23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCrecenteArranca a II edición da aceleradora de comercio da Deputación coa participación...

    Arranca a II edición da aceleradora de comercio da Deputación coa participación dunha empresa de Crecente

    Desde o luns, 14 de xuño, formaranse durante 4 meses en competitividade, imaxe dixital, canvas, comercio online, sustentabilidade, redes sociais e finanzas

    A comisión técnica encargada da selección de empresas para participar na II edición do programa de aceleración de empresas do sector comercio, que impulsa a Deputación de Pontevedra a través de SmartPeme, vén de seleccionar aos proxectos participantes. Son un total de dez empresas dos concellos de Pontevedra (3), Lalín (2) e Crecente, Meaño, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa que ao longo de catro meses, dende este vindeiro luns 14 de xuño e ata o 15 de outubro, recibirán formación online sobre competitividade, imaxe dixital, canvas, comercio online, sustentabilidade, redes sociais e finanzas.

    Coa participación na aceleradora, as empresas seleccionadas poderán adquirir coñecementos e técnicas para mellorar a planificación e desenvolvemento dos seus proxectos, lanzar as súas tendas online, crear as súas propias webs ou mellorar o posicionamento. Tamén serán formadas para poder incrementar as vendas e rentabilidade, afondar na promoción en redes sociais, no marketing dixital e no branding, así como coñecer as técnicas para o estudo de datos estatísticos, establecer mecanismos para diferenciarse da competencia, procurar clientes potenciais e coñecer as ferramentas dispoñibles para impulsar a súa dixitalización.

    As firmas seleccionadas de Pontevedra son María de los Ángeles Vázquez, dedicada á venda de roupa de deseño de muller;  Mimobooks (de Goretti Cabido), venda de libros acolchados, camisetas e tote bags;  e Cibertopia (de Fermín González), que comercializa servizos tecnolóxicos. Pola súa banda de Lalín foron seleccionadas Namaskar (Cristina Barreiro), venda de produtos e preparados herbais; e Mel e Canela (Raquel Fernández), comercio de produtos ecolóxicos e locais a granel. De Crecente participa Trees (Mar Penela), deseña lugares para que estean máis conectados coa natureza; de Meaño Produhostel (Mónica Silva), dedicada á distribución de produtos para a hostalaría e a industria; de Silleda Herbolario BIO (José Alberto López),  proxecto de venda de produtos de cosmética bio; de Vigo AK (Antonina Kadyrova), tenda online de produtos de marroquinería feita a man; e de Vilagarcía de Arousa Arual Ecology (Laura Carro), marca de roupa sustentable que emprega tecidos ecolóxicos ou reciclados.  Todas as empresas foron valoradas polo seu grao de innovación, o seu carácter tecnolóxico, o seu alto potencial de crecemento e o feito de ser proxectos ligados ao comercio en fase temperá de desenvolvemento. Tamén se tivo en conta os obxectivos, visión e os seus valores.

    A aceleradora de comercio da Deputación de Pontevedra, que arranca deste xeito a súa segunda edición, ten por obxectivo optimizar a competitividade e eficiencia das empresas a través de formación e asesoramentos específicos. Na súa primeira edición participaron 8 empresas que aproveitaron a aceleradora para crear e-commerce, tendas online, redeseñar as súas webs, impulsar a súa presenza en redes sociais, traballar no marketing dixital, optimizar as súas webs, mellorar a súa competitividade empresarial e traballar a imaxe de marca. As primeiras que participaron nesta iniciativa da Deputación foron Comercial Limeres (Pontevedra), Blaurtopías (Vigo), Tipi Fiestas Galicia (Nigrán), Broderie (Ponteareas), Foodies and travellers (Vigo), Infusiónate (Lalín), SS3 Professional (Mos) e Tamerlán (Vigo).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.