Xoves, 18 Setembro de 2025

Ponteareas contratou a 31 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos 2021

O Concello de Ponteareas, a través da Concellería de Formación e Emprego que dirixe Vanesa Fernández, rematou as incorporacións ao seu persoal de 31 traballadores e traballadoras, persoas desempregadas contratadas ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Con estas contratacións, a xornada completa e cunha duración de entre tres e sete meses segundo as necesidades dos servizos, o Concello reforzou áreas como a de medio ambiente e desbroce, a oficina técnica, vías e obras, administración, limpeza, turismo ou animación sociocultural.

Concello e Deputación investiron arredor de 317.000 euros nestas contratacións, realizadas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos, destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. Con este plan de emprego o Concello “no só dá a posibilidade de incorporarse ao mundo laboral a persoas que se atopaban en situación de desemprego, senón que tamén contribúe dentro das súas posibilidades e competencias á xeración de postos de traballo”, como salienta a edil.

Estas 31 persoas, todas inscritas como demandantes de emprego e con salarios iguais aos do persoal municipal, foron incorporándose ao Concello dende o pasado mes de abril tras obter as puntuacións máis altas no baremo de méritos e nas probas prácticas realizadas. 

Así, nesta ocasión contratáronse 13 peóns de medio ambiente para reforzar o persoal do Concello para desbroce e corta de árbores con perigo de caída en estradas municipais e mantemento de espazos turísticos, parques forestais e espazos públicos.

Incluíuse tamén unha persoa para limpeza das instalacións municipais, un axudante de cociña e un auxiliar de clínica para a residencia de maiores, 3 oficiais 3ª albaneis de apoio na reparación de pequenas obras municipais, 2 oficiais 3ª de varios oficios para reforzar ao persoal do Concello no traballo relacionado co desenvolvemento de eventos, un oficial 3ª fontaneiro e 2 peóns de vías e obras.

Incorporáronse ademais 2 auxiliares administrativos para apoiar o labor de diferentes departamentos do Concello, un técnico ou técnica en obra pública para traballos relacionados coa rede de saneamento municipal e unha persoa licenciada ou graduada en Medio Ambiente para a participación no mantemento e continuidade do proxecto dos parques forestais creados en montes veciñais en man común en distintas parroquias, así como na información á veciñanza sobre a nova normativa autonómica de prevención de incendios ou o acompañamento nas actividades medioambientais. As contratacións pecháronse cunha persoa diplomada ou graduada en Administracións Públicas e un animador ou animadora sociocultural para colaborar con Cultura nos diferentes eventos programados para este 2021.

Remata “A Guarda Diversa 2021” cun éxito de participación

0

O Concello da Guarda, a través do Centro de Información á Muller e da Concellería de Igualdade coa colaboración de Sara Uris- responsable do proxecto Transformando Realidades-, repetiu neste ano o proxecto “A Guarda Diversa”, de cara a visibilizar ao colectivo LGTBIQ+ mediante varias accións, que remataron na pasada fin de semana.

As actividades arrancaron na xornada do 28 de xuño coa gravación dun Manifesto que se pode ver na canle de Youtube do Concello da Guarda (https://youtu.be/ChjABMAbzok), así coma a colocación da bandeira representativa deste colectivo na fachada da Casa consistorial.

A parte central das actividades tivo lugar na pasada fin de semana, arrancando o venres 9 de xullo na Praza do Reló cunha mesa redonda baixo o título “Ver e non só mirar. A visibilidade LBT”, un faladoiro onde se tratou sobre a importancia de tomar conciencia dos temas actuais que afectan ás mulleres Lesbianas, Bixesuais e Trans, o seu papel na historia do colectivo e cales son os obxectivos de cara o futuro, e que estivo impartida por María Torre(Ars Eróticas) e Elisabeth Pérez(Asociación Nós Mesmas), baixo a moderación de Sara Uris. Foi retransmitida en directo a través da conta de Youtube do Concello da Guarda: https://youtu.be/Q5eiD8zWpZE.

Tamén á mesma hora a Casa dos Alonso acolleu “Piratrans Carabarco”, un Obradoiro Infantil dirixido a crianzas de 4 a 8 anos e impartido por Roberta Mattia, da Asociación Nós Mesmas, onde, a través da historia de Piratrans Carabarco, transmitiuse ás crianzas o valor da diversidade e a igualdade, rematando cunha actividade plástica cos nenos e nenas asistentes.

Na xornada do sábado día 10 de xullo a Praza do Reló foi o escenario para a mesa redonda “Familias TransOrgullosas”, que estivo impartida por Soledad Fernández, Pilar Fonte e Alejandra Alvedro, baixo a moderación de Sara Uris e onde tratouse sobre familias TransOrgullosas, abordando temáticas como as expectativas da crianza, a diversidade familiar e a transexualidade na infancia. Houbo tamén nesta xornada unha actuación sorpresa do grupo de baile Xamaraina. Foi retransmitida en directo a través da conta de Youtube do Concello da Guarda:  https://youtu.be/ykNUfhOzugo.

Xa para pechar esta segunda edición de A Guarda Diversa, na xornada do domingo día 11 de xullo, a Praza de Avelino Vicente acolleu o espectáculo de Poesía Eléctrica da man do poeta Samuel Merino “Pompa e Boato” co acompañamento musical de Fernán Permuy(guitarra), un recital a partires dunha escolma de poemas en galego e castelán, que son un percorrido por un tempo de espazos baleiros que se enchen de palabras e harmonías.

Dende a Concellería de Igualdade e o CIM da Guarda agradécese a gran participación nas diferentes accións programadas nesta edición, superando todas as expectativas iniciais, tal e como manifestou a Concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez.

Baiona instala iluminación LED para aforrar e mellorar a eficiencia enerxética

0

Baiona continúa coa renovación da iluminación pública do municipio, un proxecto impulsado desde a Concellería de Iluminación Publico do Concello, que como explica o concelleiro Óscar Martínez “está a supoñer a renovación da luminaria eléctrica da iluminación pública do municipio cun cambio a tecnoloxía LED. Co obxecto de mellorar a súa eficiencia enerxética e conseguir un maior aforro nas facturas eléctricas”.

Nesta ocasión, as melloras están a levarse a cabo en diferentes tramos das parroquias de Baredo, Baíña e Santa Cristina da Ramallosa. Os traballos están a consistir na substitución das luminarias coa subministración e montaxe de lámpadas LED, mantendo a columna ou brazo existente, así como as melloras nas instalacións eléctricas cando sexan necesarias.
Un proxecto cun importe de 49.130,13 euros, que está subvencionado polo Programa Operativo FEDER da Unión Europea cuxo lema é “unha maneira de facer Europa», a Deputación de Pontevedra e o propio Concello de Baiona, e que ten en conta a protección do medio ambiente coa diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro mediante un uso eficiente e racional da enerxía.

Outra vantaxe da luminaria LED é que este tipo de lámpadas ten unha vida útil maior, aproximadamente 50.000 horas, reduce a pegada de carbono nun 50% e a nova luminaria é 100% reciclable. A renovación da iluminación tamén vai redundar na calidade da iluminación pública do municipio, aumentando os niveis de iluminación, mellorando a uniformidade media de servizo e a calidade cromática da luz.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, destaca “que o obxectivo é seguir coas melloras enerxéticas no municipio e dar continuidade á instalación de tecnoloxía led. Así se mellorará a eficiencia enerxética, substituíndo as luminarias desfasadas existentes por outras con mellor rendemento que supoñen un consumo de enerxía máis reducido e respectuoso co medio ambiente. Esta actuación busca unha mellora para os usuarios e usuarias diarios destas zonas e para o Concello, que logrará reducir o consumo de electricidade de máis dun 80% e reducir o gasto da luz que soporta o concello mensualmente”.

Agustín González Rodríguez toma posesión do seu cargo de concelleiro do BNG en Tomiño

0

Durante a sesión plenaria de carácter ordinaria celebrada onte no Concello de Tomiño, tomou posesión do seu escano o novo concelleiro do Grupo Municipal do BNG, Agustín González Rodríguez.

O novo edil, de 28 anos e veciño de Forcadela, vén ocupar o lugar do edil Ismael Troncoso, que dimitiu da súa praza o pasado mes de maio.

Agustín González Rodríguez é a persoa máis nova do grupo nacionalista (e da corporación), formado por 11 concelleiros dos 17 que integran a corporación municipal.

Esta é a primeira vez que se desenvolverá en política e ocupaba o 13º lugar na lista das últimas eleccións municipais. Se ben aínda non está definida a área da que se ocupará dentro do equipo de goberno (sen dedicación parcial nin exclusiva), o novo edil afirma ter moita ilusión e estar desexoso de comezar a traballar por Tomiño.

Aínda que non se imaxinaba entrando a formar parte da corporación local de Tomiño, asegura ter desfrutado do seu primeiro pleno como concelleiro, do que salienta o ambiente de diálogo e respecto reinante no hemiciclo.

Con estudios medios de FP en electrónica, traballa nunha fábrica da zona e preside o Tomiño FC Feminino dende hai 9 anos, ademais de colaborar adestrando a nenos e nenas de fútbol base. Anos antes xogou ao fútbol no AD Tomiño e tamén no Tebra FC e traballou varios anos no sector da hostalería.

A Deputación recibe ao nadador Chano Rodríguez e concede axudas a cada deportista paraolímpico

A Deputación de Pontevedra recalca o seu apoio aos deportistas da provincia que competirán nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Tokio cunha recepción ao nadador Sebastián (“Chano”) Rodríguez Veloso, que mantivo un encontro co deputado Gorka Gómez. O deputado de Deportes explicou que este ano creouse unha liña de axudas de 75.000 euros, que será repartida cunha subvención nominativa lineal de 5.000 euros a cada deportista olímpico e paralímpico.

Gorka Gómez recoñeceu o traballo do deportista vigués, que vivirá en Tokio a súa sexta cita olímpica despois de ter pasado por Sidney, Atenas, Pekín, Londres e Río de Xaneiro, acumulando un total de 16 medallas (oito de ouro, catro de prata e catro de bronce). Rodríguez é o deportista español en activo con maior número de ouros. O deputado lembrou que o deporte de élite da provincia xa dispón das liñas de axudas DepoDan e DepoPromesa, cunha dotación total de 250.000 euros. Este ano, ao coincidir con ciclo olímpico, as achegas provinciais increméntanse nestes 75.000 euros para os que compitan na capital xaponesa.

Chano Rodríguez, con 64 anos, será o participante máis veterano dos Xogos Olímpicos e, a pesar diso, afirma que non renuncia a participar en París 2024: “dende que comecei en Sidney levan preguntándome se vou participar nos seguintes e con esta van seis, así que digo o mesmo, aínda que xa sei que na casa vou ter lea”. O nadador afirma que estes van ser uns Xogos “moi raros” polas restricións derivadas da pandemia. “Tiven a enorme sorte de vivir xa cinco citas olímpicas e en todas teño o costume de almorzar, comer e cear cada día cun país distinto, e este ano non vou poder facelo, mesmo hai rumores de que teremos que comer nas habitacións; síntoo por min, pero sobre todo pola xente nova que vai participar nas súas primeiras Olimpíadas”. O deportista expresou o seu agradecemento á Deputación polo apoio ao deporte e a el e afirmou estar “encantado de levar o nome de Galicia, de Vigo e de Pontevedra alá onde compito”. Sobre a súa preparación, concluíu, que está a ser moi esixente, dado que este ano vai competir na distancia de 200 metros “por cousas da idade”, cando a súa distancia ideal era, ata o de agora, os 50 metros.

A temporada FEST Galicia da Xunta arranca co festival Vive Nigrán

0

Vive Nigrán regresa ao recinto no que naceu en 2017, o Campo de fútbol de Monte Lourido en Praia América, unha contorna privilexiada e cunha programación para todas as idades. Este martes presentouse en Nigrán a quinta edición do festival que chega con SIDECARS, XENEBRAS, NATALIA LACUNZA, LOCOPLAYA, VERTO E WALLS no cartel, e complétase coa Sesión Vibra Mahou o sábado 17 con SHINOVA e MOUNQUP en horario matinal e tamén actividades paralelas como roteiros en kaiak, bautismo de surf e un roteiro guiado. Os abonos e as entradas para o sábado están esgotadas e seguen dispoñibles para os concertos de xoves, venres e a Sesión Vibra Mahou matinal do sábado.

Juan Rivas, director do festival sinalou que “a aposta comedida por continuar cun aforo reducido, distancia de seguridade e nun formato de concerto con cadeiras fixo que afrontemos o festival coas máximas garantías para que o público que asista ao espectáculo poida gozar da música e dun lecer seguro este verán en Vive Nigrán”.

Pola súa banda Hugo Pérez, Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia destacou a aposta da marca por este festival desde os seus inicios. “Mahou apostou por Vive Nigrán desde os seus inicios e mantivo o seu compromiso co festival mesmo nos momentos máis duros da pandemia, cando peor o estaba pasando o sector do lecer e a cultura. Desta forma cumprimos co noso propósito como marca, que é seguir achegando ás persoas a través da música e xerar encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor”, sinalou Hugo Pérez. Con ese propósito a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, Vibra Mahou, impulsou a Sesión Vibra Mahou en Vive Nigrán, que se celebrará o sábado 17 de xullo en horario matinal e traerá á banda vasca Shinova e á artista franco-galega Mounqup. Esta última actuación está vinculada á colaboración establecida entre a cervexeira, a Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI) co obxectivo de impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente.

Ana Laura Iglesias, deputada provincial, reivindicou na súa intervención os festivais e encontros musicais como eventos seguros onde se respectan as distancias e os aforos resaltando a colaboración da Deputación de Pontevedra a través do circuíto ‘festivais Rías Baixas’ no que está incluído Vive Nigrán, para recuperar os distintos festivais da provincia.

Na presentación tamén interveu Jacobo Sutil, director de AGADIC, quen agradeceu o esforzo das industrias culturais por organizar eventos seguros e lembrou que “Vive Nigrán está incluído na marca FEST GALICIA e por tanto iso implica que mantén unha aposta pola sustentabilidade e a igualdade”, sendo un exemplo para o resto da sociedade.

