13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis

    Aposta polo teatro

    A editorial Galaxia vén de inaugurar unha nova colección á que non podemos máis que darlle a benvida, pois vai estar centrada no teatro galego contemporáneo. A pesar de todo o talento que este país manifesta a diario neste eido, en distintos estilos e nos seus máis variados aspectos, o certo é que a publicación de pezas teatrais era ata o de agora tan escasa que case podiamos considerala unha rareza. E cando chegaban ao papel, a súa difusión era tan intranscendente que a miúdo pasaban desapercibidas obras que, con outro trato, de seguro que terían unha maior relevancia. Por iso é unha boa noticia que unha das grandes editoriais deste país se decida, por fin, a apostar polo teatro e darlle visibilidade a todo ese talento que se agocha entre as táboas. Inauguran esta colección dous nomes de dilatada traxectoria, como son Fernando Castro Paredes e Candido Pazó. Agardamos con interese e expectación as novidades que esta iniciativa nos vai ofrecer.


    Fernando Castro Paredes, «Papiroflexia»

    «Papiroflexia» é unha peza estruturada en tres partes, tres historias diferentes que se desenvolven arredor dun banco dun parque, ás que hai que engadir un prólogo e un epílogo moi breves pero que teñen unha capacidade aglutinadora do relato que axuda a entender a trama. Cada unha destas tres micropezas ten como fío condutor unha figuriña de papel (avión, barco, paxaro), e está protagonizada por unhas personaxes que se sitúan nas marxes da sociedade, mesmo nas marxes da realidade, pero que son quen de pór de manifesto a relevancia dos seus soños e os seus medos. Neste senso mesmo se podería considerar a peza coma un alegato contra a superficialidade da sociedade actual.

    Para manifestar tal premisa, Fernando Castro achégase aos parámetros do teatro do absurdo, máis sen caer de todo nas súas redes. Aquí a ambientación xoga coa idea do onírico para conducirnos por camiños que nos levan aos prantexamentos máis habituais do existencialismo; mesmo os diálogos, áxiles e directos, xogan coas ideas incoherentes e ilóxicas que, no fondo, non son máis que a maneira de expoñer a propia condición humana e as súas dificultades de comunicación. Mais, a diferencia do que é habitual neste tipo de obras, en «Papiroflexia» as personaxes nunca perden a súa propia individualidade fronte ao conxunto social. Reflicten caracteres ben definidos e diferenciados do resto do mundo e aportan a súa propia visión da realidade, a súa realidade, ao conxunto ao que pertencen.

    Aparentemente, as tres micropezas que integran a obra non semellan ter conexión entre si, mais será o epílogo o que, sen usar a palabra, nos dea as claves que establecen a relación entre eles. Un engadido mímico que distancia aínda máis «Papiroflexia» do teatro do absurdo, no que este tipo de explicacións eran omitidas sen contemplacións de ningún tipo.

    Fernando Castro Paredes

    Papiroflexia

    Galaxia


    Cándido Pazó, «Fillos do sol»

    A obra de Cándido Pazó leva como suxerente subtítulo «Elucubración escénica nun acto e un epílogo». E non é baldía a escolla da palabra, pois a trama responde á perfección ao substantivo elixido. O autor elucubra cos últimos tempos de Eduardo Pondal, cando estaba a piques de rematar, por fin e despois de 50 anos de traballo, o seu poema épico «Os Eoas». Sobre o escenario, un Pondal octoxenario revisa unha e outra vez cada verso do seu longuísimo poema mentres dialoga cunha sombra que o acompaña: o mesmo Pondal cando, en plena xuventude, tomou a decisión de comezar a traballar sobre a que sería a súa obra mestra. De cando en vez, o diálogo (ou monólogo, segundo como se mire), é interrompido por Rosa, moza nova e criada do hostal no que o bardo se hospeda, que ten unha asombrosa capacidade para conseguir que o protagonista volva a poñer os pés sobre a terra cada vez que entra no cuarto.

    Desta maneira, Pazó non só presenta as dificultades de darlle forma a un traballo tan peculiar como «Os Eoas», senón que afonda nas inseguridades e insatisfaccións do poeta, así como na súa obsesiva arela de perfección e na procura constante da palabra exacta no lugar preciso. O Pondal vello enfróntase ao Pondal mozo recriminándolle a irresponsabilidade de lanzarse a unha aventura destas características que, andado o tempo, levoulle, practicamente, a vida, mentres o Pondal mozo lle insiste en que remate dunha vez o traballo e poña peche ao ciclo. Mais o bardo cre que aínda pode mellorar os versos e insiste en revisar unha e outra vez o texto. As interrupcións de Rosa, que garda a ausencia do seu mozo na Habana, amais de traelo de novo á realidade, aínda sementan máis e máis dúbidas no poeta sobre a significación e o valor da súa epopea literaria.

    «Os fillos do sol», que xa foi estreada no Festival de Outono de Carballo, está escrita cunha linguaxe directa e sinxela, da que eu destacaría dous aspectos que considero interesantes: por unha banda o diálogo entre as dúas versións de Pondal, cheo de erudición pero sen chegar a pedantería e con algunhas concesións ao castelán procedentes de citas textuais do propio poeta e doutros autores; pola outra, o diálogo do Pondal vello con Rosa, moito máis coloquial, mesmo con grallas de pronunciación e usos incorrectos de certas palabras que o bardo corrixe á criada. Esta dicotomía redunda, ao meu entender, na verosimilitude da «elucubración» de Cándido Pazó dándolle á peza unha forza engadida.

    Cándido Pazó

    Fillos do sol

    Galaxia