Xoves, 16 Xaneiro de 2025

A Deputación apoia económicamente aos deportistas da provincia que competirán en Tokio

O deputado Gorka Gómez anunciou as achegas nun encontro coa palista Teresa Portela que participará nos seus sextos Xogos e que non descarta incluso chegar a París 2024

A Deputación de Pontevedra apoia este ano ás e aos deportistas da provincia que competirán nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Tokio cunha liña de axudas de 75.000 euros que ten como novidade a distribución de achegas lineais de 5.000 euros. Así o confirmou o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, no encontro que mantivo coa palista Teresa Portela en Verducido, poucas horas antes de que a olímpica emprenda viaxe hacia Xapón onde participará nos seus sextos Xogos.

Gorka Gómez felicitou á deportista polo seu “tremendo esforzo, traballo e dedicación ao deporte”, especialmente nas súas sextas olimpíadas como “nai de familia, traballadora e persoa que vive o deporte”. O deputado fixo fincapé no impulso que a Deputación fai este ano ás achegas a deportistas promesa de alto nivel (250.000 euros), cun incremento de 75.000 euros materializados en bolsas lineais de 5.000 euros para todos os e as deportistas olímpicos e paraolímpicos que competirán en Tokio. “Estamos encantados cos nosos e nosas deportistas. A provincia que é o berce de moitísimos deportes, e especialmente hoxe que estamos con Teresa, cabe resaltar que somos unha potencia mundial en piragüismo, e iso é digno de eloxio para deportistas e federacións”. Finalmente, incidiu no compromiso da Deputación, que manterá a súa aposta polo deporte e deportistas da provincia.

Pola súa banda, Teresa Portela destacou esta última semana de preparación na que se está dedicando a “pulir detalliños e coller boas sensacións para chegar a Tokio”. A palista, que lembrou que está en tempos parecidos aos de anos anteriores, ten claro que o seu obxectivo  será “dar a miña mellor versión e intentar, por que non, estar noutra final olímpica”. Polo de agora, Portela asegura estar pensando en Tokio, pero adianta que non di que non a outros xogos: “non descarto París”.