O alcalde de Nigrán, Juan González, resaltou a importancia do regreso do festival ao seu emprazamento orixinal, o campo de futbol de Monte Lourido, na que será unha cita para todos os públicos nunha contorna privilexiada e que fará de Nigrán un nome de referencia para a música este verán, conseguindo que quen nos visite “namórense dun lugar como leste”. A presentación contou tamén coa actuación musical de Mariana Arjun, alumna da Escola de música Gain Over de Nigrán, acompañada de Pablo Prego.

Tres días de música e actividades paralelas

WALLS será o encargado de arrincar a sesión do xoves do festival, desde as 20:00 horas no escenario Xacobeo, unha noite que promete ser unha festa de ritmos urbanos e frescos. O dúo compostelán VERTO, un dos fenómenos musicais do momento, subirase ao escenario Xacobeo de Monte Lourido a partir das 21:30 horas para presentar o seu último traballo ‘Embora’. E desde as 22:50 horas no escenario Vibra Mahou, o trío LOCOPLAYA, bautizados como o dream team da música urbana, pecharán a xornada do xoves coa súa peculiar festa canaria.

O venres 16 NATALIA LACUNZA comparte noite con XENEBRAS, na xornada máis indie desta edición. Natalia Lacunza arrincará o seu concerto no escenario Xacobeo ás 20:30 horas. XENEBRAS pecharán a noite indie de VIVE NIGRÁN desde as 22:30 horas no escenario Vibra Mahou co que promete ser un dos directos máis enérxicos desta edición.

Sesión Vibra Mahou matinal

O festival complétase coa Sesión Vibra Mahou, que inclúe os concertos de Shinova e Mounqup o sábado 17 de xullo en horario matinal a partir das 12:00 horas. Os vascos SHINOVA chegan a Vive Nigrán da man de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, patrocinador de Vive Nigrán, na súa aposta por achegar ás persoas a través da música e reivindicar os encontros sociais seguros como algo esencial para vivir mellor. Na Sesión Vibra Mahou participará tamén a artista francogalega MOUNQUP O concerto de Mounqup comezará ás 12:30 horas e o de Shinova ás 13.30 horas.

Os madrileños SIDECARS pecharán o festival o sábado 17 de xullo coas entradas xa esgotadas. O concerto comezará ás 22:30 horas no escenario Xacobeo aínda que as portas do recinto abriranse desde as 21:00 horas.

Últimas entradas dispoñibles

Seguen dispoñibles as últimas entradas para o xoves 15, venres 16 a un prezo de 25€ gastos a través da web www.vivenigran.com e de Ataquilla, e tamén para a Sesión Vibra Mahou do sábado 17 en horario matinal. O festival adáptase nesta edición a un formato especial con aforos limitados e público sentado e conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Concello de Nigrán e Xunta de Galicia. Ademais, conta co patrocinio de Vibra Mahou (a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas), Radio 3, Gadis e Aqualia.

Actividades paralelas

VIVE NIGRÁN é moito máis que música e por iso nesta edición volven as actividades complementarias cun programa que inclúe un roteiro guiado por Monteferro o mércores 14. Para esta actividade, organizada en colaboración co Concello de Nigrán, aínda hai prazas dispoñibles, a través do correo electrónico [email protected] achegando a súa entrada para esta edición de VIVE NIGRÁN e para seguidores de @vivenigran en Instagram.

Tamén está programado un concerto da Escola de Rock Gain Over de Nigrán, na Iglesia románica de Santiago de Parada o venres 16, no escenario Turismo Rías Baixas, desde a unha da tarde, dentro das actividades VIVE PATRIMONIO, en colaboración co Concello de Nigrán. Neste concerto gratuíto ata comlpetar aforo participarán alumnos e profesores da Escola de Rock Gain Over de Nigrán.

O sábado 17 o mar é o protagonista. Dentro de VIVE ACTIVO están programadas un roteiro de kaiak e pádel surf para a que xa están as prazas esgotadas e un bautismo de surf, organizado en colaboración coa Conserveira do Surf, na praia de Patos.

Aínda quedan algunhas prazas dispoñibles a un prezo de 5€ por adulto/neno (idade mínima 5 anos). A inscrición realízase a través de [email protected] para quen dispoña de entradas para o festival e sexan seguidoras de @vivenigran en Instagram.

Estas actividades complementarias do festival realízanse coa colaboración da Deputación de Pontevedra, dentro do programa Rías Baixas Fest.

Medidas Covid-19

O festival estará adaptado á situación actual e aplicaranse as recomendacións, instrucións e
medidas protocolarias vixentes sobre materia sanitaria e nivel de aforo, para o correcto desenvolvemento dos
concertos.

A Oficina Virtual Tributaria do Concello de Tui xa está en funcionamento

0

O Concello de Tui, a través do departamento de Tesourería, vén de por en funcionamento a Oficina Virtual Tributaria, OVT, accesible dende a web municipal www.tui.gal.  Trátase dun sinxelo sistema que está operativo as 24 horas dos 365 días do ano permitindo realizar os pagos dende calquera dispositivo evitando desprazamentos.

A concelleira de Facenda, Yolanda Rodríguez, destaca que é a OVT é  unha “ferramenta próxima e intuitiva” para a xestión de tributos, coa que “se achega á administración á cidadanía xa que dende calquera dispositivo, un teléfono móbil, unha tableta ou un ordenador, e cunha tarxeta de crédito, se poderán efectuar os pagos sen ter que desprazarse ben a unha entidade bancaria ou á casa do concello”.

Á Oficina Virtual Tributaria, OVT, pódese acceder directamente no enderezo tui.ovt.gal ou a través da web municipal www.tui.gal no enlace “Oficina Tributaria”. Deste xeito a cidadanía pode realizar directamente a través da OVT os pagos e autoliquidacións de certificados de servizos prestados,  de procesos selectivos, realizar, consultas, acceder as súas notificacións electrónicas, realizar a alta de vehículos,  entre outros trámites.

A Oficina Virtual irá incrementando a súa funcionalidade coa incorporación, pouco a pouco, de novos servizos.

A Deputación apoia económicamente aos deportistas da provincia que competirán en Tokio

A Deputación de Pontevedra apoia este ano ás e aos deportistas da provincia que competirán nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Tokio cunha liña de axudas de 75.000 euros que ten como novidade a distribución de achegas lineais de 5.000 euros. Así o confirmou o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, no encontro que mantivo coa palista Teresa Portela en Verducido, poucas horas antes de que a olímpica emprenda viaxe hacia Xapón onde participará nos seus sextos Xogos.

Gorka Gómez felicitou á deportista polo seu “tremendo esforzo, traballo e dedicación ao deporte”, especialmente nas súas sextas olimpíadas como “nai de familia, traballadora e persoa que vive o deporte”. O deputado fixo fincapé no impulso que a Deputación fai este ano ás achegas a deportistas promesa de alto nivel (250.000 euros), cun incremento de 75.000 euros materializados en bolsas lineais de 5.000 euros para todos os e as deportistas olímpicos e paraolímpicos que competirán en Tokio. “Estamos encantados cos nosos e nosas deportistas. A provincia que é o berce de moitísimos deportes, e especialmente hoxe que estamos con Teresa, cabe resaltar que somos unha potencia mundial en piragüismo, e iso é digno de eloxio para deportistas e federacións”. Finalmente, incidiu no compromiso da Deputación, que manterá a súa aposta polo deporte e deportistas da provincia.

Pola súa banda, Teresa Portela destacou esta última semana de preparación na que se está dedicando a “pulir detalliños e coller boas sensacións para chegar a Tokio”. A palista, que lembrou que está en tempos parecidos aos de anos anteriores, ten claro que o seu obxectivo  será “dar a miña mellor versión e intentar, por que non, estar noutra final olímpica”. Polo de agora, Portela asegura estar pensando en Tokio, pero adianta que non di que non a outros xogos: “non descarto París”.

O programa Mocidade Viva de Ponteareas inicia o verán cun obradoiro de iniciación á astronomía

O programa Mocidade Viva regresa de novo este verán a Ponteareas cunha programación de lecer saudábel e alternativo para rapaces e rapazas de máis de 12 anos. O vindeiro mércores 14 de xullo (21.00 h) desenvolverase a primeira das actividades programadas nesta nova edición, un obradoiro de iniciación á astronomía e observación do ceo nocturno no Observatorio Astronómico do Parque Forestal de Couso, en Guláns.

Este obradoiro dividirase en dúas partes. A primeira será máis teórica e nela mozos e mozas poderán introducirse ao mundo da astronomía; á mecánica do universo, dos planetas, asteroides, cometas ou meteoros; e á observación do propio ceo.

Tras esta introdución as persoas participantes subirán ao alto de San Cibrán para a segunda parte da actividade, a observación. Guiados por expertos e expertas, achegaranse a nocións básicas para aprender a orientarse e situarse no ceo nocturno, aprenderán sobre a problemática da contaminación luminosa e coñecerán as estrelas máis brillantes e as constelacións de verán e todas as lendas e tradicións que as rodean.

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, anima a participar a todos os rapaces e rapazas “interesados en iniciarse nun mundo tan descoñecido para moitas persoas”. “Para nós é un orgullo poder ofrecer á mocidade unha oferta formativa e lúdica diferente que sirva para crear espazos de socialización seguros e saudábeis”, recalca.

A actividade será de balde e con prazas limitadas, polo que é necesaria inscrición previa en [email protected]. O obradoiro contará con todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.

A Mancomunidade do Baixo Miño traballa na creación dunha Comisión de Seguimento pola Sanidade Pública

0

A Mancomunidade do Baixo Miño, formada polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, está a traballar na creación dunha Comisión de Seguimento pola Sanidade Pública, co obxectivo de realizar un estudo e seguimento exhaustivo, en colaboración cos profesionais de atención primaria, da situación actual de cada un dos centros de saúde da comarca.

Na futura entidade estarán representados os catro concellos que forman a Mancomunidade, grupos políticos, e tamén os profesionais da atención primaria (médicos/as, enfermeiros/as, administrativos/as, etc.) de todos os centros de saúde.

Deste xeito, “conseguiremos ter información de primeira man de como evoluciona a situación”, explican os alcaldes e alcaldesas. “Defenderemos que a sanidade sexa unha prioridade e xuntos teremos máis forza para reclamar unha atención primaria de primeira”, aclaran.

A creación desta comisión prodúcese despois de que o deterioro da atención sanitaria nos centros de saúde da comarca sexa unha evidencia, sobre todo, tras a pandemia pola Covid-19. “A situación da sanidade pública en atención primaria está nunha situación de absoluta precariedade; non é cousa nova pero acentuouse coas medidas tomadas a partir do confinamento e a diminución da atención presencial”, explican os responsables dos concellos unidos na mancomunidade. A estes recortes hai que sumar a falla de substitucións por baixas ou vacacións, o que provoca que nos centros haxa poucos médicos dispoñibles e longas esperas, de semanas, para obter unha cita.

Os rexedores e rexedoras municipais implicados na creación da Comisión de Seguimento pola Sanidade Pública, queren deixar claro que se posicionan ao lado dos profesionais da saúde e que coa súa loita queren garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade da atención ás persoas. “Agradecemos o grande esforzo que levan feito durante todo este tempo e lamentamos a presión á que se vén sometidos”, comentan.

Sanidade habilita o 900 400 116 para obter o certificado de vacinación

A Consellería de Sanidade, vén de habilitar unha nova modalidade para obter o certificado de vacinación covid-19, a través do número de teléfono 900 400 116.

Deste xeito, as persoas que así o desexen poderán solicitar o seu documento oficial de vacinación por medio dunha chamada telefónica, tras a que recibirán unha mensaxe SMS cunha ligazón na que estará dispoñible o seu certificado para descargar.

Esta nova opción engádese ás xa existentes até o de agora: a través do portal E-Saúde do Servizo Galego de Saúde, por medio das aplicacións Sergas Móbil e Passcovid, ou ben, solicitando a súa impresión nas oficinas de farmacia galegas.

Na actualidade, un total de 383.282 persoas xa contan co certificado galego de vacinación. Así mesmo, e no que atinxe aos diferentes certificados europeos vencellados á covid, 426.984 persoas descargaron o certificado de vacinación comunitario –dos que 249.942 se expediron pola vía dixital-; 4.998 persoas solicitaron o certificado de recuperación, mentres que 2.325, descargaron o certificado de probas europeo.

Máis de 4.000 persoas solicitan a súa vacinación por medio da autocita

En canto ao sistema de autocitación posto en marcha pola Xunta de Galicia para vacinarse, e cuxos destinatarios iniciais son a poboación estudantil internacional e as persoas maiores de 50 anos que aínda non recibiran ningunha das doses da vacina, nestes intres, un total de 4.326 persoas xa concertaron a súa cita por este medio. Nomeadamente, estas solicitudes foron rexistradas por 1.198 estudantes internacionais, e 3.128 persoas maiores de 50 anos.

Acácio de Carvalho pinta mural de 50 metros no Aquamuseu do Rio Minho de Vila Nova de Cerveira

Integrada na candidatura LowPlast – a arte de reduzir o plástico, o artista Acácio de Carvalho realizou uma pintura mural com inspiração num jogo de elementos geométricos e animais do mundo marinho e dos Oceanos em geral. O objetivo? Alertar para a problemática da poluição ambiental em geral e, em particular, para o excesso do uso de plástico e consequente poluição dos oceanos.

Trata-se de mais um projeto de arte pública criado por Acácio de Carvalho, que pode ser visitado e observado no espaço exterior do Aquamuseu do Rio Minho (Parque de Lazer do Castelinho). Nas palavras do artista, o intuito é “sensibilizar para a redução e prevenção de plásticos no ambiente aquático e motivar a mudança de comportamentos na defesa do ambiente”.

Click para ampliar

Indo ao encontro do público, “a paisagem envolvente não funciona como um fundo, antes se transforma, na própria génese constitutiva e indissociável da manifestação artística”, acrescenta o autor.

