En sintonía coa proposta de abolición da prostitución, a Asemblea Feminista Paxaretas organiza a presentación do cómic que vén de publicar un dos rostros máis comprometidos contra a explotación sexual das mulleres e das crianzas, Amelia Tiganus. O acto terá lugar mañá mércores, 9 de xuño, a partir das 20 horas no Multiusos da Xunqueira de Redondela, será de balde e contará cun aforo limitado a 90 persoas.
Neste libro, inspirado na propia historia desta activista e supervivente de trata, Amelia fai unha fonda análise do sistema prostitucional e repasa as formas de proceder dos proxenetas e dos puteiros, así como a escravitude á que son sometidas milleiros de mulleres neste país.
O evento desenvolverase seguindo todas as medidas de seguridade fronte ao covid. Cabe destacar, que debido a este protocolo, foi preciso a reserva previa da butaca e na primeira semana, tras o seu anuncio, esgotáronse as entradas.
A presentación deste cómic enmárcase no compromiso da Asemblea Feminista Paxaretas co movemento abolicionista da prostitución, ao entender que o comercio sexual supón a escravitude das mulleres e dos seus corpos baixo o látigo dun negocio de proxenetas co fin da explotación sexual, o cal vulnera os dereitos dos seres humanos.
Amelia Tiganus é unha activista feminista, nada o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive no País Vasco, a súa xanela ao mundo dende a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ser explotada sexualmente durante cinco años no Estado español.
Publicou varios artigos de entre os cales destacan ‘A revolta das putas’ e ‘O traballo faravos libres’, e é formadora en varios cursos e talleres de sensibilización e prevención da prostitución e a violencia sexual, presenciais e en liña.
Foi coordinadora en feminicidio.net durante tres anos e colabora con varias asociacións e ONG nacionais e internacionais. Así mesmo, recibiu varios premios e recoñecementos ao seu labor a prol dos dereitos humanos das mulleres e das nenas, entre os cales, no ano 2019, destaca o ‘Recoñecemento ao compromiso mostrado por lograr unha sociedade libre de violencia contra as mulleres’ entregado polo Ministerio de Igualdade e o Goberno de España.