8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaOito municipios, entre eles Redondela, Salceda, Arbo, A Guarda e Tui, recibirán...

    Oito municipios, entre eles Redondela, Salceda, Arbo, A Guarda e Tui, recibirán 1,7 millóns de euros da Deputación

    A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo investimento de 1,7 millón de euros ao abeiro da Liña 1 do Plan Concellos 2021, que beneficiarán a oito concellos da provincia. Trátase de nove achegas para os municipios de Redondela e Salceda na comarca de Vigo; A Lama e Poio na de Pontevedra; A Guarda e Tui no Baixo Miño; Cangas na comarca do Morrazo e Arbo na da Paradanta, coas que poderán financiar obras de humanización, reurbanizacións, pavimentados ou mobilidade segura.

    Redondela recibirá máis de 810.000 euros para as obras de humanización da Avenida Santa Mariña (450.686 €) e para a dotación de servizos e a pavimentación na contorna do Pazo Torres de Agrelo (362.411 €). No primeiro caso, a actuación promove a reordenación da avenida, cun dobre obxectivo: acondicionar os espazos dunha maneira máis equilibrada para priorizar ás persoas e, ao mesmo tempo, maximizar o número de prazas de estacionamento, cumprindo cos estándares de accesibilidade. Tamén está prevista a renovación íntegra da rede de abastecemento, saneamento e alumeado, así como a execución da obra correspondente á rede eléctrica. No que atinxe ás obras na contorna do Pazo Torres de Agrelo, situado en parte na traza do Camiño Portugués de Santiago pola Costa, o proxecto inclúe as obras necesarias para dotar dos servizos de saneamento e abastecemento a diferentes núcleos situados na contorna do pazo.

    Salceda de Caselas contará cunha achega de 150.652 € para a reurbanización da rúa Joaquín Fernández Sestelo. O proxecto supón a mellora do espazo público mediante a ampliación do espazo para peóns/a e a mellora da accesibilidade. Renovaranse practicamente todas as redes e infraestruturas e preveranse acometidas individuais para as vivendas existentes.

    Poio recibirá 170.243 euros para as obras de recuperación de entornos tradicionais da Primeira Travesía Seara, que consistirán en traballos de mellora de mobilidade e da seguranza viaria dos espazos públicos, eliminando as barreiras arquitectónicas e de accesibilidade existentes, coa habilitación dunha plataforma única de circulación con prioridade de paso para os peóns/as. A Lama percibirá unha achega de 78.601€ para as obras de reposición con pavimento de formigón nas beirarrúas municipais da rúa Emigrante e a paraza Alameda. En concreto, na rúa Emigrante renovarase o pavimento da beirarrúa da marxe dereita, que na actualidade se atopa en mal estado, e na praza Alameda pavimentarase unha zona que se encontra nunha cota inferior ao resto da contorna, a fin de mellorar a seguridade dos e das viandantes.

    No Baixo Miño, A Guarda contará con 159.490 euros para as obras de urbanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde (entre os números 5 e 23). Prevese a realización dun percorrido peonil a ambos lados da rúa e un carril para a circulación de vehículos (nunha dirección), así como a substitución do pavimento por outro de pedra en continuidade dos tramos existentes. E Tui conta cunha achega de 240.753 euros para a intervención prevista no ámbito do lavadoiro de Riomuíños, un dos barrios máis antigos do concello e que conta con elementos singulares como o citado lavadoiro, a ponte ou a fonte, nos que están previstas diversas intervencións. Os traballos están encamiñados a asegurar a conservación destes elementos mediante actuacións de mantemento, como son a limpeza e a restitución de elementos en mal estado, e no caso da contorna do lavadoiro e na ponte abordarase o pavimentado con adoquín e mellorarase a iluminación e as redes de servizos.

    Doutra banda, Arbo recibirá 79.911 euros para abordar as obras de mellora do pavimento e drenaxe no Camiño Portafeito a fin de mellorar o acceso ao lugar de Eidos de Arriba (parroquia de Sela). O obxectivo principal desta obra é mellorar a pavimentación e o drenaxe lonxitudinal do viario, ao fin de facilitar o acceso aos vecinos da zona. Inclúe así mesmo traballos de pavimentación e a execución das canalizacións de pluviais.

    Finalmente, para Cangas aprobouse unha achega de 75.000 euros para a adecuación de frontes da estrada EP-1005 Viso-Hío. Esta actuación derívase das obras de mellora da mobilidade peonil neste viario provincial que proxectou a Deputación ao longo de todo o tramo entre o cruce do Viso coa estrada PO-315 ata o cruce do cemiterio coa EP-1008 e a EP-1004. Para a realización desta actuación, foi preciso por parte do Concello poñer a disposición dos terreos afectados de acordo coa veciñanza afectada. A conformación das frontes das parcelas retranqueadas mediante novos peches, noiros ou desmontes, actuacións específicas para cada parcela que garantan os accesos a cada unha delas, é ao que agora se pretende dar solución a través deste novo proxecto.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.