Domingo, 3 Agosto de 2025

Gondomar pon en marcha o I Concurso de decoración de Nadal para a veciñanza e o comercio da localidade

0

Decorar as casas e escaparates terá premio en Gondomar este ano co obxectivo de implicar ao máximo á veciñanza e o comercio local “nunha celebración que se están convertendo nun referente na comarca e o sur da provincia”.

Así o manifestou o rexedor, Paco Ferreira, quen explica que “damos un paso máis premiando a implicación da nosa xente en engalanar cos mellores adornos e luces o noso municipio, e dar máis razóns á xente para que se achegue a coñecer o noso Nadal”.
O I Concurso de Decoración de Nadal, promovido polas concellarías de
Comercio, Turismo e Cultura, propón un tema de partida: “A Fábrica de Nadal” e nela
pode ter cabida todo tipo de elementos navideños e cores.
Quen queira sumarse ao concurso terá ata o próximo día 10 de decembro de
prazo para cubrir un formulario -que xunto ás bases pódese descargar na páxina
www.concellodegondomar.gal – e presentalo no Rexistro Xeral do concello ou por Sede
electrónica. Só se admitirá unha solicitude por persoa e os participantes rexistrados
deberán achegar 1 quilo de alimentos propios destas datas para o banco de alimentos
municipal.
Establécense varias categorías. No caso do comercio, decoración interior e
exterior ou escaparate, escollendo só unha modalidade para presentarse. Igualmente,
os particulares que participen poderán facelo optando ao premio à mellor decoración
de xanelas ou balcón, ou mellor decoración de vivenda unifamiliar ou xardín.

Unha vez terminada a decoración deberán presentar tres fotografías da mesma
a través do correo [email protected], antes do 14 de decembro, de
maneira que se aprecien todos os detalles que serán valorados polo xurado. O importe
dos premios, que oscilan entre os 50 e 200 euros, “só poderá ser trocado nos
establecementos participantes no concurso”.

Máis información en [email protected], ou no
teléfono 986 38 40 20 en horario de 8:00 a 14:30.

O mércores inaugúrase a exposición fotográfica “Chiaroscuro” de Antonio Fortuna en Tui

0

O próximo mércores, 1 de decembro, ás 18.30 h inaugurarase no anexo da Sala de Exposicións Municipal do Concello de Tioa mostra fotográfica “Chiaroscuro” de Antonio Fortuna, de Valença. A exposición poderá visitarse até o 8 de xaneiro no edificio Francisco Sánchez – Área Panorámica.

Como sinala o propio autor desta colección “Estes retratos non foron influenciados por Da Vinci, Caravaggio ou Rembrandt como podía referir, senón por fotógrafos contemporáneos como Vladimir Polischuk, Pepe Castro ou Fontana Vaprio. Non son retratos formais preparados, pensados ou ensaiados senón a simplificación da obtención da fotografía de rúa, case inmediata.

Unha ollada curiosa, un sorriso, quizais unha pequena conversa ou só unha insinuación da cámara agardando o desexado permiso para disparar e, en segundos, a case certeza de ter feito a “tal fotografía”. Estas imaxes son o resultado desa case certeza.

Intencionadamente as imaxes non son tituladas, nin datadas, nin explicadas, nen contextualizadas. Cabe ao observador xulgar, maxinar, sentir libremente, sen presupostos ou encamiñamentos previos”.

A inauguración coincide coa celebración da festa nacional portuguesa, 1 de decembro. Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta exposición do fotógrafo valenciano, que amosa por vez primeira na nosa cidade as súas impresionantes imaxes, contribúe a afondar na colaboración ao abeiro do proxecto de Eurocidade, neste caso no ámbito cultural promovendo o intercambio e coñecemento entre ambas cidades.

A Xunta licita as obras para minimizar os riscos de asolagamento na contorna de Sabarís

0

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licita hoxe por 543.886,99 euros as obras para minimizar os riscos de inundacións no camiño das Monxas e no camiño Pouquena, no lugar de Sabarís, no concello de Baiona.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destas obras. As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de xaneiro de 2022.

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en maio entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello, no que se recolleron as actuacións necesarias para impulsar as obras de mellora da drenaxe nestes dous viarios situados nas proximidades da desembocadura do río Groba e identificados como de risco potencial significativo de inundación.

Segundo o citado convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume a financiación das actuacións, e levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.

Pola súa banda, o Concello de Baiona comprométese á posta a disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Tamén asume a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación, coa utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

As obras estarán cofinanciadas con fondos europeos FEDER 2014/2020.

Antecedentes e as actuacións

Os camiños das Monxas e Pouquena son dous viarios situados nas proximidades da desembocadura do río Groba que presentan un historial de frecuentes inundacións. A deficiente rede de drenaxe de pluviais existente na zona, que desemboca na Foz de Miñor, vese habitualmente superada durante os episodios de choivas, anegándose os viarios e as construcións lindeiras, véndose este feito agravado cando as precipitacións abundantes coinciden, ademais, coa preamar.

As intervencións proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta, que buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna, están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións do río Groba, no que Augas de Galicia contemplou as distintas opcións para o desenvolvemento de intervencións que contribúan a minimizar o risco de inundación.

Os traballos obxecto do contrato licitado hoxe consisten na reforma da rede de pluviais existente a través da execución de 4 colectores, o que permitirá mellorar a súa capacidade de desaugue nas condicións máis desfavorables, coa coincidencia da preamar con fortes precipitacións.

Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación

Augas de Galicia redacta e revisa cada seis anos a avaliación preliminar do risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, e segue a avanzar no traballo para ultimar este ano o novo Plan de xestión de risco de inundacións 2021-2027.

En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e o propio Groba, en Baiona; así como no Lagares, en Vigo.

Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.

O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

O Concello do Rosal renova toda a sinalización do Sendeiro de Pescadores

0

O Concello do Rosal aposta polo sendeirismo como medio para dar valor ao seu patrimonio natural e atraer visitantes ao municipio. No marco desta estratexia acaba de renovar toda a sinalización do Sendeiro de Pescadores, un percorrido que comeza na contorna da praia das Eiras e que discorre 7,5 km polas ribeiras dos ríos Miño e Carballas. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que os traballos para mellorar a sinalización deste percorrido de gran valor histórico, paisaxístico e natural do noso concello xa están finalizados, e anima á veciñanza “a pasear por esta fermosa senda”.

A renovación contou con varias intervencións. Renováronse todas as marcas pintadas sobre as árbores tendo o máximo respecto co seu benestar, colocáronse postes novos para sinalar o percorrido e se substituíronse os paneis de información en mal estado. Tamén se apostou con facer esta senda máis atractiva para nenos e nenas coa colocación de puntos de información medio ambiental de baixa altura, na que poden aprender sobre a flora e a fauna que vive no sendeiro.

O Sendeiro de Pescadores é un camiño de gran valor para O Rosal. Percórrese en aproximadamente hora e media, e da acceso a bosques de ribeira, zonas de esteiro e xunqueira, espazos de interese ornitolóxico, pontes históricas, un serradoiro a vapor, muíños hidráulicos e varias áreas de recreo. Pódese comezar na praia das Eiras, para rematar nas Aceñas, ou ben pódese partir da área recreativa das Aceñas para concluír nas Eiras. En ambos extremos da ruta hai espazo de aparcamento. No Concello tamén queren solicitar á veciñanza a súa colaboración para manter en perfectas condicións o sendeiro. Tanto no coidado do medio natural como da sinalización cando se camiñe, pero tamén cando haxa traballos agrícolas ou de limpeza cerca.

Nigrán colabora con Ardelume de Baíña para homenaxear ao gaiteiro de Chandebrito Secundino Pérez

0

O Concello de Nigrán colabora coa Asociación Folklórica Ardelume de Baíña acollendo este domingo desde ás 17:00 horas no Auditorio Municipal o VI Memorial Secundino Pérez, adicado ao gran mestre de gaiteiros orixinario de Chandebrito e referencia da música tradicional galega.

Nesta homenaxe organizada anualmente polo seu alumando, actuarán as diferentes entidades nas que impartíu clases: Aires de Santes de Vincios, Ecos e Agarimos do CCV de Peitieiros, C.C.A Merced de Chaín, Novos Aires de Couso, ex-compoñentes do grupo Algarada e Castro de Chandebrito, e, finalmente, os anfitrións desta sexta edición: Ardelume de Baíña. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Secundino Pérez Sanromán

Secundino Pérez Sanromán (1931-2014) foi un músico vocacional e autodidacta que se dedicou ao seu ensino durante máis de 40 anos, beneficiando a diferentes xeracións de músicos de toda a comarca e creando multitude de agrupacións. Secundino foi tamén saxofonista e compositor e, sen dúbida, constitúe un referente da música tradional galega. “O Concello de Nigrán está moi agradecido por poder sumarse a esta homenaxe a un veciño de Chandebrito que forma parte xa da Historia da nosa música e que é recordado polo seu alumnado coma unha persoa de gran paciencia e marabilloso caracter”, sinala o alcalde, Juan González.

Ponteareas transformará a rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas

O Concello de Ponteareas iniciou os trámites para licitar as obras de transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade dende a vila de Ponteareas até o CEIP Ramiro Sabell. O goberno prevé executar as obras ao longo do vindeiro ano 2022. A actuación atinxe á estrada que conecta o casco urbano con parroquias como Fontenla, Arcos, Santiago de Oliveira, Celeiros e Guillade. Tamén se intervirá no tramo da rúa Nardos entre Xoán Trobador e o Paseo Matutino así como nesta última rúa entre a saída de Nardos e a entrada a Feliciano Barrera, onde se atopan os Institutos Val do Tea e Pedra de Auga. En total a actuación abranguerá arredor de 1.100 metros de rúas e estradas e suporá un investimento de case un millón de euros, dos que 722.000 serán achegados pola Deputación de Pontevedra a través do plan ReacPon.

As actuacións suporán a recuperación para as persoas do tramo situado entre a Avenida de Galicia e a rúa Camelias, un treito de 200 metros que a través de beirarrúas moi estreitas conecta a Casa do Concello co Parque Ferro Ucha. Neste tramo a rúa pasará a ser plataforma única para o paseo e a estancia, con abundante arborado e mobiliario urbano, e a circulación de vehículos a motor reducirase a residentes, garaxes e servizos. O resto do percorrido dende o parque Ferro Ucha até o CEIP Ramiro Sabell suporá un novo reparto do espazo público. Até agora aproximadamente o 75% desta rúa estaba destinado aos coches, con dous carrís de circulación e un de aparcamento, e só un 25% aos peóns, con beirarrúas moi estreitas e sen arborado. Coa obra que se executará no vindeiro ano a zona de vehículos redúcese a un carril de circulación, en sentido de entrada a Ponteareas, e outro de aparcamento. O espazo que se gaña deste xeito permite crear unha plataforma de uso peonil e bicis duns cinco metros de anchura. Ademais, as dúas marxes da estrada contarán con arborado de gran porte e mobiliario urbano, prevéndose a plantación de case 200 árbores.