A pintura, que possui cerca de 50 metros de largura, conta com a colaboração de Daniela Carvalho e Lúcia Nunes. O trabalho será apresentado ao público, amanhã (13 de julho), pelas 11h30, no âmbito das celebrações do 16º aniversário do Aquamuseu do rio Minho.

A intervenção surge no âmbito do projeto LowPlast – a arte de reduzir o plástico, promovido pelo Aquamuseu do Rio Minho – Município de Vila Nova de Cerveira, em parceria com a Fundação Bienal de Arte Cerveira, a Associação Portuguesa do Lixo Marinho e o Instituto Interdisciplinar de Artes – DTK (Noruega), financiado pelos EEA Grants. O projeto engloba, ainda, ações de monitorização, disseminação de boas práticas e criação de elementos artísticos, no qual se enquadra a participação da Fundação Bienal de Arte de Cerveira.

Recorde-se que Acácio de Carvalho foi premiado na Bienal Internacional de Arte de Cerveira em 2001 e tem vindo a colaborar com a Fundação Bienal de Arte de Cerveira na criação de projetos artísticos de grande escala, como em 2018 a obra Assalto ao Castelo em Vila Nova de Cerveira e, em 2019, a pintura de um mural na vila de San Sperate (Sardenha, Itália).

A alcaldesa de Salvaterra reúnese coa conselleira de Medio Ambiente para perfilar diversos proxectos estratéxicos

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, ven de reunirse coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, co fin de presentarlle dous proxectos estratéxicos para o seu municipio. Por un lado un proxecto maduro, que se leva tramitando dende varios anos en diversos organismos, e que ten unha gran importancia a nivel medioambiental como é a pasarela de acceso a Illa Fillaboa, un proxecto para o que se está a valorar o seu posible encaixa nos novos Fondos Europeos de Recuperación.

A Illa Fillaboa conta con máis de 100.000m2, é a única illa de titularidade pública no Río Miño, está dentro da Rede Natura 2000, e nestes momentos estanse levando diferentes accións para pola en valor e abrila ao público a través de visitas programadas en barco. Coa construción desta pasarela daríase un paso máis e fariamos totalmente accesible ao público un entorno que temos que coidar e potenciar, ademais do valor didáctico e pedagóxico que se lle quere dar a través do Centro de Interpretación que existe no seu interior, ademais tamén se proveería aos pescadores dun aceso seguro aos emprazamentos nos que se desenrola a súa actividade.

Trataríase dunha estrutura, unha pasarela peatonal que uniría a beira norte do río Miño e a Illa Fillaboa, unha ponte colgante con atirantamento, con un trazado de 122m dende o borde do camiño de aceso (inicio da rampla norte) ata que a rampla sur toma unha dirección perpendicular para o descenso sobre a illa, en total con acesos estaríamos a falar dunha lonxitude de 163,5m.

Por outra banda, a alcaldesa de Salvaterra presentoulle tamén unha memoria que se enmarca dentro do proxecto da recuperación do Recinto Amurallado, neste caso o remate da humanización das rúas interiores, un proxecto que contempla a humanización, o soterramento de liñas e a restauración do adoquinado das rúas interiores, co fin de seguir avanzando na posta en valor do patrimonio histórico cultural.

Quedan prazas vacantes nos cursos de prevención de riscos laborais de Tui

0

Quedan prazas vacantes nos cursos de prevención de riscos laborais na construción que do 26 de xullo ao 6 de agosto, de luns a venres de 15.30 a 21.30 h, se van impartir en Tui.

Están organizados polo Concello de Tui en colaboración coa Fundación Laboral da Construción.

Trátase dun curso Básico de Prevención en Riscos Laborais cunha duración de 60 horas, e dun curso de Prevención Específico, de 6 horas lectivas. Para a realización do curso específico terán preferencia as persoas que realicen o curso básico, amais aquelas outras interesadas deberán presentar a documentación acreditativa de posuír o curso básico. Estas actividades formativas van dirixidas a maiores de 18 anos, aínda que no caso de quedar prazas vacantes poderían inscribirse maiores de 16 anos.

As persoas interesadas teñen que inscribirse, até este venres, 16 de xullo, enviando a ficha de inscrición, accesible en tui.gal, ao correo [email protected]. Deben indicar a preferencia de horario de mañá ou tarde para realizar o curso.  A orde de inscrición para cubrir as prazas será a orde de entrada do correo coa ficha de inscrición.

Pódese ampliar esta información de luns a venres de 9 a 14 h no 986 60 39 49.

Zona Franca recibe mostras de interese de empresas polas novas naves de Porto do Molle cando queda un ano de obras

0

O delegado do Goberno de España en Galicia, José Miñones, visitou algunhas das instalacións da Zona Franca de Vigo acompañado polo delegado do Estado no Consorcio, David Regades. Ambos comprobaron o avance das obras das 14 naves que se constrúen no Parque Empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, cun investimento de 6,3 millóns que o Goberno de España realiza a través de Zona Franca.

O delegado do Estado, David Regades, explicou durante a visita que “máis de media ducia de empresas dos máis diversos sectores interesáronse xa por estas instalacións industriais cando aínda falta un ano para a finalización dos traballos”. Engadiu que “este investimento é a resposta que o Goberno de España ten para apoiar o ímpeto industrial do sur de Galicia”, precisou. Ademais avanzou que “as naves están xa en fase de estrutura e despois do verán sairá a licitación destes espazos”.

Trátase de naves polivalentes, entre 300 e 500 metros cadrados, que cobren demándaa tipo das pemes cun deseño innovador. En concreto son 14 naves, 28 talleres e 14 oficinas, con 68 prazas de aparcamento nunha parcela de 10.710 metros cadrados. O adxudicatario das obras é Construcións Alea e o prazo de execución de 18 meses, así que a súa finalización está prevista para o verán de 2022.

O delegado do Goberno, José Miñones, situou ao Consorcio da Zona Franca de Vigo como “motor da recuperación económica da Comunidade” e subliñou que o Consorcio “promove investimentos e actuacións que repercutirán non só nesta comarca senón en toda a provincia e en Galicia”. Por iso, felicitou a David Regades polo seu traballo, xa que “se está convertendo nun revulsivo da recuperación económica desta provincia”.

Tras visitar a Casa do Reloxo, en Baiona e o Polígono de Porto do Molle, José Miñones destacou a aposta do Goberno por “apoiar o emprendemento e a innovación empresarial”. “Zona Franca converteuse nestes anos nun dos principais promotores de parques empresariais de Galicia e nun dos axentes de promoción e asesoramento de empresas máis activos da Comunidade”, engadiu.

Así mesmo, ambos os delegados visitaron a Casa do Reloxo de Baiona, un espazo ao dispor de todas as persoas que queiran emprender un novo negocio ou sacar a diante unha micropeme. Este espazo singular que acolle 38 postos de coworking e seis oficinas, ademais de salas de reunións de uso común, xa é un lugar de referencia tanto pola calidade da súa arquitectura que rehabilitou o histórico edificio que chegou a albergar o antigo concello de Baiona, como pola activación de novos negocios. Nestes momentos a Casa ten ocupadas ao cento por cento as súas oficinas.

Mos mellora San Rafael con pistas de skate e multideporte, iluminación led e axardinamento

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro da parroquia de Pereiras, de Mocidade e Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron de que o Concello de Mos ven de recibir a resolución favorable de concesión de subvención por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia por importe de preto de 28.000 euros (o orzamento total supera os 37.000 euros) para a mellora da eficiencia enerxética na rede de luz pública mediante a instalación de iluminación led.

Trátase do último paso no proxecto de mellora integral da zona de San Rafael (parroquia de Pereiras), que inclúe tamén unha nova pista deportiva multideporte, unha pista de skate park e mellora da seguridade viaria.

A obra da pista multideporte xa se atopa adxudicada e o inicio dos traballos será inminente. Esta obra relízase grazas a un convenio de cooperación coa Secretaria Xeral para o Deporte polo importe total de 19.986,58 euros, asumindo a Secretaría Xeral para o Deporte 17.755,96 euros e o Concello de Mos os 2.230,62 euros restantes.

Pola súa banda o procedemento de contratación do skate park xa se atopa tamén iniciado e conta tamén con subvención autonómica por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de case 35.000 euros (o orzamento total ascende a preto de 50.000 euros).

Por último o proxecto de mellora integral en San Rafael incluíu a optimización da seguridade viaria mediante labores de asfaltado nos Camiños de Xaberga e Mestres Soñora-Cruces, así como habilitarase unha zona verde axardinada. A finais do pasado mes de xuño quedou rematado este asfaltado cunha lonxitude de 538 metros e un ancho medio de 6 metros, que se atopaba incluído no Plan Municipal de Mellora de Camiños que o Concello de Mos acometeu con fondos propios.

A decisión de dotar a San Rafael dun Skate Park surxiu vista a crecente demanda de lugares onde practicar este tipo de deportes cada vez máis populares entre a xente moza, e o aumento da práctica deportiva ao aire libre que ofrece unha maior seguridade de prevención ante a COVID-19. “Por iso desde a administración local mosense decidimos apostar polo novo Skate Park en San Rafael e agradecemos enormemente o apoio da Xunta de Galicia que, coa concesión de diversas axudas autonómicas, fai posible a execución dun completo proxecto de mellora na contorna de San Rafael”, declararon os representantes municipais Arévalo e Costas.

Esta nova pista de Skate formaba parte dos proxectos incluídos pola rexedora local mosense e o seu equipo no programa electoral dos pasados comicios electorais. A conversión da promesa en realidade xa está iniciada e a mocidade mosense poderá gozar dun novo skate park no municipio durante a presente lexislatura.

Alcaldes e alcaldesas do Camiño Portugués pola Costa reúnense cun dos responsables do Xacobeo

0

Os alcaldes e alcaldesas da Guarda, Antonio Lomba; O Rosal, Ánxela Fernández Callís; Oia, Cristina Correa e Baiona, Carlos Gómez, xunto á concelleira de turismo de Nigrán, Cristina Dosil, mantiveron o pasado venres 9 de xullo unha reunión co director de Administración e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, para trasladarlle, de primeira man, algúns problemas relacionados co Camiño Portugués da Costa que, a xuízo dos edís, poden prexudicar ao propio Camiño da Costa e sobre todo á experiencia dos peregrinos.

Un dos problemas que se puxo encima da mesa foi a dificultade que os peregrinos poden atopar ao tentar cruzar o esteiro do Miño. Dado que precisamente o pasado venres comezou a funcionar o ferri entre Camiña e A Guarda este problema está practicamente resolto. Ademais os peregrinos tamén poden pasar o río facendo uso das embarcacións coñecidas como taxi-mar, aínda que estas presentan o inconveniente das elevadas tarifas. Os asistentes a reunión acordaron indagar sobre a posibilidade de ter nun futuro próximo outra liña de transporte de pasaxeiros no esteiro.

A outra cuestión que se abordou e que os presentes consideraron máis preocupante para o Camiño Portugués da Costa é a información que se está dando en Portugal sobre este itinerario Xacobeo. Están aparecendo distintas publicacións e sinalizacións sobre o terreo que utilizan a simboloxía do Camiño de Santiago e o nome do Camiño Portugués da Costa que en nada se parecen ao itinerario oficial. Algunhas destas sinalizacións incluso restán realizadas por institucións, como é caso da Cámara de Vilanova de Cerveira.

Os responsables municipais pedíronlle ao representante do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, que tomara cartas no asunto e que se dirixa a Comisión Certificadora Portuguesa, organismo encargado de oficializar os itinerarios dos Camiños de Santiago en Portugal, para denunciar e corrixir o uso que se está a facer do nome Camiño Portugués da Costa para itinerarios que nada teñen que ver co oficial.

A reunión rematou facendo unha valoración positiva por parte dos asistentes tanto da progresiva volta de peregrinos ao Camiño, como da evolución que, dende a súa oficialización no ano 2016, ten experimentado o Camiño Portugués da Costa, sendo un dos itinerarios Xacobeos que máis ten evolucionado en porcentaxe de peregrinos.

A Deputación abre a inscrición para a actividad DepoAuga no río Deva, na Cañiza

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir a inscrición para a primeira das actividades do DepoAuga, a principal novidade da súa programación deportiva na natureza para este verán, consistente nunha ruta guiada polos ríos o praias da provincia nunha táboa de paddle surf ou nun kayak. A primeira sesión terá lugar o 8 de agosto polo río Deva, no concello da Cañiza, e hai un total de 104 prazas, 56 en kayak e 48 en paddle surf, que se distribuirán nun total de catro quendas (14 persoas no caso do kayak e 12 no paddle surf en cada unha delas).

Ambas modalidades contan cada vez máis con maior número de afeccionados e son unha das formas máis divertidas de coñecer e sentir o deporte na natureza. DepoAuga está dirixido ás persoas amantes dos deportes da natureza e aventura e poderán participar nestas travesías guiadas de aproximadamente unha hora e media de duración grupos de persoas maiores de 18 anos, ou menores (mínimo 12 anos) acompañados pola súa nai, pai, titora ou titor. As e os participantes deberán desprazarse ao lugar de inicio da actividade, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa, apuntarse nunha das catro quendas que se ofertan por día e entregaráselles todo o material necesario para as actividades. As persoas interesadas poden inscribirse desde hoxe a través do formulario que atoparán na web da Deputación (www.depo.gal). En caso de que se completen as prazas habilitarase unha lista de agarda (de ata un máximo de 50 persoas).  Despois desta ruta polo río Deva, a seguinte excursión do programa DepoAuga terá lugar o 28 de agosto no río Miño ao seu paso polo concello das Neves. A apertura das inscricións terá lugar o 9 de agosto.

Mondariz abre a inscrición para actividade de rafting do ‘Mondaverán Xove’

0

Até o 20 de xullo está aberto o período de inscrición na segunda das catro actividades de aventura organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz para mozos e mozas de 13 a 18 anos. Trátase dunha experiencia de rafting en Arbo para un grupo reducido, polo que a inscrición previa é indispensable.

