8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalA Deputación adxudica as obras de mellora na estrada Tabagón-Goián do Rosal

    A Deputación adxudica as obras de mellora na estrada Tabagón-Goián do Rosal

    Trátase da primeira fase deste proxecto integral de transformación do viario nun tramo de 1,7 quilómetros no Rosal no que se habilitará un carril peonil e ciclista

    O Goberno da Deputación vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da mobilidade peonil na EP-3303 Tabagón-Goián no seu treito primeiro, ao seu paso polo Concello do Rosal. Nestes traballos investiranse 568.488€, dos que a institución provincial cubrirá o 80% e o concello o restante 20%, cun prazo de execución de dez meses.

    Esta é a primeira fase desta esperada actuación, que vai supoñer dunha transformación radical deste viario de 4,5 quilómetros que transcorre polos concellos do Rosal e Tomiño, estendendo un modelo de mobilidade centrado na recuperación do espazo para as persoas e na redución do CO2.

    Este primeiro tramo que se acaba de adxudicar  abrangue un tramo de 1,7 quilómetros no Rosal e presenta un intenso tráfico e tamén unha importante mobilidade a pé, tanto de peregrinas e peregrinos que conectan co Camiño Portugués pola Costa como de persoas que acoden ata Tomiño. A través deste proxecto, preténdese deseñar unha estrada na que prime a mobilidade peonil e ciclista, fomentar hábitos saudables, favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, minorar a velocidade do tráfico, o ruído e potenciar o turismo saudable.

    Para elo crearase un carril peonil e ciclista, acondicionarase dous carrís de 2,80 metros de ancho e completarase a plataforma de circulación cunha beiravía e a instalación de redutores de velocidade. Na zona da CRA María Zambrano executarase unha plataforma de formigón nunha única rasante compartida para vehículos, persoas e bicicletas, con prioridade peonil. Amais, renovarase a rede de drenaxe e farase a canalización soterrada para a renovación da rede de alumeado público.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.