A actuación completarase co acondicionamento dun tramo da rúa Nardos, a carón do parque Ferro Ucha, unindo a estrada de Guillade co Paseo Matutino. Esta rúa unirase ao parque coa eliminación do actual peche e terá carácter peonil con tráfico limitado a autorizados. Para completar a actuación, crearase unha plataforma única de uso compartido entre vehículos e peóns con preferencia peonil no tramo do Paseo Matutino comprendido entre a saída de Nardos e a rúa Feliciano Barrera que dá acceso aos IES Val do Tea e Pedra de Auga.

Unha das finalidades principais do proxecto é crear o primeiro camiño escolar seguro de Ponteareas para promover o desprazamento a pé e en bici ao CEIP Ramiro Sabell e aos IES Val do Tea e Pedra de Auga. O proxecto, que agora se fará realidade, foi o resultado dun amplo proceso participativo coa comunidade educativa do CEIP Ramiro Sabell, que demandaba unha actuación destas características. Ademais, esta semana o goberno local presentou o proxecto definitivo á veciñanza e comunidade educativa nun acto na sala multiúsos do Auditorio Municipal.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, salientou que “esta obra vai transformar de xeito extraordinario unha rúa e unha estrada degradada, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspita, nun espazo público de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”. A rexedora lembrou que se trata dun percorrido cun grande uso social, utilizado por centos de persoas para achegarse aos centros educativos, ao parque Ferro Ucha e á futura Escola Infantil, ao cemiterio municipal ou a centros privados de ocio e sanitarios situados na zona ou para desprazarse camiñando á vila dende o Barral, Fontenla ou Arcos”.

A realización da obra leva aparellada a transferencia da titularidade do tramo da rúa Trobador Xoán García de Guillade da Deputación ao Concello de Ponteareas.

A Guarda homenaxea este sábado a Eliseo Alonso

0

O vindeiro sábado día 27 de novembro de 2021 A Guarda realiza unha homenaxe a Eliseo Alonso cun programa de actividades que arrancará ás 11:00h cun Pleno Extraordinario no Salón de Plenos no que se nomeará a Eliseo Alonso coma Fillo Adoptivo do Concello da Guarda.

Neste pleno tan especial contarase con familiares e achegados e os asistentes recibirán unha copia do seu libro “Gamelas e Mariñeiros”, traducido ao galego por Ramón Quiroga e editado e impreso pola Deputación de Pontevedra.

De seguido procederase á inauguración da Exposición de Filatelia, contando coas intervencións de Marta Verde Rodríguez, Secretaria da Sociedade Numismática e Filatélica Guardesa; Enrique Pérez Martínez, Presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas e Antonio Lomba, Alcalde da Guarda. Nesta exposición destacarán as coleccións “Entretenementos” de Marcelino Portela Lorenzo; “Ao son da gaita” de Marta Verde Rodríguez; “O fechador de 1842 en Galicia” de José Ángel Gándara Rodríguez; “Jack. Unha historia inacabada” de Teodosio González Ferreira; “Terra Australis Ignota” de Almudena Taboada Lago; “Izando velas, descubrimos e comerciamos” de Cristina Domínguez Rotea; “Lorca e a súa contorna” de Alfonso Dorado Senra e “Escritores galegos” de Antonio Martínez Martínez.

Tamén realizarase a inauguración dunha segunda exposición, titulada “Eliseo Alonso: Camiñando cara ao mar da Guarda”, no XXV cabodeano do seu pasamento, e que recolle, nunha serie de paneis e contidos, ademais dunha reseña biográfica, os eidos nos que Eliseo Alonso proxectou seu labor literario e xornalístico, tanto dende seu Goián natal, ata máis aló da nosa Terra, mar por medio. Quedará deste xeito plasmada nesta exposición parte do seu legado como escritor, etnógrafo, fotógrafo, poeta e xornalista, grazas ao traballo realizado pola Comisión da Homenaxe a Eliseo Alonso.

Estas exposicións estarán na Casa dos Alonso dende o sábado 27 de novembro ata o xoves día 9 de decembro, cun horario de visita de luns a venres de 11:00h a 13:00h e sábados, domingos e festivos en horario de 11:00h a 13:30h e de 16:00h a 19:00h.

Finalizados os actos na Casa dos Alonso, ás 13:30h está prevista a descuberta dunha escultura adicada a Eliseo Alonso no Paseo Marítimo da vila, unha peza en pedra elaborada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, un acto aberto a toda a cidadanía e que contará coa presenza de Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra.

O acceso aos actos na Casa dos Alonso realizarase con invitación previa debido a cuestións de aforo.

Gondomar convídanos a viaxar a Guinea Ecuatorial e Cincinnati co seu programa de cultura

0

O Auditorio Municipal Lois Tobío converterase esta fin de semana de novo no epicentro das actividades culturais previstas polo concello. Cinema e teatro que trasladarán ao público a recunchos tan diferentes como Guinea Ecuatorial e Cincinnati e as historias que os seus personaxes desenvolven nela.

Arrinca a programación este venres 26 coa proxección da película “Manoliño Nguema”, dirixida por Antonnio Grunfeld, e enmarcada no ciclo de cinema galego que o concello de Gondomar organiza en colaboración coa asociación Cineclub Val Miñor Alice Guy.

O venres a partir das 21.30 h. proxectarase esta película, premiada no Festival de cinema e televisión do reino de León e no Festival de Cinema Africano, que nos presenta a Marcelo Ndong, artista africano de sesenta anos, formado en España, concretamente en Galicia, e que agora dirixe un pequeno viveiro e unha gardería. Como noutras ocasións, debe montar unha obra de teatro que, esta vez, versará sobre a súa vida descubrindo momentos ben curiosos e esclarecedores.

O pano do Auditorio Municipal ábrese de novo o sábado 27, a partir das 21.30 horas, para acoller a representación “Un Vals para Cincinnati”, dirixida por Pedro Rodríguez, e protagonizada por Sheila Figueroa e Carlos Denis. A historia de Ana, unha moza que leva máis dun ano esperando a que regrese a súa parella que a deixou pola guerra. Cando perde a esperanza e está a piques de suicidarse, Jack regresa a casa e con eles o desenvolvemento da función.

Máis info: https://taquilla.concellodegondomar.gal.

O Museo de Pontevedra acolle o ‘X Encontro de Conservación e Restauración’

O ‘X Encontro de Conservación e Restauración’ que este ano se centra na ‘Xestión de riscos e emerxencias no Patrimonio Cultural’ comezou onte no Museo de Pontevedra coa intervención Ángel Luis de Sousa Seibane, da Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte, quen subliñou o cambio drástico de valor que ten o patrimonio cultural na xestión das emerxencias dende apenas hai unha década, cando sucederon os terremotos de Lorca (Murcia): de ser secundario pasou a ter a mesma consideración que as infraestruturas e as telecomunicacións.

Así o manifestou na súa conferencia ‘A xestión de riscos e emerxencias no patrimonio cultural; xénese e evolución dos instrumentos e estratexias, desde Lorca ao Plan Nacional de Emerxencias e Xestión de Riscos’, na que fixo un percorrido pola evolución sobre os instrumentos e estratexias coas que se dotaron as administracións públicas españolas para tratar con situacións imprevistas ou catástrofes naturais que podían afectar ao patrimonio.

De Sousa demostrou que Lorca significou antes e despois na política de protección do patrimonio cultural. Explicou que dende 2009 o Ministerio de Cultura sabía da necesidade de crear un equipo interdisciplinar disposto a actuar de forma inmediata en situacións de emerxencia, creouno en 2010 e seis meses despois aconteceu a sucesión dos terremotos en Murcia.

Explicou que grazas ao deseño do Plan de recuperación do patrimonio cultural que fixo a Unidade de Emerxencias estableceuse un debate sobre todo coa Delegación do Goberno de Murcia e Protección Civil sobre o concepto de emerxencia, que para eles e ata entón só abarcaba a posta en seguridade das persoas, mais non a posta en seguridade dos bens culturais como obriga a Constitución. “Ata Lorca ningunha administración pública de ningún nivel consideraba unha prioridade a protección do patrimonio cultural en situacións de emerxencia. A partir de Lorca logrouse ampliar o concepto de emerxencia e considerouse a protección do patrimonio cultural, supeditada á atención da poboación, ao mesmo nivel que a de recuperación de infraestruturas ou telecomunicacións. Ao ano seguinte en 2012 encomendouse ao Ministerio de Cultura o Plan de coordinación e apoio para a protección de bens culturais en caso de emerxencia. E dende entón o patrimonio cultural foise incorporando na xestión das emerxencias”, subliñou.

Os plans de salvagarda e a formación do persoal de emerxencias

O técnico do Ministerio tamén falou das liñas de actuación do Plan Nacional de Emerxencias, dende os programas de documentación aos de formación, a  creación de unidades de emerxencia nas comunidades autónomas ata a ferramenta fundamental na que se vai basear a política do futuro en canto a protección de patrimonio: os plans de salvagarda.

Falou do problema fundamental destes plans, que é a súa implantación, porque non só interveñen os medios propios da institución cultural afectada en cada caso, senón tamén axentes externos como Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, SUMA, ou as forzas e corpos de seguridade do Estado, que teñen que actuar cando a continxencia supera as capacidades internas. Apuntou que unha das liñas do Plan Nacional é a formación específica tanto para o persoal cultural como para o externo, para facilitar criterios e metodoloxía de intervención en patrimonio cultural, un labor que ten sido interrompida pola pandemia.

O X Encontro de Conservación e Restauración foi inaugurado na mañá de onte pola directora da Escola de Restauración Carme Lorenzo e o director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey. Este salientou o éxito das xornadas, que contan coa asistencia presencial de 120 persoas e en liña doutras 90 que participan dende países tan dispares como Italia, Bélxica, Estados Unidos, Brasil, Bolivia ou Exipto.

Patricia Costa, galardoada co ‘I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista’

0

A xornalista Patricia Costa (Redondela, 1981), especialista en xénero e medios de comunicación, vén de ser galardoada co ‘I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da Violencia Machista’ convocado polo Concello de Redondela e co que se quere recoñecer publicamente a ética á hora de tratar informacións tan sensibles como as relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e coidando a intimidade das vítimas e as persoas sobreviventes máis vulnerables.

A gala de entrega do premio terá lugar no auditorio do multiúsos da Xunqueira de Redondela este vindeiro venres, 26 de novembro, ás 20 horas nun acto que contará coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e concelleiras e concelleiros da Corporación Municipal redondelá. A xornalista e escritora Ledicia Costas será a encargada de presentar a gala que contará, amais, coa actuación musical de Zeltia.