Esta actividade forma parte do programa Mondaverán Xove, que durante os meses de xullo, agosto e setembro introducirá aos mozos e ás mozas participantes a experiencias de turismo activo en diversas localizacións naturais da comarca de Condado-Paradanta, como barranquismo (8 de xullo), rafting (22 de xullo), piragüismo (12 e 19 de agosto) e hidrospeed (2 de setembro). As saídas están programadas ás 10:00 horas desde a Casa do Concello. Tanto a actividade como o desprazamento están subvencionados, aínda que as persoas participantes deben levar a súa propia comida.

Para solicitar inscrición na actividade de rafting do día 22 de xullo, as persoas interesadas deben contactar coa OMIX de Mondariz a través de teléfono (986 664 306 / 680 964 461) ou correo electrónico ([email protected]) antes do 20 de xullo. O proceso de inscrición previa será pechado cando se completen as prazas dispoñibles e unha listaxe de agarda.

Datas do Mondaverán Xove

  • 8 de xullo: BARRANQUISMO en Luneda (A Cañiza) 
  • 22 de xullo: RAFTING en Arbo 
  • 12 e 19 de agosto: PIRAGÜISMO nos ríos Tea e Miño 
  • 2 de setembro: HIDROSPEED en Arbo

A estas actividades de verán súmanse outras de piragüismo e hípica para mozos e mozas de 7-14 e 4-17 anos, respectivamente, que tiveron unha enorme demanda e xa están en marcha; así como un programa de achegamento ao patrimonio natural denominado MONDARIZ NATURA que comezou o pasado 8 de xullo cunha xornada de observación astronómica e continuará o vindeiro 16 de xullo cunha xornada de limpeza do río Tea en piragua na praia fluvial do Val. Para máis información e inscricións, cómpre contactar coa OMIX de Mondariz.

A Explanada do Horizonte do Rosal xa desfruta do seu quiosco permanente

0

A Explanada do Horizonte do Rosal, balcón do municipio ao Atlántico, xa desfruta do seu quiosco permanente, que vén de abrir as portas ao público neste tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Portecelo co obxectivo de ofrecer novos servizos á veciñanza da contorna, ás persoas que peregrinan por este tramo ou para as e os excursionistas que se acheguen ata este espazo.

Este quiosco-bar está integrado no proxecto de reforma e mellora paisaxística da propia Explanada do Horizonte, redactado pola arquitecta María Fanciño, que permitiu dotar a Portecelo dunha nova área de esparexemento. “O obxectivo é tratar de rachar coa estacionalidade, convertendo este espazo en punto de lecer e encontro durante todo o ano”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A cafetería é o único punto de venda de bebidas ou comidas no tramo do Camiño de Santiago pola Costa ao longo do municipio do Rosal, xa que os puntos máis próximos atópanse a 3,6 e 6,1 quilómetros, nos concellos da Guarda e Oia, respectivamente.

O módulo, de 45 metros cadrados, conta cunha zona de aseos e dúas pérgolas, unha delas con terraza. A concesión do quiosco é por catro anos prorrogables outros catro máis.

Salceda xa conta coun dous proxectos inscritos no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica

As comunidades de montes de San Esteban de Budiño e de Parderrubias, ambas de Salceda de Caselas, impulsaron senllos proxectos de restauración ambiental nos seus montes, afectados polos incendios acontecidos en outubro do 2017. A iniciativa das comunidades, nas que participan máis de 160 familias comuneiras, permitiu a recuperación forestal de 27 hectáreas de superficie, que foron plantadas con piñeiros do país e frondosas caducifolias (castiñeiros e carballos).

As superficies restauradas, nas que se instalaron máis de 28.000 árbores, veñen de inscribirse no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica, o que permitirá que as dúas comunidades poidan recibir fondos daquelas empresas interesadas en compensar a súa pegada de carbono.

Os fondos que se capten serán destinados, de xeito íntegro, ao mantemento do monte, o que permitirá completar os traballos silvícolas previstos para acadar o obxectivo de que esas masas forestais cheguen a adultas.

Ambas comunidades comprometéronse a manter esas masas en pé un mínimo de 45 anos. Durante ese tempo, está previsto que sexan capaces de absorber máis de 9.000 toneladas de CO2 da atmosfera, o que equivale ás emisións anuais de arredor de 3.000 automóbiles.

Restauración ambiental

Os traballos de restauración consistiron na plantación de piñeiro do país e frondosas caducifolias (castiñeiro, carballo). Estas frondosas ubicáronse nas franxas laterais das pistas, co obxectivo de que sirva de protección contra os incendios forestais.

Toda a zona reforestada conta con certificación FSC e PEFC, o que é unha garante de que a súa xestión desenvólvese cun criterio de sostibilidade. É de destacar que ambos montes reservaron máis de 15 hectáreas destinadas a unha función protectora -non produtiva-, nas que principalmente hai masas de frondosas caducifolias.

Ambos proxectos de restauración contaron co apoio e coordinación da Asociación Forestal de Galicia, e están incluídos dentro dun plan de restauración de superficies degradadas que se está a desenvolver a nivel autonómico. O obxectivo principal deste plan, que se realiza simultaneamente nas catro provincias galegas, é o de captar financiamento daquelas empresas que estean interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de CO2.

Con eses fondos preténdese acelerar o proceso de recuperación dos montes que fosen afectados polos incendios forestais nos últimos anos, ou ben promover a reforestación daquelas superficies que se atoparon rasas ao longo dos últimos 30 anos.

A Delegación da Xunta en Pontevedra celebra a súa primeira Comisión Territorial de Coordinación Itinerante en Oia

0

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra celebrou este mediodía a súa primeira Comisión Territorial de Coordinación itinerante e descentralizada no Centro Cultural de Pedornes, no Concello de Oia, no marco dunha iniciativa que pretende achegar aínda máis o labor do executivo autonómico a todo o territorio e aos cidadáns.

O delegado territorial, Luis López, presidiu este encontro de traballo, de periodicidade mensual e que contou coa participación de todos os xefes territoriais das once consellerías, e anunciou que estas reunións itinerantes van ter continuidade ao longo do resto da lexislatura nas distintas bisbarras da área territorial.

“Queremos afondar aínda máis na política de máxima proximidade cos concellos e cos cidadáns e por iso imos trasladar algunhas destas reunións ás comarcas dos 47 municipios que conforman a área territorial de Pontevedra, porque deste xeito estableceremos, todo o equipo, un contacto moito máis directo coas alcaldesas e alcaldes cos que xa temos unha comunicación moi fluída”, aseverou, despois de manter un encontro e unha breve recepción coa rexedora de Oia, Cristina Correa.

Ademais, na Comisión Territorial de Coordinación da Delegación da Xunta en Pontevedra tamén se aproveitou para facer un repaso dos investimentos recentes ou en marcha e das distintas achegas e programas do executivo autonómico na bisbarra do Baixo Miño, que agora mesmo se beneficia dunha vintena de actuacións impulsadas polo Goberno galego.

Así, abordáronse as obras da VAC entre o enlace de Areas e a autovía A-55, en Tui, cun investimento de 21 millóns de euros, o programa Rexurbe na vila tudense, as melloras educativas no CEIP de Caldelas de Tui, o IES A Sangriña, a escola infantil da Guarda e no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, para o que se busca encaixe urbanísticoo ou as actuacións patrimoniais no Mosteiro de Oia e no Pazo Episcopal da Catedral de Tui.

As infraestruturas da zona tamén coparon parte do encontro coa senda da PO-404 en Tui, a renovación do firme e das sendas da PO-552 con 1,8 millóns de euros, que benefician principalmente a Oia despois que se mellorara a seguridade nesta estrada entre Tui e Tomiño, e o desdobramente da recta de Figueiró, na PO-552 en Tomiño, para a súa conversión nunha autovía urbana.

Tamén se tratou a recente implantación da Unidade de Saúde Mental en Tui, a reforma do mercado do Rosal, a concesión de 150.000 euros para o Plan de Abastecemento de Oia e de 61.000 para a execución dun plan Hurbe neste mesmo municipio.

“A Xunta de Galicia executou ou está a piques de executar en torno a unha vintena de actuacións de envergadura na bisbarra do Baixo Miño cun investimento de máis de 28 millóns de euros, que é unha cantidade moi importante que responde ás necesidades da zona e á que hai engadir os máis de 2 millóns de euros concedidos aos empresarios e hostaleiros nos dous plans de rescate, os 206.000 euros de axudas ás terrazas, os 100.000 euros para contratacións de persoal ou o apoio ao comercio a través dos Bonos Activa, que teñen adheridos 124 establecementos nesta zona”, detallou Luis López.

A Deputación achega 130.000 euros a 26 entidades de 13 concellos para impulsar actividades turísticas

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar a concesión de 130.000 € a 26 entidades de 13 concellos da provincia para impulsar actividades turísticas coas que a institución pretende contribuír ao fomento do turismo e a súa profesionalización, impulsando iniciativas encamiñadas a estimular o sector, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como á promoción dos recursos turísticos da provincia.

No marco desta liña de subvencións dirixidas a actividades turísticas, a comarca de Vigo vai recibir 63.029 € que se distribuirán entre 13 entidades de Baiona, Nigrán e Vigo. De Baiona beneficiarase o Monte Real Club de Yates para o Trofeo Conde de Gondomar; de Nigrán a Fundación Carlos Casares para a itinerancia da exposición ‘Galicia Escandinava. O camiño do Oeste a Santiago de Compostela’; e de Vigo a Asociación Sociocultural e Deportiva Sinergias 370 para o Desafío Boot Camp, a Asociación Casco Vello para ‘Toma Castaña’, a Asociación Sociocultural e Deportiva La 21 para a media maratón, a Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas para a ‘Semana Azul’, o Club de Montañeiros Celtas para o proxecto ‘A natureza da península do Grove’, a Federación de Empresarios de Hostelería polo concurso de tapas ‘Petisquiño’, a Fundación para a Pesca e o Marisqueo por ‘Navegas. Patrimonio industrial marítimo pesqueiro no Camiño de Santiago’, a Idilicamente por ‘Descubre Pontevedra-Blue Atlantic Forum’, a Orquestra Clásica de Vigo polo ‘Festival do Órgano’, a Prado Surf Club por ‘Meu camiño, teu camiño’ e a ‘The Wild’ por ‘The Wild 2021’.

Da comarca do Condado a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas beneficiarase dunha achega por valor de 5.500 e para a promoción da festa do Corpus Christi. Pola súa banda de Pontevedra a Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural da capital recibirá 5.460 para o curso de biodiversidade e emprego no sector do turismo e da comarca do Morrazo a Asociación FICBueu beneficiarase de 4.300 e para o proxecto ‘Descubrindo a vila de Bueu’.

A comarca do Baixo Miño recibirá 14.876 € para tres entidades dos concellos do Rosal, Tomiño e Tui. Do Rosal beneficiarase das axudas da Deputación a Asociación Agrupación Musical do Rosal para o ‘Rosal Cámara Fest’; de Tomiño a Asociación de Persoas con Diversidade Vontade para o ‘Río Miño, marca inclusiva’ e de Tui a Asociación Xuventude Musical Eixo Atlántico para ‘Rosendo Salvado en ruta’.

Pola súa banda catro entidades dos concellos de Cambados e Sanxenxo na comarca do Salnés recibirán 20.900 €. De Cambados beneficiarase a Asociación Ruta do Viño Rías Baixas para a promoción da enogastronomía e de Sanxenxo o Circulo Cultural Deportivo polo ‘XIV Torneo Internacional de Tenis Cadete’, o Club Náutico de Sanxenxo pola sétima edición da ‘Regata Rey Juan Carlos I’ e o Piragüismo Portonovo pola terceira edición da Festa da Empanada Mariñeira.

Ata a comarca de Deza e Terra de Montes chegarán preto de 15.000 € que irán ata catro entidades dos concellos da Estrada e de Lalín. Da Estrada beneficiaranse a Asociación de Veciños de Sabucedo que destinará os recursos ao MUSA 2021 e a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo que os achegará a ‘Sabucedo, o sentir dun pobo’. De Lalín recibirán axudas a Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón para a XII Malla Tradicional e a Asociación Etnográfica de Codeseda para ‘Unha aldea no nadal do Camiño’.

Neste 2021, como principal novidade, a liña de subvencións dirixidas a actividades turísticas da Deputación ten discriminado positivamente aquelas iniciativas que están a contribuír na dinamización económica dos sectores máis afectados polas restricións derivadas da covid-19. Amais, tamén se ten incrementado a contía máxima das achegas, que chega ata os 5.500 € por entidade, 500 máis que o establecido no 2020.

O cinema no Paseo Fluvial abre a programación cultural do verán

0

O cinema abre a programación cultural do verán en Tui. O Paseo Fluvial volverá converterse nunha sala de cinema ao aire libre con capacidade para 300 persoas na que se proxectarán tres películas das que o público poderá gozar esta semana; Zog y los doctores voladores, El viaje de Chihiro e Stand by me. As entradas poden reservarse de forma gratuía en www.tui.gal.

Mañá martes, 13 de xullo, ás 22.30 h proxectarase Zog y los doctores voladores. Unha divertida e tenra película de animación dirixida por Sean Mullen recomendada para público familiar dende os 3 anos. Un dragón, unha princesa e un cabaleiro son os protagonistas de “Zog y los doctores voladores”. Rompen os seus roles para coidar dos demais e curar a todo tipo de criaturas dende unha serea a un león, ou ao mesmo rei.

O mércores, 14 de xullo, ás 22.30 h será a quenda de “El viaje de Chihiro” dirixida por Hayao Miyazaki. Este film recibiu o Óscar á mellor película de animación e o Oso de Ouro no Festival Internacional de Cine de Berlín.

Chihiro, a nena protagonista, chega a un mundo habitado por deuses antigos e seres fantásticos tras atravesar un túnel cando viaxaba en coche cos seus pais. Nese extraño lugar atópase con Haku, e cunha feiticeira chamada Yubaba.

