8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoA Mancomunidade do Baixo Miño traballa na creación dunha Comisión de Seguimento...

    A Mancomunidade do Baixo Miño traballa na creación dunha Comisión de Seguimento pola Sanidade Pública

    No ente estarán representados os concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui e os profesionais de atención primaria dos centros de saúde

    A Mancomunidade do Baixo Miño, formada polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, está a traballar na creación dunha Comisión de Seguimento pola Sanidade Pública, co obxectivo de realizar un estudo e seguimento exhaustivo, en colaboración cos profesionais de atención primaria, da situación actual de cada un dos centros de saúde da comarca.

    Na futura entidade estarán representados os catro concellos que forman a Mancomunidade, grupos políticos, e tamén os profesionais da atención primaria (médicos/as, enfermeiros/as, administrativos/as, etc.) de todos os centros de saúde.

    Deste xeito, “conseguiremos ter información de primeira man de como evoluciona a situación”, explican os alcaldes e alcaldesas. “Defenderemos que a sanidade sexa unha prioridade e xuntos teremos máis forza para reclamar unha atención primaria de primeira”, aclaran.

    A creación desta comisión prodúcese despois de que o deterioro da atención sanitaria nos centros de saúde da comarca sexa unha evidencia, sobre todo, tras a pandemia pola Covid-19. “A situación da sanidade pública en atención primaria está nunha situación de absoluta precariedade; non é cousa nova pero acentuouse coas medidas tomadas a partir do confinamento e a diminución da atención presencial”, explican os responsables dos concellos unidos na mancomunidade. A estes recortes hai que sumar a falla de substitucións por baixas ou vacacións, o que provoca que nos centros haxa poucos médicos dispoñibles e longas esperas, de semanas, para obter unha cita.

    Os rexedores e rexedoras municipais implicados na creación da Comisión de Seguimento pola Sanidade Pública, queren deixar claro que se posicionan ao lado dos profesionais da saúde e que coa súa loita queren garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade da atención ás persoas. “Agradecemos o grande esforzo que levan feito durante todo este tempo e lamentamos a presión á que se vén sometidos”, comentan.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.