O ‘I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no Tratamento da Violencia Machista’, convocado en setembro, está dotado con 1.500 euros en metálico e estaba aberto a traballos de diferentes xéneros xornalísticos sen límite de extensión e publicados en medios de comunicación entre o 1 de setembro de 2020 e o 31 de agosto de 2021. Patricia Costa recibirá o galardón por unha reportaxe sobre o funcionamento da ferramenta Viogén dende a Unidade de Atención á Familia e Muller de Leganés (Madrid), emitido no programa Tolerancia Cero de Radio 5 o 25 de xuño de 2021, un espazo pioneiro na loita contra a violencia machista.

A resposta á convocatoria desta primeira edición do Premio Sesé Mateo de Ética Xornalística, foi cualificada pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, como “todo un éxito” presentándose un total de 10 traballos chegados de todo o Estado.

Da boa acollida deste premio “que nace con vocación de continuidade”, afirma a concelleira de Igualdade “fala o feito que os traballos presentados abranguen os tres medios de prensa: escrita, radio e televisión”.

A alcaldesa Digna Rivas salientou “a dificultade que tivo o xurado” á hora de puntuar os traballos xa que todos eles “trataban a violencia machista fuxindo de matices sensacionalistas que, por desgraza, son buscados por algúns medios co único afán de incrementar os índices de audiencia o número de lectores”.

O Rosal despide novembro con teatro

0

O Rosal remata a súa programación outonal como a comezou, con teatro. Os Quinquilláns presentan este domingo a súa obra “A pluma viva de Rosalía” no Auditorio Municipal. A alcaldesa, Ánxela Fernández, anima á veciñanza a asistir a un espectáculo de balde para que “coñezamos de primeira man un episodio agochado da vida e obra de Rosalía de Castro ”.

“A pluma viva de Rosalía”, é unha montaxe teatral para todos os públicos a partir de 9 anos, e está baseada nun feito real de censura a un texto da autora de Follas novas. Arranca coa visita sorpresa de Rosalía de Castro á imprenta de Soto e Freire pola publicación de catro satíricos e retranqueiros textos seus. Ao chegar descubre que acaba de ser atacada por un grupo de 200 seminaristas contrarios á publicación destes artigos.

Así relata a situación un xornal da época: “Según escriben en Lugo, días pasados hubo una especie de tumulto que armaron los seminaristas. Parece que teniendo noticia que en el Almanaque de Galicia que está imprimiendo el señor Soto Freire, aparecía un artículo titulado El Codio, debido a la pluma de la señora doña Rosalía Castro de Murguía, avisaron al editor del susodicho almanaque para que eliminara el artículo, pues de otra manera le romperían los cristales de su casa”.

Damián Copena presenta o seu traballo sobre comunidades de montes, gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey

O mestre Damián Copena, veciño de Ribadetea e profesor de Economía da Universidade de Oviedo, estará este venres 26 de novembro en Ponteareas presentando o traballo que resultou galardoado co VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey. O acto será ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello, onde Copena falará sobre o ‘Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais en man común de Ponteareas’.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a participar na presentación desta interesante investigación, nomeadamente a aquela que está vinculada ou interesada na xestión dos baldíos ou montes en man común. O traballo, premiado con 3.000 euros, afonda no importante papel das comunidades de montes e do relevante valor da materia prima e ben común que xestionan. O xurado destacou os obxectivos realistas do proxecto, a súa gran profundidade científica, a importancia da economía ecolóxica e a posta en valor dos baldíos de Ponteareas.

A importancia dos premios de investigación Fermín Bouza Brey é, precisamente, “visibilizar traballos e estudos relevantes con base científica, rigorosos e mesmo aplicábeis á mellora do noso día a día”, salienta o edil. Este galardón está aberto a proxectos de investigación dos ámbitos da historia, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais que teñen como referente o municipio ponteareán e, de forma complementaria, a comarca do Condado.

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse chamando ao 986 669 765 ou enviando un correo ao enderezo electrónico [email protected]. A presentación do traballo será retransmitida por streaming a través da páxina de Facebook e da canle de Youtube do Concello.

Gondomar reivindica o papel do municipalismo na loita contra a violencia machista

0

A concelleira de Igualdade do Concello de Gondomar, Nuria Lameiro, xunto a técnicas do seu departamento e concelleiras do goberno leron o texto no que lembraron ás 37 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que levamos de ano, así como a aquelas mulleres non computadas pola lei ao ser asasinadas por homes cos que non mantiñan unha relación, e que aumentaría o número de mortas a 70, segundo datos das asociación de mulleres.

“Aquí estamos a facer fronte común ante as mensaxes ou as fake news que calan na sociedade pretendendo desdibuxar a violencia machista como tal. Violencia machista que desde as administracións, os partidos políticos, a sociedade, en xeral, debemos denunciar e loitar contra esas mensaxes desde a base, educando en valores de igualdade ás novas xeracións, ao noso futuro”.

O manifesto repasou “as outras cifras” relacionadas coa violencia machista como son o número de agresións sexuais grupais rexistradas este ano, a porcentaxe de mulleres que sufriron violencia sexual ao longo da súa vida ou o número de mozos que cren “que non existe a violencia machista, que é un invento ideolóxico”.

Pola súa banda o alcalde, Paco Ferreira, reiterou o compromiso “como administración local de axudar ás vítimas para saír desta situación” e engadiu que “os concellos, pola nosa relación directa coa nosa veciñanza, debemos converternos nun actor esencial en calquera política, pero especialmente, nas que inciden nas persoas e que neste caso avogan pola defensa das mulleres e a consecución da igualdade.

O acto clausurouse cun minuto de silencio e coa representación dunha coreografía preparada para esta xornada, na que durante a mañá o “Punto de Igualdade Vivo” do concello ofreceu información a todas e todos os interesados durante toda a mañá.

O Miño, anfitrión da ‘I Mesa Transnacional De Valorización Do Patrimonio Cultural Inmaterial’

O territorio do río Miño está a ser dende onte e ata mañá venres anfitrión da ‘I Mesa Transnacional De Valorización Do Patrimonio Cultural Inmaterial’ que conta con presenza de localidades  galegas, portuguesas, españolas e francesas. O encontro reúne os nove socios do proxecto europeo Interreg Sudoe Livhes, no que está presente o AECT Rio Minho, e pretende falar da cultura como elemento de desenvolvemento local co obxectivo principal de crear unha Guía de valorización do patrimonio cultural inmaterial (PCI).

A mesa de traballo xorde tras finalizar a identificación e selección de boas prácticas ao redor da posta en valor do  patrimonio cultura inmaterial. Pretende ser un foro para o intercambio e reflexión que ten como obxectivo crear unha guía práctica de valorización do  PCI, aplicando unha metodoloxía común para a valorización do patrimonio inmaterial e unha estratexia adaptada a cada rexión participante e ás realidades dos distintos territorios do  SUDOE.

Cada socio achegou ao proxecto dúas boas prácticas –una do propio territorio– para dispoñer dun amplo abanico de posibilidades de estudo sobre as medidas de mellora e a posta en valor de diversos patrimonios inmateriais para aprender deles. Tamén se construíron mapas de actores chave territoriais que xestionan, difunden e participan en diferentes manifestacións culturais relacionadas con festas, bailes, tradición oral ou artesanía que participan no proxecto achegando coñecemento e experiencia.

Ademais, os socios do proxecto  LIVHES deseñarán oito plans de acción para a súa implementación a medio e longo prazo nos oito territorios participantes. A experimentación e avaliación deste tipo de metodoloxías de traballo verase apoiada mediante as oito experiencias piloto que axuden ao desenvolvemento económico dos territorios participantes, a través da valorización do  PCI o seu salvagarda e transmisión e difusión do modelo no conxunto do Territorio  SUDOE.

O proxecto foi aprobado na última convocatoria do programa Interreg Sudoe, que se enmarca no Eixo 5 ‘Medio ambiente e eficiencia de recursos’. Participan nove entidades de España, Francia e Portugal, e quere responder a unha necesidade europea e un reto territorial compartido polas áreas escasamente poboadas do sur europeo, entendendo ao Patrimonio Cultural Inmaterial ( PCI) recoñecido pola Unesco como ferramenta de desenvolvemento.

Tesouros Humanos Vivos

No caso do AECT, o seu proxecto para a valorización e transmisión do Patrimonio Inmaterial do Miño transfronteirizo denomínase ‘Os Tesouros Humanos Vivos’. A través desta iniciativa quérese recuperar a memoria cultural galego-portuguesa miñota, pór en valor este importantísimo patrimonio inmaterial, pero tamén garantir a súa transmisión ás novas xeracións, evitando que estes coñecementos desaparezan.

O estudo do PCI do Miño realízase en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica ‘Ponte… nas Ondas!’, que está a traballar na documentación da cultura inmaterial do río Miño Transfronteirizo, un territorio que non se subscribe a un estado, senón a dous, pero que mantén unha identidade propia e común por riba das delimitacións políticas establecidas. Algunhas das temáticas que se abordan son a pesca e o río, a lingua (o goianés), a vida na montaña, o xogo tradicional, a cantiga, festa e romaría, e a gastronomía.

Para falar de todas estas cuestións no I Encontro Transnacional participarán o técnico do AECT Luís María Ulloa; o profesor da UFP Álvaro Campelo; o xefe do servizo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta Roberto Pena; o presidente da Asociaicón Oiueiro de A Guarda, Celso Fariñas; o director do Aquamuseu do rio Minho Carlos Antunes; a historiadora Natalia Jorge Pereira; e o presidente da Asociación Ponte… nas Ondas!  Santiago Veloso Troncoso.

Ata 2023

No proxecto de valorización do PCI, que durará ata a primavera de 2023, participan como socios o Pôle Métropolitain Pays de Béarn (FR),  Diputación de Teruel,  Diputación de Burgos (ES),  Fundació Institut Català de Recerca en Patrimoni Cultural (ES), Município de Barcelos (PT),  Universidad Pública de Navarra (ES),  Institut Occitan de Cultura (FR) , Communauté de Communes Pyrénées Haut Garonnaises (FR), e o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (PT-ES). Todas estas entidades están representadas estes días no Encontro, xunto a outros participantes como a xefa do servizo de Museos do Goberno de Navarra, persoal do Museo da Olaría, asociacións de valorización do patrimonio cultural de Euskadi ( Berztolaris), e do Museo da Pesca de Palamós, convidados polos socios.

Interreg  Sudoe é a iniciativa comunitaria relativa á cooperación  transnacional  suroccidental en materia de ordenación territorial e desenvolvemento rexional para o o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). 

Oia acolle en decembro un obradoiro de decoración floral de Nadal

0

O Centro Cultural de Santa María de Oia acollerá, durante o mes de decembro, un obradoiro de decoración floral de Nadal. A actividade está organizaba pola asociación Fibromiño e conta coa colaboración do Concello de Oia.