Mentres o xoves, 15 de xullo, ás 22.30 h proxectarase Stand by me. Unha película dos 80 dirixida por Rob Reiner e interpretada por Wil Wheaton, River Phoenix, Corey Feldman, eJerry O’Connell. É unha historia de amizade entre catro adolescentes baseada nun relato curto de Stephen King.

Estas son as tres primeiras propostas da programación cultural presentada o pasado venres co lema “Saímos con Sentidiño!”.

Arbo presenta unha programación segura

0

Arbo presenta as súas actividades culturais para o veran 2021. Cine, máxia, festivais, a tradicional Gala da Lamprea, as Vodas de Ouro aprazadas no mes de febreiro, a Festa da Lamprea seca en outro formato, son algunhas das actividades programadas polo Concello para o verán 2021.

O Alcalde de Arbo, Horacio Gill manifesta “animo a todos e todas as arbenses a participar nas actividades programadas” , e solicitase colaboración dos asistentes aos actos para que cumpran coas medidas establecidas polas autoridades sanitarias polo ben da poboación.

As actividades programadas que poderán sufrir cambios como consecuencia da variación das circunstancias sanitarias e seguindo sempre os protocolos e recomendacións das autoridades sanitarias, comezan co cine na rúa ás 22:30horas o 17 de xullo coa pelicula “Padre non hay más que uno” e remata o día 11 de setembro co  espectáculo de Teatro Clown de “Odaiko”.

A Gala da Lamprea, que este ano novamente se celebra no periodo estival, o Concello fará un recoñecemento  especial a Coral Polifonica de Arbo, polos seus 25 anos a favor da cultura deste municipio – Informa o rexedor Horacio Gil, non puidendo ser posible que esta agrupación  volvese ao escenario nos últimos meses dada as restrincións e os protocolos marcados para o canto Coral. Dende o Concello, felicitamos a esta asociación nacida hai 25 Arbo, e esperamos que para o ano, poida celebrarse a súa volta e poidamos desfrutar novamente de eles – remata o rexedor

Tamén conta este ano a programación co Concerto de Luar na Lubre, dentro da programación da XXVI Festa da Lamprea Seca. A Festa ven marcada pola COVID-19 – pero nos restaurantes  de Arbo, poderán degustar este manxar.

Éxito rotundo no KiteFest Cesantes Trofeo Xacobeo

0

O KiteFest Cesantes Trofeo Xacobeo, organizado polo TMKiteClub e o Concello de Redondela, puxo o broche de ouro á súa cuarta edición, celebrada durante toda a fin de semana na praia de Cesantes con gran afluencia de público e moitas actividades en terra.

A mañá comezou co vento soprando sen a suficiente forza como para sacar á frota á auga. O Comité tentou que a frota de Foil, que necesita menos intensidade de vento para navegar, puidese saír ao campo de regatas con todo Eolo volvía perder forza. Coa hora límite de saída moi preto, decidíase cancelar as probas do domingo en formato regata, polo que os resultados de onte serían os definitivos desta cuarta edición. Así, na clase máis numerosa, Twintip, a francesa Helene Lambrey foi a primeira muller. En masculino, o rider local Antonio “ Patxi” Fernández levaba o gato á auga con dous triunfos nas dúas mangas disputadas o sábado. Completaron o podio o baionés Iván Carballo e Pedro de Castro. Pola súa banda, na versión amateur da categoría, David Tojeiro, tamén con dous primeiros, levouse o triunfo.

Na clase Surf, en mulleres, gañou Aurea Carballo mentres que a categoría masculina ha coroado por segundo ano consecutivo ao rider catalán David Marín, que se proclamou gañador cun punto de vantaxe sobre Santiago Gómez. O rider portugués Nuno “ Stru” Figueiredo foi o vencedor en amateur.

A categoría Foil foi a que fixo un maior número de mangas, catro, con Mario Martínez no máis alto do podio, seguido a catro puntos de distancia por Marco Moreira. Jorge González non daba opción aos seus rivais e con dous primeiros amarrou a vitoria na clase Windsurf, por diante de Eduardo Reguera e Mauricio Villadoniga. Pola súa banda, Juan Pedrosa foi o primeiro clasificado en Wingfoil.

[su_image_carousel source=”media: 40935,40929,40930,40931,40932,40933,40934,40928″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Exhibición de saltos e trucos

Afortunadamente entrada a tarde, si houbo vento para ver o espectáculo de exhibición de Freestyle, Big Jump e Strapless, ou devandito doutra maneira, os sempre sorprendentes saltos e trucos que arrincaron os aplausos do público concentrado na praia de Cesantes.

Xusto Fernández foi o rider que saltou máis alto proclamándose vencedor en Big Jump. David Marín, catalán que se iniciou no kite precisamente en Cesantes, volvía saborear a vitoria gañando, ademais de en formato regata categoría surf, en Strapless. Finalmente, Felipe Moure non defraudou cos seus trucos e pases de barra, gañando en Freestyle.

Peche de dous días de actividades en terra

Este domingo continuaron as actividades en terra para todos os públicos, cunha nova charla no village, ademais da posibilidade de practicar @gratuitamente pádel surf e kaiak de man de Salitre Club Deportivo. Os máis pequenos tamén puideron gozar dunha yincana pola praia chamada ‘Procura do Tesouro’, na que participaron unha vintena de pequenos e pequenas intrépidas.

Despedida con entrega de trofeos

O punto e final do KiteFest Cesantes Trofeo Xacobeo púxoo a cerimonia de entrega de premios, que comezou ás 18:00 horas, e á que asistiron entre outras autoridades a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; Marta Fernández-Tapias, Delegada Territorial da Xunta en Vigo; Olga María García, deputada de Cohesión Social; Nacho González, concelleiro de deportes; José Miguel Martín, director oficina de Abanca e o xerente de Louzao Elías Rodríguez.

O IV KiteFest Cesantes estivo organizado polo TMKiteClub e o Concello de Redondela, contando co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o patrocinio de Abanca e Mercedes- Benz Louzao.

CLASIFICACIÓN FINAL TWINTIP

1. Antonio “Patxi” Fernández, 1+1=2
2. Iván Carballo, 3+2=5
3. Pedro de Castro, 2+3=5

CLASIFICACIÓN FINAL TWINTIP AMATEUR

1. David Tojeiro, 1+1=2
2. Pablo Beltrán, 2+2=4
3. Xabier Silva, 5+3=8

CLASIFICACIÓN FINAL SURF

1. David Marín, 2+1=3
2. Santiago Gómez, 1+3=4
3. Gustavo Visier, 5+2=7

CLASIFICACIÓN FINAL SURF AMATEUR

1. Nuno Figueiredo, 1+1=2
2. Isidro Albor, 2+6/DNC=8
3. Iñigo González, 3+6/DNC=9

CLASIFICACIÓN FINAL FOIL

1. Mario Martínez, 2+3+2+1=8
2. Marco Moreira, 7+2+1+2=12
3. Roi Guitián, 4+7+3+3=17

CLASIFICACIÓN FINAL WINDSURF

1. Jorge González, 1+1=2
2. Eduardo Reguera, 2+3=5
3. Mauricio Villadoniga, 4+2=6

CLASIFICACIÓN FINAL WINGFOIL

1. Juan Pedrosa, 1+1=2
2. Miguel Castelao, 2+2=4
3. Sebastián Ducos, 7/DNC+7/DNC=14

A Deputación adxudica as obras de mellora na estrada Tabagón-Goián do Rosal

0

O Goberno da Deputación vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián no seu treito primeiro, ao seu paso polo Concello do Rosal. Nestes traballos investiranse 568.488€, dos que a institución provincial cubrirá o 80% e o concello o restante 20%, cun prazo de execución de dez meses.

Esta é a primeira fase desta esperada actuación, que vai supoñer dunha transformación radical deste viario de 4,5 quilómetros que transcorre polos concellos do Rosal e Tomiño, estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2.

Este primeiro tramo que se acaba de adxudicar  abrangue un tramo de 1,7 quilómetros no Rosal e presenta un intenso tráfico e tamén unha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinas e peregrinos que conectan co Camiño Portugués pola Costa como de persoas que acoden ata Tomiño. A través deste proxecto, preténdese deseñar unha estrada na que prime a mobilidade peonil e ciclista, fomentar hábitos saudables, favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, minorar a velocidade do tráfico, o ruído e potenciar o turismo saudable.

Para elo crearase un carril peonil e ciclista, acondicionarase dous carrís de 2,80 metros de ancho e completarase a plataforma de circulación cunha beiravía e a instalación de redutores de velocidade. Na zona da CRA María Zambrano executarase unha plataforma de formigón nunha única rasante compartida para vehículos, persoas e bicicletas, con prioridade peonil. Amais, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada para a renovación da rede de alumeado público.

SmartPeme pon en marcha tres novos obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre a Ciberseguridade en 2021, a creación de vídeo márketing ou debuxos con Onshape.

En concreto, este martes 13 impartirase o obradoiro “Covid e Ciberseguridade en 2021”, que estará a cargo de Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, quen concienciará ao usuario dos perigos de sufrir un ciberataque e das medidas para evitalo.

O mércores 14, Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos e Deseño Gráfico, falará de “Vídeo Márketing IV – Stop Motion, crea os teus vídeos con este efecto”, obradoiro que permitirá descubrir este orixinal recurso para darlle un plus de creatividade ao noso contido.

Para finalizar a semana, o xoves 15 de xullo, será a quenda de “Debuxo con Onshape, Proxecto completoII” a cargo Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, quen ensinará ao usuario a forma de debuxar a través do software cunha totalidade de 10 sesións divididos en tres sesións: PartStudio, Assemby e un proxecto de desenvolvemento completo.

A Deputación aproba convenios con Tomiño e As Neves para novos proxectos de mobilidade peonil con casi medio millón de euros

A Xunta de Goberno da Deputación ven de aprobar os convenios cos concellos das Neves e Tomiño para abordar novas obras de mellora da mobilidade peonil que se van desenvolver respectivamente en dous tramos dos viarios provinciais EP-4006 e EP-3102 que transcorren por ambos municipios. O investimento previsto para estes traballos , ambos deseñados baixo o modelo de mobilidade segura e sostible da institución provincial, ascende a 428.305 euros.

En Tomiño acometerase a mellora da mobilidade peonil na EP-3102, nun treito de 400 metros desde o camiño escolar ao CEP Pedro Caselles, cun investimento total de 286.235 euros. Desta cantidade e de acordo ao convenio aprobado, a Deputación financiará o 70% (200.364€) e o Concello o 30% (85.870€). O proxecto elaborado pola Deputación ten como obxectivo de acondicionar este treito da estrada para mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade, tanto para o tráfico rodado como peonil, tendo en conta que se trata dunha zona moi concorrida, xa que dá acceso a equipamentos municipais como a igrexa, o cemiterio e o colexio Pedro Caselles. Con esta actuación de mellora integral prevese a construción dunha senda de ancho variable, non sendo inferior a 3,80 metros, para os peóns/as na marxe dereita mantendo a tipoloxía de actuación que existe na EP- 3104 Avenida do Baixo Miño, así como a renovación do pavimento dos dous carrís existentes e a incorporación de elementos redutores da velocidade. Ademais adaptarase a drenaxe de pluviais, renovarase a iluminación e soterraranse os servizos de electricidade e de telecomunicacións.

No caso das Neves, o convenio é para o financiamento da mellora da mobilidade peonil na intersección da EP-4006 Ponteareas-As Neves, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+080, nas que se investirá un orzamento de 142.070 euros. A Deputación aportará o 70% deste presuposto (99.449€) e o Concello o 30% restante (42.621). A actuación, que dá continuidade á senda peonil executada hai dous anos para a seguranza da veciñanza desde o núcleo do Rabelo e a conexión co colexio e centro da vila, está encamiñada ao acondicionamento da estrada EP-4006 ao longo duns 120 metros, na contorna da rotonda que comunica coa EP-4202, a fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade. O proxecto busca darlle prioridade ó tráfico peonil, incrementando o espazo ocupado polas beirarrúas, e mellorar a seguridade viaria mediante unha reordenación dos accesos á rotonda e ó aparcadoiro do autobús. A rotonda contará cun diámetro interior de 6 metros, dous carrís de 4 metros cada un e beiravía exterior de 0,50 metros.

O proxecto tamén contempla a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e do alumeado público, co emprego de luminarias LED con columnas de aceiro galvanizado nas beirarrúas e 4 proxectores LED sobre báculo de aceiro galvanizado na rotonda. Ademais, empregarase un alumeado ornamental no interior da rotonda composto por 3 luminarias.

Doutra banda, ao longo das beirarrúas distribuiranse 9 árbores e 4 bancos de pedra granítica e tamén se procederá á instalación dunha nova marquesiña e á colocación de letras decorativas prefabricadas en formigón de cor branco para a formación do texto “As Neves” no interior da rotonda. As actuacións completaranse coa sinalización completa, horizontal e vertical.

Nace en Ponteareas unha rede de reparto a domicilio que dará servizo á vila e a todas as parroquias

Ponteareas xa conta cunha rede de reparto a domicilio. A plataforma galega Roombo acaba de desembarcar no municipio cunha ducia de establecementos adheridos e co obxectivo de ofrecer á veciñanza da vila e das parroquias un servizo de entrega a domicilio de calidade dos produtos do comercio local, ao que permitirá mellorar e crecer. A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, explica que “dende o Concello queremos apoiar calquera iniciativa empresarial que axude ao desenvolvemento local, á creación de emprego e a fixación de poboación no rural”.

Roombo Ponteareas nace cun reparto a domicilio encamiñado á restauración, pero xa se está a valorar a inclusión doutros servizos, “como o de carnizaría, froitería ou incluso farmacia, porque iso suporía facilitarlle moito á vida a persoas con dificultade de mobilidade, persoas maiores…”, asegura José González, o responsable da franquicia en Ponteareas. “Queriamos crear unha rede que axudara ao pequeno comercio que non pode dispoñer do seu propio sistema de reparto, un servizo hoxe en día indispensábel”, recalca.

