17.6 C
Pontevedra
Domingo, 13 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación achega 130.000 euros a 26 entidades de 13 concellos para...

    A Deputación achega 130.000 euros a 26 entidades de 13 concellos para impulsar actividades turísticas

    As axudas están destinadas a profesionalizar o sector e estimular a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como promocionar os recursos da provincia

    A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar a concesión de 130.000 € a 26 entidades de 13 concellos da provincia para impulsar actividades turísticas coas que a institución pretende contribuír ao fomento do turismo e a súa profesionalización, impulsando iniciativas encamiñadas a estimular o sector, a súa calidade, accesibilidade e sustentabilidade, así como á promoción dos recursos turísticos da provincia.

    No marco desta liña de subvencións dirixidas a actividades turísticas, a comarca de Vigo vai recibir 63.029 € que se distribuirán entre 13 entidades de Baiona, Nigrán e Vigo. De Baiona beneficiarase o Monte Real Club de Yates para o Trofeo Conde de Gondomar; de Nigrán a Fundación Carlos Casares para a itinerancia da exposición ‘Galicia Escandinava. O camiño do Oeste a Santiago de Compostela’; e de Vigo a Asociación Sociocultural e Deportiva Sinergias 370 para o Desafío Boot Camp, a Asociación Casco Vello para ‘Toma Castaña’, a Asociación Sociocultural e Deportiva La 21 para a media maratón, a Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas para a ‘Semana Azul’, o Club de Montañeiros Celtas para o proxecto ‘A natureza da península do Grove’, a Federación de Empresarios de Hostelería polo concurso de tapas ‘Petisquiño’, a Fundación para a Pesca e o Marisqueo por ‘Navegas. Patrimonio industrial marítimo pesqueiro no Camiño de Santiago’, a Idilicamente por ‘Descubre Pontevedra-Blue Atlantic Forum’, a Orquestra Clásica de Vigo polo ‘Festival do Órgano’, a Prado Surf Club por ‘Meu camiño, teu camiño’ e a ‘The Wild’ por ‘The Wild 2021’.

    Da comarca do Condado a Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas beneficiarase dunha achega por valor de 5.500 e para a promoción da festa do Corpus Christi. Pola súa banda de Pontevedra a Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural da capital recibirá 5.460 para o curso de biodiversidade e emprego no sector do turismo e da comarca do Morrazo a Asociación FICBueu beneficiarase de 4.300 e para o proxecto ‘Descubrindo a vila de Bueu’.

    A comarca do Baixo Miño recibirá 14.876 € para tres entidades dos concellos do Rosal, Tomiño e Tui. Do Rosal beneficiarase das axudas da Deputación a Asociación Agrupación Musical do Rosal para o ‘Rosal Cámara Fest’; de Tomiño a Asociación de Persoas con Diversidade Vontade para o ‘Río Miño, marca inclusiva’ e de Tui a Asociación Xuventude Musical Eixo Atlántico para ‘Rosendo Salvado en ruta’.

    Pola súa banda catro entidades dos concellos de Cambados e Sanxenxo na comarca do Salnés recibirán 20.900 €. De Cambados beneficiarase a Asociación Ruta do Viño Rías Baixas para a promoción da enogastronomía e de Sanxenxo o Circulo Cultural Deportivo polo ‘XIV Torneo Internacional de Tenis Cadete’, o Club Náutico de Sanxenxo pola sétima edición da ‘Regata Rey Juan Carlos I’ e o Piragüismo Portonovo pola terceira edición da Festa da Empanada Mariñeira.

    Ata a comarca de Deza e Terra de Montes chegarán preto de 15.000 € que irán ata catro entidades dos concellos da Estrada e de Lalín. Da Estrada beneficiaranse a Asociación de Veciños de Sabucedo que destinará os recursos ao MUSA 2021 e a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo que os achegará a ‘Sabucedo, o sentir dun pobo’. De Lalín recibirán axudas a Asociación de Amigos do Museo Casa do Patrón para a XII Malla Tradicional e a Asociación Etnográfica de Codeseda para ‘Unha aldea no nadal do Camiño’.

    Neste 2021, como principal novidade, a liña de subvencións dirixidas a actividades turísticas da Deputación ten discriminado positivamente aquelas iniciativas que están a contribuír na dinamización económica dos sectores máis afectados polas restricións derivadas da covid-19. Amais, tamén se ten incrementado a contía máxima das achegas, que chega ata os 5.500 € por entidade, 500 máis que o establecido no 2020.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.