As persoas participantes neste taller de traballos manuais aprenderán a elaborar un centro de mesa co que decorar as súas casas durante as festas do Nadal. As sesións celebraranse os xoves 2, 9, 17 e 23 de decembro en horario de 15.30 a 17.30 horas.

A actividade é gratuíta e as persoas interesadas poden reservar a súa praza chamando aos teléfonos 616 12 99 60 e 600 05 21 84.

O sábado volve o curso de defensa persoal feminina promovido polo Concello do Porriño

A Concellería de Seguridade Cidadá do Concello do Porriño lembra que o vindeiro sábado 27 de novembro retomarase curso de Defensa Persoal Feminina, organizado polo Concello do Porriño, coa colaboración do Ministerio de Igualdade, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a Policía Local do Porriño.

As clases de autodefensa para as mulleres que xa se lles ensinaba antes da pandemia no Polideportivo Municipal, terán lugar agora nas instalacións do Ximnasio Jovhen Sport, na avenida Buenos Aires, 18.

O departamento que dirixe a concelleira Lourdes Moure convida a todas as mulleres interesadas, sen límite de idade, que queiran recibir esta formación, que será totalmente gratuíta e non é necesario rexistro previo.

“Só deberán acudir o sábado, ás 10:00 horas, con roupa de deporte e gañas de aprender”, declarou Moure Varela. “Non se precisan condicións físicas especiais”, afirmou a concelleira responsable de Seguridade Cidadá, que xa anunciou “eu mesmo acudirei e podo dicir abertamente que non estou en forma “, engadiu Lourdes Moure.

Os monitores do curso, que contarán coa colaboración de axentes da Policía Local, ensinarán técnicas de fácil asimilación para repeler os ataques máis habituais contra as mulleres.

Tamén a diferenza da convocatoria de 2019, nesta ocasión, o curso de defensa persoal feminina está aberto a mulleres dos concellos veciños. “Cando falamos de protección e formación das mulleres nesta materia non pode haber ningún tipo de barreira; as administracións públicas deben favorecer este tipo de iniciativas”, concluíu Lourdes Moure.

Mañá terá lugar o debate das ‘III Xornadas Contra A Impunidade’ da Deputación

A corrupción e o espolio e a represión económica franquista e a súa relación coa monarquía e a igrexa serán o centro do debate nas ‘III Xornadas Contra A Impunidade’ que se celebrarán mañá venres e o sábado organizadas polo departamento de Memoria Histórica da Deputación  de Pontevedra. As prazas presenciais están esgotadas dende hai máis de dez días, mais todos os relatorios poden seguirse en directo en liña a través de depo.gal.

A III edición das Xornadas contra a Impunidade do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra pretende afondar no coñecemento dos métodos utilizados pola ditadura para enriquecemento da cúpula franquista e das empresas que apoiaran o golpe, mais tamén, e sobre todo, debater sobre as repercusións que tivo após 1975, sen perder nunca de vista o padecemento que supuxo para as vítimas.

O primeiro día das xornadas centrarase no enriquecemento das empresas afíns ao franquismo con atención especial ás galegas, coa charla do xornalista Antonio Maestre. A continuación, o historiador Xosé Álvarez Castro abordará a represión económica contra as familias republicanas e como a corrupción e o enriquecemento ilícito impregnaron distintos estamentos do propio réxime. A seguinte charla, de Beatriz Busto,  estará orientada ao espolio cultural e a roubo do relato por parte do franquismo, que se esforzou en mudar os símbolos da identidade galega. Esa primeira tarde concluirá coa proxección do documental “Billy”, presentado por unha das súas vítimas, Miguel Ángel Gómez, Gus. Trátase de abordar a corrupción sistémica da ditadura e a inmobilidade de determinados estamentos após a morte de Franco. O sábado 27 de novembro, a xornada comeza coa charla de Rebeca Quintáns, autora da biografía de Juan Carlos I, pioneira no estudo da corrupción na monarquía. A continuación, Xosé Ramón Rodríguez Lago falará dos beneficios que supuxo para a Igrexa a súa complicidade coa ditadura. Xa tras o café, Araceli Freire falará da resistencia que o pobo galego e nomeadamente as mulleres puxeron ao espolio dos recursos públicos, especialmente do monte en man común, e a xornada matinal remata cunha mesa redonda na que participan descendentes de familias espoliadas que asumiron a herdanza de transmitir a memoria.  O punto final da cita chegará cunha viaxe de memoria a Baiona e Oia.

Nigrán ofrece este sábado un concerto e unha masterclass a cargo do afamado Jean-Michel Pilc

0

O Concello de Nigrán reforza a súa ligazón co jazz ofrecendo este sábado 27 de novembro un concerto do pianista internacional Jean-Michel Pilc e unha masterclass. O músico e educador francés afincado en Canadá tocou no festival Nigranjazz 2019, ten lanzado tres aclamados discos de piano en solitario (o último no 2018) e forma parte dun conxunto de referencia mundial xunto ao baixista François Moutin e o baterista Ari Hoening. Aproveitando a súa estancia en Galicia para gravar un álbum co saxofonista afincado en Nigrán Xosé Miguelez editado pola discográfica americana Origin Records, o Concello ofrecerá un concerto gratuíto e en solitario ás 20:30 no Auditorio Municipal e, previamente, ás 16:30, unha master-class ao seu cargo con inscrición previa no mail [email protected] e un custe de 15 €.

“É un dos pianistas máis aclamados mundialmente e un reputado profesor de música en Canadá, así que desde o Concello non dubidamos en traelo tendo en conta que está en Galicia e que dispomos do noso propio piano de cola, o que nos permite organizar este concerto único en España”, sinala o alcalde, Juan González. Pola súa banda, o profesor da actividade municipal de Música, Manuel Cebrián, incide na gran oportunidade que supón para calquera músico asistir a unha master-class de Pilc, profesor asociado de piano desde 2015 na Univerdade McGill en Montreal e anteriormente na New York School. “Ningún pianista ou afeccionado ao piano da comarca se debería perder esta oportunidade de aprender dun músico e educador recoñecido mundialmente”, subliña.

Na súa longa traxectoria, Jean-Michel Pilc (París, 1960) tocou con numerosos xigantes de jazz como Roy Haynes, Billy Hart, Michael Brecker, Dave Liebman, Jean Toussaint, Rick Margitza, Kenny Werner, Marcial Solal, Michel Portal, Daniel Humair e Marcus Miller, Kenny Garrett, Lenny White, Chris Potter, John Abercrombie, Mingus Big band, Lew Soloff e Richard Bona, entre outros. Tamén traballou con Harry Belafonte como o seu director musical e pianista, e fixo un dueto coa lendaria cantante de ópera Jessye Norman.

O renombrado trío de Jean-Michel, co baixista François Moutin eo baterista Ari Hoenig é unha das formacións de referencia no jazz internacional. Jean-Michel lanzou tres álbums de piano en solitario aclamados pola crítica e un novo álbum en solitario, Parallel, publicado por Challenge Records en xuño de 2018.

Ten unha sólida reputación como educador. De 2006 a 2015 foi membro da facultade de NYU Steinhardt.Tamén actuou como co-director do Summer Jazz Workshop de NYU en 2010. Ensinou para New School en Nova York e desde setembro de 2015 é profesor asociado na Universidade McGill en Montreal.

Redondela leva aos institutos a necesidade de traballar pola igualdade con ‘Non deixes que te enREDen’

0

“A loita pola igualdade e a erradicación da violencia machista ten que comezar polo ensino e inculcar eses valores entre a poboación máis moza”, sinalou a alcaldesa Digna Rivas que onte asistiu no IES Illa de San Simón a unha das charlas que, baixo o lema ‘Non deixes que te enREDen’, quere poñer de manifesto a gravidade da violencia machista entre parellas adolescentes.

As charlas, que comezaban o luns 22 no IES de Chapela continuaban o martes, 23 de novembro no IES Floriani para desenvolverse onte mércores 24 de novembro no IES Illa de San Simón e pecharse, o venres 26 de novembro, no IES Mendiño.

A Concellería de Igualdade, que xestiona Iria Vilaboa, insistiu na importancia que ten o feito “que a poboación máis interiorice a necesidade de acadar unha igualdade real entre homes e mulleres como paso fundamental para erradicar a violencia machista”.

A diminución da idade nas agresións sexuais e a violencia machista nas súas máis diversas facetas –violencia psicolóxica, física, control, chantaxe ou acoso a través das redes sociais– é un feito e “só con iniciativas que involucren ao sector máis novo da sociedade, seremos quen de conseguir eliminalas e comezar a construír un mundo máis xusto e unha sociedade máis igualitaria e decente”, afirmou a alcaldesa de Redondela.

Digna Rivas lémbralle a mocidade que o que se escribe nas redes sociais ou mensaxes que se intercambian polos sistemas de mensaxería instantánea, “poden ser tamén constitutivas de violencia machista”. A alcaldesa e a concelleira de Igualdade insistiron en que “aínda que a violencia física é a máis visible, outras violencias poden ser exercidas a través das redes sociais ou whatsapp, como o acoso, o control ou a violencia psicolóxica que non deixan de ser diversas formas dun mesmo problema: a violencia machista”.

Luis Piña presenta o I Trofeo Ciclocross Concello da Cañiza

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, presentou onte pola mañá este I Trofeo Ciclocross Concello da Cañiza, acompañado de Tito Ramírez, Verónica Romero e Tino Muñoz, organizadores do evento e membros da directiva do clube cañicense e do entrenador da Federación de Ciclismo de Galicia, Alberto del Río.

Este trofeo está incluído dentro da Copa Galicia de Ciclocross, organizada pola Federación Galega de Ciclismo, con categoría 1.33.5 puntuable para o Ranking de Ciclocross da Real Federación Española de Ciclismo.

O circuito de 2.700m,  preparado na zona do Camping Carballo do Marco, albergará por primeira vez unha proba ciclista de ciclocross.  Conta con dous boxes de material individual e unha zona de lavado de bicicletas, un máximo de 2 obstáculos artificiais e varias zonas de escaleiras polas que transitarán os ciclistas. Ademáis conta cunha zona de chamada e saída anexa á saída e meta, un posto de primeiros auxilios e dentro do Camping Municipal, a zona de Podium.

Ata o momento están inscritos case 400 participantes que competirán a partires das 14:00h polos primeiros postos no circuito «Carballo do Marco» acondicionado na zona do camping e arredores. Esta zona quedará cortada ao tráfico entre as 10h da mañá e as 19h.

A proba está aberta para as categorías de ELITE-SUB23 masculino e feminino; JUNIOR masculino e feminino; CADETE masculino e feminino; MASTER 30/40/50 feminino  e  MASTER 30/40/50/60 masculino.