A aplicación móbil, unha idea 100% galega que veu a luz en Verín en pleno confinamento, está dispoñible para calquera dispositivo Android ou iOS. As e os ponteareáns poden xa facer as súas encargas en A Tenda, Asador San Cristobal, Bocados, Cervexería La República, Don Kebab, Invernalia, La Carlota, La Tienduca, Pipilota, Pizzería O Castelo e Tapería A Chan. Poden solicitarse comidas e ceas para levar ao momento ou programar pedidos para vindeiras datas.

O que tamén destaca de Roombo Ponteareas é a súa aposta polo emprego local e de calidade, xa que conta con persoal propio e estable. As e os repartidores entregarán as compras nun radio de 10 km, polo que se poderá chegar incluso ata Mondariz, Vilasobroso ou Salvaterra.

Aberta a calquera comercio que se queira incorporar e empregar este escaparate, a aplicación nace pensando xa en seguir crecendo. Ademais de ir sumando establecementos, en vindeiras fases porá a disposición dos adheridos un apartado no que teñan a súa propia tenda para venda directa ou un sistema para concertar cita previa.

A Comisión Xestora de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago, con sede en Ponteareas, confecciona unha alfombra na Praza de María Pita

A Comisión Xestora de Alfombristas do Camiño de Santiago, con sede en Ponteareas e dentro do proxecto Alfombras para o Camiño, confeccionou este sábado, 10 de xullo, unha alfombra na coruñesa Praza de María Pita. O tapiz floral, realizado por alfombristas de Ponteareas e Bueu, era unha homenaxe ao Camiño Inglés, un dos roteiros marítimos xacobeos que utilizaban na Europa medieval para alcanzar Compostela os peregrinos procedentes dos países escandinavos, Países Baixos, norte de Francia e principalmente de Inglaterra, Irlanda e Escocia.

O motivo central da alfombra era Torre de Hércules, faro romano declarado Patrimonio da Humanidade no ano 2009, que era guía a chegada dos peregrinos a Galicia. Na variante desde A Coruña, tamén coñecida por Camiño do Faro.

No acto estiveron presentes o concelleiro de Urbanismo da Coruña Juan Manuel Díaz; Francisco Canabal, Comendador e Conselleiro da Orde do Camiño De Santiago e Jóse Duarte, Maestre da Orde de Cabaleiros de María Pita, entre outros.

A Comisión Xestora, ten como obxectivo principal todas aquelas actividades dirixidas á difusión, divulgación e promoción do Camiño de Santiago e do patrimonio material e inmaterial vinculado a el. Destacando a riqueza cultural, natural e humana do Camiño de Santiago.

Os alfombristas preparan dous grandes proxectos para o próximo Ano Santo. O primeiro denominado Alfombras para o Camiño, co que queren poñer en relevo os diversos camiños que conflúen en Santiago de Compostela, “a través de algo moi noso, como son as alfombras de flores que cada ano realízanse en centenares de vilas e pobos de Galicia e España, con motivo das festa do Corpus Christi”, sinalan fontes da Comisión Xestora

Para acadar ese obxectivo elaborarn diversas alfombras de flores, en lugares emblemáticos, de cada un dos distintos Camiños que conflúen en Santiago de Compostela –desde xaneiro a xuño– para acabar rematando cunha gran alfombra floral en Santiago de Compostela o 25 de xullo.

Salvaterra de Miño, primeiro concello en obter autorización de aproveitamento lúdico da auga

Xustamente a semana a seguir da entrada en vigor da LEI 8/2019 do 23 de decembro de regulación de aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, o Concello de Salvaterra de Miño comezaba cos trámites oportunos para acadar a autorización de aproveitamento lúdico do seu Espazo Termal de Teans, Oleiros. A solicitude de autorización foi acompañada dun proxecto xeral de aproveitamento e do estudo xustificativo do perímetro de protección.

Click para ampliar

Foi a comezos do ano 2019 cando Salvaterra inauguraba o seu Espazo Termal logrando atraer a moitos visitantes da provincia e norte de Portugal, contabilizando una media de 200 usuari@s ao día. Por una banda polo privilexiado da súa ubicación e por outra polas características das propias augas, que conteñen un amplo abano de propiedades e que xa dispuñan da Declaración de Augas Termais e Mineromedicinais pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, condición previa para a tramitación do aproveitamento lúdico das augas.

Por mor da COVID 19 e das obras de mellora do recinto, o Espazo Termal foi pechado temporalmente en marzo do ano 2020, coa previsión de remate das mesmas e da nova apertura a finais deste ano 2021, sempre que a situación sanitaria o permita. Estas instalacións contan entre o espazo termal e a zona recreativa, con máis de 17.000 m2, para que as persoas que se acheguen poidan relaxarse e gozar das augas termais e dun lugar tan acolledor como tranquilo.

O NigranJazz volverá a reunir na Foz aos artistas nacionais e internacionais con maior proxección mundial

0

O festival Nigranjazz, organizado polo Concello de Nigrán e co apoio da Deputación de Pontevedra, volverá a reunir na súa décimoquinta edición o 30 e 31 de xullo no esteiro de A Foz (A Ramallosa) aos músicos nacionais e internacionais con maior proxección planetaria nun ano marcado novamente polas limitacións da pandemia.

Nesta cita, como novidade, Porto do Molle será o escenario da xa tradicional masterclass e das jam-sessions, que por vez primeira serán en sesión vermú e no Espacio Gastronómico Mollo. A entrada, como sempre, é de balde, pero deberá limitarse ao aforo e normas marcadas pola regulación sanitaria dese intre. As mochilas vibratorias do Concello de Nigrán estarán dispoñibles para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente a [email protected].

“É unha edición marcada todavía pola pandemia, tanto en restricións como en posibilidade de traer a músicos de fora, pero pese a todo conseguimos manter o nivel de excelencia”, explica o director, Felipe Villar.Deste xeito, once músicos galegos entre os que sobresae o aclamado pianista Iago Vázquez, seis nacionais co trompetista canario Natanael Ramos á cabeza e a Focusyear Band suíza formada por oito músicos de todo o mundo lideran a programación, presentada hoxe oficialmente xunto co propio cartel, resultado do certame ‘Quin Alborés’ no que se recibiron 176 propostas de todo o mundo, sendo o gañador o deseñador gráfico de Sabarís David Sierra, presente tamén no acto xunto con Iago Vázquez.

“Sendo eu edil de Cultura no 2007 apostamos desde o Concello polo Nigranjazz contando co apoio incondicional de Felipe Villar e Quin Alborés, así que estou especialmente orgulloso destes 15 anos consecutivos nos que o festival se convertíu nun referente do noroeste peninsular e nun dos máis antigos de Galicia en canto a jazz se refire”, destaca o alcalde, Juan González.

Ao igual que no 2020, esta nova edición estará especialmente consagrada aos músicos nacionais e galegos, algo xa tradicional porque sempre se mesturaron en formacións ex-profeso con outros artistas internacionais pero que este ano é máis patente todavía ante a dificultade de contratar artistas de EEUU . Así, Ombra de Lúa, cuarteto liderado por Jordi Gaspar ao baixo e Rubén Fernández á voz con Xosé Miguelez ao saxo tenor e Max Gómez á batería, abrirán o festival o venres 30 ás 21:00 horas. Ás 22:30 horas será a actuación estelar do trompetista canario Natanael Ramos, un dos músicos máis versátiles e emerxentes de Europa, que sumará á formación a dous dos máis recoñecidos músicos galegos, Virxilio Da Silva á guitarra e Xan Campos ao piano, adicionalmente contará con Esther Van Hees á voz, Matt Adomeit ao contrabaixo e Pit Dahm á batería. Xa o sábado 31 será o turno da Focus Year Band, formada por oito músicos de todo o mundo becados no programa educativo suízo Focusyear, proxecto anual adicado a acadar a excelencia musical mediante a tutorización dos mellores maestros internacionais. A continuación, ás 22:30 horas, pechará o festival o pianista galego máis internacional, o vigués Iago Vázquez, residente en New York desde que no 2008 fose becado por The New School for Jazz Music graduándose con Honores. Vázquez tocará co xaponés Masa Kamaguchi ao contrabaixo e o italiano Luca Santaniello á batería.

Finalmente, as jam-sessions do 30 e 31 serán por vez primeira en sesión vermú ás 13:00 horas en Mollo Espacio Gastronómico (Porto do Molle) e as abrirán músicos emerxentes da escena local. A tradicional master-class para todos os afeccionados ao jazz será tamén no Centro de Negocios de Porto do Molle o sábado 31 ás 11:00 horas a cargo de Focus Year Band, abríndose próximamente o prazo de inscrición, que será anunciado convintemente.

“Pese a todas as dificultades deste ano, incluso máis grandes que o pasado á hora de contratar, o Nigranjazz ofrece novamente a oportunidade de gozar de artistas que difícilmente veñen ao noroeste peninsular e de actuacións únicas porque son formacións feitas para esta ocasión”, resume o seu director.

O Nigranjazz, desenvolvido a través de ACentralFolque, conta como colaboradores con Cervezas Alhambra, a Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes de España (AIE), Mollo, Gadis, a Fundación Mayeusis e Rodosa.

Nesta ligazón deixámosvos unha completa información sobre o festival, artistas e horarios.

O NigranJazz

O Nigranjazz, festival señeiro do Concello de Nigrán, cumpre 15 anos sendo o máis lonxevo organizado desde o consistorio e o único adicado ao jazz de toda a comarca do Val Miñor. Actualmente está considerado entre músicos, afeccionados e prensa especializada como un dos mellores do noroeste peninsular debido á calidade dos artistas que nel participan. A diferenza doutros festivais, aposta por un jazz puro, lonxano das vangardas. Sempre con entrada gratuíta, celébrase no espazo clasificado na Rede Natura do esteiro de A Foz, na Ramallosa, dende que en 2007 o impulsasen veciños de Nigrán entusiastas desta música, manténdose activos na organización co músico Felipe Villar á cabeza. Dende entón, conseguiuse achegar a Nigrán a algúns dos mellores artistas a nivel internacional, por el desfilaron, entre outros, Peter Bernstein, Gilad Hekselman, Bill McHenry, Jorge Rossy, Marteen Hogenhuis, Joe Martin, Chris Cheek, Kurt Rosenwinkel… Pero non hai que esquecer que o festival é tamén un espazo para os cada vez máis e mellores músicos de jazz galegos, así, é xa tradición que se integren nas formacións internacionais músicos locais, compoñendo agrupacións en exclusiva para o evento e dando a oportunidade aos músicos de aquí de presentar os seus traballos. Compre destacar que o Nigranjazz outorga tamén especial relevancia á relación galaico-portuguesa, consagrando algunha edición unicamente a elo e invitando sempre a artistas lusos a participar.

Gonzalo Caballero aposta por un compromiso galego contra o cambio climático para defender “o dereito ao futuro das seguintes xeracións”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou onte o parque natural das Dunas de Corrubedo, dende onde lanzou unha mensaxe “ecoloxista” e de “compromiso co medio” coa vista posta na necesaria loita contra o cambio climático.

Nun contexto no que, subliñou, a Xunta merece “un suspenso” en política medioambiental, o líder do PSdeG chamou a “defender o dereito ao futuro das seguintes xeracións” e apostou por unha lei galega contra o cambio climático, como fan a maioría de comunidades, que sitúe a Galicia como unha “referencia” neste eido.

“Temos que enfrontar os retos do cambio climático e coidar o noso medio natural”, incidiu Gonzalo Caballero, antes de criticar que a Xunta estea deixando “rezagada” a Galicia no que atinxe a esta cuestión ao non comprometerse coa declaración de emerxencia climática e ao non desenvolver políticas de defensa do medio.

A xeito de mostra, o dirixente socialista detallou que só tres das 72 especies en perigo de extinción contan en Galicia co plan de recuperación que esixe a lei, mentres que ningunha das 126 especies en situación vulnerable teñen aprobada unha estratexia de conservación ou protección.

E se o coidado da biodiversidade reflicte “un suspenso” do goberno galego, algo similar ocorre coa xestión dos parques naturais. Só dous dos seis que existen en Galicia, sinalou Gonzalo Caballero, contan cun plan de usos e xestión. No caso de Corrubedo, recordou, “houbo que agardar 30 anos” para que saíra adiante: “temos que defender os espazos naturais con medidas, recursos e compensando ás comunidades afectadas”.

“O cambio climático que está aquí”

“Necesitamos un claro compromiso coas políticas medioambientais”, remarcou o responsable do PSdeG, consciente de que “o cambio climático está aquí” e de que, se non se toman medidas, suporá que Galicia teña en poucas décadas “un clima similar ao de Murcia ou Andalucía”.

Para facerlle fronte, como recordou Gonzalo Caballero, “fan falla fondos”, pero Feijóo “recortou os orzamentos para políticas medioambientais nun 35% con respecto ás últimas contas públicas do goberno progresista en Galicia”, o liderado polo presidente Emilio Pérez Touriño.

Así pois, logo de criticar o “ecopostureo” e a “falla de sensibilidade medioambiental” de Feijóo, o máximo dirixente do socialismo galego incidiu en que “hai moito por facer” na tarefa de “protexer a nosa natureza”, que “é defender o presente e tamén defender a Galicia do futuro”.

Prudencia no verán da reactivación

En paralelo, o líder do PSdeG aproveitou a súa visita ao parque natural das dunas de Corrubedo para apelar á “prudencia” ante o aumento de contaxios. “É verdade que a maioría estamos xa vacinados, pero aínda non gañamos plenamente a batalla fronte ao virus”, advertiu.

Por iso, ante “o verán da reactivación” da economía e dos hábitos sociais, Gonzalo Caballero incidiu na importancia de “non cometer imprudencias” e de “cumprir os protocolos” para garantir que se poida “seguir avanzando e non retroceder”.

“Nós sempre asumimos as normas da Xunta, non as cuestionamos, e defendemos que a vacinación e a prudencia son as bases fundamentais para a reactivación de Galicia neste verán”, engadiu.

