3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal quere converter o Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón...

    O Rosal quere converter o Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón en árbore senlleira

    O pleno aprobará o xoves 25 a solicitude para incluír este exemplar, o máis grande de Galicia, no Catálogo de Árbores Senlleiras

    O Rosal quere converter o espectacular Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón en árbore senlleira. O Concello aprobará este xoves 25 en pleno (ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello) a solicitude para incluír este exemplar no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, un rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais. “Para nós é moi importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no Rosal”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández. Situada en propiedade privada o Concello quere agradecer a implicación e colaboración inestimable dos propietarios.

    A solicitude busca poñer en valor diferentes aspectos desta árbore, como a súa dendrometría, xa que o magnolio de San Miguel de Tabagón é o máis grande de Galicia e un dos máis grandes de toda Europa ao contar cun tronco de 3,13 metros de diámetros e 30 metros de copa. Outro das características que chama a atención deste exemplar é a súa vitalidade, sobre todo na súa floración e tamaño, moi superior ao que se recolle na bibliografía.

    Unha enerxía que se ve reflectida tamén no efémero espectáculo da súa floración anual, con fermosas flores rosadas que poden chegar a contemplarse incluso dende a outra beira do Miño. Trátase dun espectáculo anual que se achegan a ver e admirar numerosas persoas e fotógrafos, xa que moitas veces as súas imaxes aparecen publicadas en diferentes medios. Cabe destacar ademais, que a árbore aparece representada na obra do pintor Xavier Pousa.

    A árbore ten interese ademais polo conxunto da súa situación e historia, xa que ten ao seu carón outras árbores centenarias de porte considerable e crece á beira dunha casa construída a finais do século XVIII.

    O Rosal é terra de árbores senlleiras. As últimas en sumarse ao catálogo foron as do conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena, que foron incluídas o pasado mes de abril. Ao formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia garántese a protección e conservación dos exemplares e conxuntos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou á súa aparencia.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.