O Trofeo comezará ás 14:00 coa proba CADETE E CADETE FEMININO.  Continuará ás 15:00h coa proba na categoría  ELITE/SUB-23, JUNIOR MASCULINO  ELITE/SUB-23 E JUNIOR FEMININO, seguida, ás 16:00h pola categoría MASTER 30/50/60 masculino e  MASTER feminino. Ás  17:00h comezará a última  proba na categoría MASTER 40. 

O evento conta con todas as medidas de seguridade do Clube organizador e da Federación Galega de Ciclismo. Disporá de marcaxe específica para a proba así como protección en vallas e arborado ao longo de todo o percorrido e cumple co protocolo COVID para seguridade dos participantes, asistentes ao evento e para a organización.

A ponteareá Melania Rodríguez, bronce no Campionato do Mundo de trampolín

A ponteareá Melania Rodríguez continúa a escribir a súa historia no mundo da ximnasia. A deportista, de tan só 20 anos, acaba de participar en dúas finais do Campionato do Mundo de ximnasia de trampolín que se celebrou en Bakú (Acerbaixán), logrando o bronce na especialidade de dobre minitramp. O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, quere “dar os parabéns a Melania e ao seu equipo por estes magníficos resultados”, e afirma que “a deportista é un marabilloso exemplo de superación, esforzo e constancia para todos os mozos e mozas que queren triunfar no deporte no noso concello”.

A deportista obtivo a terceira mellor puntuación, 69.600 puntos, por detrás da sueca Lina  Sjoeberg (70.900), que logrou o seu terceiro mundial consecutivo, e a estadounidense  Shelby  Nobuhara (70.000). Un resultado que reforza as súas posibilidades para participar nos Xogos Olímpicos de París do 2024. “Con estes resultados Melania únese a longa lista de deportistas de éxito estatal cos que conta Ponteareas”, destaca Bouzó.

Con só 20 anos, ademais destas dúas finais, Melania Rodríguez ten no seu palmarés, entre moitos éxitos, un podio no Campionato do Mundo de ximnasia no 2018 e dous títulos europeos júnior consecutivos. Unha carreira chea de éxitos, malia as lesións. No ano 2019 sufriu unha fractura no metatarsiano, e despois un accidente de tráfico que lle impediron participar en tres das copas do mundo que se celebraron, fundamentais para clasificarse para os Xogos Olímpicos de Tokio.

Salvaterra de Miño da a coñecer o programa de actividades para o 25N

O Concello de Salvaterra de Miño vén de dar a coñecer as distintas accións que desenvolverá con motivo do Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e que terán como lema O amor non Golpea, Acariña!, slogan gañador do ano pasado no Concurso contra a violencia de xénero organizado co alumnado do IES Salvaterra.

Dende o Concello reiteran o compromiso para loitar pola erradicación das violencias contra as mulleres, mostrando, ademáis, “o firme rexeitamento de quen as exerce e da complicidade de quen as silencia”.

Por ese motivo o Concello convoca a toda a veciñanza a unha concentración, na Praza do Concello, o día 25 de novembro ás 12 horas, Co fin de facer máis visible esta loita durante esta semana o balcón do Concello lucirá de cor violeta.

A través do Programa de Educación e Intervención Familiar do Departamento de Servicios Sociais, dentro da súa campaña en prol da loita contra esa lacra que nos asola como é a violencia de Xénero e, entre as distintas accións con carácter preventivo e educativo que se levan a cabo, convoca un ano máis (XI edición xa), un Concurso de lemas ou slogans dirixido ao alumnado do IES de Salvaterra, co fin de mellorar a convivencia en sociedade transmitindo fundamentalmente valores como a igualdade, a tolerancia, a non violencia e desmitificando estereotipos, aspectos todos eles que adoitan atoparse na base da violencia machista.

Téntase con elo promover un cambio de mentalidade, transmitindo outros valores e co fin de erradicar a violencia de xénero. O proxecto consiste en confeccionar material, entre outros uns marcapáxinas que logo se difundirán entre os máis novos e que conteñen o lema ou slogan gañador do concurso ademáis dalgúns números de teléfono e enderezos dalgūns dos recursos que existen para abordar o problema.

A idea xurdiu e mantívose porque entende o Concello que, “ademais de ser un soporte atractivo, informativo e moi útil, tén unha perdurabilidade no tempo mantendo a vixencia da mensaxe así coma dos recursos”.

De feito o Concello de Salvaterra leva anos traballando cos máis novos na prevención deste tipo de violencia a fin de que, dende idades tempranas, se establezan as bases para relacións sans e saudables porque eles, son o noso futuro.

Asimesmo na actualidade trabállase tamén coa subvención do Pacto de Estado do Ministerio de Igualdade, Goberno d España, creado específicamente para esta causa e en virtude da cal, ao longo deste ano e o vindeiro, desenvolveranse distintas accións. Igualmente en numerosas ocasións conmemóranse tamėn outras datas como por exemplo o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, tratando en todos os casos de reforzar a igualdade, aspecto que se considera clave e cuya ausencia atòpase na base de situacións de violencia de xėnero.

Para este vindeiro ano preténdese levar a cabo unha certame que traballe este aspecto tan clave e esencial da igualdade, implicando á mocidade a través dos novos medios e tecnoloxías. En todo momento trátase que, na medida do posible, sexan accións que perduren no tempo, posto a violencia de xénero aparece en calquera momento

Ademáis, nestes momentos de pandemia, este tipo de accións cobran incluso maior importancia. Situacións de crise como a actual con emerxencias sanitarias, sociais, restriccións, confinamentos, así como todo o que isto trae asociado, levan aparelladas situacións de estrés engadido, precariedade económica, social, acentúansen os problemas na convivencia e, desgraciadamente tamén, se está comprobando que garda relación cun incremento da vulnerabilidade para as mulleres.

Leticia Gallego denuncia a “falta de compromiso” da Xunta co comercio ao reducir en 5 millóns a partida para o sector nos orzamentos

A portavoz de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, denunciou onte a “mala xestión” e “o pouco que lle importa á Xunta” o sector do pequeno e mediano comercio en Galicia. Como mostra desta falla de compromiso, a deputada do PSdeG que a partida para o sector dentro dos orzamentos do ano que vén baixe en máis de cinco millóns de euros, o que, ao mesmo tempo, demostra que “o comercio non é un sector estratéxico para a Xunta”.

De maneira paralela, Leticia Gallego sinalou que, “por se isto fóra pouco”, no primeiro semestre do ano, a Xunta só executou o 7 por cento do orzamento para  ordenación, regulación e promoción do comercio de Galicia. Con datos como estes, “o goberno de Feijoo amosa unha despreocupación total polos nosos comerciantes nesta etapa que estamos a vivir”.

Leticia Gallego realizou estas afirmacións durante a súa intervención no Parlamento de Galicia, onde se debatía unha proposición non de lei do PSdeG na que se solicitaban medidas de apoio ao sector. O PP votou en contra de incrementar do orzamento no programa de ordenación, regulación e promoción do comercio interior.

Con todo, si apoiaron o resto das propostas que se recollían na proposición non de lei do PSdeG. En concreto, instar á Xunta a fomentar a orientación, información e asesoramento ao sector comercial galego, así como a formación continúa en dixitalización no sector do comercio “para que non quede atrás”.

Tamén se respaldou a proposta socialista para elaborar campañas e promocións para que a xente moza merque no pequeno e mediano comercio e un programa para fomentar o relevo xeracional no sector.

Leticia Gallego lembrou que “con carácter xeral” os comercios de Galicia tiveron unhas perdas superiores ao 20 por cento, “que xa comprometen en moitos casos a viabilidade do proxecto comercial”. Para máis, “a media de perdas acadadas sitúase entre o 30 e o 40 por cento”.

Neste escenario, Gallego recordou que no 2020 pecharon 1.384 negocios de traballadores autónomos en Galicia, e que en 2021 están a empeorar todos os marcadores rexistrados. Así, só no mes de xaneiro deste ano pecharon 836 negocios, unha media de 25 peches ao día.

Con este pano de fondo, Leticia Gallego instou á Xunta a actuar para “favorecer a reactivación económica de Galicia cando comezamos a camiñar cara á nova normalidade”. Neste obxectivo, considerou fundamental axudar ao comercio de proximidade e aos autónomos, que “necesitan respaldo para poder reabrir, xerar emprego e posibilitar que as familias teñan ingresos mes a mes”.

Aumento das axudas para asociacións e federacións de comercio

Con este obxectivo, a deputada socialista enumerou as propostas do PSdeG co “ánimo de cooperar para axudar a saír desta crise ao sector do pequeno e mediano comercio”. Entre elas, reclamábaselle ao goberno galego un aumento na cantidade das subvencións para as asociacións e federacións do pequeno e mediano comercio, xa que “a falta de liquidez das asociacións non lles permite levar a cabo as accións que o comercio precisa nesta situación de crise económica”.

Nesta liña, Leticia Gallego subliñou que as axudas para reducir o impacto da covid resultaron “totalmente insuficientes, incluso ínfimas, e chegaron moi tarde”. De feito, “o único que fixo goberno de Feijoo foi o Bono Activa Comercio, que non está a ter toda a eficacia que se cría” e por iso se viron obrigados a ampliar o prazo.

Ao fío disto, Leticia Gallego tamén puxo en evidencia a “indignación das asociacións e federacións de comerciantes” pola lentitude da administración á hora de conceder as subvencións convocadas este ano. Esta circunstancia propiciou que a resolución de varias convocatorias se comunicase a poucos días de que rematase o prazo para xustificalas.

Nigrán estrea desde o mes de decembro a súa primeira escola de teatro municipal

0

O Concello de Nigrán amplía a súa oferta cultural creando unha nova escola municipal de artes escénicas a través da compañía local Teatro do Ar. Deste xeito, os interesados en participar neste proxecto aberto a todas as idades poden inscribirse este xoves e venres (25 e 26 de novembro) de 10:00 a 13:00 no Auditorio Municipal, tendo o curso un custe total de 75 €. As clases arrancarán na vindeira semana (serán os xoves e venres) e o número de prazas é de 80 divididas en 6 grupos de idade (10 para nenos e nenas de 3 a 5 anos e 15 para os grupos de 6 a 11 anos, de 12 a 18 e de 18 en diante). As prazas irán cubríndose por orde de solicitude, estando pendurada na web municipal toda a información. O grupo Teatro do Ar creou un vídeo promocional nas súas redes que pon en valor patrimonio natural do Concello e na que os interesados poderán coñecelos mellor.