“Queremos que a hostalería poida ter actividade e que Galicia se consolide como un destino turístico seguro”, concluíu, consciente ademais da importancia do ano Xacobeo para a afluencia de visitantes á nosa comunidade.

A Cañiza da a coñecer o amplo programa de actividades que se desenvolver no «Verán de Lecer»

0

O Concello da Cañiza vén de dar a coñercer o amplo e variado programa de actividades que se desenvolverán dentro do ‘Verán de Lecer’ unha proposta que busca ofrecer á veciñanza e visitantes, un abano de actividades para todos os públicos, gustos e idades.

O programa abríase onte domingo coa obra de teatro 12 uvas, 2 mulleres e 1 oliva a cargo da compañía Olivas Negras no Auditorio da Casa da Cultura. Hoxe domingo ás 22 horas, volverase a representar esa mesma obra.

O mércores día 14 de xullo, a Praza Maior acollerá unha exchibición de Taekowndo ás 21 horas. O sábado 17, o parque eólico Montouto-2000 será escenario do Campionato Galego de Aeromodelismo F3F voo en ladeira de planeadores. A proba, organizada polo Club Vuelo a Vela Fontefría, dará comezo ás 10:30 horas e alongarase durante toda a xornada.

A semana rematará cunha andeina, cun percorrido aproximado de 12 quilómetros e do que, durante esta semana, darase a coñecer o punto de saída.

Ese mesmo domingo 18 de xullo, o teatro volverá ao Auditorio da Casa da Cultura da Cañiza. Desta volta será a obra Soga e Cinsa a cargo da compañía Aporía Escénica. Haberá dous pases, un ás 18:30 horas e outro ás 22:30 horas.

O Goberno rinde contas dos seis anos na Deputación “nos que se transformou a provincia”

”Seis anos dunha gran transformación da provincia con máis servizos, máis equidade e máis dereitos”. Baixo estes parámetros o goberno de Carmela Silva fixo balance este venres, no ecuador do segundo mandato, dos seis anos ao fronte da Deputación de Pontevedra. Nun acto celebrado na explanada de Montero Ríos fronte ao Pazo Provincial, ao que asistiron alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia, amais de colectivos e representacións de diferentes sectores, a presidenta e o vicepresidente da institución renderon contas dos seis anos transcorridos no goberno, dos que puxeron en valor “o cambio na acción política” a través da “equidade” na dotación de recursos aos concellos, “somos a administración provincial de todo o estado que máis transferencias fai aos municipios”, e a vontade de sumar sinerxías para construír o presente e o futuro dunha provincia sostible desde os eixos da igualdade, a mobilidade, a dixitalización e o compromiso co medio ambiente.

Transformación”. Foi a palabra que elixiu Carmela Silva para resumir estes 6 anos, xunto á “valentía” para tomar decisións desde un goberno de coalición que cualificou de “modélico”. “Hoxe que a confrontación e o ruído están á orde do día, somos un goberno formado polo BNG e o PSdeG PSOE que traballamos unidas e unidos e que a xente valora moito, porque é unha obriga aparcar as posibles diferencias, que son lexítimas, e traballar polo benestar da xente”.

A presidenta, que agradeceu o traballo do persoal da Deputación, “non teño horas para agradecer o seu compromiso”, enumerou na súa intervención os grandes eixos da transformación da provincia: o cambio do modelo de financiación aos concellos, dotándoos de recursos “como nunca antes acontecera”, e pasando “das políticas arbitrarias e da ausencia de criterios obxectivos a un plan equitativo, xusto e que garantira dereitos e servizos en todo o territorio, vivas onde vivas”; o modelo de mobilidade e recuperación do espazo público que “é referencia”; a defensa da igualdade e a “irrenunciable” axenda feminista”; o compromiso co medio ambiente para converter Pontevedra nunha provincia sostible e a “profunda aposta” para apoiar a economía e a todos os seus sectores, “aínda que en moitos eidos non temos competencias recoñecidas”; así como a defensa da cultura, a lingua e o patrimonio, o deporte ou a cooperación transfronteiriza, a través da AECT Río Miño, “a máis activa de España”. Lembrou que, co golpe da pandemia, “igual que o conxunto da sociedade, fixemos un enorme esforzo para estar ao lado dos novos retos e necesidades que se crearon, mantendo e reforzando o noso apoio a concellos, colectivos e sectores afectados e fomos quen de reorganizar esta administración para ser máis eficaces e eficientes, implantando novos instrumentos e medidas” en apoio de “quen máis o necesita”.

“Sempre tivemos claro que a nosa contorna e a acción política precisaba doutro modelo e que tiñamos que liderar o cambio –afirmou Carmela Silva- . Sempre soubemos que queriamos que a nosa acción de goberno supuxera construír unha provincia onde a xente poida desfrutar de calidade de vida. Fixemos un grande esforzo para ir avanzando, dedicando máis recursos propios que nunca e sendo capaces de sumar 56 millóns de euros de fondos europeos”.

Pola súa banda, César Mosquera subliñou dúas cuestións no balance dos seis anos de goberno: o logro de acadar que a Deputación tivese un funcionamento e uns servizos “do máis avanzado” tanto na súa actividade propia como nas axudas aos municipios, así como tratar con equidade aos concellos, incluso aos máis belixerantes, dándolles liberdade de actuación e opinión ao ter garantidos os seus recursos. Manifestouse satisfeito por ter cumprido o reto -“moi difícil na política”- de non desdicirse no goberno sobre o dito na oposición. Lembrou tamén que o seu grupo entrou a gobernar coa idea de mirar cara ao futuro, construír, e sacar adiante proxectos sen gastar enerxías en desquites ou en desfacer “o que podía estar ben feito”.

Unha das cuestións que define o traballo feito na Deputación, segundo Mosquera, é que esta se posicionou á vangarda e acadou un funcionamento e uns servizos do máis avanzado. Apuntou que o goberno abordou campos nos que atopou deficiencias e necesidades dos concellos e actuou en consecuencia, propoñendo solucións, ao tempo que citou como exemplos o traballo en materia de Igualdade, o Revitaliza, ou o proxecto Ágora de recuperación do espazo público, que están a recibir recoñecementos de maneira continua. “Aí están os feitos. Hoxe mesmo o deputado Uxío Benítez está a recoller un premio en Málaga polo programa Ágora”, destacou. Tamén destacou Mosquera “a equidade e a liberdade que dá a equidade” polo trato aos concellos da provincia. Por último, o vicepresidente agradeceu o traballo ao cadro de funcionarias e funcionarios e, en concreto, tivo palabras para os traballadores do Parque de Maquinaria. Dixo que no seu momento tiveron “un comportamento inducido”, pero a día de hoxe “están recuperados” porque entenderon que son “servidores públicos” e que “outros intereses non tiñan cabida” .

Tanto a presidenta como o vicepresidente miraron cara ao futuro. Carmela Silva subliñou que despois de ser a primeira Deputación en sumarse ao cumprimento da Axenda 2030, a primeira de Galicia en aprobar un Plan Estratéxico de Fondos Europeos para ter proxectos que se presentan aos Next Generation, ou a primeira en poñer en marcha a Axenda Urbana, a institución traballa xa cos ministerios “para seguir sumando recursos e iniciativas que permitan que a provincia poida estar á cabeza da dixitalización, da cohesión territorial, da transición ecolóxica e da igualdade”. E concluíu: “Hoxe, como fai seis anos, como fai dous, volvo afirmar que é necesario que traballemos xuntas e xuntos para seguir construíndo unha provincia do ‘bo vivir’. César Mosquera finalizou desexando que a nova maneira de traballar da institución, que substituíu á de épocas anteriores nas que a disidencia se castigaba con represalias, debe consolidarse “de por vida” porque “responde aos tempos e ás demandas da sociedade”.

Seis anos en datos

Nestes seis anos “de transformación” da provincia a Deputación ten transferido 384 millóns de euros aos concellos sendo a administración provincial de todo o Estado mellor situada ao destinar un 35,4% do orzamento fronte á media do 18,2% do resto de España.  Neste contexto enmárcase o Plan Concellos, que ten distribuído 252 millóns de € que permitiron poñer en marcha 2.300 obras e crear máis de 6.000 empregos, e outras iniciativas que suman 46 millóns de € como o Plan de Reequilibrio, o DepoRemse e o recente ReacPon. Amais,, a Deputación oferta numerosos servizos aos concellos como a administración electrónica ou o ORAL que xestiona tributos de 54 concellos e 9 mancomunidades.

Cara á cohesión do territorio, forte investimento en infraestruturas, con máis de 102 millóns de € cara á mobilidade sostible e recuperación do espazo público: iniciativas  recoñecidas como o Plan Ágora, 200 proxectos en estradas provinciais ou 1.500 elementos de calmado de tráfico A igualdade é obxectivo transversal en toda  a acción política. Máis de 7,4 millóns de € que permitiron poñer en marcha o 1º Plan de Igualdade, a Escola de Igualdade María Vinyals ou programas como “Conectadas” e “Mulleres en acción”. Do mesmo xeito a Transición Ecolóxica, aliñándose coa Axenda 2030 e promovendo iniciativas para impulsar unha provincia sustentable con plans como Revitaliza, o ESTRAEE, a creación de parques forestais, proxectos coas universidades ou de eficiencia enerxética a través do IDAE.

No apoio á economía da provincia traballouse da man do sector primario, modernizouse a Finca Mouriscade (9 millóns de €) e a Estación Fitopatolóxica Areeiro (15 millóns de €), creouse o proxecto SmartPeme (máis de 4,5 millóns de €) e impulsáronse os viveiros de Barro e de Lalín (preto de 2 millóns de €. No que respecta ao turismo (26 millóns €), forte impulso da dixitalización, dous Plans Estratéxicos, plan de impulso á sustentabilidade, a rede de oficinas Info Rías Baixas e a Deputación situouse como a única administración galega en formar parte da Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes de España.

Amais estase a apostar por programas de creación de emprego, formación e mellora da inserción laboral con máis de 22 millóns de € dirixidos a programas como Erasmus, DepoEmprende ou DepoIntegra. Tamén a colaborar estreitamente con asociacións de eido social a través da área de Cohesión Social, que ten investido 30 millóns de € e que aumenta cada anoo seu orzamento para facer fronte ás emerxencias e persoas vulnerables. A aposta polo deporte, a cultura e lingua foi outra das prioridades do goberno nestes seis anos, traballando por democratizar o acceso á cultura, creando o departamento de Memoria Histórica, financiando iniciativas que chegan a todos os concellos da provincia e coidando o patrimonio material e inmaterial. 

O Multiusos da Xunqueira acolle a exposición «Hollywood 2021» do artista e arquitecto José Romero-Amich

0

A concellería de Cultura de Redondela vén de organizar unha exposición do arquitecto vigués e artista, José Romero-Amich, que permanecerá na sala 1 do Multiusos da Xunqueira durante todo o mes de xullo. A mostra, que leva por título “Serie Hollywood 2021” percorre, a través de 18 lienzos, de 80 x 90 cm., a historia do cine norteamericano do século XX, abarcando filmes icónicos desde 1921 ata 2014.

Click para ampliar

Así, todo aquel que se achegue poderá recoñecer nas súas obras, e entre outras, películas como The Kid, de Charles Chaplin, Casablanca, O Padriño, Matrix, Kill Bill, 007 contra o Dr. No, Os Paxaros, A Guerra das Galaxias, o Silencio dos Cordeiros ou a máis recente Interstellar, dirixida en 2014 por Cristopher Nolan.

O autor, José Romero-Amich, é un arquitecto vigués amante do cine e da pintura que comezou a pintar de xeito profesional en 2016 e que atopou na pandemia unha oportunidade única para tomar tempo e crear esta serie que, segundo as súas propias palabras, “nace da necesidade creadora en relación ás imaxes recoñecibles colectivamente cuxo orixe está na industria estadounidense”. “Poderíamos aventurar que detrás destas míticas fotos escóndese quizá a máis efectiva exportación sociocultural desde o dereito ou a enxeñaría romanas”, conclúe Romero-Amich.

A exposición, inaugurada o pasado venres, 2 de xullo, segundo Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura, “está a ser un éxito rotundo. Son xa moitas e moitos veciñas e veciños os que xa se achegaron a gozar dela e quero animar a todos os que aínda non o fixeron porque, de seguro, van a quedar gratamente sorprendidos tanto pola técnica empregada como polo que representa a mostra para os amantes do cinema”.

Brillante arranque do «KiteFest Cesantes Trofeo Xacobeo»

0

Espectacular xornada inaugural do KiteFest Cesantes Trofeo Xacobeo, proba organizada polo TMKiteClub e o Concello de Redondela. A enseada de San Simón, os riders e o público non defraudaron, proporcionando bo ambiente e deportividade mantendo as medidas de prevención do Covid-19 que marcan as autoridades sanitarias.

Con case un centenar de participantes de ata catro países, esta cuarta edición arrincaba oficialmente ás 10:00 horas coa entrega de dorsais aos riders. Cara ás 14:00 horas a frota de Foil era a encargada de dar o pistoletazo de saída na auga, cun vento de entre 10 e 12 nós que lle permitiu completar ata catro probas. Mario Martínez, do local TMKiteClub, fiou fino, sendo o primeiro líder provisional da súa categoría.

Algo máis tiveron que esperar o resto de clases que, #ante a mirada de toda a praia, vían como ás 17:00 horas chegaba a súa quenda e tamén como o vento subía en intensidade chegando aos 16 nós superando todas as previsións. Todas as categorías completaron dúas mangas resultando como líderes provisionais David Marín (surf), Antonio Fernández ( twintip), Jorge González (windsurf) e Juan Pedrosa ( wingfoil). Ademais, nas categorías amateur de twintip e surf, David Tojeiro e Nuno Figueiredo reinan polo momento.

