosques Terapéuticos" que xa esgotaron as prazas

    Excepcional acollida aos “Bosques Terapéuticos” que xa esgotaron as prazas

    A partir do día 21 abrirase o prazo de inscrición para as 14 visitas programadas en xullo

    As rutas guiadas polos “Bosques Terapéuticos” da provincia, que organiza a Deputación de Pontevedra, volven con forza esta vindeira fin de semana e coa mesma excepcional acollida que na súa primeira edición. Deste xeito, as seis visitas que o programa provincial ofrece este mes de xuño para que as persoas da provincia poidan darse os “baños de bosque” en distintos espazos naturais do territorio xa teñen as súas 90 prazas esgotadas e hai outras tantas persoas en lista de agarda.

    Os Salóns do Lérez, en Pontevedra, unha das novidades nos itinerarios deste 2021, serán este sábado 12 de xuño o primeiro dos espazos a visitar nestas rutas que unen medio ambiente e interpretación do patrimonio a través dunha actividade integral e participativa, que prima a propia experiencia das persoas coa natureza. A visita partirá da ponte das Palabras en Monte Porreiro (Pontevedra) e seguirá  a senda do Lérez para visitar a zona dos Salóns, que se atopa entre os espazos naturais protexidos pola Rede Natura 2000.

    A sesión, dirixida ao público en xeral, durará entre hora e media e dúas horas, e está convocada ás 10 da mañá, ao igual que o resto, polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa contorna. Fomentarase o uso dos sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación e do escrupuloso respecto as medidas sanitarias actuais. As persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía e en todo momento se manterá a distancia física recomendada e será obrigatoria a máscara, de acordo á normativa sanitaria vixente.  

    O domingo 13 de xuño as persoas participantes visitarán o Parque Natural do Monte Aloia, no concello de Tui. Integrado na Serra do Galiñeiro, o Monte Aloia ten preto de dez quilómetros de sendas nunha paisaxe singular e é o resultado dunha repoboación realizada hai 100 anos con cipreses, abetos e cedros do Líbano. Declarado Parque Natural en 1978, o primeiro de Galicia, o Monte Aloia é unha auténtica atalaia a 700 m de altura con 5 miradoiros e extraordinarias vistas sobre o río Miño. No monte hai restos prehistóricos e romanos e a súa historia está rodeada de lendas.

    Posteriormente, están programadas e xa completas as rutas dos “Bosques Terapéuticos” polo Espazo Natural Arco da Vella (Vigo), o 19 de xuño; o Espazo Natural de Cabo Udra (Bueu), o día 20; a Ruta da Pedra e da Auga (Meis) o día 26 e a ruta polo Bosque da Picaraña en Ponteareas o día 27.

    Rutas de xullo O día 21 deste mes a Deputación volverá abrir o prazo de inscrición para as vindeiras 14 rutas que se desenvolverán no mes de xullo e que abranguerán os nove espazos naturais elixidos este ano. Amais dos seis citados, figuran tamén o Sendeiro Azul do río Verdugo (Ponte Caldelas), a Senda de Almofrei (Cerdedo-Cotobade) e a Fraga de Catasós (Lalín). O calendario está dispoñible na web da institución provincial (www.depo.gal) e as persoas interesadas en participar deberán cubrir a partir desa xornada o formulario, tamén á súa disposición na páxina web.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.