O teatro leva sendo un habitual nas programacións culturais de Nigrán dos últimos anos e o Concello tomou boa nota, por iso lanza xunto ao grupo local, Teatro do Ar, unha nova escola que se suma a música, pintura ou cerámica. O alcalde, Juan González, anima á veciñanza “a sumarse a unha escola innovadora, formada por xente de Nigrán, e aberta a todas as idades”, ao tempo que afirma que o Auditorio Municipal sempre estará “dispoñible para poder desfrutar dos resultados da súa aprendizaxe coas súas actuacións”.

A escola estará dividida en grupos segundo a idade e o nivel do alumnado, haberá clases para nenos e nenas de 3 a 5 anos e de 6 a 11 anos, para mozos e mozas de 12 a 18 e para adultos. O profesorado estará formado por membros de Teatro do Ar, entre eles un mestre de Estudios Superiores de Teatro, unha graduada en interpretación e con experiencia en teatro e televisión, un actor que ten nas súas costas aparicións en películas e series, dúas actrices especializadas en traballar con nenas e nenos e un escritor e dramaturgo.

O director de Teatro do Ar, Pedro Rodríguez, agradece ao Concello “a súa aposta polas artes escénicas” e avisa á veciñanza de Nigrán que “quen empeza no teatro adoita a volverse adicto aos escenarios”. Ademais engade que “creamos unha escola na que aprenderemos a ser actores e actrices, pero que tamén nos axudara a mellorar na nosa vida diaria reducindo a nosa timidez, axudándonos a falar en público, aprendendo a traballar en grupo e mellorando a nosa memoria”.

A Asociación Ecos do Folón toma partido contra a violencia de xénero

0

O Rosal declárase un ano máis en contra da violencia de xénero e de calquera tipo de agresións. Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello pon en marcha unha nova edición da exposición ‘Eu tomo partido, e ti?’, que este ano está protagonizada por integrantes da Asociación Músico-Cultural Ecos do Folón.

No proxecto ‘Eu tomo partido, e ti?’ xa se involucraron deportistas locais, profesorado dos centro educativos rosaleiros, profesoras da escola infantil A Galiña Azul, xogadores do Acanor Novás Valinox, integrantes da Agrupación Musical do Rosal, a directiva do Club Ciclista do Rosal e agora Ecos do Folón.

Nesta ocasión son dez persoas que dan a cara sumándose a un proxecto co que se pretende loitar contra a violencia exercida contra as mulleres e protagonizando as fotografías que xa poden verse na Casa Consistorial. O Concello quere agradecer a colaboración de Ecos do Folón con esta iniciativa, así como a súa implicación non só coa vida social e cultural senón tamén co futuro do Rosal.

Precisamente, despois dun ano moi duro e con moitas complicacións debido á crise sanitaria, a Coral Ecos do Folón volverá subir aos escenarios o vindeiro mes de decembro. O día 11, ‘A música continúa’ no auditorio municipal do Rosal, que acollerá o XI Concerto Coral Ecos do Nadal, no que a coral da asociación estará acompañada polo Coro Passionato de Tomiño. 

O II Ciclo de conferencias ‘Aida Fernández Ríos’ chega aos centros escolares de Tui

0

O II Ciclo de conferencias “Aida Fernández Ríos”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega a próxima semana aos centros escolares da provincia con cinco charlas adaptadas ao público mozo. Deste xeito, arranca o segundo bloque do ciclo que espallará a ciencia entre o alumnado de 4º da ESO e bacharelato de centros de Tui, Bueu (2), O Grove e Silleda da man de cinco mulleres referentes en distintos eidos científicos.

As charlas comezarán o luns 29 de novembro no IES Indalecio Pérez Tizón (Tui) cunha conferencia titulada “Bacterias comeplásticos” a cargo de Sabela Balboa, investigadora distinguida no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC. Nela falarase de como buscar certas bacterias que son capaces de degradar os plásticos e poder eliminalos así do medio ambiente. A semana seguinte, o xoves 9 de decembro, Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da UDC, achegarase ao IES Illa de Ons (Bueu) para deixarlle claro á mocidade que “A intelixencia artificial non é ciencia ficción” senón que está presente en case todos os campos, dende a educación ata o emprego, e incluso está a mudar a forma na que as persoas nos relacionamos.

O venres 10 de decembro o IES Monte da Vila (O Grove) acollerá unha charla que porá o foco no “Obxectivo saúde: a revolución dos alimentos”. A ponencia correrá a cargo de Isabel Medina, profesora de Investigación do Instituto de Investigacións Marinas do CSIC, e centrarase nas variacións -a nivel anatómico e fisiolóxico-que as eleccións alimenarias e o cambio climático provocaron no organismo dos seres humanos. Xa o luns 13 de decembro o alumnado do IES Pintor Colemiro (Silleda) acudirá á charla “As matemáticas que pesquei na ría de Pontevedra”, da decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez. Nela compartirá co alumnado a experiencia no proxecto “Marzo, mes das matemáticas”.

A última das charlas terá lugar o luns 20 de decembro no IES Johan Carballeira (Bueu) da man de África González, catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo. A profesora descubrirá ao alumnado do centro que é a vacinación e os pasos necesarios para desenvolver vacinas eficaces contra un patóxeno nunha charla titulada “Potencia ás túas defensas: vacínate!”.

Con estas charlas péchase a segunda edición do ciclo que rende homenaxe co seu nome á  bióloga viguesa Aida Fernández Ríos e que xa desenvolveu dez conferencias destinadas ao conxunto da cidadanía entre os meses de abril e xuño. Nelas versouse sobre a muller e a ciencia, a contaminación por microplásticos ou as adegas circulares para espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsou o labor científico en Galicia.

Uns 140 xogadores disputarán en Ponteareas o Campionato de España de Bádminton sub-15

Ponteareas converterase esta fin de semana en epicentro do bádminton a nivel nacional. O Complexo Deportivo Álvaro Pino acolle os días 26, 27 e 28 de novembro o Campionato de España de Bádminton sub-15, unha proba organizada polo Club Bádminton As Neves co apoio do Concello de Ponteareas que reunirá durante estes días na vila arredor de 140 xogadores e xogadoras.

“Para nós é un orgullo ser de novo a sede dun campionato deste nivel e abrir as portas de Ponteareas a deportistas de toda a xeografía española”, explica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó. Á presentación contou coa presenza do edil de Deportes das Neves, Óscar González; do presidente da Federación Galega de Bádminton, Rodrigo Sanjurjo; e do adestrador do Club Bádminton As Neves, Pablo Méndez.

A competición comezará o venres 26 coas primeiras rondas do campionato entre as 11.00 e as 20.00 horas, dezaseisavos de final para as e os competidores individuais masculino e feminino e oitavos de final para dobres. Os partidos continuarán o sábado 27 de 11.00 a 20.00 horas distribuídos en 4 pistas e o domingo celebraranse as finais en horario de mañá. A entrega de premios contará coa participación de membros do Goberno local, así como do presidente da Federación Española de Bádminton, Andoni Azurmendi, e do presidente da Federación Galega.

É o sexto evento nacional que organiza en Ponteareas o Club Bádminton As Neves, que se amosa moi optimista coas posibilidades das xogadoras e xogadores locais. “Nós participamos con 5 deportistas na categoría individual e con dúas parellas de dobres e agardamos que consigan unha boa clasificación, porque levar medalla na casa sempre é un orgullo”, salienta Pablo Méndez. 

Debido á situación sanitaria o campionato non estará aberto ao público en xeral, pero poderá seguirse en streaming a través da canle de Youtube da Federación Española de Bádminton.

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo volve celebrar o seu concerto anual de Santa Icía

Este sábado 27 de novembro, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo celebra o seu habitual  concerto en homenaxe a Santa Icía,  patroa dos  músicos. Este ano, o acto non poderá celebrarse no auditorio do Centro Cultural de Xinzo por razóns de espazo, polo que o concerto celebrarase na Sala Multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo ás 19:00h.

A última vez que a Banda de Xinzo ofreceu este concerto foi no 2019, motivo polo que este ano será aínda máis especial. No 2020, a banda non puido celebrar esta data como cada ano debido á grave situación marcada pola pandemia da COVID-19.

Ao  comezo do concerto deste sábado, a banda presentará ós seus novos integrantes, un total de dez músicos de diferentes modalidades: Sara Gamote e Claudia Gregores de frauta;  Uxía Lavandeira, Sara Bernárdez e Laura Bargiela de clarinete; Uxía Otero e Antía García de saxofón; Cristian Romero de trombón; Rodrigo Represas de percusión, e Nahír Domínguez de oboe.

Ademais, ao rematar o concerto terá lugar a tradicional cea cos músicos, socios da banda e todos aqueles que se inscribisen para asistir no restaurante Manolo (O Porriño).

Gondomar premia o consumo no comercio local

0

A campaña, promovida pola concellaría de Comercio, desenvolverase entre o 1 de decembro e o 6 de xaneiro, coincidindo coa campaña de Nadal. Como novidade, este ano non será precisa a inscrición previa por parte dos establecementos que se queiran sumar á campaña. Unicamente deberán entregar o ticket de compra aos clientes, que se queren entrar no sorteo deberán depositalo nunha caixa de correos que se habilitará con este fin na Praza Paradela.

Ao finalizar a campaña procederase a o sorteo de premios valorados ata 1000 euros, repartidos en cheques-regalo que se poderán trocar de novo no comercio local, “alongando o consumo máis aló da campaña das festas e fomentándoo durante todo o ano”.

“O comercio é un dos moitos sectores que se viron afectados pola pandemia e a recuperación económica que afrontamos despois. Desde o goberno local non nos esquecemos deles e seguimos promovendo actividades que sirvan para revitalizar as compras nestes establecementos e promocionalos como referentes non só agora nas festas, se non sempre”, apunta o alcalde Paco Ferreira.

A “No Nadal, merca en Gondomar”, sumaranse outras iniciativas que perseguen este mesmo obxectivo como será o I Concurso de Decoración de Nadal ou o xa tradicional “Mercado de Nadal”, reforzado polo amplo programa de actividades culturais que se desenvolverán durante o próximo mes.

Firme aposta pola igualdade e contra a violencia de xénero en Salceda de Caselas

A Concellaría de Igualdade de Salceda, que dirixe a tenente de alcaldesa, Loli Castiñeira, está a desenvolver numerosas iniciativas que se ven intensificadas estes días por mor da celebración do Día da eliminación da violencia de xénero o vindeiro 25 de novembro.

Deste xeito, dende o Concello púxose en marcha o programa Diana, dotado con máis de 7.000 €, que permitiu levar a cabo actividades como a charla-simposio que Mª Xosé Queizán ofreceu por mor do día internacional contra a trata que se celebra o 29 de setembro, o concurso de curtas e o taller audiovisual que impartirá a directora Marta Piñeiro no IES Pedras Rubias no mes de decembro ou o concurso de fotografía con temática da violencia de xénero organizado para conmemorar o 25 de novembro.