[su_image_carousel source=”media: 40890,40888,40886,40885,40883,40882,40881,40880,40879,40878,40877,40876,40875,40874,40873,40872,40871,40870,40869,40868,40889″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Gran abanico de actividades gratuítas en terra

Esta cuarta edición do KiteFest Cesantes Trofeo Xacobeo conta cun amplo programa de actividades gratuítas en terra, tal e como puideron constatar todos os que se achegaron ao village da praia de Cesantes. Hoxe, a primeira Master Class do evento correu a cargo do rider de Eleveight David Marín, campión de España de Strapless, e o portugués Nuno Stru, primeiro kitesurfista en surfear unha onda xigante na localidade portuguesa de Nazaré, que compartiron as súas experiencias co público.

Tamén houbo unha charla sobre nutrición, mindfulness e clases de ioga, mentres que os máis pequenos puideron gozar dun taller de cometas, unha serie de probas de equilibrio sobre corda, unha yinkana nas inmediacións do village e bautismos de kitesurf, unha divertida forma de iniciarse no ‘ kite’

Entre os nomes institucionais que visitaron hoxe o evento estiveron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias e o concelleiro de deportes Nacho González.

Hoxe domingo, xornada de clausura

O KiteFest Cesantes Trofeo Xacobeo comezará a xornada do domingo con dúas novas Master Class impartidas polos riders Felipe Moure e Tiago Rocha.

[su_image_carousel source=”media: 40898,40894,40901,40902,40895,40899,40900,40897,40896,40893,40891,40892″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

As primeiras probas en formato regata están previstas se as condicións de vento permíteno para as 13:00 horas. Tras elas, a continuación, o público poderá gozar da espectacularidade dos saltos e trucos propios do kite, grazas a unha exhibición de Freestyle, Big Jump e Strapless.

Na parte máis lúdica, continuará a posibilidade de practicar pádel surf e asistir a clases de ioga. Os máis pequenos tamén poderán participar nunha ‘Procura do Tesouro’ ás 12:00 horas e pas de praia ás 16:00, hora á que tamén haberá un taller de Primeiros Auxilios RCP impartido por protección civil de Redondela. O programa completo de actividades e horarios está dispoñible en www.tmkiteclub.com.

O IV KiteFest Cesantes está organizado polo TMKiteClub e o Concello de Redondela, contando co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o patrocinio de Abanca e Mercedes- Benz Louzao.

CLASIFICACIÓN XERAL PROVISIONAL FOIL – DÍA 1

  1. Mario Martínez, 2+3+2+1=8
  2. Marco Moreira, 7+2+1+2=12
  3. Roi Guitián, 4+7+3+3=17

CLASIFICACIÓN XERAL PROVISIONAL SURF – DÍA 1

  1. David Marín, 2+1=3
  2. Santiago Gómez, 1+3=4
  3. Gustavo Visier, 5+2=7

CLASIFICACIÓN XERAL PROVISIONAL SURF AMATEUR – DÍA 1

  1. Nuno Figueiredo, 1+1=2
  2. Isidro Albor, 2+6/ DNC=8
  3. Iñigo González, 3+6/ DNC=9

CLASIFICACIÓN XERAL PROVISIONAL TWINTIP – DÍA 1

  1. Antonio Fernández, 1+1=2
  2. Iván Carballo, 3+2=5
  3. Pedro de Castro, 2+3=5

CLASIFICACIÓN XERAL PROVISIONAL TWINTIP AMATEUR – DÍA 1

  1. David Tojeiro, 1+1=2
  2. Pablo Beltrán, 2+2=4
  3. Xabier Silva, 5+3=8

CLASIFICACIÓN XERAL PROVISIONAL WINDSURF – DÍA 1

  1. Jorge González, 1+1=2
  2. Eduardo Reguera, 2+3=5
  3. Mauricio Villadoniga, 4+2=6

CLASIFICACIÓN XERAL PROVISIONAL WINGFOIL – DÍA 1

  1. Juan Pedrosa, 1+1=2
  2. Miguel Castelao, 2+2=4
  3. Sebastián Ducos, 7/ DNC+7/ DNC=14

Oito municipios, entre eles Redondela, Salceda, Arbo, A Guarda e Tui, recibirán 1,7 millóns de euros da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo investimento de 1,7 millón de euros ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2021, que beneficiarán a oito concellos da provincia. Trátase de nove achegas para os municipios de Redondela e Salceda na comarca de Vigo; A Lama e Poio na de Pontevedra; A Guarda e Tui no Baixo Miño; Cangas na comarca do Morrazo e Arbo na da Paradanta, coas que poderán financiar obras de humanización, reurbanizacións, pavimentados ou mobilidade segura.

Redondela recibirá máis de 810.000 euros para as obras de humanización da Avenida Santa Mariña (450.686 €) e para a dotación de servizos e a pavimentación na contorna do Pazo Torres de Agrelo (362.411 €). No primeiro caso, a actuación promove a reordenación da avenida, cun dobre obxectivo: acondicionar os espazos dunha maneira máis equilibrada para priorizar ás persoas e, ao mesmo tempo, maximizar o número de prazas de estacionamento, cumprindo cos estándares de accesibilidade. Tamén está prevista a renovación íntegra da rede de abastecemento, saneamento e alumeado, así como a execución da obra correspondente á rede eléctrica. No que atinxe ás obras na contorna do Pazo Torres de Agrelo, situado en parte na traza do Camiño Portugués de Santiago pola Costa, o proxecto inclúe as obras necesarias para dotar dos servizos de saneamento e abastecemento a diferentes núcleos situados na contorna do pazo.

Salceda de Caselas contará cunha achega de 150.652 € para a reurbanización da rúa Joaquín Fernández Sestelo. O proxecto supón a mellora do espazo público mediante a ampliación do espazo para peóns/a e a mellora da accesibilidade. Renovaranse practicamente todas as redes e infraestruturas e preveranse acometidas individuais para as vivendas existentes.

Poio recibirá 170.243 euros para as obras de recuperación de entornos tradicionais da Primeira Travesía Seara, que consistirán en traballos de mellora de mobilidade e da seguranza viaria dos espazos públicos, eliminando as barreiras arquitectónicas e de accesibilidade existentes, coa habilitación dunha plataforma única de circulación con prioridade de paso para os peóns/as. A Lama percibirá unha achega de 78.601€ para as obras de reposición con pavimento de formigón nas beirarrúas municipais da rúa Emigrante e a paraza Alameda. En concreto, na rúa Emigrante renovarase o pavimento da beirarrúa da marxe dereita, que na actualidade se atopa en mal estado, e na praza Alameda pavimentarase unha zona que se encontra nunha cota inferior ao resto da contorna, a fin de mellorar a seguridade dos e das viandantes.

No Baixo Miño, A Guarda contará con 159.490 euros para as obras de urbanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde (entre os números 5 e 23). Prevese a realización dun percorrido peonil a ambos lados da rúa e un carril para a circulación de vehículos (nunha dirección), así como a substitución do pavimento por outro de pedra en continuidade dos tramos existentes. E Tui conta cunha achega de 240.753 euros para a intervención prevista no ámbito do lavadoiro de Riomuíños, un dos barrios máis antigos do concello e que conta con elementos singulares como o citado lavadoiro, a ponte ou a fonte, nos que están previstas diversas intervencións. Os traballos están encamiñados a asegurar a conservación destes elementos mediante actuacións de mantemento, como son a limpeza e a restitución de elementos en mal estado, e no caso da contorna do lavadoiro e na ponte abordarase o pavimentado con adoquín e mellorarase a iluminación e as redes de servizos.

Doutra banda, Arbo recibirá 79.911 euros para abordar as obras de mellora do pavimento e drenaxe no Camiño Portafeito a fin de mellorar o acceso ao lugar de Eidos de Arriba (parroquia de Sela). O obxectivo principal desta obra é mellorar a pavimentación e o drenaxe lonxitudinal do viario, ao fin de facilitar o acceso aos vecinos da zona. Inclúe así mesmo traballos de pavimentación e a execución das canalizacións de pluviais.

Finalmente, para Cangas aprobouse unha achega de 75.000 euros para a adecuación de frontes da estrada EP-1005 Viso-Hío. Esta actuación derívase das obras de mellora da mobilidade peonil neste viario provincial que proxectou a Deputación ao longo de todo o tramo entre o cruce do Viso coa estrada PO-315 ata o cruce do cemiterio coa EP-1008 e a EP-1004. Para a realización desta actuación, foi preciso por parte do Concello poñer a disposición dos terreos afectados de acordo coa veciñanza afectada. A conformación das frontes das parcelas retranqueadas mediante novos peches, noiros ou desmontes, actuacións específicas para cada parcela que garantan os accesos a cada unha delas, é ao que agora se pretende dar solución a través deste novo proxecto.

Aposta polo teatro

A editorial Galaxia vén de inaugurar unha nova colección á que non podemos máis que darlle a benvida, pois vai estar centrada no teatro galego contemporáneo. A pesar de todo o talento que este país manifesta a diario neste eido, en distintos estilos e nos seus máis variados aspectos, o certo é que a publicación de pezas teatrais era ata o de agora tan escasa que case podiamos considerala unha rareza. E cando chegaban ao papel, a súa difusión era tan intranscendente que a miúdo pasaban desapercibidas obras que, con outro trato, de seguro que terían unha maior relevancia. Por iso é unha boa noticia que unha das grandes editoriais deste país se decida, por fin, a apostar polo teatro e darlle visibilidade a todo ese talento que se agocha entre as táboas. Inauguran esta colección dous nomes de dilatada traxectoria, como son Fernando Castro Paredes e Candido Pazó. Agardamos con interese e expectación as novidades que esta iniciativa nos vai ofrecer.


Fernando Castro Paredes, «Papiroflexia»

«Papiroflexia» é unha peza estruturada en tres partes, tres historias diferentes que se desenvolven arredor dun banco dun parque, ás que hai que engadir un prólogo e un epílogo moi breves pero que teñen unha capacidade aglutinadora do relato que axuda a entender a trama. Cada unha destas tres micropezas ten como fío condutor unha figuriña de papel (avión, barco, paxaro), e está protagonizada por unhas personaxes que se sitúan nas marxes da sociedade, mesmo nas marxes da realidade, pero que son quen de pór de manifesto a relevancia dos seus soños e os seus medos. Neste senso mesmo se podería considerar a peza coma un alegato contra a superficialidade da sociedade actual.

Para manifestar tal premisa, Fernando Castro achégase aos parámetros do teatro do absurdo, máis sen caer de todo nas súas redes. Aquí a ambientación xoga coa idea do onírico para conducirnos por camiños que nos levan aos prantexamentos máis habituais do existencialismo; mesmo os diálogos, áxiles e directos, xogan coas ideas incoherentes e ilóxicas que, no fondo, non son máis que a maneira de expoñer a propia condición humana e as súas dificultades de comunicación. Mais, a diferencia do que é habitual neste tipo de obras, en «Papiroflexia» as personaxes nunca perden a súa propia individualidade fronte ao conxunto social. Reflicten caracteres ben definidos e diferenciados do resto do mundo e aportan a súa propia visión da realidade, a súa realidade, ao conxunto ao que pertencen.

Aparentemente, as tres micropezas que integran a obra non semellan ter conexión entre si, mais será o epílogo o que, sen usar a palabra, nos dea as claves que establecen a relación entre eles. Un engadido mímico que distancia aínda máis «Papiroflexia» do teatro do absurdo, no que este tipo de explicacións eran omitidas sen contemplacións de ningún tipo.

Fernando Castro Paredes

Papiroflexia

Galaxia


Cándido Pazó, «Fillos do sol»

A obra de Cándido Pazó leva como suxerente subtítulo «Elucubración escénica nun acto e un epílogo». E non é baldía a escolla da palabra, pois a trama responde á perfección ao substantivo elixido. O autor elucubra cos últimos tempos de Eduardo Pondal, cando estaba a piques de rematar, por fin e despois de 50 anos de traballo, o seu poema épico «Os Eoas». Sobre o escenario, un Pondal octoxenario revisa unha e outra vez cada verso do seu longuísimo poema mentres dialoga cunha sombra que o acompaña: o mesmo Pondal cando, en plena xuventude, tomou a decisión de comezar a traballar sobre a que sería a súa obra mestra. De cando en vez, o diálogo (ou monólogo, segundo como se mire), é interrompido por Rosa, moza nova e criada do hostal no que o bardo se hospeda, que ten unha asombrosa capacidade para conseguir que o protagonista volva a poñer os pés sobre a terra cada vez que entra no cuarto.

Desta maneira, Pazó non só presenta as dificultades de darlle forma a un traballo tan peculiar como «Os Eoas», senón que afonda nas inseguridades e insatisfaccións do poeta, así como na súa obsesiva arela de perfección e na procura constante da palabra exacta no lugar preciso. O Pondal vello enfróntase ao Pondal mozo recriminándolle a irresponsabilidade de lanzarse a unha aventura destas características que, andado o tempo, levoulle, practicamente, a vida, mentres o Pondal mozo lle insiste en que remate dunha vez o traballo e poña peche ao ciclo. Mais o bardo cre que aínda pode mellorar os versos e insiste en revisar unha e outra vez o texto. As interrupcións de Rosa, que garda a ausencia do seu mozo na Habana, amais de traelo de novo á realidade, aínda sementan máis e máis dúbidas no poeta sobre a significación e o valor da súa epopea literaria.

«Os fillos do sol», que xa foi estreada no Festival de Outono de Carballo, está escrita cunha linguaxe directa e sinxela, da que eu destacaría dous aspectos que considero interesantes: por unha banda o diálogo entre as dúas versións de Pondal, cheo de erudición pero sen chegar a pedantería e con algunhas concesións ao castelán procedentes de citas textuais do propio poeta e doutros autores; pola outra, o diálogo do Pondal vello con Rosa, moito máis coloquial, mesmo con grallas de pronunciación e usos incorrectos de certas palabras que o bardo corrixe á criada. Esta dicotomía redunda, ao meu entender, na verosimilitude da «elucubración» de Cándido Pazó dándolle á peza unha forza engadida.

Cándido Pazó

Fillos do sol

Galaxia