Decorar as casas e escaparates terá premio en Gondomar este ano co obxectivo de implicar ao máximo á veciñanza e o comercio local “nunha celebración que se están convertendo nun referente na comarca e o sur da provincia”.
Así o manifestou o rexedor, Paco Ferreira, quen explica que “damos un paso máis premiando a implicación da nosa xente en engalanar cos mellores adornos e luces o noso municipio, e dar máis razóns á xente para que se achegue a coñecer o noso Nadal”.
O I Concurso de Decoración de Nadal, promovido polas concellarías de
Comercio, Turismo e Cultura, propón un tema de partida: “A Fábrica de Nadal” e nela
pode ter cabida todo tipo de elementos navideños e cores.
Quen queira sumarse ao concurso terá ata o próximo día 10 de decembro de
prazo para cubrir un formulario -que xunto ás bases pódese descargar na páxina
www.concellodegondomar.gal – e presentalo no Rexistro Xeral do concello ou por Sede
electrónica. Só se admitirá unha solicitude por persoa e os participantes rexistrados
deberán achegar 1 quilo de alimentos propios destas datas para o banco de alimentos
municipal.
Establécense varias categorías. No caso do comercio, decoración interior e
exterior ou escaparate, escollendo só unha modalidade para presentarse. Igualmente,
os particulares que participen poderán facelo optando ao premio à mellor decoración
de xanelas ou balcón, ou mellor decoración de vivenda unifamiliar ou xardín.
Unha vez terminada a decoración deberán presentar tres fotografías da mesma
a través do correo [email protected], antes do 14 de decembro, de
maneira que se aprecien todos os detalles que serán valorados polo xurado. O importe
dos premios, que oscilan entre os 50 e 200 euros, “só poderá ser trocado nos
establecementos participantes no concurso”.
Máis información en [email protected], ou no
teléfono 986 38 40 20 en horario de 8:00 a 14:30.