Salceda participa tamén nas actividades que leva a cabo o GDR Condado Paradanta, como a andaina solidaria “O rural contra a violencia de xénero” que se celebrou o pasado 13 de novembro, ou a charla “As mulleres nos medios de comunicación” impartida pola xornalista de Si Radio Eva Míguez no CEP Altamira o pasado 22 de novembro.

Por outra banda, a alcaldesa Verónica Tourón e Loli Castiñeira, acudiron tamén ao acto de Violencia Zero organizado pola Deputación de Pontevedra o pasado 19 de novembro.

Para conmemorar o 25 de novembro, dende a Concellaría de Igualdade preparáronse diferentes iniciativas como son a colocación de pancartas e cartelería, a participación un ano máis na campaña “En Negro contra a violencia de xénero”, a iluminación da fachada do Concello de cor morada durante toda a semana, a difusión dun vídeo sobre a igualdade nas redes sociais do Concello ou a emisión todos os días ás 21.00 de cancións cun especial simbolismo de loita contra a violencia. “Matriarcas”, de Guadi Galego; “Tempestades de Sal” de Sés e “Mártires” de Xoana son as cancións escollidas que soarán polo fío musical. Todos estes actos completaranse coa concentración que se celebrará na Praza do Concello o propio 25 de novembro ás 17 horas na que se lerá un manifesto.

Loli Castiñeira, Concelleira de Igualdade: “As administracións públicas temos que seguir a facer un esforzo importante por visibilizar un grave problema como é o da violencia de xénero, no que as mulleres seguen a ser castigadas polo simple feito de ser muller. A sociedade está cada día máis concienciada coa situación, e o obxectivo ten que ser sen dúbida algunha a tolerancia cero ante este tipo de agresións. Por nós non vai quedar”.

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda de Caselas: “A igualdade é transversal e debe ser unha bandeira de vida, desde as administracións temos a obriga de darlle a máxima visibilización e defender cada día os dereitos das mulleres que están a sufrir ataques constantes. Debemos ser exemplo para as futuras xeracións”.

Alberto Fortes presenta mañá en Tui a novela “A viaxe xeométrica de Domingo Fontán”

0

Mañá xoves, 25 de novembro, ás 19.30 h a Biblioteca Municipal de Tui acolle a presentación da novela “A viaxe xeométrica de Domingo Fontán” recentemente editado por Edición Laiovento. A novela é unha obra do escritor pontevedrés Alberto Fortes que ten cultivado obras de aventuras, novela negra ou novela histórica, entre elas “Memorial de a bordo” (2003) ou “Los viajes de Shackleton a la Antártida” (2014). Neste novo título a súa habilidade coa escritura e o seu amplo coñecemento da historia de Galicia no século XIX.

Na presentación de mañá xoves, amais do autor, participarán Enrique Cabaleiro González, alcalde de Tui; Rafael Sánchez Bargiela, técnico do arquivo, biblioteca e museo de Tui; Manuel Vázquez de la Cruz, da asociación Levada libre, e Afonso Ribas, coordinador de edicións Laiovento. Abrirán o acto Silvina Bouza e Carlos de Julito, frauta traveseira e guitarra respectivamente. Pechará Mijail Ghanime Comesaña, guitarra e canto.

Este libro dá conta da monumental tarefa que o xeógrafo de Portas levou adiante entre 1820 e 1834 debuxar un mapa de Galicia segundo os métodos científicos, nunha fermosa aventura polos máis esgrevios cumios da nosa terra, facendo unha especial recreación do levantamento da antiga provincia de Tui, que Fontán fixo xunto con Xosé Dionisio Valladares nos meses de maio e xuño de 1829. En Tui son atendidos por Francisco Avila y La Cueva que era arquiveiro da catedral e tenente realista e autor dunha coñecida Historia Civil y Eclesiástica de Tui. Eran anos de persecución política aqueles da chamada década ominosa de Fernando VII, o peor Rei que tivo España en toda a súa historia. Fontán estivera do ano 23 ao 26 expulsado da súa cátedra e Valladares, pai dos escritores galegos Marcial e Avelina, estaba aínda impurificado polo réxime e polo tanto nunha situación persoal moi delicada. Por outra banda Tui fóra dende 1820 sede dun movemento apostólico de inspiración carlista, do que Ávila formará parte. O encontro dos tres personaxes na cidade de Tui adquire por todo iso unha dimensión que vai moito máis alá do cartográfico.

A novela é pois unha magnifica achega á figura de Domingo Fontán (1788-1866) ilustrado, matemático, político e xeógrafo. Das múltiples actividades de Domingo Fontán, sen dúbida hai que destacar, no campo científico, a súa obra mestra: A Carta Xeométrica de Galicia. Iniciada en 1817, terminou en 1834, despois de 17 anos de intenso traballo no que colaboraron José Valladares, o topógrafo Domingo Laredo, o profesor Manuel Rufo Fernández e o seu irmán Andrés. Contou tamén con aparellos, algúns deles traídos do estranxeiro polo seu mestre D. José Rodríguez. A Carta a levou a cabo construíndo unha malla triangular con vértices nos cumes dos montes e promontorios, unha trama de rectas e ángulos con referencia na Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, como punto cero. Realizada a escala 1:100000, nela utilizouse por primeira vez o sistema métrico. É o primeiro mapa construído en España utilizando medidas xeodésicas rigorosas con base científica. Presentado á Raíña Mª Cristina, o mapa editouse en París en 1845. Trátase dunha obra inxente, de gran transcendencia para o desenvolvemento de Galicia, básica para a articulación do territorio, para o trazado das vías de comunicación, para referenciar xeograficamente a poboación, os recursos e outros aspectos de interese.

O Museo de Pontevedra duplica o seu espazo expositivo no Culturgal

O Museo de Pontevedra vai participar cun apartado propio dentro da feira das industrias culturais Culturgal que este venres abre as súas portas no Recinto Feiral de Pontevedra. E farao duplicando o espazo expositivo co que contaba en anteriores edicións para expoñer varias obras das persoas gañadoras das edicións de Novos Valores en 2019 e 2020, poñendo así á vista do público pezas moi salientables da arte contemporánea local.

Segundo explica o director do Museo Xosé Manuel Rey, nesta edición do Culturgal continúase a idea de apostar por divulgar o talento de novas e novos creadores como xa se fixera na edición de 2018, cando se expuxera unha escolma das obras do certame de Novos Valores de varios anos anteriores.

Nesta ocasión estarán a disposición do público as catro obras que gañaron as bolsas en 2020: de Andrea Dávila Rubio, coa peza ‘I wish you’d rub your quills against my stomac’; Nuria Rodríguez Figueiredo, coa peza ‘Voltar’; María del Mar Ramón Soriano, con ‘Homeworks’; e Alejandro Rego Díaz, con ‘Representación nº3. La mano del artista’, tres creacións ‘escultóricas’ e unha composición fotográfica.

[su_image_carousel source=”media: 49423,49422,49421″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A obra de Andrea Dávila Rubio ‘I wish you’d rub your quills against my stomac’ é unha creación de resina de poliéster, fibra de vidro e aceiro enmarcada dentro dun proxecto de investigación doutoral no que se examina a relación entre corpo, pel e escultura; ‘Voltar’, de Nuria Rodríguez Figueiredo, é tamén unha creación escultórica, neste caso de cerámica vidriada, que pode lembrar un altar cheo de elementos e símbolos representativos para chamar ao recordo dunha infancia perdida no tempo; ‘Homeworks. 58h 35 min’ é a proposta de María del Mar Ramón Soriano e pertence a un proxecto que fala do tempo, a forma de emplealo, os tempos industriais e acelerados contrapostos aos tempos artesanais, lentos e reflexionados; finalmente, a obra de Alejandro Rego Díaz é unha serie de nove fotografías realizadas entre os anos 2018 e 2019 presentadas en forma de políptico que pretenden reflexionar sobre a natureza da mirada humana ás obras de arte e de como esta pode afectar á maneira de mirar o mundo real.

No caso das persoas gañadoras de Novos Valores 2019, a exposición do Culturgal 2021 inclúe catro das pezas creadas ao abeiro da bolsa recibida para ampliar estudos por parte de Mohamed El Amine Asselman, Elena Matamoro Gómez de los Infantes, Rosa Pardal Aragunde, e Alba Castillo Costa, todos eles estudantes, máster ou doutorandos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra da Universidade de Vigo no momento de obter o recoñecemento do Museo.

As obras expostas recollen o traballo para desenvolver o concepto ‘Ordensound’ co que gañou Asselman; a investigación da arte sonora “buscando os son interiores das cousas dándolle a oportunidade de sonar” por parte de Matamoro; o traballo para a creación de imaxes fotográficas que falan sobre a reflexión sobre construírse a si mesma “sen nada que agardar das opinións dos demais” por parte de Aragunde; e a formación en técnicas escultóricas específicas asiáticas, ademais de na pintura e na ilustración por parte de Castillo.

O Rosal quere converter o Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón en árbore senlleira

0

O Rosal quere converter o espectacular Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón en árbore senlleira. O Concello aprobará este xoves 25 en pleno (ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello) a solicitude para incluír este exemplar no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais. “Para nós é moi importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no Rosal”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández. Situada en propiedade privada o Concello quere agradecer a implicación e colaboración inestimable dos propietarios.

A solicitude busca poñer en valor diferentes aspectos desta árbore, como a súa dendrometría, xa que o magnolio de San Miguel de Tabagón é o máis grande de Galicia e un dos máis grandes de toda Europa ao contar cun tronco de 3,13 metros de diámetros e 30 metros de copa. Outro das características que chama a atención deste exemplar é a súa vitalidade, sobre todo na súa floración e tamaño, moi superior ao que se recolle na bibliografía.

Unha enerxía que se ve reflectida tamén no efémero espectáculo da súa floración anual, con fermosas flores rosadas que poden chegar a contemplarse incluso dende a outra beira do Miño. Trátase dun espectáculo anual que se achegan a ver e admirar numerosas persoas e fotógrafos, xa que moitas veces as súas imaxes aparecen publicadas en diferentes medios. Cabe destacar ademais, que a árbore aparece representada na obra do pintor Xavier Pousa.

A árbore ten interese ademais polo conxunto da súa situación e historia, xa que ten ao seu carón outras árbores centenarias de porte considerable e crece á beira dunha casa construída a finais do século XVIII.

O Rosal é terra de árbores senlleiras. As últimas en sumarse ao catálogo foron as do conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena, que foron incluídas o pasado mes de abril. Ao formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia garántese a protección e conservación dos exemplares e conxuntos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou á súa aparencia.

A Biblioteca Valle-Inclán de Redondela acolle a presentación do libro ‘Peúgo, o calcetín melenudo’

0

A Biblioteca Municipal ‘Valle-Inclán’ de Redondela únese á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cunha actividade infantil ao redor do álbum ilustrado ‘Peúgo, o calcetín melenudo’, que terá lugar o vindeiro 25 de novembro, ás 18:30 horas.

