23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosMos mellora San Rafael con pistas de skate e multideporte, iluminación led...

    Mos mellora San Rafael con pistas de skate e multideporte, iluminación led e axardinamento

    O Concello de Mos vén de recibir a concesión da subvención autonómica para a mellora do alumeado público e xa ten adxudicada a contratación da obra da nova pista deportiva

    A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro da parroquia de Pereiras, de Mocidade e Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron de que o Concello de Mos ven de recibir a resolución favorable de concesión de subvención por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia por importe de preto de 28.000 euros (o orzamento total supera os 37.000 euros) para a mellora da eficiencia enerxética na rede de luz pública mediante a instalación de iluminación led.

    Trátase do último paso no proxecto de mellora integral da zona de San Rafael (parroquia de Pereiras), que inclúe tamén unha nova pista deportiva multideporte, unha pista de skate park e mellora da seguridade viaria.

    A obra da pista multideporte xa se atopa adxudicada e o inicio dos traballos será inminente. Esta obra relízase grazas a un convenio de cooperación coa Secretaria Xeral para o Deporte polo importe total de 19.986,58 euros, asumindo a Secretaría Xeral para o Deporte 17.755,96 euros e o Concello de Mos os 2.230,62 euros restantes.

    Pola súa banda o procedemento de contratación do skate park xa se atopa tamén iniciado e conta tamén con subvención autonómica por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de case 35.000 euros (o orzamento total ascende a preto de 50.000 euros).

    Por último o proxecto de mellora integral en San Rafael incluíu a optimización da seguridade viaria mediante labores de asfaltado nos Camiños de Xaberga e Mestres Soñora-Cruces, así como habilitarase unha zona verde axardinada. A finais do pasado mes de xuño quedou rematado este asfaltado cunha lonxitude de 538 metros e un ancho medio de 6 metros, que se atopaba incluído no Plan Municipal de Mellora de Camiños que o Concello de Mos acometeu con fondos propios.

    A decisión de dotar a San Rafael dun Skate Park surxiu vista a crecente demanda de lugares onde practicar este tipo de deportes cada vez máis populares entre a xente moza, e o aumento da práctica deportiva ao aire libre que ofrece unha maior seguridade de prevención ante a COVID-19. “Por iso desde a administración local mosense decidimos apostar polo novo Skate Park en San Rafael e agradecemos enormemente o apoio da Xunta de Galicia que, coa concesión de diversas axudas autonómicas, fai posible a execución dun completo proxecto de mellora na contorna de San Rafael”, declararon os representantes municipais Arévalo e Costas.

    Esta nova pista de Skate formaba parte dos proxectos incluídos pola rexedora local mosense e o seu equipo no programa electoral dos pasados comicios electorais. A conversión da promesa en realidade xa está iniciada e a mocidade mosense poderá gozar dun novo skate park no municipio durante a presente lexislatura.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.