Trátase dunha proposta dirixida a nenas e nenos con idades comprendidas entre os 6 e 9 anos na que, a presentación do libro, vai acompañada dun contacontos e máis un taller, e que correrán a cargo da propia autora: Jessica Rodríguez Piñeiro, mestra do CEIP Plurilíngüe de Cedeira e nominada en dúas ocasións aos premios Educa-Mellor Docente de España.

A actividade é totalmente de balde pero precisa inscrición previa na Biblioteca Municipal ou no teléfono 986 401561

Gondomar edita un calendario protagonizado con galegas pioneiras en ámbitos negados ás mulleres

0

Coincidindo cos actos do 25 N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, un ano máis se repartirán en Gondomar calendarios do próximo ano cuxo obxectivo fundamental, como nas dúas últimas edicións, é visibilizar a aquelas mulleres que durante anos a historia negou o seu papel nela.

Se o 2020 foi un almanaque dedicado a mulleres representativas na loita de igualdade de oportunidades e dereitos femininos, o 2021 ocuparán as súas follas aquelas que, rompendo todos os estereotipos establecidos pola sociedade, abriron camiño con grandes achegas históricas.

Así desde xaneiro a decembro poderemos descubrir nomes como o da pontevedresa Elsa Patiño, primeira muller en pilotar un avión en Galicia; o da matemática e astrónomoma, Antonia Ferrín; Olimpia Valencia, a primeira médica galega; María Casares, actriz de cinema e teatro que chegou a ser moi cotizada en escenarios franceses; ou Ángeles Alvariño, primeira muller galega que, como científica, viaxou a bordo dun barco de investigación, entre outras.

Os calendarios, financiados con fondos del Ministerio de Igualdade, dentro do marco do Paco de Estado contra a violencia de xénero, poderanse recollerse este xoves na Praza Paradela (entre as 11.00 e 13.00 horas), coincidindo coas actividades centrais do día, e despois no Rexistro Municipal do concello de Gondomar.

Entrega de premios aos gañadores do concurso e slogan contra a violencia de xénero

0

O salón de plenos do Concello de Baiona, acolleu hoxe a entrega de premios do concurso e slogan contra a violencia de xénero, organizado pola Concellería de Igualdade en colaboración cos centros educativos que imparten a etapa de educación secundaria obrigatoria no municipio .

O concurso forma parte do proxecto 365 días en igualdade, subvencionado pola Deputación de Pontevedra no marco das axudas para a promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero para concellos de menos de 20.000 habitantes .

Os gañadores e gañadoras en esta edición foron :

LILIN WANG que cursa terceiro da ESO no CPI COVA TERREÑA e que acadou o terceiro premio: uns auriculares inhalámbricos

JANICE JEUSSET que cursa terceiro da ESO no IES PRIMEIRO DE MARZO, que acadou o  segundo premio , un smart watch  e

NOELIA CASAÑAS PEÑA que cursa 3º da ESO no CPI COVA TERREÑA e que acadou o  primeiro premio unha tablet.

Ademais dos premiados o xurado seleccionou 11 traballos para formar parte da axenda igualitaria do ano 2022: Do CPi Cova terreña foron seleccionados os traballos de

Xiana Rueda Quintas, Ainoa Bouzos Balboa, Carlota Costas Barreiro,Gloria Calero Iglesias, Iria Ludeña Pérez e Raquel Alonso García

Do IES Primeiro de Marzo foron seleccionados os traballos de : Abril Rodríguez Cabral, Liliana Melón Gómez, Beltrán Mendez Lorenzo, Alexandra Rial Penedo e Yara Cambra Leyenda .

A Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira  recalca que “este concurso de debuxo ten como obxectivo que o alumnado reflexione sobre a violencia machista e as desigualdades entre homes e mulleres. A través da expresión plástica, a xuventude dos dous centros de Baiona, fálanos sobre como ven eles e elas esta problemática”.

Por outra parte, mañá  día 25 de Novembro terá lugar o acto central organizado pola concellería de Igualdade no CEIP Fontes en colaboración coa ANPA e o Centro educativo. Un evento moi completo onde haberá música a cargo de High Paw e O Rabelo, tamén o alumnado interpretará un tema musical, farase lectura de poemas de Águeda Portela, inauguración do mural realizado por Lula Goce. E a Anpa dará a coñecer o resultado de seu proxecto “A igualdade, un mar de oportunidades”.

O acto está aberto a toda veciñanza e comezará as 12:00h.

A Biblioteca de Ponteareas gaña o premio ‘María Moliner’ polo seu traballo na difusión da lectura

A Biblioteca Municipal de Ponteareas acaba de ser premiada no Certame de Proxectos de Animación á Lectura María Moliner 2021 pola seu labor na difusión da lectura na vila do Tea. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, agradece e felicita ao persoal “polo seu gran traballo” e lembra que dende o Concello “non pararemos de apostar por iniciativas para acercar á veciñanza ao pracer de ler”.

O xurado do premio destacou o mérito dos programa “A biblioteca cerca de ti”, que permitiu a posta en marcha de actividades, contacontos, obradoiros, club de lectura e encontros con escritores co obxectivo de difundir a lectura entre os veciños e veciñas. A Biblioteca de Ponteareas recibirá máis de 2.000 euros, que se destinarán a ampliar os fondos bibliográficos.

A campaña Animación á Lectura é un concurso dirixido a concellos de menos de 50.000 habitantes, que pon en marcha o Ministerio de Cultura e Deporte en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias, a través do cal se premian os mellores proxectos ou actividades de dinamización da lectura desenvolvidas. nas súas bibliotecas, co obxectivo de promover a lectura entre todos os colectivos sociais, especialmente entre os nenos e mozos, que constitúen a base dos futuros lectores adultos.

Ponteareas conmemora o 25 N con poesía, cine e unha concentración

O Concello de Ponteareas conmemora o 25 N, Día Internacional contra as Violencias Machistas, con cultura e unha concentración. Os actos comezan o xoves ás 12:15 horas coa lectura dun manifesto por parte de todas as forzas políticas da Corporación. Despois haberá un recital poético de integrantes de Versos de Area e alumnado de igualdade do IES Val do Tea, que van mostrar os traballos que están a realizar para denunciar “a lacra da violencia machista”. Ese mesmo día, ás 21.00 horas, a Asemblea Feminista de Ponteareas convoca unha concentración na Praza Maior ás 21.00 horas.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, explica que en “Ponteareas queremos reivindicar e denunciar a violencia machista coa voz da cultura da nosa mocidade e de toda a veciñanza”, e, por iso, “ampliamos a programación do 25 N ao domingo ás 19.00 horas coa proxección da película “Solo Mía” na Sala Multiúsos do Auditorio Municipal. Este filme, baseado nunha historia real, é a primeira película que abordou a violencia de xénero de maneira directa no cine español.

A concelleira anima a toda a veciñanza a sumarse a estes actos e afirma que no Concello “sempre estaremos en pé na loita contra a violencia machista e contra a discriminación por sexo ou identidade sexual”.

A charla coloquio #TIÉSCAPAZ, abriu onte o programa de actividades do 25N en Redondela

0

A charla coloquio #TIÉSCAPAZ, organizada pola Concellería de Igualdade que xestiona Iria Vilaboa e que tivo lugar na tarde do martes, 23 de novembro no Multiúsos da Xunqueira ás 18:00 h, abriu o programa de actividades que o Concello redondelán desenvolverá con motivo do 25N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Tratábase, sinala Iria Vilaboa, de poñer o foco de atención “sobre o colectivo de mulleres con diversidade funcional como vítimas da violencia machista”. Os datos, subliña a concelleira, falan por si sós xa que “o 40,4 % de mulleres con diversidade funcional sufriu algún tipo de violencia por parte da súa parella, fronte ao 31,9 % de mulleres que non teñen dita diversidade” datos que seguen sendo relevantes no contexto da violencia física o sexual na que as mulleres con diversidade funcional supoñen un 20,7 % fronte ao 13,8 % das mulleres que non a teñen.

A charla coloquio de hoxe tiña, polo tanto, non só a finalidade expoñer os problemas e os perigos aos que se enfrontan as mulleres con diversidade funcional no contexto da violencia machista, senón tamén visibilizar e fomentar accións se sensibilización social da prevención da violencia de xénero sobre este colectivo.

Trátase dun colectivo especialmente vulnerable, afirmou a alcaldesa Digna Rivas, e polo tanto “é preciso poñer nas súas mans todas as ferramentas precisas que contribúan ao seu empoderamento e, ao mesmo tempo, que coñezan os recursos que as administracións poñen a súa disposición nos casos de violencia de xénero”.

Tanto Iria Vilaboa como Digna Rivas insistiron na necesidade de desenvolver iniciativas, como a de esta tarde, que chamen “á concienciación social en materia de igualdade como xeito de previr as condutas violentas contra as mulleres, especialmente as violencias sexuais que teñen aumentado nos últimos tempos” .

O Rosal acada un aforro enerxético do 70 % a través dunha achega do IDAE xestionada pola Deputación

0

As rúas Xulio Sesto e Fornelos e a estrada da Loureza, no concello do Rosal, locen un novo aspecto tras ser renovados 46 puntos de luz a través dunha achega do IDAE que foi xestionada pola Deputación de Pontevedra. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, achegouse ao municipio para coñecer de preto esta actuación, que contou cun orzamento de 23.700 euros e supón un aforro enerxético do 70 %. Nesta visita tamén participaron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández.

Máis polo miúdo, con esta actuación substituíronse 3 luminarias de vapor de sodio na rúa Xulio Sesto, 25 na rúa Fornelos e 18 na estrada a Loureza. Agora estas zonas contan con tecnoloxía led, máis respectuosa co medio ambiente e cunha duración estimada de 100.000 horas. Ademais, as luminarias instaladas teñen un sistema que permite reducir o fluxo luminoso nas horas de menor uso.

A Deputación busca con este tipo de actuacións reducir a pegada de carbono na provincia. Deste xeito, o cambio de luminarias no Rosal é un exemplo máis do camiño que está a realizar a institución provincial cara a plena consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, cuxo sétimo fito é garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna.

Estas axudas europeas para a renovación de iluminación exterior foron xestionadas pola Deputación ante o IDAE, que distribúe en España parte do programa operativo FEDER. Para elo acolleuse á convocatoria de subvencións para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. As axudas están encadradas dentro do Programa Operativo de Crecemento Sostible (POCS) para o período 2014-2020 elaborado pola Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública do Goberno de España. Neste marco estanse a rematar nestas datas dous lotes de obras de mellora da eficiencia enerxética das iluminacións públicas das Neves, Poio, A Illa de Arousa, Silleda e Moaña.